Santa María, Nai de Deus

SOLEMNIDADE DE SANTA MARÍA NAI DE DEUS


  
Primeira Lectura     Num 6, 22-27
LECTURA DO LIBRO DOS NÚMEROS
Invocarán o meu nome a prol dos fillos de Israel e Eu bendicireinos

  
     Naquel día, o Señor faloulle a Moisés:
-  Dilles a Aharón e a seus fillos: Desta maneira habedes de bendicir os fillos de Israel:

     "Que o Señor te bendiga e te garde; que faga brillar o seu rostro sobre ti e che conceda a súa graza; que o Señor volva os seus ollos cara a ti e che dea a súa paz".

     Invocarán así o meu nome en favor dos fillos de Israel e eu bendicireinos.

  
  Palabra do Señor                               R/. Grazas a Deus





SALMO RESPONSORIAL      Sal 66, 2-3. 5. 6 e 8
R/. (2a): Deus teña piedade de nós e nos bendiga.
  

Deus teña piedade de nós e nos bendiga,
faga brillar o seu rostro sobre nós.
Que se coñeza na terra o teu camiño,
en todas as nacións a túa salvación.
  

Alégrense e canten as nacións,
porque xulgas os pobos rectamente
e na terra gobernas as nacións.


Lóente os pobos, oh Deus,
lóente todos os  pobos.
Que nos bendiga Deus e que o teman
os confíns todos do mundo.





Segunda Lectura      Gal 4, 4-7
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Deus mandounos o seu Fillo, nacido de muller

  
            Irmáns:

            Así que chegou a plenitude dos tempos, Deus mandounos o seu Fillo, nacido de muller e suxeito á Lei, para rescatar os que estabamos baixo a Lei de xeito que puidésemos recibir a adopción de fillos.

            A proba de que sodes fillos del é que Deus mandou aos vosos corazóns o Espírito do seu Fillo que exclama Abbá! (que quere dicir meu Pai! ).

            Polo tanto, ti xa non es escravo, senón fillo.

            E, por seres fillo, tamén, grazas a Deus, es herdeiro.



  Palabra do Señor                      R/. Grazas a Deus



ALELUIA      Heb 1, 1-2
 Se non se canta, pódese omitir


Aleluia, aleluia.
En moitas ocasións, e de moitos xeitos, veulles falando Deus
ós nosos devanceiros por medio dos profetas;
ultimamente falounos por medio do Fillo

Aleluia.

  


Evanxeo     Lc 2, 16-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Encontraron a María e a Xosé e o neno. E despois de oito días puxéronlle de nome Xesús.


            Naquel tempo, os pastores foron correndo, e atoparon a María e mais a Xosé, e o neno deitado na manxadoira. Ao que o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño aquel.

            E cantos o oíron, quedaron pasmados do que os pastores lles dixeron.

            María, que trataba de comprender, conservaba todas estas cousas no seu corazón.

            E os pastores volveron, glorificando e loando a Deus por canto oíran e viran, todo como lles fora anunciado.

            Ós oito días tocaba circuncidar o neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o chamara o anxo antes da súa concepción.

                      

Palabra do Señor                                R/. Loámoste, Cristo



PARA AGRADECER E VALORAR A OPORTUNIDADE DUN NOVO ANO

ESCOITA ACTIVA
Ao comezar un novo ano, damos grazas por todo o que recibimos de Ti, Xesús. Primeiramente agradecemos o amor e o apoio da familia, a vida compartida coas persoas que nos queren e axudan; a saúde; o cariño e amor que recibimos; os días cheos de proxectos e esperanzas e tamén os días tristes e difíciles que aparecen na nosa vida; os amigos, o traballo, por todo o que de Ti imos recibindo.
Agradecemos canto temos vivido ao longo do ano que onte rematou, no que rimos e sufrimos, traballamos e descansamos, no que puidemos construír momentos bonitos e solidarios. Grazas porque foron aparecendo no noso camiño persoas que nos fixeron  felices ao cruzarse nós: os amigos, os compañeiros de traballo, os veciños, as persoas que amamos, as que están lonxe, as que nos botaron unha man, ás que puidemos axudar.
Queremos tamén pedir perdón polo ben que non fixemos, polas persoas ás que  ferimos ou danamos, polas nosas envexas, polos momentos de arrogancia, polas nosas preguizas, polo tempo malgastado, polas ofensas que saíron da nosa boca. Axúdanos neste novo ano a ser testemuñas túas e irmáns e irmás tod@s. Amén

CORAZÓN MISERICORDIOSO
Para que este ano que comeza sexa para nós experiencia de encontro e colaboración, SEÑOR, QUE AO LONGO DO ANO NON NOS APARTEMOS DE TI.
Para que ao longo do ano nos esforcemos por non vivir na amargura nin na tristura, CRISTO, QUE AO LONGO DO ANO NON NOS APARTEMOS DE TI.
Para que non caiamos na tentación de facer deste ano que comeza rutina e aburrimento, SEÑOR, QUE AO LONGO DO ANO NON NOS APARTEMOS DE TI.


PALABRA ENRAIZADA
No comezo do ano novo volvemos xuntarnos con un triplo obxectivo:
-  comezar con ilusións e esperanzas o novo ano,
-  rezar e comprometernos en ser homes e mulleres de paz e
-  honrar a María no día en que celebramos a festa da súa maternidade.


   Desde estas tres invitacións a celebrar, os textos da Palabra de Deus que temos escoitado son toda unha chamada a deixarnos agarimar e bendicir por El. Hoxe somos nós o seu pobo: un pobo que moitas veces se ten afastado do amor e da cercanía de Deus; pero El, a pesares dos nosos afastamentos e infidelidades, segue a chamarnos, como fixo con MARÍA, para que fagamos da nosa vida unha verdadeira maternidade; é dicir, unha experiencia de dor e gozo, amor e preocupación, tremor e xenerosidade. A esta maternidade, inda que pareza un contrasentido, estamos invitad@s cantos nos chamamos e sentimos crentes: hoxe correspóndenos a nós levar á nosa vida, ao actuar de cada día, as actitudes coas que María foi dando resposta á confianza que Deus puxera nela. E desde a súa resposta tod@s nós estamos chamados a ser:
-   Homes e mulleres de bendición
-   De paz
-   De compromiso por construír unha antropoloxía ecolóxica na que os seres humanos sexamos centro e cumio pr riba de ideoloxías políticas, económicas ou relixiosas; por riba do interese e as ganancias; por riba de quen no intento de someter e dominar é capaz de reducir ás persoas a simples autómatas aos que lles foron secuestrando a súa liberdade. En María e con María, Deus non quere que trunfen os inxustos, corruptos e abusadores, senón que para El os preferidos son os que abaixan aos soberbios e serven e se entregan ao servizo dos máis humildes.

        E que mellor que poñernos a esta tarefa desde xa!. Que fermosa maneira de comezar un novo ano, sabendo que estamos chamados a tomar en serio ás persoas, e non o partido que delas poidamos sacar!. Grazas, María, porque o teu si ergueu ata o infinito, á plenitude de Deus, a nosa dignidade!.

FRATERNIDADE ORANTE
Ao comezar este novo ano poñamos ao abeiro de Deus proxectos, ilusións e esperanzas para este ano que iniciamos e digamos xunt@s:
QUE A TÚA VIDA, SEÑOR, FAGA XERMOLAR A NOSA VIDA
Por unha Igrexa renovada e fiel ao Evanxeo, que esqueza o poder e o dominio, OREMOS.
QUE A TÚA VIDA, SEÑOR, FAGA XERMOLAR A NOSA VIDA
Por unhas parroquias alegres, servizais e solidarias, OREMOS.
QUE A TÚA VIDA, SEÑOR, FAGA XERMOLAR A NOSA VIDA
Por uns cristiáns que nos esforcemos por unir forzas e ilusións a proxectos que sementen xenerosidade, fraternidade e colaboración, OREMOS.
QUE A TÚA VIDA, SEÑOR, FAGA XERMOLAR A NOSA VIDA

Grazas, Señor, pola túa palabra alentadora, polo teu pan solidario e salvífico e pola túa invitación a facer deste comezo de ano un compromiso de paz e amor. P.X.N.S. Amén.


MIRADA ESPERANZADA
Con María, a que creu, esperou e amou, e convocados para entoar un cántico de acción de grazas á obra de Deus dicimos:
Ti es, María, a experiencia máis fermosa do evanxeo.
En ti fíxose Boa Nova para o ser humano.
Es como a luz do mencer que abre camiño ao sol;
es unha estrela da mañá que anuncia o día;
es a muller crente que acolle e garda a Palabra;
a muller moza que entra no plan de Deus libre e gozosa.
Es estilo de vida cristiá, novo e fascinante na historia.
Es, María, a virxe fermosa e fecunda de Nazaret.
Grazas, María, polo teu corazón bo e dispoñible.
Aquí me tes na busca da paz, o ben e a alegría. Amén



CANTO GOZOSO

Comentarios

Publicacións populares