Domingo 4 de Advento B
4º DOMINGO DE ADVENTO
- CICLO B
Primeira Lectura 2 Sam 7, 1-5. 8b-12. 14a. 16
LECTURA DO SEGUNDO LIBRO DE SAMUEL
O reino de David
permanecerá para sempre diante do Señor
Despois
que o rei David se instalara na súa casa e que o Señor lle dera a paz cos seus
inimigos do arredor, díxolle o rei ao profeta Natán:
‑
"Repara que eu estou habitando nunha casa de cedro, mentres a arca do
Señor habita nunha tenda".
Natán
respondeulle ao rei:
‑
"Todo o que tes no corazón, anda e faino, pois o Señor está contigo".
Pero,
aquela mesma noite, veulle a Natán esta palabra do Señor:
-
"Vai e dille ao meu servo
David: Isto di o Señor: Vasme edificar ti unha casa para que eu habite nela?
Eu
saqueite dos pasteiros, de detrás dos rabaños, para que foses o xefe do meu
pobo Israel; estiven contigo en todo o que emprendiches e arredei os teus
inimigos diante de ti. Eu dareiche un nome tan sonado coma o nome dos grandes
da terra.
Eu
vou destinar un lugar para o meu pobo Israel e vou plantalo alí, para que viva
nel sen sobresaltos, sen que os fillos da iniquidade volvan asoballalo, como
noutrora, no tempo en que puxen xuíces sobre o meu pobo Israel. Eu dareiche a
paz cos teus inimigos todos e, ademais, o Señor anúnciache que el che dará unha
dinastía.
Cando
se cumpran os teus días e vaias durmir con teus pais, eu establecerei despois
de ti un teu descendente, nado das túas entrañas, e farei firme o seu reino. Eu
serei para el un pai e el será para min un fillo.
A
túa familia e o teu reino permanecerán na miña presenza para sempre, o teu
trono manterase firme eternamente".
Palabra do
Señor R/
Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 88, 2-3. 4-5. 27 e 29
R/. (cf. 2a): Cantarei
eternamente a misericordia do Señor.
Quero cantar por
sempre o amor do Señor,
pregoar polas xeracións
a súa fidelidade:
"Penso que o
teu amor está fundado co mundo,
a túa fidelidade
asentada cos ceos".
Co meu elixido
asino unha alianza,
ó meu servo David
fágolle un xuramento:
"Afincarei a
túa liñaxe para sempre,
construireiche un
trono duradeiro".
El dirame: "Ti
es meu pai,
meu Deus, rocha da
miña salvación.
Gardareille o meu
amor eternamente
e a miña alianza
con el será leal.
Segunda Lectura
Rm 16, 25-27
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
O misterio
escondido desde sempre, agora manifestouse
Irmáns:
A
aquel que é potente para vos afiunzar no meu Evanxeo e no anuncio de Xesús
Cristo, conforme a revelación do misterio escondido durante tempos eternos,
pero manifestado agora polas Escrituras proféticas, e por disposición do Deus
eterno dado a coñecer a todas as nacións para as levar á obediencia da fe, a
Deus, o único sabio, por medio de Xesús Cristo, sexa a gloria para sempre.
Amén.
Palabra do
Señor R/
Grazas a Deus
ALELUIA Lc 1, 38
Se non se canta,
pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Velaquí a escrava
do Señor,
cúmprase en min o
que dixeches.
Aleluia.
Evanxeo
Lc 1, 26-38
Lc 1, 26-38
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Velaí que vas
concibir no teu ventre e dar a luz un fillo
Naquel
tempo, Deus mandou o anxo Gabriel a unha cidade de Galilea, chamada Nazaret,
onda unha virxe prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé. O
nome da virxe era María.
O
anxo entrou onde estaba ela, e díxolle:
‑
Alégrate, chea de graza , o Señor está contigo.
Ela
turbouse con estas palabras e cavilaba no que podería significar o saúdo aquel.
Díxolle entón o anxo:
‑
Non teñas medo, María, porque acadaches graza
ante Deus. Velaí que vas concibir no teu ventre e dar á luz un fillo, ao
que lle poñerás de nome Xesús. El será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e
o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de
Xacob, e o seu reinado non terá fin.
Díxolle
María ao anxo:
‑
Como vai acontecer iso, pois eu non coñezo varón?
O
anxo respondeulle:
‑
O Espírito Santo ha de baixar sobre ti, e o poder do Altísimo hate de cubrir
coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de
Deus. Aí tes a túa curmá Isabel, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está
de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.
Entón
María dixo:
‑
Velaquí a escrava do Señor, cúmprase en min o que dixeches.
E
o anxo marchou de onda ela.
Palabra
do Señor
R/. Loámoste, Cristo
QUE GOZO
PODER CANTAR A MISERICORDIA DO SEÑOR, E FACER DELA UNHA DAS ACTITUDES DO NOSO
ACTUAR! 4º Advento - 2014
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
SINAL DE ADVENTO
ESCOITA ACTIVA
Xoán e María volveron ser no Advento
as referencias que nos van traendo a Xesús. Cada un de xeito diferente; pero os
dous a través da súa experiencia de vida. O si de María e a acollida de Xoán
son para nós testemuñas do que ha ser a vida de cada un/ha de nós. Se non somos
capaces, ou mellor, se non estamos dispostos a acoller a Xesús tal e como
chega: nos excluídos, nos empobrecidos, nos enganados, nos fracasados e
desilusionados coa Igrexa, coa política, coa economía, cos amigos... non
podemos dicir que estamos preparados para acollelo a El. Xoán e María
entenderon e deron un paso cara adiante. Fagamos nós o mesmo e gocemos da
presenza de Xesús en nós!.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
-Pola nosa teimosía
para superar prexuízos respecto a Deus e aos demais,
SEÑOR, ALÉNTANOS NO
ESFORZO POR CAMBIAR.
-Por non deixar que o
corazón se abra a recoñecer os nosos erros e equivocacións,
CRISTO, ALÉNTANOS
NO ESFORZO POR CAMBIAR.
-Porque seguimos tendo
moito medo e pouca confianza en Ti,
SEÑOR,ALÉNTANOS NO ESFORZO POR CAMBIAR.
PALABRA ENRAIZADA
Ao longo de todo o A.T., Deus Pai
aparece como Aquel que sempre vai termando do pobo. Verbos como acompañar,
preocupar, acubillar, estar... aparecen sempre para poñer de manifesto cal é
actitude de Deus respecto do seu Pobo. A diferenza dos deuses dos pobos
veciños, o Deus de Israel non os deixa solos, non lles falla nin practica con
eles o masoquismo de facelos sufrir. Deus, coma Pai, está sempre pendente e
termando do pobo... Mesmo cando o pobo se afasta del e lle da as costas, El
permanece á espera. Samuel danos a razón desta actitude ao poñer en boca de
Deus a permanente disposición a non afastarse do seu pobo, mesmo cando o pobo
fai oídos xordos ao seu compromiso de gardar a Alianza –“saqueite dos
pasteiros. Estiven contigo en todo o que emprendiches”-. Algo así pasa tamén hoxe con
nós: esperamos que chegue Xesús, falamos de Nadal, mesmo podemos adornar as
nosas casas con motivos referentes a este tempo, pero no importante, nos nosos
corazóns, pásanos como lle pasaba a Israel. Tamén nós lle damos as costas, o
afastamos da nosa vida, prescindimos del no profundo das decisións que temos
que tomar. Rapidamente esquecemos que El está, e que a súa presenza lémbranos
que actitudes fundamentais como son a honestidade, a verdade, a
responsabilidade, a acollida, o respecto aos demais... actitudes que para un
crente deberan estar sempre en relación coas exixencias de seguimento e
fidelidade ao Deus no que manifestamos crer. Deixemos logo que Xesús volva ao
noso corazón non como algo externo e superficial, senón para transformalo. Pero
para iso necesitamos unha cousa: deixarnos. Seremos capaces de facelo? As
misericordias do Señor non son palabras bonitas, senón deixar que actúe en nós
para que coa súa presenza e a nosa liberdade lle vaiamos dando outro rumbo á
nosa vida.
Porque as súas misericordias temos que ilas facendo realidade nós co xeito de vivir, necesitamos ir construíndo espazos e experiencias de encontro, de colaboración, de convivencia fraterna alí onde esteamos, coas persoas que están ao noso redor. A fe non é unha experiencia para gardar individualmente, senón que é sempre chamada a encontrase, escoitar, tender pontes, unir mans para facer proxectos de cambio e transformación que fagan ás persoas máis felices e xustas. Nesta tarefa non estamos nunca solos. Os que nos sentimos tocados pola persoa e a mensaxe de Xesús sabemos ir experimentando e descubrindo como vai movendo o corazón, e como nos vai levando a superar intolerancias, prexuízos ou afáns de vinganza; o que nos fai sentir pequenos, necesitados e sempre en actitude de aprender o que outros nos poidan dicir; de deixarnos corrixir, de superar teimosías que tanto dano, cando pensamos nelas, nos fan. O que nos axuda a descubrir que a fe é universal e non se pecha nin nos nosos nin tampouco ten como única forma de ver as cousas a dos que pensan coma nós. Aprendamos logo desta palabra que nos invita a transformar o corazón e fagamos do Advento tempo no que, estando atentos aos sinais dos tempos, nos esforcemos por achegarnos e tender a man a quen pensa distinto, fala outra lingua ou non lle reza ao mesmo Deus ca nós.
E, como María, deixemos que a alegría vaia enchoupando a nosa vida –o Papa Francisco vén de dicilo na exhortación “A ledicia do Evanxeo”– e que os medos, os complexos e as limitacións non nos fagan sentir menos cós demais, senón dispostos a saír e buscar quen nos poida axudar botándonos unha man, buscando tempo para escoitarnos ou acompañándonos co seu silencio respectuoso pero sempre activo. Tamén para nós chegou a graza, e o mesmo que lle ocorreu a María, estamos chamados a facerllo saber aos demais. A forza do Espírito vainos alentar neste camiño. Adiante!
FRATERNIDADE ORANTE
Señor, presentámosche a
oración comunitaria coa confianza de que non só a escoitas, senón sabendo que a
transformas en esperanza para a nosa vida. Por iso dicimos xuntos:
GRAZAS POR QUERER FACER DA NOSA VIDA UN CANTO DE ESPERANZA
* Para que en toda a Igrexa este
tempo de Advento sexa tempo de perdón e misericordia, OREMOS.
GRAZAS POR QUERER FACER DA NOSA VIDA UN CANTO DE ESPERANZA
* Para que nas nosas parroquias
saibamos recoñecer os nosos erros e pedir perdón a quen lle temos faltado e
entristecido, OREMOS.
GRAZAS POR QUERER FACER DA NOSA VIDA UN CANTO DE ESPERANZA
* Para que este tempo de Advento
remate en cada un/ha de nós celebrando e participando do gozo da conversión e
do perdón, que Deus nos ofrece tendéndonos a man á reconciliación, OREMOS.
GRAZAS POR QUERER FACER DA NOSA VIDA UN CANTO DE ESPERANZA
Grazas, Señor, por
invitarnos a vivir a oración desde a esperanza que reconcilia, transforma e
endereita o noso corazón a participar e ofrecer a túa misericordia. P.X.N.S.
Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Pai, que sexamos unha comunidade
na que a caridade sexa dignidade e respecto para:
Aprender a acoller e escoitar;
Saber ser humildes e solidarios;
Non pechar os ollos á realidade inxusta e excluínte,
Escoitar a túa palabra e deixarnos transformar por ela;
Cambiar os nosos corazóns e deixar atrás a indiferenza;
Non volver a cara ante o engano, a mentira e a corrupción.
Pai, que tomemos en serio a túa Palabra,
e que vivamos con esperanza o gozo de sabernos
seguidores dunha mensaxe que nos invita
a non quedar quedos, senón a loitar
por transformar os corazóns e cambiar os comportamentos.
Que a túa misericordia compasiva sexa sempre o noso guieiro. Amén.
e que vivamos con esperanza o gozo de sabernos
seguidores dunha mensaxe que nos invita
a non quedar quedos, senón a loitar
por transformar os corazóns e cambiar os comportamentos.
Que a túa misericordia compasiva sexa sempre o noso guieiro. Amén.
CANTO GOZOSO
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
OUTRAS:
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario