Ficha e Lectio - Domingo 4 de Advento B
ADAPTADO DE : http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO IV DE ADVENTO
(Ciclo
B: 21. XII. 14)
Hoxe
imos ser algo máis breves ca outras veces... E por dúas distintas razóns.
A
primeira, aínda que poida semellar algo simple, é porque se dá a circunstancia
de que o texto do evanxeo de hoxe é exactamente o mesmo có da festa da
Inmaculada Concepción do luns da semana pasada, día 8 deste mes de Nadal. Comentámolo
xa, polo tanto, hai aínda poucos poucos días e cómpre non volver tan axiña
sobre o mesmo, deixando que a semente da palabra caída nese día na terra continúe
tranquilamente o seu misterioso proceso de se converter en nova planta...
A
segunda razón é xa máis de fondo. Porque resulta que antes de volvérmonos ver dentro
só de catro días, con motivo da festividade do Nadal do Señor, celebraredes ou
celebraremos na véspera desta festividade a Noite Boa. Un encontro familiar, entrañábel,
no que conflúen tamén moitas saudades e lembranzas. Festa ou reunión familiar,
presidida polas imaxes populares e tradicionais do nacemento do Neno Xesús, dos
pastores, etc. ou pola árbore do Nadal.
É a
festa na que a palabra con maiúscula e tamén con minúscula teñen o seu
verdadeiro lugar. Falaremos nós e compartiremos amizade e fraternidade á beira
de quen é a Palabra feita carne, a palabra con maiúscula. Pois, como nos di o
evanxelista Xoán, “a Palabra fíxose carne e puxo a súa tenda entre nós”.
Ante a
presenza desta Palabra con maiúscula sobran case outras palabras menores, con
minúscula, aínda que sexan coa loábel intención de falaren sobre ela. Polo
tanto podemos dicir que sobran tamén as miñas cativas palabras. E por iso van
ser breves, case como para cumprir sen máis co rito litúrxico. Así como ante a
presenza do sol, polo día, as estrelas se retiran modestamente da escena, así
tamén tódalas pobres palabras nosas deberán desaparecer ante quen é a Palabra.
Ante esa Palabra humana coa que Deus fala ó mundo e á que lle damos o nome de
Xesús. Unha palabra que lles fala ós grandes (pensemos nos que chamamos os Reis
Magos) e tamén, e sobre todo, ós pequenos (representados tradicionalmente polos
pastores, é dicir, polos sinxelos, humildes, tranquilamente achegados á terra
nai).
Son
estes días, os que preceden ó nacemento do Señor da Noite Boa, un tempo no que
non nos deberiamos deixar abouxar por tanto ruído ou balbordo que nos chega de
diversos sitios: propagandas, anuncios, entretementos ou diversións... Porque é
posíbel que todo iso non nos deixe oír ben a Palabra que vén de arriba, pero
que aparece aquí abaixo, na terra. Palabra tenra e balbucinte, mellor dito, Palabra
que nin sequera sabe falar cos seus pequerrechos beizos. Porque é unha Palabra
in-fante, é dicir, que non fala. A Palabra é un Neno que acaba de nacer, pero
que está aí de feito realizando un potente e programático discurso coa súa soa
presenza. Unha presenza tan desconcertante, pero tan clara. Deus fala desde a
febleza, desde a proximidade, desde o silencio da noite. Por iso, para oílo e
velo ben, temos que achegarnos moi pretiño del.
As
noites son boas para pensar, para meditar, para darlle voltas ás cousas, para
falar con sinceridade e amor coas persoas, tamén para escoitar a Deus...
Seguramente iso é así, porque a Noite Boa é a Nai de tódalas noites. Da bondade
da Noite Boa participan tódalas nosas noites. Desa Noite Boa na que María,
despois de concibir no seu seo o
desexado de tódalas nacións, nolo deu a luz para a nosa alegría e felicidade.
Tamén nós deberiamos aprender desta Nai de Deus a sabermos concibir e amar a
Deus nos nosos corazóns e ofrecerllo, coas nosas palabras e as nosas boas
obras, ó mundo. Como a Virxe María da Noite Boa. Pois o mundo precisa disto.
Na
primeira Lectura de hoxe dísenos que o rei David tivo unha feliz idea. El vivía,
para entendérmonos, nun bo chalé, nunha “casa de cedro” (que non estaría nada
mal) e parecíalle que non estaba ben que o Señor, que se facía presente na Arca
da Alianza, non tivese como casa máis ca unha pobre tenda... Tampouco ó profeta
Natán, ó que David lle comunicou tan xenerosa idea, lle parecía mal en
principio o proxecto do rei para a Arca da Alianza. Pero de noite (unha vez
máis nunha noite “boa”) o profeta cambiou de idea. E Natán faloulle ó rei David
dun futuro Reino, despois do seu, no que un descendente seu reinaría para
sempre... Ese futuro rei sería Xesús, que tampouco tería casa para nacer, nin
de cedro nin doutra cousa. Iso si, tería un colo quente e cheo de agarimos
dunha muller que querería e amaría como ningunha outra do mundo o sabería facer.
A
próxima Noite Boa, co Neno Xesús, coa Virxe Nai, con San Xosé, cos mansos e humildes
animais que tamén lles fan compaña e lles dan calor, é un modelo perpetuo de
como se pode sentir felicidade aínda que se viva en épocas de carencias e de
crises.
Do
que, en calquera caso, non podemos prescindir é do amor: de sentírmonos
queridos e de ofrecermos pola nosa parte axuda e amor a cantos non se senten
queridos nin respectados na súa dignidade de fillos de Deus e irmáns nosos. ¡¡Feliz
próxima NOITE BOA!!
CREDO
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Unimos
as nosas oracións neste último domingo de Advento para lle pedir a Deus Pai que
nos aprenda a recoñecer en Xesús a derradeira e definitiva Palabra que el
amorosamente dirixe á humanidade toda, dicindo. Todos: Escóitanos, Pai.
-
Dános, Pai, luz para sabermos ver no teu fillo Xesús o amor que ti mesmo nos
tes a todos. Todos: Escóitanos, Pai.
-
Concédenos, Pai, a túa graza para podermos descubrir en tódolos necesitados do
mundo a imaxe viva do teu fillo Xesús, que neles se fixo próximo a todos nós.
Todos: Escóitanos, Pai.
-
Fai, Pai, que celebremos a xa próxima Noite Boa co desexo de que tódalas
familias do mundo poidan participar do espírito de amor, comprensión e mutua
solidariedade, tan presentes na familia que ti escolliches para o teu fillo
Xesús.
Todos: Escóitanos, Pai.
PEDÍMOSCHO,
PAI, POR XESÚS CRISTO, FILLO TEU E SEÑOR NOSO.
TODOS: AMÉN.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario