Ficha e Lectio - Domingo 2. Advento B





LECTIO:

DOMINGO II DE ADVENTO 
(Ciclo B: 7. XII. 2014)
            Os profetas do Antigo Testamento eran renovadores das tradicións e da fe do pobo. Xurdían sobre todo en tempos de crise política e moral. Xoán Bautista foi un deles. A pesar da súa humildade, sobre todo en relación co papel que lle estaba reservado a Xesús, o Bautista foi, como o mesmo Xesús dirá del, o máis grande dos nados de muller.
            Nunca debemos esquecer que tanto os profetas como calquera que, en todo tempo ou lugar, proclame a necesidade de practicar o ben ou que simplemente faga o ben e se comporte como cómpre na súa vida, todos eles, están movidos polo espírito de Deus, por Deus mesmo. Deus actúa sempre no mundo por medio dunha ou doutra persoa. E todos deberiamos aguzar oído, vista e corazón para escoitar, albiscar ou sentir os sinais que, dunha ou doutra maneira, nos chegan del a nós por medio de tantas persoas boas. Porque Deus é sempre o misterioso creador e sorprendente impulsor de todo ben que ocorre na terra, e moitas veces de maneira inesperada para nós.
            Hai xa anos que son coñecidas polos técnicos e mais pola xente (polo menos de oír de falar delas) unhas que chaman tuneladoras que realizan un traballo moi complexo, furando debaixo da terra para construíren con rapidez e comodidade grandes obras, como vías para trens, etc. Hai un par de anos furaron, como lembraredes, tamén aquí, nas proximidades de Vigo, para o AVE dúas destas tuneladoras que levaban nomes de dous candorosos animaliños: o de “Miñoca” e mailo de “Lebre”.
            Pois ben, o Bautista era, na dimensión social e relixiosa, algo así como unha especie de tuneladora, un proclamador e facedor de grandes obras, no caso del obras morais. Viña sendo como un animador do comportamento moral das persoas para que o Deus que estaba e está sempre a vir non se atopase con tantos atrancos no súa vinda onda nós. O Bautista intentou, de maneira semellante ó que hoxe en día fan os enxeñeiros e obreiros por medio desas grandes máquinas, achanzar o camiño moral para que, en definitiva, as persoas e os pobos puidesen vivir en paz e xustiza, unidos e irmandados entre si.
            O Advento é, como ben xa sabemos, un tempo dedicado a preparármonos para a vinda, a chegada de Deus onda nós. A vinda dun Deus, que naturalmente está desde sempre xa onda nós, pero que quere facerse cada vez máis activo e presente en todos e cada un de nós. Deus non forza a ninguén a entrar no seu Reino, mais non deixa por iso de convidarnos a cotío a un encontro cada vez máis estreito con el.
            Cada un de nós poderemos saber, ou polo menos sospeitar, que tipo de atrancos lle poñemos de feito a Deus para que poida el facerse verdadeiramente presente nas nosas vidas, no noso comportamento.
            En calquera caso, non deberiamos enganarnos. O encontro paternal e filial de Deus con nós, que se realiza en Xesús, non chegará a se facer realidade verdadeira mentres non saibamos encontrármonos fraternalmente con calquera persoa coa que nos atopemos na vida.
            Por iso o “preparade o camiño do Señor, endereitade os seus vieiros” do Bautista vén coincidir de feito co esforzo particular e comunitario que deberiamos practicar por derrubar barreiras e valados que entorpezan o camiñar das persoas e dos pobos cara á súa liberdade, cara ó seu desenvolvemento, xeral e particular, nos eidos cultural, social ou relixioso. Pois Deus só pode vir onda nós e atoparse a gusto con nós cando vaiamos construíndo, el con nós e nós con el, un mundo onde haxa xustiza, paz e entendemento mutuo. Porque, tal como nos di o apóstolo Pedro, na carta da Segunda Lectura que acabamos de escoitar, “nós, conforme á súa promesa (é dicir, conforme á promesa de Deus), esperamos un ceo novo e unha terra nova, onde exista a xustiza”.
            Cara aí ha de camiñar o noso esforzo, individual e comunitario. Cara a ese novo ceo e nova terra, que rexeitará como vello todo o anterior, pero que certamente terá o seu asento na xustiza, no amor e na igualdade ou fraternidade. Gloriámonos moito e con razón da cantidade  de adiantos técnicos que podemos advertir e admirar durante os poucos anos de vida que podemos vivir. Do mesmo xeito, deberiamos tamén desexar que os nosos adiantos morais, que tanta relevancia teñen para a felicidade das persoas e dos pobos, non tivesen un ritmo inferior.
            O Bautista chamaba seguramente a atención dos seus contemporáneos vivindo no deserto, vestindo e comendo pobremente. Por iso viña tanta xente onda el. Nin ía campado con roupa de marca, nin podía convidar a ninguén a beber con el un viñiño dunha selecta denominación de orixe. Para vivir, éralle a el abondo, como nos comenta o evanxelista Marcos, con manterse “de saltóns e mel bravo”.
            Mais non o dubidemos. O Bautista sentíase seguramente feliz no seu papel de precursor do Señor, na súa tarefa de anunciar e proclamar o ben, a xustiza e o arrepentimento polos malos comportamentos. El sabía que as velas da súa barca estaban ben inchadas polo vento do Espírito de Deus e aturaba así con paciencia e bo ánimo calquera contratempo que puidese xurdir. O importante para el era saber que o vento de Deus era o que movía e impulsaba a súa vida ó servizo do que ía vir: do Mesías de Deus, do Deus feito home que se convertería desde entón e para sempre en irmán maior noso, de tódolos homes e mulleres da humanidade toda.
            Traballemos, pois, todos conxuntamente para que estes proxectos de Deus se vaian facendo realidade, cada vez máis ampla e intensa, no noso mundo.

CREDO
PRECES
Xa que debemos orar sempre a Deus e sen desanimármonos, fagámolo todos xuntos dicindo: Escóitanos, Pai.
-Pola igrexa, para que reciba o alento evanxelizador da vinda de Cristo. 
ROGUEMOS Ó SEÑOR. Todos: Escóitanos, Pai.
-Para que os dirixentes políticos e as instancias económicas cooperen á chegada do Reino de Deus rebaixando as montañas de inxustizas erguidas pola cobiza humana e achanzando os abismos da desigualdade. 
ROGUEMOS Ó SEÑOR. Todos: Escóitanos, Pai.
-Para que deixemos a Xesús achegarse onda nós, afastando dos nosos vieiros toda autosuficiencia e dureza de corazón: 
ROGUEMOS Ó SEÑOR. Todos: Escóitanos, Pai.
-Para que o sentido da vida que ofrece a Boa Nova de Xesús encha o baleiro das persoas que carecen de esperanza: 
ROGUEMOS Ó SEÑOR. Todos: Escóitanos, Pai.

       PEDÍMOSCHO, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

Comentarios

Publicacións populares