Domingo 2 de Advento - ciclo B
2º DOMINGO DE ADVENTO
- CICLO B
Primeira Lectura Is 40, 1-5. 9-11
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Preparade o camiño
do Señor
Consolade,
consolade o meu pobo: ‑dío o voso Deus.
Faládelle
ao corazón de Xerusalén; si, dicídelle ben alto
que a súa milicia
está cumprida, que a pena pola súa culpa está aceptada.
Si,
xa recibiu da man do Señor o dobre por todos os seus pecados.
Unha
voz clama:
"No
deserto preparádelle o camiño ao Señor.
Endereitádelle na
estepa a calzada ao noso Deus.
Que
todo val sexa levantado, que todo monte e outeiro sexa rebaixado;
que a terra fragosa
se volva unha chaira; e as ladeiras, un val achanzado.
Pois
vaise revelar a gloria do Señor, e toda carne verá o Único.
Falou a boca do
Señor".
Sube
a un monte alto, mensaxeira de Sión,
levanta con forza a
túa voz, mensaxeira de Xerusalén,
levántaa, non teñas
medo.
Dilles
ás cidades de Xudá: "Velaí o noso Deus".
Velaí o meu Señor
que chega con poder; si, o seu brazo domina.
Velaí
a súa paga con el,
o seu xornal diante
del.
Igual
ca un pastor, pastorea o seu rabaño, recólleo co seu brazo,
leva aos añiños no
seo e protexe os que aínda maman.
Palabra do
Señor R/
Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal
84, 9ab-10. 11-12. 13-14
R/. (8): Amósanos,
Señor, a túa misericordia, e dános a túa salvación.
Escoitarei o que di
o noso Deus:
certamente o Señor
fala de paz.
A salvación está xa
preto dos que o temen,
a gloria habitará
na nosa terra.
A misericordia e a
fidelidade atoparanse,
abrazaranse a
xustiza e mais a paz.
Na terra xermolará
a fidelidade,
a xustiza ollará
desde o ceo.
O Señor ha dar os
seus bens,
e a nosa terra vai
dar os seus froitos.
A xustiza camiñará
diante del,
e a salvación
seguirá as súas pegadas.
Segunda Lectura 2 Pe 3, 8-14
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Esperamos uns ceos
novos e unha terra nova
Benqueridos
irmáns:
Que
non vos esqueza unha cousa: que para o Señor un día élle coma mil anos; e mil
anos sonlle coma un día. Non está retrasando Deus o cumprimento do que
prometeu, aínda que algúns o crean así: o que pasa é que ten paciencia
convosco, porque non quere que ninguén pereza senón que a todos lles dea tempo
a se converteren.
Máis
ben o día do Señor virá coma un ladrón: daquela os ceos desaparecerán con
estrondo; os elementos disolveranse abrasados de calor; e a terra e todas as
obras que hai nela nin se atoparán.
Xa
que todo isto se ha disolver desta maneira, (con que santo xeito e prácticas
de piedade tedes que vivir mentres esperades e suspirades pola chegada do día
de Deus!
Porque
é neste día cando os ceos incendiados se han disolver e os elementos abrasados de
calor se han derreter.
Pero
nós, conforme á súa promesa, esperamos un ceo novo e unha terra nova, onde
exista a xustiza.
Por
iso, meus amigos, mentres agardades isto, collede a peito que El vos atope en
paz, sen tacha nin defecto.
Palabra do
Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Lc 3, 4. 6
Se non se canta,
pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Preparade os
camiños do Señor
endereitade os seus
carreiros;
todos verán a
salvación de Deus.
Aleluia.
Evanxeo Mc 1, 1-8
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Endereitade os
vieiros do Señor
Comezo
do Evanxeo de Xesús Cristo Fillo de Deus.
Como
está escrito no profeta Isaías:
"Mira,
mándoche por diante un mensaxeiro,
para
que prepare o teu camiño;
voz
de quen clama no deserto:
"Preparade
o camiño do Señor,
endereitade
os seus vieiros".
Presentouse
Xoán Bautista no deserto, pregoando un bautismo de conversión para perdón dos
pecados. E ía onda el xente de toda a rexión de Xudea e todos os de Xerusalén;
confesaban os seus pecados e el bautizábaos no río Xordán.
Xoán
ía vestido con pelos de camelo e cun cinguideiro de coiro arredor do van, e
mantíñase de saltóns e mel bravo.
E
proclamaba:
‑
Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min, diante de quen non son
digno de prostrarme para lle desatas os amallós do seu calzado. Eu bauticeivos
con auga, pero el havos bautizar no Espírito Santo.
Palabra
do Señor
R/. Loámoste, Cristo
EN TEMPO DE TANTO ENGANO E ABUSO, GRAZAS SEÑOR,
POLO TEU CONSOLO E A TÚA CONFIANZA
2º Advento B 2014
SINAL PARA ESTE ADVENTO:
Engadimos neste domingo dúas follas de carballo, colocándoas ao lado da que
xa puxeramos a semana anterior.
ESCOITA ACTIVA
Canto, nestes tempos de incerteza, necesitamos consolo e escoita para curar
as feridas do engano, a mentira, ou calquera outro comportamento opaco e falto
de transparencia! Acaso cada día non imos atopando con persoas desilusionadas e
a piques de tirar a toalla e deixalo todo, mesmo a vida de fe e a súa
participación nas celebracións comunitarias? Persoas que confiaron e foron
esquecidas ou utilizadas, persoas ás que se lles dixo que todo era chan e sen fochancas,
e cando estes chegaron ningunha man se lles tendeu para acompañalas e
aconsellalas. Por iso agradecemos hoxe este texto de Isaías, que pon na boca de
Deus a chamada a achegarnos e consolar a aquelas persoas coas que atopamos e
vemos tristes, desacougadas e sen esperanza.
Sexamos nós hoxe a folla de carballo que achega o
zume verde e a forza da luz do Espírito aos irmáns/ás necesitados de ser tidos
en conta, escoitados e acollidos para que non queden ao pairo dunha sociedade
que se vai desmantelando sen que nos deamos conta, ou dándonos pero sen
sentírmonos chamados a actuar, de que as persoas que quedan nas súas beiras
están condenadas ao maior dos esquecementos.
Que este tempo de Advento renove, ilusione e active
o zume que circula polas nosas veas para que a palabra do mensaxeiro non quede
reducida parola estéril.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Señor, perdón por ter producido desconsolo
nos irmáns,
SEÑOR,
AGARÍMANOS COA TÚA MISERICORDIA.
Señor, perdón por rexeita-la túa man e
facer da nosa vida un simple consumir o innecesario,
CRISTO,
AGARÍMANOS COA TÚA MISERICORDIA.
Señor, perdón por esquecer ao Mensaxeiro e
non recoñecer que necesitamos converternos,
SEÑOR,
AGARÍMANOS COA TÚA MISERICORDIA.
PALABRA ENRAIZADA
Seguro que temos escoitado esta lectura
moitas veces en Adventos pasados. Pero como nos corre co tempo,
tamén coas lecturas que imos proclamando os domingos nas celebracións –e iso
que as repetimos cada tres anos– temos memoria fráxil, memoria de peixe, como
lle dicimos aos nenos, e esquecémonos facilmente delas. Por iso é moi bo,
osixenante poderiamos dicir, tentar de entender a primeira lectura de hoxe e
poñela en relación coa nosa vida. Nela, o profeta fala no nome de Deus
invitando a unha actitude que pouco a pouco parece que todos, uns máis ca
outros todo hai que dicilo, imos esquecendo. Referirmos a esa actitude tan
humana, e polo tanto cristiá de consolar a quen o necesita: a quen está só,
triste, derrotado, ignorado, esquecido... Hai tantas persoas na nosa sociedade,
na nosa contorna hoxe necesitadas de consolo! E que pouco o practicamos, que
pouco caso lle facemos a estas actitudes coas que Deus invita a encher e dar
sentido da nosa vida.
Consolar: acollendo, escoitando, unindo
forzas co traballo comunitario, visitando aos enfermos, levando sorriso onde
sabemos que hai moita tristura, dispondo de tempo para acompañar a quen está
só, facéndonos presentes ao lado de quen acaba de perder un ser querido, non
calando ante o engano e a mentira á que nos someten os que mandan,
comprometéndonos a non deixar que as inxustizas, a corrupción e a mentira pasen
por riba das persoas, tratándoas como se foran algo e non alguén. Consolar...
respondendo á chamada, invitación e urxencia que Deus nos dirixe hoxe desde a
súa palabra.
O consolar ten que ir sempre acompañado da
actitude de facer as cousas para, con e polos demais, sen que iso supoña
crernos nin mellores nin elixidos para crernos superiores a eles. O consolo é
unha actitude á que nos chama este tempo de Advento, para facer del motivo de
esperanza e achega a aquelas situacións polas que están a pasar as persoas coas
que noso atopamos cada día, e diante das que non debemos virarlle a cara. E o
consolo, como nos di Pedro na segunda lectura, non vai á par da présa, senón
que necesita paciencia, capacidade para ver e analizar as cousas;
responsabilidade para implicarnos e comprometernos na busca de solucións. Nunha
palabra: facer da vida acción e resposta de servizo a canto Deus nos vai
pedindo para que non agrome nin a carraxe nin a desesperación nos corazóns dos
que non contan para os poderosos. Nós non podemos ser do grupo dos que mandan,
dos que oprimen, dos que impoñen, dos que... senón dos que serven e
comparten. Porque ese é o camiño cara á xustiza ao que nos chama Xesús, e do
que tantas persoas teñen feito camiño da súa vida nos dous mil anos de vida da
Igrexa!
Vaiamos, logo, preparando este camiño que
nos invita a percorrer Xesús. O camiño que nos fai conscientes das nosas
limitacións, dos nosos erros, das nosas debilidades; non para quedar aí e
laiarnos delas, senón para superalas e facer da nosa vida, das nosas ilusións e
esperanzas unha experiencia de vida que nos estimula, que nos alenta e que nos
aleda. Para isto, para tomar conciencia de que necesitamos cambiar e mellorar,
pon a liturxia da igrexa o tempo de Advento. Non miremos cara atrás, ergamos a
mirada e dispoñámonos a construír futuro e esperanza desde o presente sincero
das nosas limitacións e das nosas capacidades, para que cando El chegue nos
atope preparados!
FRATERNIDADE ORANTE
Señor, tráenos a paz para que sigamos
camiñando en esperanza compartida cos irm@ns, por iso che dicimos:
QUE A FORZA DO ESPÍRITO ALENTE A NOSA VIDA
Grazas, Señor, por invitarnos a facer
deste tempo de Advento un tempo de camiño eclesial solidario e aberto a acoller
e non a excluír, OREMOS
QUE A FORZA DO ESPÍRITO ALENTE A NOSA VIDA
Grazas, Señor, por chamarnos a renovar as
nosas comunidades, para que non nos deixemos ir polos camiños do costume, o
rito ou o conservadorismo que se afasta do evanxeo e se empobrece nas
tradicións estériles, OREMOS.
QUE A FORZA DO ESPÍRITO ALENTE A NOSA VIDA
Grazas, Señor, por estimularnos con este
tempo de Advento a cambiar as nosas actitudes e a volver polo camiño que nos
fai seguir as pegadas do Evanxeo, OREMOS.
QUE A FORZA DO ESPÍRITO ALENTE A NOSA VIDA
Señor,
volvemos poñernos en camiño. Sabemos da nosa debilidade, pero tamén sabemos que
Ti non nos deixas sós, senón que nos acompañas como compañeiro que nos colle do
brazo cando cansamos. P. X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZA
Quero entregar a miña vida e o mellor de
min,
para o servizo aos que me rodean.
Móstrame os camiños da solidariedade,
lévame polas pegadas da compaixón,
condúceme ao horizonte do amor eficaz.
Dáme a túa man, Señor, e guíame cara onde
me necesiten.
Ofrézoche o meu tempo, o meu esforzo,
as miñas gañas de dar e de darme.
Quero seguir o teu exemplo,
ser capaz de dalo todo polos outros.
Quero vivir con alegría a festa do dar,
como tantos que andaron por estes vieiros
e os fixeron xermolar coas súas vidas.
Deus bo, que queres o ben e unha vida
digna para todos,
axúdame a servirte nos demais,
para vivir honrando o teu nome
e construíndo o teu Reino. Amén.
(Cáritas, Advento e Nadal, p.55)
CANTO GOZOSO
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario