Ficha e Lectio - Domingo 26 de Ordinario B
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
DOMINGO XXVI T. O.
(30 de setembro de
2018)
Nas
lecturas da nosa celebración comunitaria de hoxe vese moi ben a relación que
hai entre a primeira parte do evanxeo e a lectura do Antigo Testamento.
Comentarei só algunhas cousas. Son mensaxes antigas, mais que non deixan de ter
moita actualidade. Pois as cousas boas non perden valor co paso do tempo.
Ben.
Cóntasenos no Libro dos Números do Antigo Testamento que Moisés tiña un grupo
selecto de setenta anciáns. Eran anciáns, uns pola súa idade unida ó saber,
outros érano non tanto pola súa idade canto pola súa sabedoría e bo xuízo.
Moisés valíase deles para tomar certas decisións e dirixir así axeitadamente o
pobo. Baixo a autoridade de Moisés estaba quen sería o seu sucesor e que de
momento atendía sobre todo á defensa do pobo fronte a posibles agresións
exteriores. Chamábase Xosué. Pois ben, cóntasenos que un par de persoas, que
non pertencían estritamente ó Consello dos Anciáns, se puxeron pola súa conta a
“profetizar”, é dicir, a animar relixiosamente o pobo. Poderíase pensar que
operaban en certo modo algo así como “francotiradores”, naturalmente a favor do
pobo e coas mellores intencións do mundo. Eles, pola súa parte, sabíanse
movidos polo Espírito de Deus. E ben sabemos que o Espírito é xeneroso, amplo,
infinito, super-infinito...
Mais
no seo dunha sociedade fortemente xerarquizada como era aquela, a cousa
resultaba algo estraña, e quizais por iso vailles contar un rapaz ós xefes, ós
responsables xerárquicos, o que estaba a pasar. Xosué enrabéchase contra Eldad
e Medad (así se chamaban os dous entusiastas animadores relixiosos) e ínstalle
a Moisés a que os reduza de novo ó seu posto de simples subordinados. Pero
Moisés tiña seguramente máis trato con Deus e máis experiencia da súa grandeza
e amplitude de miras ca Xosué. Sabía que Deus era superior a unhas persoas
concretas ou a un grupo humano determinado. Sabía que Deus era infinitamente
meirande có mundo e cá humanidade toda. Era consciente de que o seu Espírito
enchía a realidade toda e sopraba como quere e cando quere a través de
milleiros e milleiros de acontecementos e por medio das máis diversas persoas,
por insignificantes que estas poidan parecer.
En
consecuencia, Moisés non se deixa levar polo ímpeto xerárquico e excluínte de
Xosué e respóndelle desta fermosa maneira: “¡Quen dera que todo o pobo do Señor
fosen profetas, e que o Señor lles dese o seu espírito!”.
A
verdade é que a min me encantaría que vos animásedes tamén a imitar dalgunha
maneira os voluntariosos Eldad e Medad na súa sinxeleza e afouteza,
comunicándovos mutuamente as vosas experiencias relixiosas, os vosos desexos, a
vosa concreta vivencia cristiá. Pois formarmos unha comunidade cristiá
significa que somos un grupo de irmáns que nos sentimos movidos por unha común
fe en Deus, Pai de todos, e en Xesús, fillo benquerido seu e irmán noso. Canto
máis espírito fraternal e de mutua acollida e colaboración teñamos, tanto
mellor.
Xa
desde un punto de vista simplemente organizativo e de eficacia funcional, as
cousas van normalmente mellor en calquera empresa humana canto máis implicación
e corresponsabilidade exista. Lembro que, sendo eu aínda ben mozo, se me quedou
moi gravada unha frase do sucesor na dirección dunha famosa Congregación Mariana
de Cuba, considerada modélica naqueles tempos. O fundador desta Congregación
denominada “Agrupación Católica Universitaria” era un xesuíta, parente meu, que
se chamaba Filipe Rey de Castro. Pois ben, trala súa morte repentina a mediados
do século pasado, o seu sucesor contábame que o fundador desa Agrupación lle
dixera unha vez, ante a complexidade das actividades que se desenvolvían nela,
o seguinte: “Este tipo de obras ou se
levan co dedo maimiño ou non hai maneira de levalas”. É dicir, hai que
saber confiar nos demais e delegar responsabilidades e actividades noutros. Así
a carga lévase mellor. E ben sabemos que Deus non escatima en espallar os seus
dons, o seu Espírito, entre cantas e cantos estean dispostos a acollelos.
Moisés
sentíase polo menos feliz, sendo como era aínda un personaxe do Antigo
Testamento, coa axuda espontánea e entusiasta dos que semellaban ser simples e
indisciplinados “francotiradores”.
En
realidade, o exemplo de Moisés revive en certo modo en Xoán Bautista, cando
tamén el se sentía feliz ó ver que Xesús, a quen el bautizara, era agora quen
atraía as multitudes e ía formando e reunindo pola súa conta apóstolos e
discípulos. “Cómpre –non tiña reparo en proclamar o Bautista- que el medre e
que eu diminúa”.
Se
Moisés ou Xoán Bautista tiñan esta amplitude de miras, esta conciencia da
grandeza do Deus que se comunica a cantos queren acollelo, en Xesús esta
actitude era naturalmente fonda e plena. Pois Xesús, como fillo benquerido,
posúe experiencia directa e íntima, non limitada ou recortada, da grandeza de
Deus Pai. El sabe da súa infinita bondade e xenerosidade, que se quere
comunicar a todos por medio precisamente da persoa de Xesús, manifestación
última e definitiva de Deus Pai ó mundo.
Por
todo isto, podemos entender ben a reacción de Xesús ante o que Xoán lle
comunica de que hai un que profetiza e que bota demos no nome de Xesús sen que
pertenza ó grupo dos seus apóstolos e discípulos e, polo tanto, segundo pensa o
mesmo Xoán, sen ter dereito a facelo. Con este modo de pensar e de proceder semella
ser Xoán, nesta ocasión polo menos, continuador da incorrecta actitude de Xosué
no Antigo Testamento. Así, pois, como Moisés non conxeniara coa actitude de
quen sería o seu sucesor como guieiro do pobo de Israel, así tampouco podía
aprobar Xesús o celo excluínte de Xoán. As palabras coas que corrixe Xesús a
Xoán reafirman en realidade a maneira de ver as cousas, ampla e xenerosa, de
Moisés. Pois Xesús replicaralle efectivamente e con toda claridade a Xoán: “O
que non está contra nós, está connosco”.
Para
rematar, aludo brevemente aínda ó P. Seixas, para non deixar que o eco da súa
voz nesta igrexa esmoreza. Pois moito dese espírito amplo e xeneroso de Xesús
alentaba tamén nel cando dicía aquelas palabras que poden servir como resumo do
seu modo de pensar e de actuar aquí en Vigo, mais tamén antes noutros lugares
onde estivo: “Este é o meu programa: para min todos son irmáns, de calquera
relixión, raza ou posición económica”. É a frase que figura, desde hai preto de
doce anos, na estela de pedra que se ergue en honor seu na rúa “Padre Seixas” da
nosa cidade olívica. Trátase, como vedes, dun sinxelo e clarividente programa,
verdadeiramente cristián, pois está ben en liña coa grandiosa visión, fraternal
e universal, do evanxeo.
ORACIÓN DOS FIEIS:
Dirixímoslle a Deus Pai a nosa oración
comunitaria, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS,
PAI.
- Fai, Pai, que aprendamos todos a vivir
sen medo e sen complexos no medio dun mundo
plural en crenzas e cosmovisións, ledos e agradecidos por coñecer e seguir a Xesús.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Libera, Pai, a Igrexa do teu fillo Xesús
de todo espírito sectario para que sexamos persoas
acolledoras e abertas a todos, como o foi Xesús.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Avivece, Pai, no mundo o espírito
profético que habita na palabra de Xesús e que nos fala do Reino da verdade, da xustiza, da esperanza e do amor.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Señor
noso. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario