GAUDETE ET EXSULTATE (I)

Tradución ao galego: Xosé Manuel Lence García



1.  Alegrádevos e reloucade(Mt 5, 12), di Xesús aos que son perseguidos e asoballados pola súa causa. O Señor pídeo todo e o que ofrece é a vida verdadeira, a felicidade para a que fomos creados. El quérenos santos e non agarda que nos conformemos cunha existencia mediocre, aguada, licuada. En verdade, dende as primeiras páxinas da Biblia está presente, de diversos xeitos, a chamada á santidade. Propúñallelo así o Señor a Abraham: “camiña na miña presenza e sé perfecto(Xen 17, 1).

2.       Non se espere aquí un tratado sobre a santidade, con tantas definicións e distincións que poderían enriquecer este importante tema, ou con análises que poderían facerse sobor dos medios de santificación. O meu humilde obxectivo é que resoe unha outra vez a chamada a santidade, procurando encarnalo no contexto actual, cos seus riscos, desafíos e oportunidades. Porque a cada un de nos o Señor elixiunos “para que fosemos santos e irreprochabeis ante el polo amor(Ef 1, 4).


CAPÍTULO PRIMEIRO
            A CHAMADA Á SANTIDADE

                        Os santos que nos alentan e acompañan
 3.      Na carta aos Hebreos menciónanse distintos testemuños que nos animan a que “corramos, con constancia, na carreira que nos toca(12,1). Alí fálase de Abraham, de Sara, de Moisés, de Xedeón e de varios mais (cf. 11,1-12,3) e sobre todo convídasenos a recoñecer que temos“unha nube inxente de testemuñas(12,1) que nos alentan a non detérmonos no camiño, estimúlannos a seguir camiñando cara a meta. E entre eles pode estar a nosa propia nai, unha avoa, ou outras persoas achegadas (cf. “Tim 1,5). Quizais a súa vida non foi sempre perfecta, pero mesmo no medio das imperfeccións e caídas seguiron adiante e agradaron ao Señor.

4.     Os santos que xa chegaron á presenza de Deus manteñen con nos vencellos de amor e comuñón. Así o testemuña o libro da Apocalipse cando fala dos mártires que interceden: “Eu vin debaixo do altar as almas dos degolados por causa da Palabra de Deus e do testemuño que deron. E berraban con voz forte: “ata cando , Dono santo e veraz, vas estar sen facer xustiza? “ Podemos dicir que “estamos rodeados , guiados e conducidos polos amigos de Deus […] Non teño que cargar eu só o que, en verdade, nunca podería soportar eu só. A multitude dos santos de Deus ampárame, sostéñeme e condúceme1

5.      Nos procesos de beatificación e canonización téñense en conta os sinais de heroicidade no exercicio das virtudes, a entrega da vida no martirio e tamén os casos nos que se teña verificado un ofrecemento da propia vida polos demais, sostido ata a morte. Esa ofrenda expresa unha imitación exemplar de Cristo, e é merecente da admiración dos fieis2. Lembremos, por exemplo, á beata Marís Gabriela Sagheddu, que ofreceu a súa vida pola unión dos cristiáns.

Os santos da porta do lado

6.         Non pensemos só nos que xa foron beatificados ou canonizados. O Espírito Santo deita santidade por todas as partes, no pobo de Deus santo e fiel, porque “foi vontade de Deus santificar e salvar a todos os homes, non ailladamente, sen conexión algunha duns con outros, senón constituíndo un pobo, que o confesara na verdade e o servira santamante3. O Señor, na historia da salvación, salvou a un pobo. Non existe plena identidade sen pertenza a un pobo. Por iso ninguén se salva só, como individuo aillado, senón que Deus atráenos tendo en conta a complexa trama de relacións interpersoais que se establecen na comunidade human: Deus quixo entrar nunha dinámica popular, na dinámica dun pobo.

7.         Gosto ver a santidade do pobo de Deus paciente: nos pais que crían con tanto amor aos seus fillos, nos homes e mulleres que traballan para levar o pan a seu fogar, nos doentes, nas relixiosas anciás que seguen sorrindo. Nesa constancia para seguir adiante cada día vexo a santidade da Igrexa militante. Esa é, moitas veces, a santidade da porta do lado”, daqueles que viven perto de nós e son un reflexo da presenza de Deus, ou, por usar outra expresión, a clase media da santidade4.

8.       Deixémonos estimular polos sinais de santidade que o Señor nos presenta a traverso dos mais humildes dese pobo que “participa tamén na función profética de Cristo, difundindo o seu testemuño vivo sobre todo coa vida de fe e caridade5. Pensemos, como nos suxire santa Teresa Benedita da Cruz, que a tracés de moitos deles constrúese a verdadeira historia: “Na noite mais escura xurden os mais grandes profetas e os santos. Porén, a corriente vivificante da vida mística permanece invisíbel. Seguramente os acontecementos decisivos da historia do mundo foron esencialmente influenciados por almas sobre as que nada din os libros de historia. E cales son as almas ás que temos que agradecer os acontecementos decisivos da nosa vida persoal, é algo que só saberemos o día no que todo o oculto sexa revelado6.

9.        A santidade é o rostro mais fermoso da Igrexa. Pero mesmo fora da Igrexa Católica e en eidos moi diferentes, o Espírito fai xurdir “sinais da súa presenza, que axudan aos mesmos discípulos de Cristo7. Doutra banda, san Xoán Paulo II lembrounos que o testemuño ofrecido a Cristo ata o derramamento do sangue fíxose patrimonio común de católicos, ortodoxos, anglicanos e protestantes8. Na fermosa conmemoración ecuménica que el quixo celebrar no coliseo durante o Xubileo do anos 2000, sostivo que os mártires son “unha herdanza que fala cunha voz mais forte ca dos factores de división9.

O Señor chama

10.        Todo isto é importante. Porén o que quixera recordar con esta Exhortación é sobre todo a chamada á santidade que o Señor nos fai a cadaquén, esa chamada que te dirixe tamén a ti: “sede santos, porque eu son santo(Lv 11,45; cf. 1Pe1,16). Salientouno con forza o Concilio Vaticano II: “todos os fieis cristiáns, de calquera condición e estado, enfortecidos con tantos e tan poderosos medios de santificación, son chamados polo Señor, cadaquén polo seu camiño, á perfección daquela santidade coa que é perfecto o mesmo Pai10.

11.         Cadaquén polo seu camiño”, di o Concilio. Daquela, non se trata de desacougar cando un contempla modelos de santidade que semellan inalcanzabeis. Temos testemuños que son útiles para estimularnos e motivarnos, pero non para que tratemos de copialos, porque mesmo podería alonxarnos do camiño único e diferente que o Señor ten para nós. O que interesa é que cada crente descubra o seu propio camiño e poña á luz o mellor de si, aquello tan persoal que Deus puxo nel (cf. 1Cor 12, 7), e non que se desgaste tentando imitar algo que non foi pensado para el. Todos estamos chamados a ser testemuñas, pero “existen moitas formas existenciais de testemuño11. De feito, cando o gran místico San Xoán da Cruz escribía o seu Cántico Espiritual, prefería evitar reglas fixas para todos e explicaba que os seus versos estaban escritos para que cadaquén os aproveite “ao seu xeito12. Porque a vida divina comunícase “a uns dun xeito e a outros doutro 13.

12.       Dentro da diversidade de formas, quero salientar que o “xenio feminino” tamén se manifesta en estilos femininos de santidade, indispensabeis para reflectir a santidade de Deus neste mundo. Precisamente, mesmo en épocas en que as mulleres foron mais relegadas, o Espírito Santo suscitou santas que provocaron coa súa fascinación novos dinamismos espirituais e importantes reformas na Igrexa.

Podemos mencionar a santa Hildegarda de Bingen, santa Bríxida, Santa Catalina de Siena, Santa Teresa de Ávila ou santa Teresa de Lisieux. Pero interésame lembrar a tantas mulleres descoñecidas ou esquencidas que, cadaquén ao seu xeito, sostiveron e transformaron familias e comunidades pola potencia do seu testemuño.

13.       Isto debería enfervoar e alentar a cadaquén a dalo todo, para medrar cara ese proxecto único e irrepetíbel que Deus quixo para el dende toda a eternidade: “Antes de formarte no seo , elixinche; antes de que sairas do seo maternno, consagreite(Xer 1,5).

Tamén para ti

14.       Para ser santos non é necesario ser bispos, sacerdotes, relixiosas ou relixiosos. Moitas veces temos a tentación de pensar que a santidade está reservada só a quen teñen a posibilidade de afastarse do quefacer cotiá, para adicarlle moito tempo á oración. Non é así. Todos estamos chamados a sermos santos vivindo con amor e ofrecendo o propio testemuño nas ocupacións de cada día, alí onde cadaquén se atopa. Es consagrada ou consagrado? Sé santo vivindo con alegría a túa entrega. Estás casado? Sé santo amando e tendo conta do teu marido ou da túa esposa, como Cristo fixo coa Igrexa. Es un traballador? Sé santo cumprindo con honradez e competencia o teu traballo ao servizo dos irmáns. Es pai, avoa ou avó? Sé santo ensinando con paciencia aos cativos a seguiren a Xesús. Tes autoridade? Sé santo loitando polo ben común e renunciando aos teus intereses persoais14.


15.         Deixa que a graza do teu bautismo dea froitos nun camiño de santidade. Deixa que todo esté aberto a Deus e para iso opta por el, elixe a Deus unha e outra vez. Non desacougues, porque tés a forza do Espírito Santo para que sexa posíbel, e a santidade, no remate, é o froito do Espírito Santo na túa vida (cf. Gál 5,22-23). Cando sintas a tentación de enlearte na túa febleza, ergue os ollos cara o Crucificado e dille: “Señor, eu son un ninguén, pero ti podes realizar a milagre de facerme un pouco mellor”. Na Igrexa, santa e integrada por pecadores, atoparás todo o que precisas para crecer en santidade. O Señor ateigouna de dons coa Palabra, os sacramentos, os santuarios, a vida das comunidades, o testemuño dos seus santos, e unha múltiple beleza que provén do amor do Señor, “como noiva que se adorna coas súas xoias(Is 61, 10).

16.        Esta santidade á que te convoca o Señor irá crecendo con pequenos xestos. Por exemplo: unha señora vai ao mercado facer as compras, atopa a unha veciña e comeza a palicar, e veñen as críticas. Pero esta muller di para si: “non, non falarei mal de ninguén”. Este é un paso na santidade. Logo, na casa, o fillo pídelle conversar sobre as súas fantasías e, aínda que está cansa, senta ao seu carón e escoita con paciencia e afecto. Esta é outra ofrenda que santifica. Despois ven un momento de desacougo, pero lembra o amor da Virxe María, toma o rosario e reza con fe. Este é outro camiño de santidade. Logo vai pola rúa, atopa a un pobre e para a falar con el con cariño. Ese é outro paso.

17.       En ocasións a vida presenta retos meirandes e a través deles o Señor convídanos a novas conversións que  permiten que a súa graza se manifeste mellor na nosa existencia “para que participemos da súa santidade (Heb12,10). Noutras ocasións trátase só de atopar un xeito mais perfecto de vivir o que xa facemos: “Hai inspiracións que tenden somentes a unha extraordinaria perfección dos exercicios ordinarios da vida15. Cando o Cardenal  Francisco Xavier Nguyên van Thuân estaba no cárcere, renunciou a desgastarse agardando a súa liberación. A súa opción foi “vivir o momento presente ateigándoo de amor” e o xeito de concretalo era: “Aproveito as ocasións que se presentan cada día para realizar accións ordinarias de xeito extraordinario16.

18.       Así, ao amparo da divina graza, imos construíndo con moitos xestos esa figura de santidade que Deus quería, pero non como seres autosuficientes senón “como bos administradores da multiforme graza de Deus(1Pe4,10). Ben nos ensinaron os bispos de Nova Zelanda que é posíbel amar co amor incondicional do Señor, porque o Resucitado comparte a súa vida poderosa coas nosas fráxiles vidas: “Seu amor non ten límites e unha vez que o da xa non se bota para atrás. Foi incondicional e mantense fiel. Amar así non é doado porque moitas veces mostramos o febles que somos. Pero precisamnete para tratar de amar omo Cristo nos amou, Cristo mesmo comparte a súa propia vida resucitada connosco. Deste xeito, as nosas vidas demostran a súa forza en acción, mesmo no medio da debilidade humana17.

A túa misión en Cristo

19.       Para un cristián non é posíbel pensar na propia misión na terra sen concebila como un camiño de santidade, porque “esta é a vontade de Deus: a vosa santificación  (1Tes  4,3). Cada  santo é unha  misión; é un  proxecto do  Pai para reflexar e encarnar, nun momento determinado da historia, un aspecto do Evanxeo.

20.         Esa misión ten o seu senso pleno en Cristo e só se entende dende el. A santidade, no fondo, é vivir en unión con el os misterios da súa vida. Consiste en asociarse á morte e resurrección do Señor dun xeito único e persoal, é morrer e resucitar constantemente con el. Pero tamén pode implicar reproducir na propia existencia distintos aspectos da vida terreña de Xesús: a súa vida oculta, a súa vida comunitaria, a súa cercanía cos ninguéns, a súa pobreza e outras manifestacións da súa entrega por amor. A contemplación destes misterios, como propuña san Ignacio de Loiola, oriéntanos a facelos carne nas nosas opcións e actitudes18. Porque “todo na vida de Xesús é signo do seu misterio19, “toda a vida de Cristo é Revelación do Pai20, “toda a vida de Cristo é misterio de Redención21, “toda a vida de Cristo é misterio de Recapitulación22, e “todo o que cristo viviu fainos quen de vivilo nel e que el o viva en nos23.

21.      O designio do Pai é Cristo, e nós nel. No remate é Cristo amando en nos, porque “a santidade non é senón a  caridade plenamente vivida24. Polo tanto “a santidade mídese pola estatura que Cristo ten en nós, polo grao  como, coa forza do Espírito Santo, modelamos toda a nosa vida conforme á súa25. Daquela, cada santo é unha mensaxe que o Espírito Santo toma da riqueza de  Xesucristo e agasalla ao seu pobo.

22.       Para recoñecer cal é a palabra que o Señor quere dicir a través dun santo, non convén enredarse nos detalles, porque alí tamén pode haber erros e caídas. Non todo o que di un santo é plenamente fiel ao Evanxeo, non todo o que fai é auténtico ou perfecto. O que hai que contemplar é o conxunto da súa vida, o seu enteiro camiño de santificación, esa figura que reflexa algo de Xesucristo e que resulta cando un consegue compoñer o sentido da totalidade da súa persoa26.

23.       Isto é unha forte chamada de atención para todos nós. Ti tamén precisas concebir a totalidade da túa vida como unha misión. Téntao escoitando a Deus na oración e recoñecendo os sinais que te ofrece. Pregúntalle sempre ao Espírito que é o que agarda Xesús de ti en cada momento da túa existencia e en cada opción que debas tomar, para discernir o espazo que iso ocupa na túa propia misión. E permítelle que forxe en ti ese misterio persoal que reflexe a Xesucristo no mundo actual.

24.       Oxalá poidas recoñecer cal é esa palabra , esa mensaxe de Xesús que Deus quere dicir ao mundo coa túa vida. Déixate transformar, déixate renovar polo Espírito,  para que iso sexa posíbel, así a túa preciosa misión non se estragará. O Señor daralle cumprimento tamén no medio dos teus erros e dos teus momentos malos, con tal que non abandones o camiño do amor e estés sempre aberto á súa acción sobrenatural que purifica e ilumina.

A actividade que santifica

25.        Como non podes entender a Cristo sen o reino que el veu traer, a túa propia misión é inseparábel da construción dese reino: “buscade sobre todo o reino de Deus e a súa xustiza(Mt 6,33), A túa identificación con Cristo e os seus desexos, implica o empeño por construir, con el, ese reino de amor , xustiza e paz para todos. Cristo mesmo quere vivilo contigo, en todos os esforzos e renuncias que implique, e tamén nas alegrías e na fecundidade que che ofreza. Por tanto non te santificarás sen entregarte en corpo e alma para dar o mellor de ti nese empeño.

26.         Non é san amar o silencio e rexeitar o encontro co outro, arelar o acougo e rexeitar a actividade, buscar a oración e menosprezar o servizo. Todo pode ser aceptado e integrado como parte da propia existencia neste mundo, e incorpórase no camiño da santificación. Estamos chamados a vivir a contemplación tamén no medio da acción, e santificámonos no exercicio responsábel e xeneroso da propia misión.

27.       Pode o Espírito Santo lanzarnos a cumprir unha misión e, ao tempo, pedirnos que fuxamos dela, ou que refuguemos entregarnos por enteiro para preservar a paz interior? Porén, ás veces temos a tentación de relegar a entrega pastoral ou o compromiso no mundo nun posto secundario, como se foran “distraccións” no camiño da santificación e da paz interior. Esquécese que “non é que a vida teña unha misión, senón que é misión27”.

28.            Unha tarefa movida pola ansiedade, o orgullo, a necesidade de aparecer e de dominar non será, certamente, santificadora. O desafío é vivir a propia entrega da tal xeito que os esforzos teñan un senso evanxélico e nos identifiquen mais e mais con Xesucristo. Por iso adóitase falar, por exemplo, dunha espiritualidade do catequista, dunha espiritualidade do clero diocesano, dunha espiritualidade do traballo. Pola mesma razón, en Evangelii gaudium quixen concluir cunha espiritualidae da misión, en Laudato Si` cunha espiritualidade ecolóxica e en Amoris laetitia cunha espiritualidade da vida familiar.

29.         Isto non implica desprezar os momentos de sosego, soedade e silencio ante Deus. Ao revés. Porque as contínuas novidades dos recursos tecnolóxicos, o engado das viaxes, as innumerabeis ofertas para o consumo, ás veces non deixan espazos baleiros onde resoe a voz de Deus. Todo se enche de palabras, de disfrutes epidérmicos e de ruídos cunha velocidade cada vez maior. Alí non manda a alegría senón a insatisfación cada vez maior de quen non sabe para que vive. ¿Como non recoñecer que precisamos deter esa carreira frenética para recuperar un espazo persoal, ás veces doloroso pero sempre fecundo, onde se enfía o diálogo sincero con Deus? Nalgún momento teremos que enfrontar a propia verdade, para deixala tomar polo Señor, e non sempre se consegue se un “non se mira no bordo do abismo da tentación mais agoniante, se non sente a vértixe do precipicio do mais desesperado abandono, se non se atopa absolutamente só, no cumio da soedade mais radical28”. É así como topamos as grandes motivacións que nos impulsan a vivir a fondo as propias tarefas.

30.       Os mesmos recursos de distracción que asolagan a vida actual lévannos tamén a absolutizar o tempo de lecer, no que podemos utilizar sen límites eses dispositivos que nos brindan entretenemento ou praceres efímeros29. Como consecuencia, é a propia misión a que se resinte, é o compromiso o que se debilita, é o servizo xeneroso e dispoñíbel o que comeza a regatearse. Iso desnaturaliza a experiencia espiritual. Pode ser sa un fervor espiritual que conviva coa preguiza na acción evanxelizadora ou no servizo dos outros?

31.          Cúmprenos un espírito de santidade que enchoupe tanto a soedade como o servizo, tanto a intimidade como a tarefa evanxelizadora, de xeito que cada instante sexa expresión de amor entregado baixo a mirada do Señor. Dese xeito, todos os momentos serán chanzos no noso camiño de santificación.

Mais vivos, mais humanos

32.       Non teñas medo á santidade. Non che vai quitar forzas, vida ou alegría. Ao revés, porque chegarás a ser o que o Pai pensou cando te creou e serás fiel ao teu propio ser. Depender de El libéranos das escravitudes e lévanos a recoñecer a nosa propia dignidade. Isto refléxase en santa Xosefina Bakita, quen foi “secuestrada e vendida como escrava á tenra edade de sete anos, sufriu moito en mans de amos crueis. Pero chegou a comprender a fonda verdade de que Deus, e non o ser humano, é o verdadeiro Señor de todo ser humano, de toda vida humana. Esta experiencia transformouse nunha fonte de gran sabedoría para esta humilde filla de África30.

33.        Cada cristián, na medida na que se santifica, vólvese mais fecundo para o mundo. Os Bispos de África occidental ensináronnos:”estamos sendo chamados, no espírito da nova evanxelización, a ser evanxelizados e a evanxelizar a través do empoderamento de todos os bautizados para que asumades os vosos roles como sal da terra e luz do mundo onde queira que vos atopedes31.

34.           Non teñas medo de apontar mais alto, de deixarte chamar e liberar por Deus. Non teñas medo de deixarte guiar polo Espírito Santo. A santidade non te fai menos humano, porque é o encontro da túa debilidade coa forza da graza. No fondo, como dicía Leon Loy, na vida "existe unha soa tristura, a de non ser santos"32.



1
Bieito XVI , Homilia no solemne inicio do ministerio petrino. (24.04.05)
2
Supón de todos os xeitos que exista fama de santidade e un exercicio, alomenos en grado ordinario, das virtudes cristiás: motu proprio Maiorem
hac dilectionem (11.07.17)
3
Conc Ecum Vat II , Const Dogm Lumen gentium, sobre a Igrexa, 9
4
Cf. Joseph Malègue, Pierres noires. Les classes moyennes du Salut, Paris,1958
5
C.Ec Vat II, Cons Dog Lumen Gentium, 12
6
Vida escondida y epifanía, en Obras Completas V, Burgos 2007, 637
7
S Xoán Paulo II, Cart Ap Novo milennio ineunte (06.01.01),56
8
Ca Ap Tertio millenio adveniente (10.11.94), 37
9
Homilía na conmemoración ecuménica das testemuñlas da fe do século XX (07.05.00), 5
10
Const Dog Lumen Gentium, 11
11
Hans U. von Balthasar, Teoloxía e santidade, Comunnio 6 (1987), 489
12
Cántico espiritual B,prólogo, 2
13
Íbid XIV-XV, 2
14
Cf. Catequese (19.11.14)
15
San Francisco de Sales, Tratado do amor a Deus, VIII,11
16
Cinco pans e dous peixes: un gozoso testemuño da fe dende o sofrimento no cárcere, México 19999, 21
17
Conferencia dos bispos católicos de Nova Zelanda, Healing love (01.01.88)
18
Cf Exercicios espirituais,102-312
19
Catecismo da Igrexa Católica, 515
20
Íbid 516
21
Íbid 517
22
Íbid 518
23
Íbid 521
24
Bieito XVI.Catequese (13.04.11)
25
íbid
26
Cf Hans U. von Balthasar, Teoloxía e santidade, en Communio 6 (1987), 486- 493
27
Xavier Zubiri, Natureza, historia, Deus, Madrid 1993, 427
28
Carlo M Martini, As confesións de Pedro, Estela 1994, 76
29
Compre distinguir esta distración superficial, dunha sá cultura do ocio, que nos abre ao outro e á realidade cun espírito dispoñíbel e contemplativo.
30
S Xoán Paulo II, Homilía na Misa de canonización (01.10.00), 5
31
Conferencia Episcopal Rexional de áfrica Occidental. Mensaxe pastoral á conclusión da II Asembles Plenaria (29.02.16), 2

Comentarios

Publicacións populares