GAUDETE ET EXSULTATE (II)

Tradución ao galego: Xosé Manuel Lence García

CAPÍTULO SEGUNDO                             
DOS SUTÍS INIMIGOS DA SANTIDADE


35.               Neste contexto quero chamar a atención sobre dous falsificadores da santidade que poden desviarnos do camiño: o gnosticismo e o pelaxianismo. Son dúas herexías que xurdiron nos primeiros séculos cristiáns, pero que seguen a manter alarmante actualidade. Mesmo hoxe os corazóns de moitos cristiáns, quizais sen decatárense, déixanse cativar por estas propostas enganosas. Nelas exprésase un inmanentismo antropocéntrico disfrazado de verdade católica33. Vexamos estas dúas formas de seguridade doutrinal ou disciplinaria que dan lugar a a un elitismo narcisista e autoritario onde, no canto de evanxelizar, o que se fai é analizar e clasificar aos demais,  e no canto de facilitar o acceso á graza gástanse as enerxías en controlar. Nos dous casos nin Xesucristo nin os demais interesan verdadeiramente34.

O gnosticismo actual

36.                       O gnosticismo supón “unha fe pechada no subxectivismo, onde só interesa unha determinada experiencia ou unha serie de razoamentos e coñecementos que supostamente reconfortan e iluminan, pero que no remate fechan ao suxeito na inmanencia da súa propia razón ou dos seus propios sentimentos35.

Unha mente sen Deus e sen carne

37.            A Deus grazas, ao longo da historia da Igrexa quedo ben claro que o que mide a perfeción das persoas é o seu grao de caridade, non a cantidade de datos e coñecementos que se amoreen. Os “gnósticos” teñen unha confusión neste punto e xulgan aos demais conforme á capacidade de comprenderen a fondura de determinadas doutrinas. Conciben unha mente sen encarnación, incapaz de tocar a carne sufrinte de Cristo nos outros, embutida nunha enciclopedia de abstracións. Ao descarnar o misterio prefiren “un Deus sen Cristo,un Cristo sen Igrexa, unha Igrexa sen pobo36.

38.              No remate trátase dunha superficialidade fachendosa: moito movimento na superficie da mente, pero non se move nin se conmove a fondura do pensamento. Porén, logra cativar a algúns cunha fascinación enganosa, porque o equilibrio gnóstico é formal e supostamente aséptico, e pode asumir a traza dunha certa harmonía ou dunha orde que todo o abrangue.

39.                       Mais poñamos atención. Non me refiro aos racionalismos inimigos da fe cristiá. Isto pode ocurrir dentro da Igrexa, tanto nos laicos das parroquias como en quen ensinan filosofía ou teoloxía nos centros de formación. Porque tamén é propio dos gnósticos creer que coas súas explicacións poden facer perfectamente comprensíbel toda a fe e todo o Evanxeo. Absolutizan as propias teorías e obrigan aos demais a someterse aos razoamentos que eles usan. Unha cousa é un san e humilde uso da razón para reflexionar sobre a ensinanza teolóxica e moral do Evanxeo, outra é pretender reducir a ensinanza de Xesús a unha lóxica fría e dura que procura o dominio de todo37.


Unha doutrina sen misterio

40.            O gnosticismo é unha das peores ideoloxías, xa que, ao tempo que gaba indebidamente o coñecemento ou unha determinada experiencia, considera que a propia visión da realidade é a perfección. Así, acaso sen decatarse, esta ideoloxía aliméntase a sí mesma e cégase inda mais. Ás veces vólvese especialmente enganosa cando se disfraza dunha espiritualidade desencarnada. Porque o gnosticismo “quere de seu domesticar o misterio38, tanto o misterio de Deus e da súa graza, coma o misterio da vida dos demais.

41.                 Cando alguén ten respostas a todas as preguntas, amosa que non está nun camiño san e cabe a posibilidade de que sexa un falso profeta, que usa da relixión no propio beneficio, ao servizo das súas elucubracións psicolóxicas e mentais. Deus supéranos infintamente, sempre é unha sorpresa e non somos nós os que decidimos en que circunstancias históricas o atopamos, xa que non depende de nós determinar o tempo e o lugar do encontro. Aquel que todo o quere claro e seguro, o que pretende é dominar a transcendencia de Deus.

42.            Tampouco é posíbel definir onde non está Deus, porque El está misteriosaente na vida de toda persoa, está na vida de cadaquén como El quere, e non podemos negalo coas nosas supostas certezas. Mesmo cando a existencia de alguén teña sido un desastre, mesmo que o vexamos consumido polos vicios e as adiccións, Deus está na súa vida. Se nos deixamos guiar polo Espírito mais que polos nosos razoamentos, podemos e debemos procurar ao Señor en toda vida humana. Isto é parte do misterio que as mentalidades gnósticas rematan por rexeitar, porque non o poden controlar.

Os límites da razón

43.            Nós chegamos a comprender moi pobremente a verdade que recibimos do Señor. E con maior dificultade conseguimos expresala. É por iso que non podemos pretender que o noso xeito de entendela nos autorice a exercer unha supervisión estrita da vida dos demais. Quero lembrar que na Igrexa conviven licitamente distintos xeitos de interpretar moitos aspectos da doutrina e da vida cristiá que, na súa diversidade, “axudan a explicitar mellor o riquísimo tesouro da Palabra”. En verdade “ a quen soñan cunha doutrina monolítica defendida por todos, sen matices, isto pode parecerlles unha imperfecta dispersión39. Precisamente algunhas corrientes gnósticas desprezaron a sinxeleza tan concreta do Evanxeo e tentaron reemplazar ao Deus trinitario e encarnado nunha Unidade superior onde desaparecería a rica multiplicidade da nosa historia.

44.       En verdade a doutrina , ou mellor, a nosa comprensión e expresión dela “non é un sistema pechado, privado de dinámicas capaces de xerar interrogantes, dúbidas, cuestionamentos” e “as preguntas do noso pobo, as súas angurias, as súas pelexas, os seus soños, as súas loitas, as súas preocupacións, posúen un valor hermenéutico que non podemos ignorar se queremos tomar en serio o principio de encarnación. As súas preguntas axúdannos a preguntarnos, os seus cuestionamnetos, cuestiónannos40.

45.          Con frecuencia prodúcese unha perigosa confusión: crer que, porque sabemos algo ou podemos explicalo cunha determinada loxica, xa somos santos, perfectos, mellores que a “masa ignorante”. A todos os que na Igrexa teñen a posibilidade dunha formación mais alta, san Xoán Paulo II advertíalles da tentación de desenvolver “un certo sentimento de superioridade respecto aos demais fieis41. Mais, na realidade, iso que creemos saber debería ser sempre unha motivación para respostar mellor ao amor de Deus, porque “apréndese para vivir: teoloxía e santidade son un binomio inseparábel42.

46.        Cando san Francisco de Asís deu con que algúns dos seus discípulos ensinaban a doutrina, quixo evitar a tentación do gnosticismo. Daquela escribiu isto a san Antonio de Padua: “Compráceme que ensines sagrada teoloxía aos irmáns con tal que, no estudo da mesma, non apagues o espírito de oración e devoción43. El recoñecía a tentación de converter a experiencia cristiá nun conxunto de elucubracións mentais que rematan por alonxarnos da frescura do Evanxeo. San Boaventura, pola súa parte, advertía que a verdadeira sabedoría cristiá non se debe desconectar da misericordia cara o próximo: “a maior sabedoría que pode existir consiste en esparexer fructuosamente o que un ten para ofrecer, o que se lle deu precisamente para que o espalle. […] Emporiso, así como a misericordia é amiga da sabedoría, a avaricia é a súa inimiga44. “Hai actividades que ao unirse á contemplación non a impide, senón que a facilita, como son as obras de misericordia e piedade”45.


O pelaxianismo actual

47.          O gnosticismo deu lugar a outra vella herexía que tamén hoxe se fai presente. Co paso do tempo foron moitos os que comezaron a recoñecer que non é o coñecemento o que nos fai mellores ou santos, senón a vida que levamos. O problema é que isto dexenerou sutilmente, de xeito que o mesmo erro dos gnósticos simplemente trocou, pero non foi superado.

48.             Porque o poder que os gnósticos pousaban na intelixencia, algúns comezaron a atribuírllelo á vontade humana, ao esforzo persoal. Así xurdiron os pelaxianos e  os semipelaxianos. Xa non era a intelixencia o que ocupaba o lugar do misterio e da graza, senón a vontade. Esquecíase que “ todo depende, non do querer ou do correr, senón da misericordia de Deus(Rm 9, 16) e que “el amounos primeiro” (1Xn 4, 19).

Unha vontade sen humildade

49.         Os que responden a esta mentalidade pelaxiana ou semipelaxiana, mesmo que falen da graza de Deus con discursos acaramelados “no fondo só confían nas súas propias forzas e síntense superiores aos demais por cumprir determinadas normas ou por ser rigorosamente fieis a determinado estilo católico46. Cando algúns deles se dirixen aos febles dicíndolles que todo se pode coa graza de Deus, no fondo adoitan transmitir a idea de que todo é posíbel coa vontade humana, como se esta fora algo puro, perfecto, omnipotente, ao que se engade a graza. Preténdese descoñecer que “non todos poden todo47, e que nesta   vida   as   fraxilidades   humans   non   son   curadas completa e definitivamente pola graza48. En calquera caso, como ensinaba san Agustín, Deus convídate a facer o que poidas e a pedir o que non poidas49; ou ben a decirlle ao Señor con humildade: “Dame o que me pides e pídeme o que queiras50.

50.       No remate, a falta dun recoñecemento sincero, dorido e orante dos nosos límites é o que impide á graza actuar mellor en nós, xa que non deixa espazo para provocar ese ben posíbel que se integra nun camiño sincero e real de crecemento51. A graza, precisamente porque supón a nosa natureza, non nos fai superhomes de golpe. Pretendelo sería confiar demasiado en nós mesmos. Neste caso , detrás da ortodoxa, as nosas actitudes poden non corresponder ao que afirmamos sobre a necesidade da graza, e nos feitos rematamos por confiar pouco nela. Porque se non nos decatamos da nosa realidade concreta e limitada, tampouco poderemos ver os chanzos reais e posíbeis que o Señor  pide subir en cada momento, logo de ternos capacitado e seducido co seu don. A graza actúa históricamente e, de ordinario, tómanos e transfórmanos de xeito progresivo52. Por iso , ao rexeitarmos este xeito histórico e progresivo, de feito podemos chegar a negalo e bloquealo, aínda que a gabemos coas nosas palabras.

51.          Cando Deus fala con Abraham dille: “Eu son Deus todopoderoso, camiña na miña presenza e sé perfecto(Xen 17,1). Para podermos ser perfectos, como a El lle agrada, precisamos vivir humildemente na súa presenza, envoltos na súa gloria; cúmprenos camiñar en unión con el recoñecendo o seu amor constante nas nosas vidas.  Cumpre perderlle o medo a esa presenza que somentes pode facernos ben. É o Pai que nos deu a vida e nos ama tanto. Unha vez que o aceptamos e deixamos de pensarnos sen El, desaparece o desacougo da soedade (cf. Sal 139,7). E ao non poñermos distanza fronte a Deus e vivirmos na súa presenza, poderemos permitirlle que examine o noso corazón para ver se vai polo bó camiño (Sal 139, 23-24). Así coñeceremos a vontade grata e perfecta do Señor  (cf.Rm  12,1-2)  e deixaremos que el nos modele coma un oleiro (cf Is 29,16)
Temos dito tantas veces que Deus habita en nós, cando deberiamos dicir mellor que nós habitamos nel, que el nos permite vivir na súa luz e no seu amor. El é o noso templo: o que busco é habitar na casa do Señor todos os días da miña vida (cf. Sal 27, 4). “Vale mais un día nos teus adros que mil na miña casa(Sal 84,11). Nel somos santificados.

Unha ensinanza da Igrexa moitas veces esquecida

52.          A Igrexa ensinou reiteradas veces que non somos xustificados polas nosas obras ou polos nosos esforzos, senón pola graza de Deus, que toma a iniciativa. Os Padres da Igrexa, mesmo antes de san Agustín, expresaban con claridade esta convicción primaria. San Xoán Crisóstomo dicía que Deus deita en nós a fonte mesma de todos os dons antes de que nós teñamos entrado en combate53. San Basilio Magno remarcaba que o fiel gloríase só en Deus, porque “recoñece estar privado da verdadeira xustiza e  que se xustifica únicamente pola fe en Cristo54.

53.      O II Sínodo de Orange ensinou con firme autoridade que nada humano pode esixir, merecer ou mercar o don da graza divina, e que todo o que poida cooperar con ela é previamente don da mesma graza: o mesmo querer sen limpos faise en nós por infusión e acción sobre nós do Espírito Santo55. Posteriormente, mesmo cando o Concilio de Trento salientou a importancia da nosa cooperación para o crecemento espiritual, reafirmou aquela ensinanza dogmática: “ dise que fomos xustificados gratuitamente, porque nada do que precede á xustificación, sexa a fe, sexan as obras, merece a graza mesma da xustificación; porque se é graza, xa non é polas obras; «doutro xeito a graza xa non sería graza» (Rm11,6)56.

54.      O Catecismo da Igrexa Católica lémbranos tamén que o don da graza “sobrepasa as capacidades da intelixencia e as forzas da vontade humana57, e que “fronte a Deus non hai, de parte do home mérito algún, no senso dun dereito estrito,. Entre el e nós a desigualdade non ten medida58. A súa amizade supéranos infinitamente, non a podemos mercar coas nosas obras e só pode ser un agasallo da súa iniciativa de amor. Isto convídanos a vivir nunha gozosa gratitude por este agasallo que nunca merecemos, xa que “despois que un xa posúe a graza, xa non pode a graza perder o seu valor59. Os santos evitan pousar a confianza nas súas accións: “Na tardiña baixa da vida hei presentarme ante Ti coas mans baleiras, Señor, porque non che pido que leves conta das miñas obras. Todas as nosas xustizas están lixadas ante a túa mirada60.

55.          Esta é unha das grandes conviccións acadadas pola Igrexa, e está tan claramente expresada na Palabra de Deus que queda fora de toda discusión. Así como o supremo mandato do amor, esta verdade debería marcar todo o noso estilo de vida, porque bebe do corazón do Evanxeo e convídanos non só a aceptala intelectualmente, senón tamén a transformala nun gozo contaxioso. Pero non poderemos celebrar con gratitude o agasallo de balde da amizade co Señor se non recoñecemos que mesmo a nosa existencia terrea e as nosas capacidades naturais son un agasallo. Precisamos “consentir xubilosamente que a nosa realidade sexa un galano, e mesmo aceptar a nosa liberdade como graza. Isto é difícil hoxe nun mundo que cree ter algo por sí mesmo, froito da propia orixinalidade ou da súa liberdade61.

56.        Somentes dende o don de Deus, libremente acollido e humildemente recibido, podemos cooperar cos nosos esforzos para deixarnos transformar mais e mais62. O primeiro é pertencer a Deus. Trátase de ofrecernos a el que nos primerea, de entregarlle as nosas capacidades, o noso empeño, a nosa loita contra o mal e a nosa creatividade, para que o seu don gratuito creza e se desenvolva en nós: “Xa que logo, exhórtovos irmáns, pola misericordia de Deus, a que presentedes os vosos corpos como sacrificio vivo, santo, agradábel a Deus(Rm 12,1). Porén a Igrexa ensinou sempre que só a caridade fai posíbel o crecemento na vida da graza, porque se non teño caridade, non son nada (cf. 1Cor 13,2).

Os novos pelaxianos

57.      Inda hai cristiáns que se afanan en seguir outro camiño: o da xustificación polas propias forzas, o da adoración da vontade humana e da propia capacidade, que se traduce nunha autocomplacencia egocéntrica e elitista, privada do verdadeiro amor. Maniféstase en actitudes con trazas diferentes: a obsesión pola lei, a fascinación por amosar conquistas sociais e políticas, a fachenda no coidado da liturxia, da doutrina e do prestixio da Igrexa, a vaidade ligada á xestión de asuntos prácticos, a admiración polas dinámicas  de  autoaxuda  e  de  realización autoreferencial.

Algúns cristiáns estragan nisto as súas enerxías e o seu tempo, no canto de deixarse levar polo Espírito no camiño do amor, da apaixoarse por comunicar a fermosura e a alegría do Evanxeo e de buscar aos extraviados nesas inmensas multitudes sedentas de Cristo63.

58.       Moitas veces, contra o pulo do Espírito, a vida da Igrexa convértese nunha peza de museo ou unha propiedade de poucos. Isto ocorre cando algúns grupos cristiáns dan excesiva importancia ao cumprimento de determinadas normas propias, costumes e estilos. Dese xeito adóitase reducir ou enfaixar o Evanxeo, quitándolle a súa sinxeleza engaiolante e o seu sal. Quizáis é unha xeito tenue de pelaxianismo, porque semella someter a vida da graza a unhas estruturas humanas. Isto afecta a grupos, movimentos e comunidades e explica por que tantas veces comezan cunha intensa vida no Espírito, mais logo rematan fosilizados… ou corruptos.

59.         Sen decatármonos, por pensar que todo depende do esforzo humano canalizado por normas e estruturas eclesiais, complicamos o Evanxeo e voltámonos escravos dun esquema que deixa poucas fendas para que a graza actúe. San Tomás de Aquino lémbranos que os preceptos que a Igrexa engade ao Evanxeo deben esixirse con moderación “para non facer pesada a vida aos fieis”, porque así “converteríase a nosa relixión nunha escravitude64.

O resumo da Lei

60.        A fin de evitalo, será san lembrar frecuentemente que existe unha xerarquía de virtudes que nos convida a buscar o esencial. O primado téñenno as virtudes teologáis, que teñen a Deus como obxecto e motivo. E no centro está a caridade. San Paulo di que o que conta de verdade é “ a fe que actúa polo amor(Gál 5,6). Estamos chamados a coidar atentamente a caridade: “quen ama cumpriu o resto da lei […] por iso a plenitude da lei é o amor(Rm13,8.10). “Porque toda lei cúmprese nunha soa frase: amarás ao teu próximo como a ti mesmo(Gál 5,14).

61.          Dito noutras palabras: no medio da mesta selva de preceptos e prescricións, Xesús abre unha fenda que permite distinguir dous rostros, o do Pai e o do irmán. Non nos entrega dúas fórmulas ou dous preceptos mais. Entrégannos dous rostros, ou mellor, só un, o de Deus que se reflexa en moitos. Porque en cada irmán, especialmente no mais cativo, fráxil, indefenso e necesitado, está presente a imaxe mesma de Deus. En efecto, o Señor, no remate dos tempos, plasmará a súa obra de arte co desleixo desta humanidade vulnerábel. Pois “que é o que queda?, que é o que ten valor na vida?, que riquezas son as que non desaparecen? Sen dúbida, dúas: o Señor e o próximo. Estas dúas riquezas non desaparecen65.

62.           Que o Señor libere á Igrexa das novas formas de gnosticismo e de pelaxianismo que a atrancan e frean no camiño da santidade! Estas desviacións exprésanse de distintos xeitos, conforme ao propio temperamento e as propias características. Por iso exhórtovos a que cadaquén se interrogue e discirna fronte a Deus de que xeito  se poden estar manifestando na súa vida.




32
A muller pobre, II,27
33
Cf. Congrefgación para a doutrina da fe, Carta Placuit Deo, sobre alguns aspectos da salvación cristiá (22.02.18), 4 : “tanto o individualismo neo- pelaxiano como o desprezo neognóstico do corpo deforman a confesión de fe en Cristo, o Salvador único e universal”. Neste documento atópanse as
bases doutrinais para a comprensión da salvación cristiá en relación coas derivas neo- gnósticas e neo-pelaxianas actuais.
34
Exh Ap Evangelii gaudium (24.10.13), 94
35
Ibíd AAS 105 (2013), 1059
36
Homilía na Misa da Casa Santa Marta (11.11.16)
37
Como     ensina      san     Boaventura:       “Compre      deixar      todas     as    operacións intelectuais, e que o ápice do afecto se traslade todo a Deus e todo se transforme en Deus […] Dese xeito, non podendo nada a natureza e pouco



industria, daráselle pouco á inquisición e moito á unción, pouco á lingua e moitísimo á alegría interior; pouco á palabra e aos escritos, e todo ao don de Deus, que é o Espírito Santo; pouco ou nada á creatura , todo á esencia creadora, isto é , ao Pai, e ao Fillo, e ao Espírito Santo” (“itinerario da mente de Deus, VII, 4-5)
38
Carta ao Gran Chanceler da Pontificia Universidade Católica Arxentina no centenario da Facultade de Teoloxía (03.03.15)
39
Exh Ap Evangelii Gaudium (24.10.13), 40
40
Videomensaxe         ao    Congreso       Internacional        de     Teoloxía      da     Pontificia
Universidade Católica Arxentina (1-3.09.15)
41
Exh Ap postsin. Vita consecrata (26.03.96), 38
42
Carta ao Gran Chanceler da Pontificia Universidade Católica Arxentina no centanario da Facultade de Teoloxía (03.03.15)
43
Carta a Frai Antonio, 2: FF 251
44
Os sete dons do Espírito Santo, 9, 15
45
Id., In IV sent, 37, 1, 3, ad 6
46
Exh ap. Evangelii gaudium (24.11.13), 94
47
Cf san Boaventura, As sete ás do Serafín 3, 8”non omnes omnia possunt”. Cabe entendelo na liña do Catecismo da Igrexa Católica, 1735
48
Sto Tomé de Aquino, Summa Theologiae I-II q 109, a.9, ad 1 “a graza
entraña certa imperfección, en canto non sana perfectamente ao home”
49
Cf A natureza e a graza, XLII, 50: PL 44, 271
50
Confesións X, 29, 40: Pl 32, 796
51
Cf. Exh ap. Evangelii gaudium (24.11.13), 44
52
A fe cristiá entende a graza como previnte, concomitante e subsecuente ás nosas aciións (cf Conc Ecum de Trento, Ses VI, Decr de iustificatione, sobre a xustificación, cap 5: Dh 1525
53
Cf homilías sobre a Carta aos Romanos, IX, 11: PG 60, 470
54
Homilía sobre a humildade: PG31, 530
55
Canon 4: DH 374
56
Ses VI decreto de iustificatione, sobre a xustificación, cap 8: DH 1532
57
N 1998
58
Ibíd 2007
59
San Tomé de Aquino, Summa Theologiae I-II, q 114, a.5.
60
Sta Teresa de Lisieux, “Acto de Ofrenda ao amor misericordioso” (Oracións, 6)
61
Lucio Gera, “sobre o misterio do pobre” en P. Grelot – L. Gera – A. Dumas, El
pobre, Buenos Aires, 1962, 103
62
Esta é, no remate, a doutrina católica sobre o “mérito posterior á xustificación: trátase da cooperación do xustificado para o crecemento da vida da graza (cf Catecismo da Igrexa Católica, 2010). Pero esta cooperación de ningún xeito fai que a xustificación mesma e a amizade con Deus sexan
obra dun mérito humano.
63
Cf. Exh Ap Evangeli gaudium (24-11.13), 95
64
Summa Theologiae I-II, q 107, a 4
65
Homilía durante o xubileo das persoas socialmente excluídas (13.11.16)

Comentarios

Publicacións populares