Domingo 26 de Ordinario B



Primeira Lectura     Núm 11, 25-29
"Tes celos por min? Quen dera que todo o pobo do Señor fosen profetas!
LECTURA DO LIBRO DOS NÚMEROS

            Naqueles días, 25descendeu o Señor nunha nube e faloulle a Moisés; despois tomou do espírito que había nel e infundíullelo ós setenta anciáns. En canto o espírito repousou sobre eles, puxéronse a profetizar; pero nunca máis o volveron facer. 26Quedaran no campamento dous homes, un deles chamado Eldad e o outro Medad. O espírito repousou tamén sobre eles, pois figuraban entre os inscritos, aínda que non saíran para a Tenda, e profetizaron no campamento. 27Un rapaz correu a comunicarllo a Moisés, dicindo: ‑¡Eldad e Medad profetizan no campamento! 28Entón Xosué, fillo de Nun, ministro de Moisés, escolleito por el, díxolle:
‑"¡Meu Señor, Moisés, prohíbellelo!"
29Mais Moisés respondeulle:
‑"¿Tes celos por min? ¡Quen dera que todo o pobo do Señor fosen profetas, e que o Señor lles dese o seu espírito!"

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 18, 8. 10. 12-13. 14
R/.  (9a):  Os mandatos do Señor son rectos: aledan o corazón.

8A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio ó inxenuo;

10 O temor do Señor é puro:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.

12Aínda que o teu servo os quere cumprir
e pon coidado en gardalos,
13¿quen se decata dos erros?
Límpame ti de canto se me esquece.

14Preserva ó teu servo da soberbia,
para que non me domine.
Entón serei perfecto,
limpo de pecados graves.


Segunda Lectura     Sant 5, 1-6
As vosas riquezas podreceron
LECTURA DÁ CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO

            1E vós, os ricos, chorade e berrade polas desgrazas que van vir enriba de vós. 2A vosa riqueza está podrecida; a vosa roupa chea de couza; 3o voso ouro e a vosa prata, enferruxados; e a mesma ferruxe será testemuño en contra vosa e, coma se for lume, comerá as vosas carnes. Estades atesourando na fin dos tempos! 4Atención! O xornal que non lles pagastes ós obreiros que vos fixeron a seitura está clamando e o seu berro chega ós oídos do Señor dos Exércitos. 5Vivistes na terra cheos de fartura e cebastes os vosos corazóns nos praceres para o día da matanza. 6Condenastes o xusto e matástelo sen que el vos fixese fronte.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA     Cf. Xn 17, 17b. a 
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
A túa palabra, Señor, é verdade;
santifícanos na verdade.
Aleluia.



Evanxeo     Mc 9, 38-43. 45. 47-48
Quen non está contra nós, está connosco. Se a túa man te fai caer, córtaa
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

            Naquel tempo, 38díxolle Xoán:
   ‑Pois vimos un que botaba demos no teu nome e quixémosllo privar porque non é dos nosos.

39Xesús contestoulle:
   ‑Pois non llo privedes, porque ninguén que faga milagres no meu nome fala despois mal de min. 40O que non está contra nós, está connosco. 41Ademais, todo aquel que vos dea un vaso de auga por serdes seguidores de Cristo, tende por seguro que non quedará sen recompensa.
42E a quen escandalizar un destes pequeniños que cren en min, éralle mellor que lle colgasen do pescozo unha pedra de muíño, e o largasen ó mar. 43E se a túa man te fai caer, córtaa: máis che vale entrar toco na vida que ir parar coas dúas mans ó inferno, no lume que nunca se apaga. 45E se o teu pé te fai caer, córtao: mellor será que entres coxo na vida, que ir dar cos dous pés no inferno. 47E se o teu ollo te fai caer, arríncao: máis che vale entrar cego no Reino de Deus e non que te boten cos dous ollos no inferno, 48onde o verme non morre nin o lume se apaga.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo








Comentarios

Publicacións populares