Ficha e Lectio - Domingo 23 Ord B
FICHAS ANTERIORES:
DOMINGO XXIII T. O.
(Ano B: 9 setembro 2018)
Diversos teólogos e importantes
coñecedores da vida de Xesús estanlle a dar nos tempos de hoxe gran relevancia
á función sandadora, curadora, liberadora de Xesús na súa actuación coas
persoas: cos pobres, cos necesitados, cos marxinados, etc. En realidade, o que
Xesús facía era presentar no noso mundo a face humana, benfeitora, de Deus Pai.
Deus non quere o mal, nin a enfermidade, nin a morte. El é un Deus de vida. Por
iso traballa connosco e a través de nós para que a xente poida vivir feliz. Vai
creando en nós, ó seu ritmo e das maneiras máis insospeitadas, felicidade e
plenitude
O evanxeo é por iso (e serao sempre)
“boa noticia”, “nova feliz” para todos. Non é unha mensaxe de xuízo ou de
condenación, por moito que teñamos quizais metidas na mente concepcións deste
tipo que proveñen dunha errónea educación relixiosa.
O xordomudo do que nos fala hoxe
Marcos vén ser por iso unha ocasión máis para que Xesús amose nel, coa súa
curación, o seu talante liberador. Os sinais que realiza Xesús e que foron
recollidos pola tradición nos evanxeos non teñen un senso simplemente
individual ou particular. É dicir, no caso concreto de hoxe, non nos podemos
limitar a ollar o efecto curador particular producido por Xesús nunha persoa
que era xorda desde o nacemento e que, en consecuencia, non era capaz de se
relacionar cos demais coa palabra pois nunca fora capaz de oír ningunha.
A mensaxe de Xesús vai moito máis
alá disto. Xesús quere así expresarnos como é Deus e como quere que sexamos
nós. Abertos ás necesidades dos demais, non pechados en nós mesmos, no noso
propio recuncho.
Á súa maneira, Deus está aberto a
todos, a toda o mundo, a toda a humanidade. Esa curta palabra que Xesús lle
dirixe ó xordomudo, “effatá”, “ábrete”, está dirixida tamén a cada un de nós en
calquera situación na que nos poidamos atopar: “ábrete”. Porque Deus está xa en
si mesmo aberto a todos. El é apertura pura e infinita. O Pai ábrese
infinitamente a quen é seu Fillo, e o Fillo e o Pai son infinitamente
transparentes ó Espírito Santo. Hai en Deus unha mutua e total comunicación, de
tal modo que el é ó tempo un e trino. A que denominamos Santísima Trindade do
noso único Deus que se nos revelou en Xesús.
Sabemos ben que a apertura crea
amizade. Entre amigos non se agachan as cousas. O primeiro que fan dúas persoas
que polo que sexa se desamigan é non falaren a unha coa outra. Tal como
adoitamos dicir, andan de morros. O xordomudo pode considerarse así como un
símbolo daquel que está totalmente pechado en si mesmo: nin percibe ou recibe
comunicación dos demais nin é capaz de transmitir pola súa parte mensaxe
algunha a outros.
Pois ben. Así como Deus non é un
xordomudo, senón infinita comunicación das persoas divinas e libre e agarimosa
comunicación con nós, da mesma maneira quere ese Deus aberto e comunicativo que
así sexamos tamén nós: abertos, comunicativos, interesados en atender e axudar
os demais. Neste sentido, as palabras máis fermosas que se poderían escribir,
en pedra ou en bronce, como epitafio dunha persoa serían algo así como estas:
“Todo o fixo ben”. Parecidas a aquelas que, segundo nos conta Marcos, dicía a
xente, “totalmente abraiada”, sobre o Xesús sandador e curador: “Que ben o fai
todo!”.
Desde esta consigna de Xesús que ten
como imperativo o “Ábrete”, poderiamos dicir que o Reino de Deus, que Xesús
quere instaurar no mundo e sobre o que na oración do “Noso Pai” lle pedimos a
Deus Pai que “veña a nós”, está asentado sobre dous alicerces, que veñen sendo
como dúas “aperturas”. Unha primeira “apertura” persoal a Deus, para estarmos
en disposición de poder escoitar a súa mensaxe, a súa palabra (de maneira
individual ou comunitaria), e outra segunda “apertura” respecto de tódalas
persoas, de maneira tanto activa como receptiva: é dicir, ofrecendo “luz” e
axuda ós demais e recibindo ó tempo deles a axuda que eles nos poidan
agarimosamente ofrecer.
Se non temos estas dúas “aperturas”
e preferimos polo contrario permanecermos “xordomudos”, é dicir, coa porta
pechada tanto en relación con Deus coma en relación cos demais, entón quedaremos
lonxe dese Reino de Deus que Xesús nos proclama e anuncia para a nosa vida e
felicidade.
Pero hai algo aínda moi importante
en relación con esta dobre apertura. Recórdanolo tamén hoxe Santiago na segunda
Lectura e de maneira moi transparente, como auga limpa que corre maina e
cantareira nun regueiro de montaña. Esta nosa apertura ha de estar dirixida
sobre todo -dinos Santiago- cara ós pobres e máis necesitados. A nosa ollada
benevolente e risoña non se ha de dirixir cara a aquelas persoas podentes e prestixiadas
que o apóstolo Santiago describe como levando un anel de ouro no seu dedo
anular en claro contraste cos esfarrapados da vida. Non. Pois os pobres e
esfarrapados deste mundo son xustamente, dinos Santiago, os que Deus escolleu
para o seu Reino. Polo tanto, deberiamos movernos cara a eles tal como fai o
compás cara ó Norte. Porque se a mensaxe de Deus Pai en Xesús é a de que todos
somos irmáns e resulta que algúns (moitos) non parecen irmáns meus porque non
viven en condicións tan boas coma a miña, entón a cousa está ben clara: hai que
traballar para que eles se poidan sentir de verdade irmáns meus, coa mesma
dignidade, os mesmos dereitos e semellantes posibilidades.
Se non traballamos nesta liña,
seremos en definitiva “xordomudos”, é dicir, estaremos pechados en nós mesmos e
necesitados polo tanto daquela curación que nos “abra” á verdade e ó amor do
Deus. Pois en Xesús anunciou e fixo presente Deus Pai a fraternidade universal humana.
Todos estamos polo tanto revestidos por igual da gran dignidade de fillos de
Deus Pai. Esa é a nosa condición e esa é tamén a nosa meta.
ORACIÓN DOS
FIEIS
En mutua comuñón invocamos a Deus
Pai para que atenda a nosa oración, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS:
ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos, Pai, a imitar e
reproducir nas nosas vidas esa vida misteriosa túa en unión e comunicación co
Fillo e co Espírito Santo.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Condúcenos, Pai, desde o noso
egoísmo empobrecedor, á cordial e benfeitora apertura a tódalas persoas.
TODOS:
ESCÓITANOS, PAI.
- Dános, Pai, ousadía e bondade de
corazón para abrírmonos ós necesitados coa finalidade de que poidan tamén eles
recoñecer a bondade que ti espallas no mundo.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo noso Señor. Amén.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/domingo-23-tempo-ordinario-b-marcos-731-37/
Comentarios
Publicar un comentario