Ficha e Lectio - Domingo 25 de Ordinario B

FICHAS ANTERIORES:


LECTIO:

DOMINGO XXV T. O.
(ANO B: 23 de setembro de 2018)

            No anterior domingo falabamos do complicado que lle resultaba a Xesús convencer os seus apóstolos sobre o seu “vía crucis”, é dicir, sobre o seu camiño “crucial”, para chegar así, por ese vieiro entre toxos e silvas, á verdadeira vida. Unha vida de plenitude e felicidade que empeza xa nesta vida a pesar das aparencias.
            O evanxeo de hoxe, que segue sendo o de Marcos, continúa con esta mesma mensaxe. Xesús, que dixera de si mesmo, que el é “o camiño, a verdade e a vida”, anúncianos cal é o seu camiño, o seu programa de vida, como anticipo e modelo do noso: “O Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán; pero, despois de morto, pasados tres días, ha resucitar”. Tal como o expresaba o dito latino: “per crucem ad lucem” (“pola cruz á luz”, é dicir, a través dos contratempos, escuridades  e sufrimentos á vida plena e luminosa, á resurrección).
            Ós apóstolos, máis que non entender o que Xesús lles dicía (como nos di aquí Marcos), en realidade o que lles pasaba é que non querían entendelo e por iso, como comenta tamén Marcos, “non se atrevían a preguntarlle” sobre o tema.
            Por que non o querían entender?  Simplemente porque a eles, como nos pasa tamén a nós, lles tiraba moito a comodidade, o poder, o ser “alguén”, o ser os primeiros, os máis importantes. A cruz, o sometemento, o poñérmonos ó servizo dos outros, etc. nin a eles nin a nós nos tiran nadiña.
            Un filósofo importante, que se chamaba Kant, escribiu nalgún momento unha observación moi pertinente que coido que vén ben a conto agora. Comentaba el que na sociedade humana pasa algo semellante ó que ocorre nun viveiro, onde se plantan para que medren un determinado tipo de árbores. Ó plantalos relativamente xuntos tenden a medrar máis rápido, porque ningún deles quere quedarse sen a luz que lle posibilita medrar. Por iso dicía Kant que vivimos sempre nunha especie de “insociable sociabilidade”. Vivir xuntos axúdanos a medrar, mais non queremos tampouco que ninguén nos faga sombra. É dicir, somos sociables e insociables ó mesmo tempo.
            A mensaxe de Xesús é, neste contexto, que o noso verdadeiro desenvolvemento particular consiste en non ter medo a quedarmos na sombra se dese modo facemos un servizo ós demais. O que importa é, polo tanto, sermos “servidores” dos demais. En tempos máis antigos, cando se chamaba por alguén pronunciando o seu nome, o que levaba ese nome adoitaba contestar dicindo: “Servidor!!”. Pois iso: “servidores” dos demais teriamos que ser, non só de palabra, senón de verdade e na nosa práctica vital. É iso o que nos quere aprender Xesús cando nos dá esta norma, sinxela en teoría mais de non doada realización: “O que queira ser o primeiro..., que sexa o servidor de todos”.
            Os apóstolos tamén soñaban e discutían entre si (como nolo recorda hoxe Marcos) sobre quen entre eles era o primeiro, “quen era o máis importante”, aínda que semella que lles daba algo de vergonza recoñecer ante o seu Mestre que tiñan este tipo de conversas e discusións.
            Pois ben, para poñer de relevo a importancia disto, bota man Xesús dun dos moitos nenos que grazas a Deus andarían corricando por alí, dálle unha agarimosa aperta e co neno diante del e mais dos apóstolos  -ben feliz el seguramente pola atención que lle prestaba Xesús-, dálles unha verdadeira lección maxistral (directa, visual e práctica) ós seus apóstolos. Unha lección que seguramente non esquecerían en toda a súa vida: “Quen acolle no meu nome un destes nenos, acólleme a min; e quen me acolle a min, non é a min a quen acolle, senón a Aquel que me mandou”.
            En arameo o nome “neno” servía tamén para se referir a un “servo”. De modo que acoller un neno, equivalía, neste caso, a acoller un servo, un marxinado, un necesitado, dada a pouca categoría social que daquela tiña un neno. Tamén Xesús fora neno, aínda que fora acollido, amado, cunha entrega plena por uns pais que se converteron así en verdadeiros “servidores” seus. Foi desa maneira como Xosé e María acolleron e amaron de feito en Xesús o mesmo Deus, facendo verdade aquilo que lles diría Xesús xa de adulto ós seus apóstolos: “quen me acolle a min, acolle a aquel que me mandou”.
            Pola súa parte, tamén os nenos saben responder ó amor e á entrega de seus pais ou dos seus avós, amándoos e proporcionándolles alegría e contento. Por iso son eles, os nenos, tamén “servidores”. E por iso dixo Xesús tamén aquilo de que “se non vos facedes coma nenos, non entraredes no reino dos ceos”. Como algunha vez xa volo comentei, o grande Unamuno formulouno de maneira moi bonita naquel poema seu que, de tanto como me gusta, vos recito case de cor, traducíndoo ó galego: “Agrándame a porta, Pai / porque non podo pasar /. Fixéchela para os nenos, / eu medrei ó meu pesar. / Se non me agrandas a porta, / achícame por piedade. / Vólveme á idade bendita / onde vivir é soñar”.
            Si. Para que os nenos (e todos somos dalgunha maneira sempre algo nenos ata que damos a derradeira boqueada), para que os nenos –digo- poidan/poidamos “vivir e soñar”, tal como di Unamuno no seu poema, precisamos que nos dean amor, un amor que se expresa con palabras e agarimos. Por iso non podía chegar a bo porto a historia que algunha vez teredes oído. Trátase dunha anécdota que semella ter bastante verosimilitude histórica. No século XIII, Federico II, que era emperador do Sacro Imperio Románico Xermánico, fixo un tráxico experimento. Sabémolo por un frade franciscano italiano, Salimbene de Adam, que coñecía e acompañaba de cando en vez o emperador. Así nolo conta el, traducíndoo pola miña parte do latín ó galego:
            “A súa segunda superstición foi que quixo experimentar (Salimbene refírese ó emperador) que tipo de lingua e fala terían uns nenos, cando medrasen, se non falasen con ninguén. E por esta razón ordenoulles ás amas de cría que lles desen leite ós infantes, que lles desen o peito para mamaren, que os bañasen e lavasen, pero que de ningunha maneira os aloumiñasen nin lles falasen. Pois quería saber se falaban a lingua hebrea, que fora a primeira, ou a grega, ou a latina, ou a arábiga, ou quizais a lingua dos seus pais, dos que naceran. Mais o seu traballo foi en van, porque tódolos nenos ou infantes morreron. Porque non podían vivir sen a aprobación, os ademáns, a alegría do rostro e as caricias das súas amas e aias. Por iso chámanse cancións de berce as que di a muller arrolando o berce, para adormecer ó neno, e sen elas mal poder durmir e acougar o neno”...
            Que importante lección hai agachada neste vello texto para nós os modernos!

ORACIÓN DOS FIEIS

Pedímoslle a Deus, noso Pai, en canto fillos que somos del, que atenda a nosa oración            comunitaria, dicíndolle: Escóitanos, Pai. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

- Apréndenos, Pai, a todos e cada un de nós a non fachendear de sermos os mellores ou máis importantes, senón de sermos polo contrario os máis prestos a poñernos ó    servizo dos demais. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Move, Pai, os nosos corazóns e as nosas mans para acoller os marxinados e excluídos da sociedade, ofrecéndolles así a nosa axuda: 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Fai, Pai, que os gobernos dos países consideren tarefa importante súa loitar contra a            desigualdade e inxustiza entre os que deles dependen. 
TODOS: ESCÓITANOS,     PAI.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. Amén.
Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:





Comentarios

Publicacións populares