Domingo 23 de Ordinario B


PRIMEIRA Is 35, 4-7a
Abriranse os oídos dos xordos, exultará a lingua dos mudos
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

4Dicídelles ós de corazón tímido:
"Collede ánimo, non temades.
Velaí o voso Deus.
Chega a vinganza, a recompensa de Deus.
Chega El mesmo, e salvaravos".
5Entón abriranse os ollos dos cegos,
e os oídos dos xordos destaparanse.
6Entón o coxo saltará coma un corzo
e a lingua do mudo cantará xubilosa.
Si, saen á luz augas no deserto e ríos na estepa:
7a terra reseca convértese nunha lagoa,
e a terra sedenta en manantiais de auga.



SALMO RESPONSORIAL Sal 145, 7. 8-9a. 9bc--10
R/ (1): Louva, miña alma, ó Señor
Ou: Aleluia

 7El garda por sempre a súa fidelidade:
failles xustiza ós oprimidos
e dálles pan ós famentos.
O Señor libra os cativos,

8o Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
9O Señor protexe os forasteiros,

sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
10Reine o Señor por sempre,
o teu Deus, Sión, polas xeracións.
Aleluia.


SEGUNDA Sant 2, 1-5
Non é que Deus elixiu ós pobres como herdeiros do reino?
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO APÓSTOLO

2 1Meus irmáns, a fe que temos no noso Señor Xesús Cristo, o glorioso, non cadra ben con certos distingos entre persoas. 2Entra na vosa asemblea -é un supoñer- un home cun anel de ouro, vestido con moita galanura, e entra tamén un pobre vestido con farrapos; 3se vos fixades no que vai ben vestido, e lle dicides: "ti acomódate ben aquí", e ó pobre "ti queda de pé aí", ou "senta no chan ós meus pés", 4¿non estades facendo distincións entre vós mesmos, converténdovos en xuíces de criterios inicuos?

5Escoitádeme ben, meus irmáns queridiños: ¿seica non escolleu Deus os pobres deste mundo para seren ricos na fe e herdeiros do Reino que Deus prometeu ós que o aman?


ALELUIA Cf Mt 4, 23:
Xesús predicaba o Evanxeo do Reino,
e sandaba toda doenza



EVANXEO Mc 7, 31-37
Fixo ouvir ós xordos e falar ós mudos
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

31Xesús, deixando Tiro, veu dar por Sidón ó mar de Galilea, atravesando a Decápolis.
32Presentáronlle un xordomudo, e suplicáronlle que lle impuxese as mans. 33Xesús, separándoo da xente, meteulle os dedos nas orellas, e tocoulle a lingua con cuspe. 34Logo, erguendo os ollos ó ceo, suspirou e dixo:
-Effatá (ou sexa: "ábrete").

35E no instante abríronselle os oídos, e falaba perfectamente. 36Logo prohibiulles contalo a ninguén; pero canto máis llelo prohibía, máis o espallaban. 37E a xente, totalmente abraiada, comentaba:
-¡Que ben o fai todo! Fai que os xordos oian e que os mudos falen.





Comentarios

Publicacións populares