Ficha e Lectio - Cristo, Rei do Universo C
FICHA ADAPTADA DE :
LECTIO :
XESÚS CRISTO REI DO UNIVERSO
(Ano C: 20. XI. 16)
Con
esta celebración estamos á finalizar o ano litúrxico, antes de que comece o
novo no próximo domingo, co inicio do Advento. E
remata cunha festa englobante, universalizadora: Xesús, Rei do universo. É
dicir: rei de toda a creación, desde a máis humilde partícula da materia ata os
cumios máis altos da humanidade e do espírito.
A
realeza cómprelle a Xesús por ser el a verdadeira e fiel “imaxe do Deus
invisible” (como nos di Paulo na súa carta ós Colosenses). En Xesús amósase
toda a plenitude do poder e da grandeza do Pai, do seu Pai, que é tamén Pai
noso grazas ó gratuíto don de concedérsenos sermos fillos do mesmo Pai de
Xesús. “Todo –dinos Paulo- foi creado por El e para El”. É dicir, por Xesús e
para Xesús.
Por
iso, en momentos cruciais da súa vida (preto, por exemplo, da súa morte
violenta), Xesús afirmará a súa realeza ante Pilato que lle pregunta
expresamente sobre ela. “Eu son Rei –respóndelle Xesús-. Para isto nacín e para
isto vin ó mundo, para ser testemuña da verdade”. E incluso o título de “rei”
figurará no letreiro sobre a cruz na que foi crucificado: “Xesús Nazareno, rei
dos xudeus”. Un título que os xudeus rexeitaban en canto tal para eles mesmos,
pero que se converteu coa morte e resurrección de Xesús en título universal:
Xesús rei, non só dos xudeus, senón de toda a humanidade, de todo o universo.
A
realeza de Xesús Cristo é moi distinta das realezas humanas. Por iso a Xesús,
tal como nolo describen os evanxelistas, non lle gustaba que, aínda séndoo en
realidade, o considerasen rei ou o tratasen como tal. Fuxía, como sabemos, de
calquera pretensión popular de o proclamaren rei.
Xesús
anuncia, en cambio, a súa mensaxe de fraternidade universal, alicerzada non no
poder (tal como fan os reis da terra), senón no servizo. Lembrarédesvos
daquelas palabras súas: “Sabedes –dinos Xesús- que os que figuran como xefes
das nacións as asoballan e lles impoñen a súa autoridade. Non ha ser así entre
vós. Ó contrario, entre vós o que queira facerse grande ha ser servidor voso, e
o que queira ser primeiro ha ser servo de todos; porque tampouco o Fillo do
Home veu para que o sirvan, senón para servir e para dar a súa vida en rescate
por todos”.
Por
iso ante o aparente absoluto fracaso da súa misión nas horas previas á súa
crucifixión ignominiosa, Xesús clarifica unha vez máis o sentido do seu reino:
“O meu reino –dinos de novo- non é deste mundo. Se o meu reino fose deste
mundo, os meus oficiais terían loitado para que non fose entregado ós xudeus.
Pero o meu reino non é de aquí”.
Neste
senso, o prefacio da eucaristía de hoxe descríbenos o reino de Xesús con estas
palabras: “reino de verdade e de vida, reino de santidade e de graza, reino de
xustiza, de amor e de paz”.
Xesús
foi así rei vital, rei santo, rei amoroso e pacífico desde o berce do Nadal ata
a cruz do venres santo. Os reis magos preguntaban xa en Xerusalén polo “rei dos
xudeus” que acababa de nacer. E este título acompañarao ata a súa morte. Un
rei, polo tanto, distinto, que nace entre pobres e que morre entre dous axustizados.
E, porén, é verdadeiro rei, tal como o saben representar certas imaxes
románicas de Cristo crucificado coa coroa de rei sobre a súa cabeza.
Os
reis actuais non dispoñen xa, polo menos nas nosas democracias occidentais, do
seu antigo poder. De aquí vén aquilo de que “o rei reina, mais non goberna”. Con
todo, de Xesús podemos dicir con verdade non só que é rei e que “reina”, senón
que tamén “goberna”, aínda que de xeito moi distinto, claro está, que os
gobernantes deste mundo.
Pois
Xesús, pola forza do seu Espírito, o Espírito Santo que nos mandou en
Pentecoste, é, si, “distinto” dos demais reis, pero non “distante”, porque por
medio del habita no máis íntimo de nós mesmos, axudándonos, fortalecéndonos,
consolándonos, amándonos. E isto si que é verdadeiro, fondo e íntimo “goberno”,
un goberno baseado non no poder ameazador, senón na suavidade do seu amor a nós
que se nos manifesta no máis íntimo das nosa conciencias.
Por
isto, á diferenza dos reis dos que se di que “reinan mais non gobernan” e que
están por dicilo así recluídos nos seus pazos reais, Xesús Cristo, Rei do
universo, “goberna” realmente a nosa existencia toda, participa intimamente da
nosa vida e, polo tanto, fainos a cada un de nós tamén partícipes da súa propia
vida. Hai entre el e nós unha verdadeira comuñón. Unha comuñón que é vida,
experiencia, consolo e fraternidade con el e con calquera persoa coa que nos
atopemos na vida.
Con
este Rei próximo, amigo e irmán, podemos tamén falar. Así o fixo o chamado “bo
ladrón” –tal como se nos di no relato de Lucas que acabamos de escoitar- cando
ámbolos dous sufrían en carne viva a tortura da cruz antes de morreren:
“Lémbrate de min cando chegues ó teu reino”.
E
o Xesús Rei, amigo e irmán, non só lle promete ó seu compañeiro de dores unha
“lembranza”, senón que lle promete, lle dá, e “hoxe” mesmo, o paraíso de seu
Reino, o Reino dos Ceos: “Hoxe estarás comigo no Paraíso”.
Fermosa
escena esta onde o Xesús sufrinte non deixa de exercer e practicar cos demais a
“misericordia” ata o derradeiro momento da súa vida sen pensar nos seus propios
problemas, nas súas propia dores na cruz. Bela, conmovedora e moi oportuna
escena tamén porque xustamente hoxe, neste día 20 de novembro, remata o chamado
“ano da misericordia” que o papa Francisco proclamou para toda a Igrexa hai
case un ano, o 8 de decembro do ano pasado. Si, Xesús é verdadeiro Rei porque
exerce a bondade a a misericordia con todos e rexeita, ata o mesmo intre da súa
inxusta morte, calquera forma de violencia. Un Rei así no podemos menos de
querelo e desexalo.
Quero
engadir finalmente que o Reino de Deus empeza xa neste mundo e todos estamos
chamados, coa forza do Espírito de Xesús, a construírmos este reino.
ORACIÓN DOS FIEIS:
Dirixámoslle as nosas oracións a Deus, o noso
Pai, para que o seu Reino estea cada vez máis presente no noso mundo,
pregándolle:
VEÑA O TEU REINO. TODOS: VEÑA O TEU REINO.
-Pola nosa Igrexa. Para que dea sempre
testemuño de esperanza, de espírito de concordia, de servizo ós pobres.
TODOS:
VEÑA O TEU REINO.
- Polos gobernantes de todo o mundo. Para
que camiñen polos vieiros da xustiza, da solidariedade e do ben común das
persoas.
TODOS: VEÑA O TEU REINO.
- Polos máis necesitados, polos que pasan
fame, polos forasteiros, polos enfermos, polos presos. Para que poidan
experimentar o amor do reino de Deus a través das nosas boas obras.
TODOS: VEÑA
O TEU REINO.
- Por todos nós. Para que a Eucaristía que
estamos a celebrar nos axude a vivirmos a cotío máis unidos a Xesús Cristo e ós
nosos próximos para formarmos así entre todos o verdadeiro reino de Deus.
TODOS: VEÑA O TEU REINO.
Pedímoscho
a ti, Pai noso, por medio de Xesús Cristo, Rei do Universo. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
http://www.gruposdejesus.com/solemnidade-cristo-rei-c-lucas-2335-43/
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2016/11/20-de-novembro-domingo-34-do-tempo.html
Comentarios
Publicar un comentario