Misa en galego ciclo B - 7º domingo Ordinario
DOMINGO VII DO TEMPO ORDINARIO - CICLO B
Primeira Lectura Is 43, 18-19. 21-22. 24b-25
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Por min borro as túas iniquidades
Así fala o Señor:
Non vos lembrades das cousas pasadas? Non comprendedes as cousas antigas?
Ollade: eu estou facendo algo novo; xa agroma: non vos dades conta?
Si, vou abrir un camiño no deserto, ríos na estepa,
ó pobo que eu criei para min, e que contará a miña loanza.
Pero ti, Xacob, non me invocaches, senón que te cansaches de min, Israel.
Cos teus pecados obrigáchesme a actuar, e cansáchesme coas túas iniquidades.
Eu, eu mesmo, pola miña bondade son quen limpa as túas rebeldías, e dos teus pecados non me lembro.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 40, 2-3. 4-5. 13-14
R/. (5b): Sándame, Señor, que teño pecado contra ti.
Feliz o que se ocupa do coitado:
no día da calamidade, ha libralo o Señor.
O Señor ha gardalo, conservaralle a vida,
farao feliz sobre a terra
e non o entregará ao capricho do inimigo.
Ha socorrelo o Señor no leito da dor,
aliviarao na súa enfermidade.
Eu digo: "Señor, ten compaixón de min,
sándame, que teño pecado contra ti".
Se eu estou san, é que ti me sostés
e mantesme sempre na túa presenza.
Bendito sexa o Señor, Deus de Israel,
desde agora e para sempre. Amén. Amén.
Segunda Lectura 2 Cor 1, 18-22
LECTURA DA 2ª CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS CORINTIOS
Cristo Xesús non foi si e non; nel non houbo máis ca si:
Irmáns:
Ben sabe Deus que, na palabra que vos diriximos, non hai si e non, porque o Fillo de Deus, Cristo Xesús, que vos anunciamos Silván, Timoteo e mais eu, non foi si e non; nel non houbo máis ca si: todas as promesas de Deus encontraron nel o si; velaí o porqué de respondermos "amén" por el cando damos gloria a Deus.
O que nos mantén firmes ‑ a min e a vós ‑ na adhesión a Cristo é Deus, que nos unxiu para si, que tamén nos marcou co seu selo e infundiu nos nosos corazóns a garantía do seu Espírito.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Lc 4, 18
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Mandoume o Señor evanxelizar os pobres;
e predicarlles a liberación aos cativos.
Aleluia.
Evanxeo Mc 2, 1-12
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
O Fillo do Home ten poder na terra para perdoar os pecados
Naqueles días, entrou de novo Xesús en Cafarnaún, e sóubose que estaba na casa; e xuntáronse tantos que nin diante da porta había xa sitio. El expoñíalles a palabra. Entón veñen traéndolle un home tolleito, que levaban entre catro. Pero non podendo poñelo diante del pola moita xente que había, levantaron o teito do sitio onde el estaba e, ao teren feito un furado, baixaron o catre
no que estaba tendido o tolleito.
Vendo Xesús a fe que tiñan, díxolle ao tolleito:
‑ Fillo! Quédanche perdoados os teus pecados.
Pero alí sentados estaban algúns letrados, que matinaban para os seus adentros:
‑ Que está a dicir este home? Está blasfemando. Quen pode perdoar os pecados, senón unicamente Deus?
E ao momento, decatándose Xesús no seu espírito do que eles estaban cavilando, díxolles:
‑ Por que razoades así nos vosos adentros? Que é máis fácil, dicirlle ao tolleito: "Quedan perdoados os teus pecados", ou dicir: "Érguete, colle o teu catre e bota a andar"? Pois para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados ‑ dille ao tolleito ‑: "Dígocho a ti: Érguete, colle o teu catre, e vai para a túa casa".
El ergueuse e, removendo de seguida o catre, marchou á vista de todos, de tal xeito que todos quedaron asombrados e glorificaban a Deus, dicindo:
- Nunca tal cousa vimos.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
FIDELIDADE Á PALABRA DADA E ÁS SÚAS CONSECUENCIAS
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
Día a día sorprendémonos con novas que nos informan de enganos, falta de palabra, renuncia a cumprir acordos previamente asinados, rexeitamento para asumir pagos por parte de institucións públicas ou privadas... o que nos leva a pensar que nun mundo no que hai tantas palabras, a palabra que se dá, e que noutro tempo era o mellor dos documentos, non vale nada. Lévaa o vento, caendo así nunha fonda desconfianza cara todo e cara todos.
Fronte disto non deberiamos quedar calados: xa está ben. Como seguidores de Xesús que queremos tomalo en serio e vivir a súa mensaxe nos nosos quefaceres cotiáns, temos a obriga moral non só de non permitir isto, senón de loitar contra a tentación de caer nós no mesmo. Porque as cousas, como nos di Paulo na Carta aos Corintios, non son agora si e despois non, senón coherencia e transparencia. Por iso os cristiáns, diante deste panorama, estamos chamados a ser, unha vez máis nolo recorda a palabra de Deus, testemuñas honestas da persoa e da mensaxe de Xesús, quen non pasou enganando nin minando a confianza de ninguén, ao contrario!.
Que o que hoxe imos celebrar nos abra o corazón para actuar neste camiño de fidelidade.
PERDÓN
Pola nosa falta á palabra dada e comprometida, SEÑOR, SÁNDANOS PORQUE PECAMOS.
Pola nosa pouca capacidade para xerar confianza e seguridade aos que a esperan de nós,
CRISTO, SÁNDANOS PORQUE PECAMOS.
CRISTO, SÁNDANOS PORQUE PECAMOS.
Por non saber distinguir e diferenciar que, habendo un tempo para cada cousa, nunca este ha ser para a mentira e o engano,
SEÑOR, SÁNDANOS PORQUE PECAMOS.
SEÑOR, SÁNDANOS PORQUE PECAMOS.
REMUÍÑO
Continúa o esforzo do profeta por xerar, nunhas condicións sociais especialmente difíciles, confianza ao pobo. Israel está no desterro, e como podemos imaxinar a situación non era nada doada, polo que toda a súa forza, palabras e accións, van encamiñadas a levantar a moral dunha xente que se sentía lonxe da súa terra e sen posibilidade de recuperar a liberdade e volver. A esperanza da que lle fala Isaías é a esperanza que xurdira coa Alianza, a esperanza que ofrece Deus: a esperanza que loita e non se deixa vencer para non caer no derrotismo. O profeta invita ao pobo a non esquecer as súas raíces, de onde veñen, no seu sentido comunitario, na súa capacidade de estar ao carón de que quen os poida necesitar. Nunha palabra, Isaías chama ao pobo a non perder a confianza nin entre eles nin en Deus. Tamén nós hoxe, como lle ocorría a Israel, estamos a vivir momentos difíciles e duros, nos que é moi fácil que toda porta se nos peche e a frustración agrome. Diante diso a fe quere ser non anestésico, senón forza liberadora que non nos deixe caer nin na desesperación nin na aceptación dunha realidade contra a que hai que loitar para sacala entre todos adiante e así remontar.
A fe é forza que nos impide caer na pasividade, porque nos ofrece un camiño a percorrer, non en solitario, senón en compaña que une, consola, anima e tende a man, non para saudar, senón para axudar. A fe non quere ser un querer quedar ben nin un medio para evadirnos da realidade. Ao contrario, desde ela invítasenos a recuperar a confianza en nós mesmos, na nosa capacidade de traballo, na valoración do esforzo, do saber sacrificarse para acadar o que un se propón. E isto non é aceptar o que fan e din todos –o gregarismo afastase das actitudes e mensaxe de Xesús– senón que nos descobre un camiño polo que somos invitados a camiñar, non en solitario, senón deixándonos acompañar polas mans que se nos van ofrecendo e ás que podemos tamén axudar. A fe é logo unha experiencia de reciprocidade que facemos xuntos, e na que nós imos descubrindo a forza para afrontar retos e dificultades, non deixándonos vencer nin levar do derrotismo. Por iso Paulo di que non é á vez un si e un non, senón unha proposta de claridade que se nos invita a desenvolver na constancia clarificadora de quen sabe fiarse de Deus e aprende Del para que os demais se poidan tamén fiar de nós.
Aprendamos da palabra de Xesús, para que El sexa sempre o referente no que sexamos capaces en cimentar o noso xeito de facer e afrontar retos e vivir actitudes que nos leven non a decepcionar aos que nos vexan, pola nosa falta de confianza e convición, no que dicimos, facemos e cremos. El non engano nin faltou a súa palabra. Que tamén nós saibamos seguir na súa xeira.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
A forza da oración comunitaria fainos sentir Igrexa sempre en camiño e necesitada de perdón e misericordia. Agradecidos porque segues ao noso lado para recordárnolo, dicimos xuntos:
SÁNDANOS DA NOSA FALSIDADE E ALÉNTANOS NA CONFIANZA
* Que cantos formamos a Igrexa, non deixemos que o noso xeito de actuar se converta en antitestemuño e desconfianza do proxecto de amor e salvación de Xesús, Oremos.
SÁNDANOS DA NOSA FALSIDADE E ALÉNTANOS NA CONFIANZA
* Que nas nosas comunidades parroquiais caiamos na conta que somos nós: os que vimos á Igrexa, os que nos manifestamos crentes, os que dicimos que queremos vivir a mensaxe de Xesús no aquí e agora do noso tempo, os que estamos chamados a ser testemuñas da súa presenza co que fagamos e digamos, Oremos.
SÁNDANOS DA NOSA FALSIDADE E ALÉNTANOS NA CONFIANZA
* Que a nosa palabra sexa sempre xeradora de confianza, misericordia, perdón e acollida, Oremos.
SÁNDANOS DA NOSA FALSIDADE E ALÉNTANOS NA CONFIANZA
Señor, presentamos a nosa oración. Sabemos que temos moito camiño por andar. Que superemos a tentación de facelo solos e afastados de Ti. Que vives e reinas por sempre eternamente. Amén.
REFLEXIÓN
Aquí me tes Señor,
veño pedir perdón,
polas mil veces que reducín o amor,
ao círculo dos meus achegados.
Polas veces que puiden facer algo máis e mellor
e me desculpei buscando o meu interese.
Por esquecerme de tódolos que me teñen axudado.
Por crer que sempre tiña a razón
no meu xeito de actuar e pensar.
Perdón, Señor, polos meus caprichos persoais,
que impuxen aos demais sen ter en conta o que eles pensaban.
Por dicir que amaba, cando o que buscaba era a miña comenencia.
Nunha palabra, perdón, Señor, pola miña falta de palabra e criterio
á hora de facer e dicir as cousas.
Sei que a túa man se vai abrir para concedermo.
Que eu cambie o meu corazón e abra
tamén a miña man para aprender a perdoar.
CANTOS
ENTRADA:
Camiñando pola vida
Camiñando pola vida
LECTURAS:
Arrepentido
Arrepentido
OFERTORIO:
Grazas Señor na mañá
Grazas Señor na mañá
COMUÑÓN:
Non vou so
Non vou so
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario