Misa en galego ciclo B - Domingo 5 do Tpo. Ordinario (05/02/12)
5º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO B
Primeira Lectura Xob 7, 1-4. 6-7:
LECTURA DO LIBRO DE XOB
Abarrotaranme as dores ata o solpor
Naqueles días, falou Xob e dixo:
O home ten na terra un duro labor;
os seus días son coma os do xornaleiro.
Coma o escravo que arela a sombra,
coma o xornaleiro que agarda o que gañou,
así herdei eu meses baldeiros
e tocáronme en sorte noites de angustia.
Penso para min ao deitarme: Cando me hei erguer?
E desde o mesmo serán énchome de inquedanza ata o abrente.
Recorda que a miña vida é vento,
e que os meus ollos non verán máis a ledicia;
non me verán os ollos de quen mira,
e cando ti me espreites, xa non estarei.
Coma unha nube se desfai e pasa,
así, o que baixa para o xeol non volverá subir,
non volverá de novo á súa casa
e o seu lar non saberá máis del.
Por iso mesmo, non hei de pórlle eu freo á boca,
vou falar con ánimo angustiado,
voume laiar desde o amargor da alma.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 146, 1-2. 3-4. 5-6
R/. (cf. 3a): Loade o Señor, que sanda os corazóns crebados.
Ou: Aleluia.
Loade o Señor,
pois é doce cantarlle ao noso Deus,
é delicioso celebrar a súa loanza.
O Señor reconstrúe Xerusalén,
e reúne os dispersos de Israel.
Sanda os corazóns crebados
e venda as súas feridas.
Conta as estrelas incontables,
e chama polo nome a cada unha.
O noso Señor é grande e poderoso,
para a súa sabedoría non hai medida.
O Señor ergue os humildes
e abaixa os malvados ata o chan.
Segunda Lectura 1 Cor 9, 16-19. 22-23
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S. PAULO AOS CORINTIOS
Ai de min se non evanxelizo!
Irmáns:
O mero feito de predicar o Evanxeo non é para min gloria ningunha: é unha necesidade que teño enriba de min. Pobre de min se non predico o Evanxeo!
Pois así: se fago isto polo meu gusto, xa teño premio; pero, se o fago a contragusto, é un simple cargo que estou obrigado a administrar. Onde está, logo, o meu premio?
‑En que, cando predico o Evanxeo, fágoo gratuitamente, renunciando aos dereitos que este Evanxeo me confire.
Pois, sendo como son libre con respecto a todos, de todos me fixen escravo para gañar os máis posibles.
Cos débiles fíxenme débil, para gañar os débiles. Fíxenme todo con todos, para salvar algúns custe o que custe.
Todo o fago polo Evanxeo, para ter algunha parte nel.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Mt 8, 17
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Cristo colleu as nosas doenzas,
Aleluia.
Evanxeo Mc 1, 29-39
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Sandou a moitos enfermos de varias doenzas
Naquel tempo, despois de saír da sinagoga, Xesús foi á casa de Simón e mais de Andrés, con Santiago e Xoán. A sogra de Simón estaba na cama con febre, e axiña lle falaron dela.
E, achegándose, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos.
Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle todos os enfermos e endemoñados; a vila enteira se amoreou na porta. E sandou a moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demos. Pero aos demos non os deixaba falar, porque o coñecían ben.
Moi cedo, aínda de noite, Xesús ergueuse e saíu para un lugar arredado onde se puxo a orar. Simón e mais os que estaban con el fórono seguindo, e cando o atoparon, dixéronlle:
‑ Todos te andan a buscar.
El respondeulles:
‑ Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para que tamén alí se predique, pois para isto vin.
E marchou e ía predicando nas sinagogas por toda Galilea, e botando fóra os demos.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
O ERMO DUNHA VIDA SEN ESPERANZA
5º domingo TOB - 5 febreiro 2012
TOMADO DE: www.remoldapalabra.blogspot.com
Cando unha cousa está erma non nos serve, non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces tamén estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos que nos acompañe.
PERDÓN
- Porque nos deixamos levar polo derrotismo e a preguiza, SEÑOR, QUE NON SEMENTEMOS EN BALDÍO.
- Porque poñemos atrancos ao noso medrar en madurez e compromiso solidario, CRISTO, QUE NON SEMENTEMOS EN BALDÍO.
- Porque renunciamos a anunciar o Evanxeo cos nosos feitos, SEÑOR, QUE NON SEMENTEMOS EN BALDÍO.
REMUÍÑO
A imaxe de Xob da primeira lectura atráenos, sobre todo, porque en maior ou menor medida, todos nos vemos retratados nela. Xob perdeuno todo: fillos, posesións, saúde.... un tras doutro derrubáronse todos os seus puntos de apoio, e parece que xa non lle quedan razóns para seguir confiando. A nós, en demasiadas ocasións, tamén nos pasa, un día ou outro, o mesmo. Ben sexa porque nos asaltan a dor ou a enfermidade, porque nos fallan as persoas que considerabamos amigas, porque os problemas nos agonían... o caso é que o desalento chama á nosa porta e instálase dentro de nós, facendo que nos pechemos aos demais e ao mundo. Parécenos entón que Deus se esqueceu, que marchou, e ata ás veces mesmo nos preguntamos se existe.
A resposta relixiosa ao problema do mal, ao que todos somos moi sensibles, inflúe moi directamente na imaxe que nos formamos de Deus. Por iso convén purificar algunhas concepcións totalmente erróneas, non vaia ser que, de tanto escoitalas ou mesmo dicilas, vaiamos a telas por certas. Velaquí algunhas:
- o mal é un castigo: Xesús intervén para curar, non para converter a un en coxo ou cego. Deus non castiga.
- o mal é un aloumiño de Deus; porque El proba a quen ama: no evanxeo non atopamos nin rastro de semellantes aloumiños.... O que fai Deus é darnos a súa forza nas probas, El nunca nos proba coa dor e o sufrimento.
- Deus quíxoo así: certamente, Deus Pai - Nai non quere o sufrimento.
- hai que ter paciencia e resignación: Deus chámanos a traballar para eliminar o sufrimento; non quere persoas resignadas pasivamente.
- Deus permíteo: Deus puxo o mundo nas nosas mans e nós somos responsables del. Non lle botemos a El a culpa dos nosos erros. El toma partido polas persoas que sofren e por aquelas que intentan aliviar o seu sufrimento.(Mt. 25, 31ss)
Fronte destas concepcións erróneas, a pasaxe do evanxeo de Marcos que vimos de proclamar, coma outras moitas, achéganos á realidade verdadeira: Xesús é liberador:
- a sogra de Pedro queda libre da súa enfermidade
- moitos outros enfermos quedan libres das súas doenzas
- moitos endemoñados quedan libres da súa escravitude
- moitas persoas reciben a Boa Nova e quedan libres de toda mala noticia
E nós?: Certamente cando estamos ben é moi doado dicirlle á xente que sofre unhas palabras ou frases de consolo, moitas veces rutineiras, frías e indiferentes, do tipo: tranquilízate, ten paciencia, cálmate, non sufras.... Así, aos amigos de Xob, que non comprendían a súa dor, resultáballes fácil xulgalo e acusalo de pecador, pois segundo a mentalidade daquela, as desgrazas viñan porque se cometía algún pecado.
Só quen viviu na súa propia carne o suplicio da soidade, do sufrimento, do desánimo.... e experimentou os aloumiños de Deus, poñéndoo de novo en pé de vida, entende ben do que falamos. Entón, xa non pode calar. Iso foi o que lle pasou a Paulo, por iso afirma: “Ai de min se non anuncio o Evanxeo!”. Quen recibiu esta graza ten que gritalo, e ese grito é crible, porque vén de alguén que pasou antes pola proba.
Que facer?: En primeiro lugar, temos que ser conscientes do problema, saber poñernos no lugar da outra persoa e lembrar o que facía Xesús con aqueles que tiñan problemas. Agora Xesús segue no medio das persoas, actuando por medio da comunidade cristiá. A nós correspóndenos, polo tanto, actuar e responder coma El aos problemas das persoas; responder aos problemas dos irmáns que teñen fame; responder aos problemas dos irmáns que están solos; responder aos problemas das persoas que viven pobres e marxinadas..... porque esa é a liberación que Cristo nos trae: do egoísmo e da fame, da soidade e da desesperación, da opresión e do desánimo, da morte e da dor.
Somos loitadores, non sufridores. Non o esquezamos. Haberá suficiente amor no mundo para redimir o sufrimento e a miseria?.
Querendo ser curadores de tantas persoas que imos atopando ao noso lado e necesitadas da mellor das curacións: que as recoñezan e traten como persoas con dignidade, compartimos agora a nosa oración comunitaria e dicimos:
QUE A NOSA MEDICINA SEXA O AMOR
Pola Igrexa que formamos todos e que tantas veces sementa dor e sufrimento na vida das persoas cargando os seus ombreiros cunha manchea de obrigas e normas; para que se libere dos seus prexuízos e saiba dar unha resposta de alento e comprensión a quen a precisa, OREMOS.
QUE A NOSA MEDICINA SEXA O AMOR
Para que entre nós, nas nosas parroquias e barrios, aprendamos que a mellor das medicinas é o amor, a preocupación polo outro, non os cartos nin o tempo pagado, senón gratuíto, Oremos.
QUE A NOSA MEDICINA SEXA O AMOR
Por cada un e cada unha de nós, para que saibamos descubrir a Deus que nos interpela nos rostros das persoas que morren de fame, nas que son escravas da dor, nas que non teñen acceso á cultura, nas que viven baixo calquera tipo de opresión, nas que están marxinadas por calquera causa, nas que ven tripados os seus dereitos fundamentais, OREMOS.
Señor, poñendo en ti a confianza, dispómonos a non deixarnos levar por todo aquilo que non faga pasivos, conformistas e preguiceiros. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Onte a ti, Señor,
diante da carne doente da persoa enferma,
diante da carne esquecida da persoa marxinada,
diante da carne esgotada da persoa anciá,
diante da carne necesitada da persoa discapacitada,
diante da carne cansada da persoa parada,
diante da carne arruinada da persoa famenta,
diante da carne sometida da persoa escrava,
diante da carne corrompida da persoa leprosa,
diante da carne aflixida da nai,
diante da carne deshabitada do mozo....
conmovéronseche as entrañas,
deuche un golpe o corazón
e non puideches quedar á marxe.
Hoxe atopámonos cunha realidade máis triste.
Fai, Señor, que os nosos corazóns se movan
para non quedarmos á marxe.
Fainos persoas compasivas e tenras,
para sermos persoas dignas
e poder sementar na historia esperanza e misericordia.
CANTOS
ENTRADA: Amigos nas penas
LECTURAS: O Señor é o meu pastor
OFERTORIO: Acharte presente
COMUÑÓN: No colo da miña nai
Comentarios
Publicar un comentario