LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 6 de Pascua (29/05/11)

DOMINGO VI DE PASCUA         CICLO A


Primeira Lectura      Feit 8, 5-8. 14-17
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Impuxéronlles as mans e recibían o Espírito Santo

            Naqueles días, Filipe baixou á cidade de Samaría e predicoulles o Mesías. O pobo, dun acordo, atendía ao que dicía Filipe, sentindo e vendo os sinais que facía; pois de moitos posuídos saían espíritos impuros a berros, e moitos paralíticos e coxos quedaban curados.
            A cidade encheuse de alegría.
            Ao sentiren dicir os apóstolos, que estaban en Xerusalén, que Samaría acollera a palabra de Deus, mandáronlles a Pedro e a Xoán.
            Baixaron logo alí, e oraron polos samaritanos, para que recibisen o Espírito Santo, pois aínda non baixara sobre ningún deles: só os bautizaran no nome do Señor Xesús.
            Entón, fóronlles impoñendo as mans e recibiron o Espírito Santo.

Palabra do Señor                             
R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 65, 1-3a. 4-5. 6-7a. 16 e 20

R/. (1): Aclama a Deus, terra enteira.
Ou:  Aleluia.

Aclama a Deus, terra enteira,
canta a gloria do seu nome;
réndelle o honor da loanza,
dille: Que sorprendentes son as túas obras!

Próstrase a terra toda diante de ti
e canta salmos ao teu nome.
Vinde e vede as obras do Señor,
os seus sorprendentes feitos entre os homes.

El mudou o mar en terra seca
e pasaron o río a pé:
felicitémonos por iso.
Co seu poder domina o mundo.

Vide os que temedes o Señor,
e contareivos o que el fixo por min.
Bendito sexa Deus,
que non desbotou a miña súplica
nin afastou de min o seu amor.


Segunda Lectura    1 Pe 3, 15-18
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Mortal na carne, pero vivificado no Espírito

            Benqueridos irmáns:
            Adorade a Cristo como Señor, estade sempre dispostos a responder a todo aquel que vos pida razón da esperanza que levades dentro.
            Pero respondede con bo xeito e con respecto; tede a conciencia limpa, de xeito que os que desprezan o voso bo comportamento cristián, se vexan confundidos naquilo mesmo de que vos calumnien.
            Pois sempre sería mellor sufrir, se tal fose a vontade de Deus, por facerdes o ben, que por facerdes o mal.
            Tamén Cristo morreu unha vez polos vosos pecados,
o xusto polos pecadores, para vos achegar a Deus;
sufriu a morte na carne, pero recibiu vida no espírito.

Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus


ALELUIA      Xn 14, 23
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Se alguén me ama gardará a miña palabra, di o Señor;
e o meu Pai amarao e viremos a el.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 14, 15-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Pedireillo a meu Pai e ha darvos outro Paráclito

            Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:
            -Se me amades, gardaredes os meus mandamentos, e eu rogareille ao Pai, e daravos outro Paráclito para que decote estea convosco: o Espírito da Verdade.
            O mundo non o pode acoller, pois non o ve nin o coñece; mais vós coñecédelo, pois permanece onda vós e está en vós.
            Non vos deixarei orfos; logo volvo onda vós. Un pouquiño máis e o mundo xa non me verá; pero vós habédesme ver, que eu vivo e tamén vós habedes vivir.
            Naquel día coñeceredes que eu estou en meu Pai, e vós en min, e eu en vós. Quen ten os meus mandamentos e os garda, ese ámame; o que me ama será amado por meu Pai, e eu amareino e manifestareime a el.

Palabra do Señor                                         
R/. Loámoste, Cristo



NON NOS DEIXES ORFOS

Eu quero amarte, Señor,
pero amarte de verdade;
que moitos con falsidade
prométenche o seu amor
-promesa que queda en flor-
e logo van pola vida
abrindo fondas feridas,
negándolle o amor á xente,
tripando os dereitos sempre
que dan ao débil saída.

Danos un bo defensor:
Espírito de verdade
que acabe coas falsidades
que medran no corazón
e tamén ao arredor.

Aumenta o noso saber:
que todos poidamos ver
as cousas coa inocencia
e coa aquela intelixencia
que dan o xusto aprender.

Non nos deixes esquecidos,
orfos de pan e amizade,
orfos de alento, en saudade;
ven axiña, ven, querido,
que nesta terra aflixidos
remoemos esperanzas
sen moito lugar para danzas;
danos a certa experiencia
da túa fonda presenza
que aos máis apagados lanza.

Viviremos na túa vida,
seremos xente esperta,
para a loita da vida atenta;
ganarémoslle a partida
a quen nola deu perdida;
as cousas nas nosas mans
terán feitura de irmáns;
encheranse de colores
todos os nosos solpores,
e os xa mortos vivirán.



Xesús resucitou e iso debera bastarnos 
para cambiar o mundo!

Pórtico
Afirmar que a mensaxe de Xesús é universal, non é nin unha frase feita nin algo puramente formal; ao contrario, supón e esixe tomar en serio que, a pesares dos profetas dos medos a contaminarse do que outras culturas nos aportan, que a salvación é unha proposta sempre aberta, acolledora, tolerante e necesitada de ser sempre dialogada. E iso é así porque Deus non fai distincións. E se Deus non fai distincións, cantos nos sentimos Igrexa temos que traballar e esforzarnos en facer dela a casa de tod@s.
Que a celebración que agora empeza nos axude a tomar conciencia deste compromiso: acoller e non excluír.

Perdón
Seguimos co rito de aspersión. Para quen queira, podemos facer o diálogo do perdón.
Diante de Deus, que unha vez máis nos da un testemuño de amor e de universalidade, poñámonos en actitude de conversións e cambio polas veces nas que o temos reducido a ser" un dos nosos", excluíndo a cantos non pensan coma nós.
* Porque moitas veces esquecemos que nin somos os mellores nin os únicos.
Señor, ten piedade de nós.
* Porque moitas veces esquecemos que nos abriches un camiño
no que o amor non é palabra senón capacidade de acoller, perdoar e dar novas oportunidades.
Cristo, ten piedade de nós.
* Porque moitas veces esquecemos que o mandamento principal non é letra morta e valeira, senón esixencia e compromiso de amor fraterno, xusto e solidario.
Señor, ten piedade de nós.
Remuíño
Un mandamento universal.- A forza da presenza do Espírito nas primeiras comunidades cristiás, vai facendo que estas se sintan alentadas e con azos de superar e deixar atrás as dificultades. Son conscientes de que non é fácil o seguimento nun contexto no que non son máis que un grupo moi minoritario e sen relevancia algunha. É máis, para os xudeus non eran máis ca unha seita que estaba a desvirtuar os alicerces da fe - sóanos de algo isto? -, a pesar desta incomprensión e persecución, a forza da súa convicción, a confianza en Deus, e a conciencia de que o proxecto de Xesús , ademais de ser algo novo e que estaba a comezar, tiñan claro que correspondíalle a eles dalo a coñecer e facelo crecer. E isto sabendo que tiñan que superar dificultades, cárcere ou mesmo a súa vida, pero isto non os desanima, ao contrario, reafírmaos no cometido da súa misión, e saben que non están solos, o Espírito alenta o seu traballo. E nós, somos conscientes de que como continuadores desta misión, non podemos deixarnos levar das actitudes, que tantas veces mostramos, de derrotismo, desleixo ou indiferenza? Contrastemos o actuar dos primeiros cristiáns coa maneira de facer nós hoxe as cousas. De verdade que a forma de vivir e compartir a fe nos abre un camiños de entendemento e encontro a outras culturas e a outros credos?

                Que non separara, senón que une.- Solo desde o amor de Deus poderemos sentirnos verdadeiramente comprometidos na fermosa tarefa de converte­lo seguimento de Xesús no motor da nosa vida. Se Deus é amor, por que nós, seguidores del, non imos facer que ese amor se converta en actitudes e comportamentos que unan, perdoen, busquen a pacificación das nosas relacións ou a preocupación polas persoas da parroquia o dos grupos de traballo, ou da familia que non se senten ben; que están excluídos ou se van quedando nas beiras. Se Deus é amor, que o é, fagamos nós que se vexa a súa presenza e o seu rostro a través do noso actuar.

                Que se vive e expresa na verdadeira amizade.- Porque o amor de Deus lévanos a vivir unha estreita e fonda relación con El, o que vivimos, sentimos e facemos necesita ser alimentado cada día, para que ese amor non sexa só unha palabra baleira e reseca. Esta relación necesita ser alimentada pola oración, a comunicación, o diálogo repousado e fecundo con El. Un diálogo que supón entrar en comunicación sobre o que nos pasa, o que nos alegra e entristece; sobre os nosos logros e os nosos fracasos, sobre o que podemos facer e o que facemos. Deste xeito acabaremos convertendo a oración nunha experiencia viva e gozosa de amizade con El. Non deixemos que esta fermosa oportunidade que Deus pon diante de nós, pase de largo.

Oración da Comunidade
                Poñámonos nas mans do Señor, e fagamos chegar ata El as nosas ledicias e canseiras, dicindo:
Ensínanos a vivir o teu amor
                * Por todas as persoas, especialmente polas máis esquecidas, polas que son menos amadas, ás que debemos abrir a nosa man solidaria e o noso corazón cheo de amor. Oremos.

* Para que todos os orfos de pai e nai e de agarimo atopen no noso coidado a proba do teu amor. Oremos.
Ensínanos a vivir o teu amor
* Para que cada un de nós lle sexamos fieis a Deus e á xente nos nosos compromiso, como ti o fuches. Oremos.
Ensínanos a vivir o teu amor
* Para que a Verdade do teu Espírito triúnfe sobre a mentira con que actúan os poderes políticos para castigar ao Terceiro Mundo. Oremos.
Ensínanos a vivir o teu amor
Axúdanos, Deus Pai, co teu Espírito, a que vivamos unidos e sexamos coidadosos uns cos outros na familia, na parroquia, e así as nosas comunidades poderán anunciar o amor e a unidade que Xesús pediu a todos os seus seguidores, por Xesucristo, noso Señor. Amén.


FAINOS UNHA COMUNIDADE BOA NOTICIA



Fainos, Señor, unha comunidade boa noticia:
aberta, confiada, fraterna,
invadida polo gozo do teu Espírito;
unha comunidade entusiasta,
que saiba cantar á vida,
acoller o misterio,
vibrar ante a súa tarefa
e anunciar con alegría o teu Reino.

Que levemos o sorriso no rostro,
o xubilo nas entrañas,
a festa no corazón
e a felicidade a flor de pel
desbordándose por todos os poros.

Que non nos acovarden as dificultades,
tensións, diferenzas e conflitos
que poidan xurdir entre nós.

Que na nosa pobreza e debilidade
saibamos abrirnos, darnos e compartir
coa ilusión de quen se enriquece
e séntese ditoso co que fai.

Dá, Señor, a esta comunidade túa
unha gran dose de bo humor,
para que non deixe de cantar e buscar a paz
nestes tempos de inclemencia e violencia;
para que saiba desdramatizar
tantas situacións difíciles,
ambiguas e equívocas;
para que semente o consolo
e a esperanza entre os que sofren e choran.

Fainos expertos
en desfacer nós e romper cadeas,
en curar feridas e dar tenrura,
en abrir sucos e esparexer sementes,
en mostrar a verdade e defender a xustiza,
e en manter viva a esperanza.

Concédenos ser,
para todos os que nos ven e senten,
testemuñas da túa boa noticia,
e do gozo, a festa e a risa
que veñen gratis con ela.
ULIBARRI, Florentino. Al viento del Espiritu.


Cantos:
                                                                                     
ENTRADA: Pedras vivas  GLORIA
LECTURAS: Eu soñei
OFERTORIO: Eu sei de quen me fiei
COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas


Comentarios

Publicacións populares