LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 4 de Pascua (15/05/11)

DOMINGO IV DE PASCUA         CICLO A


Primeira Lectura      Feit 2, 14a. 36-41
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Deus constituíuno Señor e Cristo

            O día de Pentecoste, Pedro, de pé cos Once, levantou a voz e dixo:
            - Saiba con certeza toda a casa de Israel que Deus fixo Señor e Mesías a este Xesús a quen vós crucificastes.
            Ó sentiren isto, quedaron moi impresionados e dixéronlle a Pedro e aos outros apóstolos:
            ‑Irmáns, que debemos facer?
            Pedro respondeulles:
            ‑Arrepentídevos e cambiade, que cada un de vós se faga bautizar no nome de Xesús para o perdón dos seus pecados, e recibiredes o don do Espírito Santo. Porque a promesa é para vós e mais para os vosos fillos e para todos os que están lonxe, tantos como queira chamar o Señor, noso Deus.
            Con moitas outras palabras testificaba e animábaos, dicindo:
            ‑Salvádevos desta xeración ruín.
            Os que recibiron a súa palabra foron bautizados: e ese mesmo día xuntáronselles arredor de tres mil almas.

Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL      Sal 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6

R/. (1): O Señor é o meu pastor: nada me falta.
Ou: Aleluia.

O Señor é o meu pastor, nada me falta:
En pastos verdecentes faime repousar.
El lévame a beber en augas tranquilas
e repón as miñas forzas;

Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.
Se tiver de pasar por valgadas sombrizas,
ningún mal temería, pois ti vas comigo:
o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.

Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.

O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo
tódolos días da miña vida.
Eu habitarei na casa do Señor
por días prolongados sen fin.


Segunda Lectura    1Pe 2, 20b-25
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Convertéstesvos ao pastor das vosas almas

            Benqueridos irmáns:
            Se vos portades ben e, mesmo así, aguantades sufrimentos,
isto é precioso aos ollos de Deus.
            De feito chamouvos Deus para isto,
porque tamén Cristo sufriu por vós,
deixándovos así un exemplo para que sigades os seus pasos.
            El, que non fixo pecado,
nin engano se atopou na súa boca,
cando o aldraxaban, non devolvía aldraxes;
mentres sufría, non ameazaba,
senón que se puña nas mans do que xulga con xustiza.
            No seu corpo, el ofrendou os nosos pecados sobre a cruz,
para que nós, mortos ao pecado, vivamos para a xustiza:
curáronnos as súas chagas.
            Erades coma ovellas extraviadas,
pero agora volvéstesvos ao voso pegureiro e pastor.

Palabra do Señor                             
R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Xn 10, 14
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Eu son o bo pastor, di o Señor;
coñezo as miñas ovellas e elas coñécenme a min.
Aleluia.



Evanxeo     Xn 10, 1-10
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Eu son a porta das ovellas

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos fariseos:
            ‑Con toda verdade volo aseguro: o que non entra pola porta no curral das ovellas, senón que sobe por outra parte, é un ladrón e un bandido.
            En cambio, quen entra pola porta é o pastor das ovellas. A ese ábrelle o porteiro, e as ovellas escoitan a súa voz. Chama as súas polo nome e lévaas a fóra. Cando as dá sacado a todas, vai diante delas e as ovellas ségueno, pois recoñecen a súa voz.
            Pero a un alleo non o seguirán, senón que fuxirán del, pois non coñecen a voz dos alleos.
            Díxolles Xesús esta alegoría, mais eles non coñeceron que era o que lles daba a entender.
            Entón díxolles de novo:
            ‑ Con toda verdade volo aseguro: eu son a porta das ovellas. todos os que viñeron antes ca min eran ladróns e bandidos; pero as ovellas non os escoitaron. Eu son a porta; se alguén entra por min, salvarase: entrará e sairá e atopará pasto.
            O ladrón non entra senón para roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de abondo.

Palabra do Señor                             
R/. Loámoste, Cristo



ORACIÓN DA HUMILDADE

Xesús,
como un seguidor teu
eu quero escoitarte.
Quero aprender
a distinguir a túa voz entre moitas.
Quero coñecerte,
para seguirte,

Xesús.
Quero aprender
a diferenciar os teus rastros
nas pisadas dos camiños da vida.
Quero aprender
a escoitar o teu asubío
por entre a ramallada,
Xesús.

Oh, Xesús!
Como me sinto seguro e agradecido
nas túas mans poderosas!
Ti coñécesme,
e énchesme coa túa vida,
co teu alento,
coa túa resistencia,


Xesús.
Quero ser amigo teu,
quero estar unido a ti,
e contigo
quero estar unido ao Pai de todos.
E contigo e o Pai
quero estar unido
a todos os que sofren a marxinación.
E traballar con eles,
con intelixencia,
por unha vida digna na terra.

Quero coñecerte e seguirte.

M. Regal Un caxato para o Camiño 

Servidores ou vividores?
(DE REMOL DA PALABRA)
PÓRTICO
Cando falamos de pastor e de ovellas, quizá nos veña a imaxe de submisión, de obediencia cega, de “borreguismos”; porque se cadra e sen que nos deamos conta, ao noso mundo gustaríalle que fosemos así, que non tivésemos criterio propio. Así, os medios de comunicación crean opinión; a moda crea tendencias; os políticos deciden por nós; os pastores da nosa Igrexa falan no nome de todos os crentes....
Pero que lonxe está isto do que escoitamos na Palabra. Xesús, o Bo Pastor, chámanos polo noso nome, individualiza, coñece, respecta a nosa liberdade e as nosas decisións. El invita, non impón. Que desde esta decisión persoal non teñamos medo a responderlle afirmativamente ao que nos propón, sabedores de que é a nosa felicidade.

O PERDÓN
  • Porque en demasiadas ocasións vivimos dos demais, en lugar de vivirmos para os demais, SEÑOR, ESPERTA O NOSO OÍDO.
  • Porque moitas veces nos deixamos levar polo que outros din, sen darnos conta de que unha cousa, inda que sexa mentira, ao repetila moitas veces acabamos crendo que é verdade, CRISTO, ESPERTA O NOSO OÍDO.
  • Porque non somos capaces de recoñecer o mal que cos nosos comentarios e medias verdades lle podemos facer aos demais, SEÑOR, ESPERTA O NOSO OÍDO.

REMUÍÑO
  • Na festa do Bo Pastor,que sempre celebramos no cuarto domingo de Pascua, os textos que acabamos de proclamar queren ser unha invitación, desde este sentido de alegría e esperanza que nos trae a Pascua, a que tomemos conciencia que comunidades e pastores van sempre unidos. Que unha sen a outra esmorecería. Que serían os pastores se o seu labor non fose un servizo sincero, sinxelo e achegado no medio das comunidades? E que sería das comunidades sen pastores que invitan a celebrar e compartir a Eucaristía, expresión de compromiso e servizo aos demais, especialmente aos máis necesitados? Non nos diferenciariamos moito dunha gran empresa multinacional que busca resultados, ganancia e se move entre números .Pero entre nós non ha ser así, non pode ser así. Pastores e comunidades temos que ir xuntos, da man, no anuncio, celebración e compromiso. E que mellor que este tempo de Pascua para cargar pilas e continuar neste tarefa de comuñón?

  • Porén, falar hoxe de pastores e de ovellas causa confusión e malestar, debido á ambigüidade destes termos e ao seu contido cultural actual. A ninguén nos gusta que nos identifiquen cun rabaño de ovellas, por moito que o idealicemos. Nós queremos ser libres e creativos, marcar as nosas propias metas, sinalar cales son os nosos obxectivos, cumprir as nosas normas, utilizar os nosos medios...... e así rebelámonos contra todos os que manipulan ás persoas ou tentan aproveitarse delas, tratándoas coma ovellas. Sublévanos que alguén nos diga que temos que pensar ou que temos que facer; agoníanos a masificación e o “borreguismo”. Porén, o texto bíblico non ten ningunha connotación negativa. Unha vez máis a palabra que vimos de proclamar danos unha boa lección: recalca, por unha parte, a liberdade das ovellas, que seguen a un e foxen do outro, segundo coñezan ou non a súa voz. Por outra banda, sinala a diferenza entre o bo pastor e o asalariado, entre o bo líder que está ao servizo da comunidade e aquel que só busca beneficio e proveito propios... Canto camiño nos queda por percorrer para poñernos ao carro!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!

  • Por iso, fai falla que nos preguntemos que estamos dispost@s a facer polos demais, que podemos achegar nós para xerar unha nova forma de estar na política, nas asociacións, na familia, na propia Igrexa, que podemos facer para ser unha comunidade de persoas de servizo mutuo e non unha pirámide que cómpre escalar. Porque non haberá unha Igrexa democrática mentres teñamos unha actitude gregaria, mentres permitamos que os pastores anden a soldo, sen cariño polo rabaño, mentres non esteamos dispost@s a poñer algo de nós para o servizo común.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Neste domingo do Bo Pastor, unímonos para compartir como comunidade oración e vida, xunto a Cristo que nos guía e acompaña, e dicimos:
O SEÑOR É O MELLOR PASTOR, NADA NOS FALTA

*                        Señor, queremos orar coa Igrexa, coa comunidade de tódolos cristiáns, para que perda o medo ó mundo e á sociedade e, sen tratar de impoñer, sexa quen de amosar a toda a humanidade o espírito de diálogo, tolerancia e amor que vén do Resucitado, OREMOS.
O SEÑOR É O MELLOR PASTOR, NADA NOS FALTA

*                        Grazas, Señor, por seguir dándonos exemplos de comunidades e de pastores, responsables e animadores de grupos e parroquias que vencen a tentación do poder, e viven e camiñan no servizo aos máis pobres. Por todas estas persoas, OREMOS.
O SEÑOR É O MELLOR PASTOR, NADA NOS FALTA

*                        Abramos o noso corazón para que a nosa oración sexa verdadeiramente gozosa e solidaria, tendo presente a tantas persoas ás que os problemas de traballo, as dificultades de saúde, os fracasos nas súas relacións persoais e familiares e a dor pola perda de seres queridos, lle fan difícil poder entender e sentir este tempo de Pascua como tempo de alegría e esperanza. Por todas elas, OREMOS.
O SEÑOR É O MELLOR PASTOR, NADA NOS FALTA

Grazas, Señor, por seguir apostando cada día por nós e querendo ser, a pesares da nosa moita incoherencia, o noso Pastor. P.X.N.S.

PARA A REFLEXIÓN

O Señor é o meu pastor, nada me falta.

Apacéntame en verdes praderías,
condúceme cara ás fontes do descanso,
repara as miñas forzas.

Coñece os meus proxectos e ilusións,
guíame polos camiños da xustiza,
ensíname os tesouros da vida
e asubía cancións de ledicia,
polo amor do seu nome.

Aínda que pase por vales escuros
non lle teño medo a nada nin a ninguén,
pois El vai canda min,
protexéndome de trampas e de inimigos.
A súa vara e o seu caxato danme seguridade.
Aínda que os meus traballos sexan duros e urxentes,
non me agonío nin perdo a paz,
pois a súa compaña procúralle serenidade ao meu obrar,
colmando os meus desexos e o meu ser.

Cada día, con graza anovada,
pronuncia o meu nome con tenrura
e chámame onda el.
Cada mañá únxeme con perfume;
e permíteme brindar ao anoitecer,
coa copa rebordante de paz.

Grazas ao Señor que me crea, sostén e guía
coa súa presenza cargada de vida!


CANTOS
v      ENTRADA: Camiñando pola vida
v      GLORIA
v      LECTURAS: Xesús é Señor
v      OFERTORIO: Bendito Ti, Señor Resucitado
v      COMUÑÓN: Ti es camiño e verdade




Comentarios

Publicacións populares