Ficha e lectio: Domingo 4 ORD A
ADAPTADO DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO IV T. O.
(29. I. 2017)
Como
limiar e preparación para a grande ensinanza de Xesús do evanxeo sobre as oito
benaventuranzas ou, mellor sería dicir, sobre as “oito felicidades”, as
lecturas convídannos xa dalgún modo a elas: “Buscade o Señor –dinos o profeta
Sofonías- tódolos pobres do país..., buscade a xustiza, buscade a humildade”. E
Paulo vai nesta mesma liña, cando describe así os cristiáns de Corinto na súa:
“Entre vós non hai moitos sabios,
poderosos ou nobres... Ó contrario, o que hai de parvo no mundo, iso foi escoller
Deus para desconcertar os poderosos; o plebeo e mailo desprezado, o que non é,
iso foi escoller Deus para anular ó que é”.
Paulo
intentara xa antes anunciarlles a Boa Nova, a “feliz” noticia do Evanxeo, ós
“sabios” de Atenas. Pero estes, moi satisfeitos de si mesmos e do seu saber e
poder, a pouco de empezar a escoitalo, e sobre todo ó oírlle falar da
resurrección dos mortos, despedírono en ton burlón dicíndolle (tal como se nos
conta nos Feitos dos Apóstolos: 17, 32): “Ben, home, ben. Diso xa te
escoitaremos noutra ocasión”. Dalgunha maneira se pode dicir que foron os
“sabios” atenienses os que lle aprenderon a Paulo que os que se senten cheos de
si mesmos non poden xa ter sitio en si para a boa ou “feliz” nova do Xesús das “oito
felicidades”.
Si.
Non pensemos que Xesús, ese gran misterio de Deus que se agacha no Xesús de
Nazaret, quere ou busca a nosa desgraza, a nosa infelicidade. Se fose así, hai
tempo que tería desaparecido calquera rastro de cristianismo. Pois foi Deus mesmo
quen nos creou, quen nos fixo, precisamente con desexos e anceios infindos de
felicidade. Só Deus pode darnos tales desexos e só el pode tamén satisfacelos
totalmente. O que pasa é que os camiños que nos levan á felicidade, á unha
felicidade fonda e perdurábel, non son os que á primeira vista o parecen ou os
que certa propaganda ou determinados intereses políticos ou comerciais nos
propoñen.
Os
occidentais, quero dicir, os países tecnoloxicamente máis avanzados, pensamos
con frecuencia que a felicidade das xentes dun país concreto está directamente
relacionada co seu PIB, co seu “Produto Interior Bruto”. Nisto, como tamén seguramente
noutras cousas, estamos equivocados. Xa no ano 1972 o rei de Bután (un pequeno
país montañoso entre a India e China) propuxera que o benestar dun país habería
que medilo non polo PIB senón polo FIB, é dicir, pola “Felicidade Interior
Bruta”. Este FIB apoiaríase sobre catro piares: promoción dun desenvolvemento
sostible e igualitario; preservación e promoción dos valores culturais propios;
conservación de medio ambiente e, finalmente, estabelecemento dun bo goberno no
país. Posibelmente, o rei de Bután levaba razón coa súa proposta. Sabemos, por
exemplo, concretamente que algúns dos países máis ricos do mundo, como Suecia,
Noruega ou Finlandia, teñen as cotas máis altas de suicidios do mundo. Como
adoitamos dicir, máis vale ser que ter. Ou, como escribía o filósofo francés
Roger Garaudy, “no sur mórrese por falta de medios, mentres que no norte por
falta de fins”.
Por
iso non debería considerarse tampouco absurdo ou pura e simple utopía, aínda
que poida ser xulgado “politicamente incorrecto”, o camiño, proclamado por
Xesús hai vinte séculos, que nos levaría á felicidade e á verdadeira plenitude
humana.
É
verdade que de tantas veces oídas, as oito “felicidades” ou benaventuranzas do
chamado “Sermón do monte”, poden xa esvararnos nos oídos ou soarnos –como
adoitamos dicir- a música celestial. Pois ben, Xesús fálanos das oito
“felicidades” como algo que procede tamén da súa propia experiencia como ser
humano entre seres humanos, os homes e as mulleres do seu tempo cos que
convivía. As oito felicidades veñen ser así en realidade un espello que
reflicte a persoa e o modo de se comportar o propio Xesús e quen queira seguilo
consecuentemente na súa vida. Xesús, efectivamente, é “pobre no espírito” (é
dicir, pobre de verdade e por propia querenza e decisión), Xesús “chora”
(lembrádevos, por exemplo, da escena previa á resurrección do seu amigo
Lázaro), Xesús é “sufrido”, Xesús é “famento e sedento de xustiza”, Xesús é
“misericordioso”, Xesús é “de corazón limpo”, Xesús “traballa pola paz”, Xesús
é, finalmente, “perseguido por causa da xustiza”. Foi xustamente esta última
“felicidade”, a de ser “perseguido por causa da xustiza”, o que o levou á morte
e, seguidamente, á felicidade plena da resurrección.
Si,
as “oito felicidades” proclamadas por Xesús ante a multitude que o escoitaba no
cumio dun monte, veñen ser como o abrente ou a alborada dun novo sol (lembrade
o que comentabamos no último domingo sobre Xesús como “luz do mundo”). Un novo
sol, que espalla os seus raios de luz sobre o val e a terra para facer xurdir
un novo día, unha nova época. Un novo “Reino dos Ceos” (como nos di o apóstolo
Mateo), que se fará realidade se todos nós colaboramos á súa chegada, sendo -coma
o Mestre- pobres no espírito, sufridos, famentos e sedentos de xustiza,
misericordiosos, de corazón limpo, traballadores pola paz e perseguidos por
causa da xustiza.
Non
nos deixemos levar pola incredulidade ou pola desesperanza á vista da crúa
realidade dos acontecementos que ocorren ó noso arredor ou polo mundo adiante.
Xesús chama ditosos, felices, a cantos proceden así, é dicir, ós que están
atentos e decididos á levar á práctica a súa ensinanza das “oito felicidades”.
Felicidade que empeza xa neste mundo, pero que chegará á súa plenitude no
vindeiro, coa resurrección na que cremos e esperamos.
Porque
a palabra de Xesús garante, ós que viven e practican estes xeitos de se
comportar, que “serán consolados”, que “herdarán a terra”, que “ficarán fartos”
ou se encherán de plenitude, que “serán tratados con misericordia”, que “serán
chamados fillos de Deus”, que “verán a Deus”.
Que
máis podemos querer ou pedir?
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Preguémoslle a Deus Pai que nos dea entendemento e
adhesión ó espírito e á práctica das benaventuranzas nas nosas vidas, dicindo: Escóitanos, Pai.
Todos: Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, fe e graza para crer e practicar as
benaventuranzas proclamadas polo teu fillo Xesús.
Todos: Escóitanos, Pai.
- Concédenos, Pai, espírito de pobreza e mais fame e sede
de xustiza.
Todos: Escóitanos, Pai.
- Troca, Pai, o noso corazón nun corazón
limpo, pacífico e misericordioso.
Todos: Escóitanos,
Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús
Cristo, Fillo teu e irmán noso. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
http://www.gruposdejesus.com/4-tempo-ordinario-mateu-51-12/
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2017/01/29-de-xaneiro-domingo-4-do-tempo.html
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2017/01/29-de-xaneiro-domingo-4-do-tempo.html
Comentarios
Publicar un comentario