FICHA E LECTIO: Bautismo de Xesús ciclo A




LECTIO:

BAUTISMO DO SEÑOR
(Ano A: 8 de xaneiro 2017)

            Polo menos os máis maiores de nós recibimos o bautismo cando eramos moi pequenos. Os nosos pais ou padriños leváronnos no colo á fonte bautismal e as augas do sacramento recibido, sen sermos conscientes do que alí pasaba, transformáronnos oficialmente en cristiáns e uníronnos ó corpo místico de Cristo, á súa Igrexa. Isto é, máis ou menos, o que limos ou temos escoitado sobre o que nos ocorreu entón. En calquera caso, trátase dun rito. Mais o importante é o que se agacha no rito. Se, andando o tempo, non asumimos persoalmente o que o rito significaba, de pouco nos valeu o rito. Porque o bautismo debería ser en realidade unha fonda transformación, un mergullarse nas augas purificadoras de Deus, para deixármonos levar pola súa claridade, o seu frescor, o seu poder vivificador.
            En calquera caso, a Xesús non o bautizaron sendo neno. Ou se queredes, si, recibiu un modo especial de bautismo sendo un neno. Ese bautismo –poderiamos dicir- foi o de nacer pobre e entre pobres, aínda que moi rico nun grande amor: o que seus pais, Xosé e María, lle deron. A natureza, as persoas marxinadas, plantas e animais convertéronse na súa primeira auga bautismal, purificadora e vivificadora. Desde entón, sentiuse Xesús para sempre identificado cos pobres e necesitados. O seu Pai Deus aprendeulle así, desde o máis fondo, que eles eran tamén e de maneira especial irmáns del, de Xesús, e polo tanto irmáns tamén nosos.
            Este que poderiamos chamar, como digo, primeiro bautismo de Xesús recibiu moito máis tarde a súa forma ritual ó ser bautizado polo Bautista, palabra que quere dicir o que somerxe, o “mergullador”. Pois o bautismo era daquela practicado por “inmersión” na auga. Claro que o humilde Bautista non quería realizar ese rito con Xesús, porque –como ben pensaba- era máis ben o propio Xoán Bautista quen se debería deixar bautizar por el.
            Como vedes, o bautismo do Señor foi moi distinto do noso infantil bautismo. Se nós eramos entón infantes inconscientes, Xesús era xa un mozo adulto, que se estaba a abrir paso na vida. No seu caso foi, pois, un acto moi consciente e persoal. Xesús sentiríase atraído, como tamén outros compañeiros ou coñecidos seus, pola figura, o comportamento e as palabras do Bautista que chamaba á conversión e a preocuparse por facer o ben desde o seu propio e persoal testemuño de vida. Moito do atractivo do Bautista consistía en que aquilo que predicaba ou proclamaba o estaba a levar á práctica na súa propia vida. Pois el era unha persoa consecuente coa experiencia que sentía de Deus no seu interior, por limitada que fose esa experiencia súa, a de Xoán Bautista, se a comparamos coa de Xesús.
            Pola súa parte, Xesús percibía en si mesmo unha moi fonda e misteriosa experiencia de sentirse querido por Deus, por un Deus que se lle manifestaba a el como o seu paiciño querido. Xesús falaba con absoluta confianza co seu Pai Deus, que o quería a el, a Xesús, infinitamente. Mateo dinos que, tras ser bautizado, “se oíu desde o ceo unha voz que dicía: Este é o meu fillo benquerido, o predilecto”.
            Non deixa de ser curioso e sorprendente. Xesús déixase bautizar por Xoán. Mais o que se produce en Xesús tras este bautismo é algo moi diferente do que ocorría co bautismo de Xoán. Os entendidos dinnos que Xoán Bautista centraba toda a súa predicación e a súa práctica relixiosa no pecado, convidando e intimando os  pecadores á conversión, pero, a diferenza de Xesús, Xoán non tiña xestos de compaixón, de misericordia ou de bondade coa xente. Xoán Bautista non se preocupaba dos enfermos, dos nenos, dos leprosos, dos marxinados ou marxinadas. Habitaba no deserto. Xesús, en cambio, percorrerá toda Galilea, achegándose ós lugares onde estaba a xente, curando, consolando, facendo ben a todos.
            Aparentemente, Xesús era un máis dos que se achegaban ó Bautista para se deixar interpelar por el. Neste sentido, podemos dicir que Xesús estaba tan unido ó seu Pai Deus coma ó seu pobo, á súa relixión, á súa cultura, á súa lingua, ós seus costumes. Mais no interior de Xesús ardía tamén un lume divino e espiritual que el quería que servise para dar luz e calor a todos. Era o lume interior que procedía de se sentir Fillo “benquerido” de Deus e irmán de tódalas persoas do mundo enteiro. Era a luz e a calor que el quería esparexer entre todos. A luz e a calor de sermos e sentírmonos todos fillos de Deus e irmáns uns dos outros.
            Esta unión e intimidade de Xesús con Deus-Pai e con toda a humanidade foi a que fixo que o seu achegamento ó Bautista non fose máis có comezo da súa propia misión “evanxelizadora”, é dicir, anunciadora de boas ou alegres noticias. Aquilo que o papa Francisco concentrou na súa primeira encíclica, que leva como título “A alegría do Evanxeo”. Xesús cumpre, pois, ó ser bautizado polo Bautista, cun rito relixioso, pero non para ficar fixado nel, petrificado coma quen di, inmóbil e satisfeito co rito cumprido. Non. Xesús, a través deste acto penitencial vaise converter nunha persoa definitivamente libre para se deixar levar, polo Espírito e polo Pai, onde queiran levalo durante o resto da súa complicada vida.
            En certo modo, no bautismo de Xesús ten o Bautista unha función moi secundaria. O protagonista da interna transformación operada en Xesús é Deus mesmo, o Deus Pai de Xesús e o seu Espírito, que se pousa sobre a cabeza de Xesús, como nos di Mateo, coma unha pomba. Por iso, Xesús non se converte, como era o seu bautizador Xoán, nun ardente fustrigador do pecado, senón, polo contrario, nun anunciador da alegría do evanxeo. Todo isto grazas a que nel, en Xesús, habitan felices e contentos o Deus Pai, que o “quere ben”, e o Deus Espírito amoroso.
            Mais é aquí onde cómpre engadir e lembrar algo moi importante. Tamén nós, os que fomos bautizados de nenos, fomos de feito bautizados, tal e como se di na ritual fórmula do bautismo, “no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo”. Agora ben, alí onde están o Pai, o Fillo e o Espírito alí está o Deus Pai de todos, que nos converte por medio do seu Espírito en fillos seus e irmáns de Xesús e de tódolos seres humanos.
            A festividade do Bautismo de Xesús é así un convite formal a todos nós a lembrarmos e a profundarmos no acontecemento do noso propio bautismo.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS:
            Pidámoslle a Deus Pai que faga descender sobre nós e sobre tódalas persoas do mundo a experiencia de sentírmonos irmáns e fillos dun mesmo Pai, dicindo: 
ESCÓITANOS, Pai.
            - Dános, Pai, unha fe fonda na divindade e humanidade do teu fillo Xesús. 
Todos: ESCÓITANOS, Pai.
            -Concédenos, Pai, sentirmos a presenza en nós do teu Espírito Santo, no que fomos mergullados no noso bautismo. 
Todos: ESCÓITANOS, Pai.
            - Fai, Pai, que medre en nós a fe en ti, como dador de todo ben, de todo sentimento filial e de toda liberdade. 
Todos: ESCÓITANOS, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Señor e irmán noso, e en unión co Espírito Santo. AMÉN.


                                                                                              

Manuel Cabada Castro


VER MÁIS:





Comentarios

Publicacións populares