Ficha e Lectio: Domingo 2 de Ord A
FICHAS:
ADAPTADO DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
Domingo II T. O.
(Ano A: 15. I. 2017)
Seguen
a resoar no evanxeo de hoxe temas temas e experiencias de lecturas de días
anteriores, do tempo de Nadal.
Así,
despois da Segunda Lectura, dise ou cántase: “Aleluia, aleluia. A Palabra
fíxose carne e habitou entre nós; a cantos a recibiron deulles o poder de seren
fillos de Deus. Aleluia”. De novo a gran
nova de que se “recibimos” a Palabra de Deus “feita carne”, somos por esa
recepción, por esa fe na Encarnación de Deus, nada máis e nada menos que
“fillos de Deus”. Con todo o que iso leva consigo: dignidade “divina” de cada
un de nós e de tódalas persoas e mais destino de tódolos seres humanos a un
vivir, máis alá da nosa morte
individual, en familiaridade eterna con Deus e con toda a humanidade
glorificada. Conforme a esa nosa dignidade de sermos “fillos de Deus” e
pertencentes polo tanto á familia de Deus como inmerecido don de Deus mesmo.
Volve
tamén Xoán Bautista a estar connosco no Evanxeo, dando testemuño dese Xesús
misterioso que, en compaña de pecadores e xentes sinxelas e abertas á
misericordia e ó perdón, se achegan a seren bautizadas por Xoán. O testemuño de
Xoán acerca de Xesús segue a ser importante para nós e para o noso tempo. Xoán,
con ser el grande (“o meirande dos nados de muller”, tal como dicía del o mesmo
Xesús), dá testemuño da superior grandeza de Xesús cando Xoán nos di sobre o
fillo de Xosé e de María: “Detrás miña vén un home que pasa diante miña, pois
existía primeiro ca min”.
A
grandeza do “home” Xesús é para Xoán moito maior do que se podería pensar, pois
o propio Xesús preséntase no Xordán coma un pecador máis que vén para ser
bautizado e congraciado con Deus por medio do Bautista. Por iso Xoán proclama
de maneira solemne: “Eu vino e dou testemuño de que este é o Fillo de Deus”. Non
un fillo máis de Deus, como podemos
ser e somos de feito todos nós en canto fillos tamén de Deus pola súa graza.
Non. Xesús é proclamado por Xoán como “o
Fillo”, o Fillo único do Pai Deus, igual có Pai en eternidade, en poder ou en
bondade.
Mais
Xoán experimenta, ve e proclama tamén o “home” Xesús como asociado non só co
Pai (en canto “Fillo” del), senón tamén co “Espírito”, co “Espírito Santo”, esa
segunda persoa da Santísima Trindade coa que sería ben bo que falásemos de
xeito familiar e frecuente nas nosas oracións. Pois o Espírito Santo –se é que
podemos expresarnos deste modo- vén ser algo así como o corazón mesmo dese noso
Deus trinitario, que é Pai, Fillo e Espírito.
Xoán
dános claro testemuño desta asociación, desta unión de Xesús non só co Pai,
senón tamén co Espírito Santo: “Eu vin o Espírito –dinos o Bautista- baixar do
ceo como unha pomba e pousar enriba del”.
Dáse
aquí tamén outra asociación máis e moi importante para nós, aínda que poida
quedar un pouco agachada no relato do evanxeo. Na escena que aparece
directamente ante nós, o Pai, o Fillo e o Espírito amósanse conxuntamente, en
unión, en comuñón. Mais cómpre non esquecer que Xesús está en compaña doutros,
as demais persoas que escoitan a Xoán e desexan ser bautizados por el. Xesús
aparece como “un de tantos”. Tal como o proclamaba Paulo, na carta ós
Filipenses, cando lles dicía ós destinatarios da súa carta que “Xesús se
despoxou do seu rango e tomou a condición de escravo, pasando por un de
tantos”. Resulta, pois, deste xeito que a Santísima Trindade en pleno, o Deus
trino e un, o Deus Pai, Fillo e Espírito, está unido a todos nós, a toda a
humanidade, grazas á humanidade de Xesús.
E
podemos aínda engadir algo máis. Resulta tamén que o Deus único, que é Pai,
Fillo e Espírito, aparece aquí unido, asociado, con toda a creación,
simbolizada e presente nas augas do Xordán, onde se mergulla Xesús polo
bautismo de inmersión que practicaba Xoán.
Este
Xoán, o Bautista, ten aínda unha indicación máis, e preciosa, sobre quen é
Xesús. De si mesmo dicía o Bautista que el bautizaba “con auga”, mergullando os
que se achegaban a el na auga do Xordán. “Eu bautizo con auga”, dinos Xoán.
Pero dirá, en cambio, sobre Xesús: “El é o que bautiza con Espírito Santo”.
O
que quere dicir: Xesús é quen nos “mergulla” no “Espírito Santo”, é dicir, no
Deus como bondade, tenrura e forza que o pode todo e que está máis alá de
calquera rito formal concreto. De modo que estamos así, grazas a Xesús,
verdadeiramente “mergullados” en Deus, que é a nosa casa, a nosa felicidade, o
noso poder. Ceibes polo tanto de calquera medo, anguria ou poder que nos poida
ameazar.
Unha
vez máis, teremos que agradecer na nosa Eucaristía (que significa “acción de
grazas”) ó noso Deus a súa grandeza e a súa bondade: El está sempre connosco,
en Xesús, El é o “Emmanuel”, o “Deus connosco”.
Vivamos,
pois, e axudémonos uns a outros a vivir conforme a esta realidade misteriosa na
que cremos: a de sermos fillos dun mesmo Pai, irmáns entre todos e en íntima unión
co Espírito Santo, no que todos por graza de Deus estamos mergullados.
Para
rematar. Non podemos deixar de facer alusión á “Xornada Mundial das
Migracións”, da que hoxe fai lembranza a Igrexa en todo o mundo. As migracións,
os inmigrantes ou emigrantes dun país a outro, dunha cultura ou lingua a outras
diferentes son feitos que están aí diante de nós. A situación política e social
de Galicia desde o comezo da época moderna fixo da nosa terra durante séculos
un país de emigrantes. Incluso agora, dada a persistente e difícil situación económica,
volve de novo entre nós a emigración. Como cristiáns temos que estar atentos a
estas situacións. Ós que veñen onda nós e é ós que teñen que irse. Debemos
acompañalos coa clara conciencia de que son irmáns nosos debido á nosa común
irmandade con Xesús, Fillo de Deus. Todos eles teñen unha dignidade que nós non
lles podemos arrebatar en modo algún. Temos que facer que os seus dereitos humanos,
culturais, sociais ou económicos sexan respectados, porque a súa dignidade vén
de Deus, non de nós. E se Deus quere e respecta esa dignidade súa, non podemos
nós comportarnos doutra maneira. Ben atentos así a aquilo que se nos conta nos
Feitos dos Apóstolos sobre a sorpresa do apóstolo Pedro ó se decatar de que,
tal como alí se nos di, “Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta a
quen lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa”.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Deus
Pai de todos, presentámosche as nosas oracións, por medio de Xesús, irmán noso,
en unión co Espírito Santo que nos convida a presentarchas, dicindo: Escóitanos, Pai.
Todos: Escóitanos, Pai.
-
Fortalece
a nosa fe en Ti, Pai, no teu Fillo Xesús, e no Espírito Santo.
TODOS: Escóitanos, Pai.
-
Fai
que todos nos sintamos unidos coa creación enteira e a saibamos respectar e
amar.
TODOS: Escóitanos, Pai.
-
Dános
un corazón aberto e misericordioso cos inmigrantes, aprendendo a velos como
irmáns nosos e fillos teus.
TODOS: Escóitanos,
Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario