Ficha e Lectio: Domingo 3 de Ord A
ADAPTADO DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO III T. O.
(Ano A: 22. I. 2017)
As
lecturas deste domingo fálannos sobre todo de Xesús Cristo como “luz” e como
“centro” do seu reino, é dicir, dos que nos chamamos cristiáns e de tódalas
persoas de boa vontade; en definitiva, de cantos no seu interior intentan ser
fieis á súa conciencia. Xesús mesmo proclamárao xa nalgún momento, tal como se
nos conta no Evanxeo de Xoán (8, 12) ó dicir de si mesmo: “Eu son a luz do
mundo. Quen me segue non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida”.
O
profeta Isaías anunciara tamén esta luz dalgunha maneira, tal como escoitamos
na 1ª Lectura, cando falaba de que “o pobo, que camiñaba na escuridade, viu
unha gran luz”. No Salmo responsorial, despois da lectura de Isaías, así o
acabamos de proclamar pola nosa parte ó dicirmos: “O Señor é a miña luz e
salvación”. Nos Evanxeos é moi frecuente, sobre todo no de Lucas, a alusión a
Xesús como “luz”: “Visitaranos o sol que nace do alto, para alumar os que viven
en tebras e na sombra da morte” (Lc 1, 78-79), “luz para alumar as nacións” (Lc
2, 32), etc.
Se
Xesús é luz, entón é el quen aluma e orienta na escuridade. Sabemos ben que sen
luz andamos desnortados e non sabemos cara a onde camiñamos. Por iso de noite
quedámonos normalmente na casa ata que volva raiar o sol pola mañá, a non ser
que fagamos uso de algo que se parece un chisco ó sol, como a luz eléctrica ou
unha boa lanterna. Cando eu era cativo e aínda non había luz eléctrica na miña
pequena localidade natal, lémbrome ben do que ocorría cando era de noite. Se
algún veciño da aldea nos visitaba entre lusco e fusco e se marchaba entrada xa
a noite despois de parolarmos xuntos á calor do lume da lareira, comportábase
el así: collía unha acha do lume da lareira e levábaa na man movéndoa
alternativamente dun lado para outro. A acha ardente facía as veces de sol pola
noite. Dese modo non tropezaba no camiño ata deixar de novo na lareira da súa
casa a acha que lle servira de axuda na escuridade.
Ben
sabemos da importancia que ten o sol como fonte de luz, de calor e de vida para
todo canto existe nesta terra nosa. Os faros do mar (ese pequenos soles
nocturnos) para iso están: para orientar os mareantes e advertilos da presenza
de calquera perigo para a embarcación. Agora ben, ser luz é ser tamén centro de
atracción e de conxunción. Como as bolboretas se amorean de noite arredor da
luz, así a Xesús deberiámolo sentir como foco de atracción e centro das nosas
vidas. Por iso non lle gustaba a Paulo, na súa carta ós Corintios, que aqueles
que recibiran a gran nova de Xesús deixasen logo de considerar Xesús como o seu
verdadeiro e único centro ó diciren uns e outros: “Eu son de Paulo, eu de
Apolo, eu de Cefas, etc.”.
Un
verdadeiro cristián, é dicir, un seguidor e amigo de Cristo, terá que ser
sempre, máis alá das comprensibles e inevitábeis diferenzas, un construtor de
unidade, de amor e de paz (non de divisións) entre cantos son (e sómolo todos)
irmáns seus. Porque Cristo, tal como di Paulo, tampouco “está dividido”. El é
xustamente quen nos uniu a todos consigo e co Pai, na forza e no poder do
Espírito Santo, formando entre todos un mesmo corpo, como tantas veces repite
Paulo. Por iso lles pide Paulo ós de Corinto que “se axeiten todos nun mesmo
espírito e nun mesmo pensamento”.
A
luz atrae, crea unidade e amizade. Así deberon percibir a Xesús aqueles catro
pescadores da ribeira do mar de Galilea (entre eles o noso Santiago), cando
decidiron seguir Xesús, que os chamaba e convidaba a seren “pescadores de
homes”, deixando barca, redes e pai. E iso que o de ser pescador, de mar ou de
río, é cousa que para quen practica ese oficio vén sendo case como unha
verdadeira vocación. O famoso Frei Martiño Sarmiento, que no século XVIII foi
un gran defensor da cultura e da lingua galega desde a súa cela do mosteiro de
Madrid (aínda que nacera nas pontevedresas terras de Cerdedo), dicía nunha das
súas cartas: “Vivindo en Asturias no ano 1721 ofrecéuseme a ocasión de
sospeitar para que profesión concreta nacera. Quen me crerá? Sospeitei que
nacera para ser pescador de cana. Tanto me gustaba ese exercicio o pouco tempo
que me dediquei a el”.
Ben.
Na tarefa de pescar faise exercicio de esperanza, de paciencia e de ilusión.
Iso non deixa de ser fermoso e atractivo. De tódalas maneiras, os novos
apóstolos (Pedro, Andrés, Santiago e Xoán) continuarán a practicar agora, unha
vez convertidos en “pescadores de homes”, as mesmas virtudes que dalgún modo xa
antes practicaran.
Agora
ben, o importante aquí é decatármonos de que é sempre Xesús quen chama e atrae.
Coma o sol. Xesús é, en cuanto luz, o que ilumina e abre así o camiño para a
nova vida daqueles pescadores que agora van ser reciclados en apóstolos da Boa
Nova. A luz é sempre o primeiro: a que abre novas realidades ós que son
iluminados por ela. A luz, é dicir, Xesús é quen leva sempre a iniciativa, quen
convida e dá azos.
Todos
nós (e non só os apóstolos) estamos chamados, convidados, ó seguimento de
Xesús, é dicir, a anunciarmos a boa nova do amor de Deus a tódolos fillos seus,
irmáns nosos, e a traballarmos para que a irmandade entre as persoas non sexa
só unha fermosa idea, unha fermosa utopía, senón realidade e vida concreta onde
queira que esteamos.
Deste
xeito poderemos ser nós tamén luz nun mundo, o de hoxe, que precisa de persoas
que saiban comunicar a grandeza e a alegría que Deus nos trae a todos no seu
Fillo Xesús. É o que o papa Francisco nos vén dicir na súa Exhortación “A
alegría do evanxeo” con frases coma estas: “Con Xesucristo sempre nace e renace
a alegría”. “Un evanxelizador non debería ter permanentemente cara de funeral”
e outras frases semellantes. É a mesma alegría da que xa falaba Isaías na
primeira Lectura: “Multiplicaches o xúbilo, fixeches grande a ledicia.
Alegráronse coa túa presenza, como coa alegría da seitura, o mesmo que saltarán
de xúbilo ó repartiren o botín”.
Sería
bo, pois, que seguísemos o consello que dá Paulo na súa carta ós Efesios (5,
8-9): “Antes erades tebras, pero agora sodes luz no Señor. Así que andade como
fillos da luz (porque a luz é toda bondade, xustiza e verdade)”.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Presentémoslle
ó noso Pai Deus as nosas oracións, pedíndolle fe para podermos crer no seu
fillo Xesús como Luz do mundo e para que saibamos esforzarnos en ser luz para
os demais, dicindo: Pedímoscho, Pai.
TODOS: Pedímoscho, Pai.
- Dános, Pai, fe fonda e agradecida no teu Fillo
Xesús como luz do mundo.
Todos: Pedímoscho,
Pai.
- Apréndenos, Pai, a seguirmos os camiños lúcidos
da verdade e do ben e a abandonar
os vieiros escuros e tebrosos do mal.
Todos: Pedímoscho, Pai.
-
Dános, Pai, alegría e entusiasmo
cordial no anuncio e práctica do evanxeo, como
nolo pide o papa Francisco.
Todos: Pedímoscho,
Pai.
Pedímoscho
de corazón, Pai, por medio de Xesús Cristo, Fillo teu e irmán noso, en unión co
Espírito Santo. TODOS: AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario