Ficha e Lectio: Domingo 28 ORD C
FICHA:
LECTIO:
DOMINGO XXVIII T. O.
(Ano C: 9 de outubro de
2016)
Sabemos,
por moitas informacións que recibimos, das traxedias nas que se ven envoltas
moitas persoas que do continente africano intentan atopar entre nós, en Europa,
unha vida máis digna cá que poden ter nos seus países de orixe ameazados pola
pobreza e as guerras. Xente que intenta con dor fuxir dos seus países atafegada
pola necesidade e a angustia, mais que se atopan coa oposición ou a indiferenza
dos países europeos, que non ven con bos ollos acoller a esas persoas que desde
fóra se achegan a nós. Pola súa parte, o que polo menos a inmensa maioría deles
pretenden é poder seguir vivindo e dispoñer de oportunidades para axudar as
súas familias.
Estas
persoas aseméllanse moito a aqueles impuros, gafos ou leprosos, dos que se nos
fala no Evanxeo. Nos tempos de Xesús debían vivir afastados dos lugares normais
onde vivían as persoas consideradas decentes. Era xente impura, enferma,
pecadora. O pecado estaba unido á súa enfermidade. De modo que ademais de padeceren
unha concreta doenza física eran considerados como ritualmente impuros. Con
eles había que falar dende lonxe, a voces, tal como tamén eles o fan con Xesús,
para lle dicir: “Xesús, Mestre, ten dó de nós”. Non sexa que a súa enfermidade
contamine tamén Xesús ou algún dos seus acompañantes.
Unha
vez máis, é tamén Lucas o único dos evanxelistas que tomou nota deste encontro
dos gafos con Xesús no seu camiño cara a Xerusalén. Lucas, é dicir, o
evanxelista que sempre nos quere poñer diante dos ollos o Xesús liberador, o
Xesús que practica a misericordia e a bondade con todos, sexan como sexan,
pensen como pensen, falen como falen, sexa da cor que sexa a pel do seu corpo.
Xesús fai, polo tanto, con eles o que ten que facer en canto Salvador e
Liberador: curalos da súa enfermidade, dicíndolles que vaian presentarse ós
sacerdotes. O que significaba ou levaba consigo que antes de presentárense ós
sacerdotes ficarían libres da lepra. Pois o que os sacerdotes facían non era
máis ca certificar a súa curación para poderen así ser admitidos no seo do
grupo das persoas chamadas normais.
Nos
tempos de Xesús non era tarefa doada acabar con esta forte discriminación
cultural, social e relixiosa que facía sufrir a tantas persoas. Mais os
significativos xestos de Xesús con estas persoas foron poñendo as bases para a
supresión ou superación desa inhumana discriminación. De tódolos xeitos, como
estamos a ver, nun sitio ou noutro, este tipo de discriminación segue vixente
aínda nos nosos tempos. Ós que teñen boa posición económica ou social
ábrenselles tódalas portas, mentres que os necesitados, defraudados,
endebedados, refuxiados e xente semellante petan ás portas dos poderosos e as
portas non se lles abren.
Sabemos
que o papa Francisco criticou algunha vez duramente as repetidas traxedias e
naufraxios de persoas que buscan refuxiarse en Europa afirmando simplemente,
sen paliativos, sen utilizar unha linguaxe que poderiamos chamar politicamente
correcta, que iso “é unha vergonza”. Éo sen dúbida, tendo en conta sobre todo
os moitos séculos de cristianismo (polo menos cultural ou oficial) que pasaron
xa por Europa.
De
tódolos xeitos, o acento principal do evanxeo de hoxe semella estar nun aspecto
complementario, aínda que tampouco moi diferente, do anterior. Refírome á
actitude agradecida dun (dun só) dos gafos sandados da súa lepra. Porque
resulta que a quen aquí loa e bendí Xesús é tamén un discriminado, un
estranxeiro. Efectivamente, aquel que, ó se dar de conta da súa curación, deu
volta, antes de chegar onda os sacerdotes, era un samaritano. E un samaritano
era para un xudeu coma Xesús (así o formula o propio Xesús no relato de Lucas)
un “estranxeiro”. Xa sabemos que os samaritanos eran considerados polos xudeus
como doutra raza, doutra relixión.
Decatámonos
así como Lucas pon fortemente de relevo diante de nós que a graza de Deus, que
se nos manifesta en Xesús, está aberta, está dirixida, a todos, sen distinción
de razas, relixións, culturas ou calquera outra cualificación que aquí
queiramos engadir. Tódalas persoas do mundo enteiro (incluído calquera outro
mundo descoñecido que poida aparecer no futuro, como o era no seu tempo por
exemplo o continente americano), todas elas recibiron, recibimos, dun mesmo e
único Deus, Pai de Xesús e de todos, o noso ser, a nosa vida, a nosa común irmandade
con Xesús.
Xa
que todos recibimos canto somos e temos deste único Deus, que se nos manifesta
bondadoso e misericordioso en Xesús, entón a nosa actitude principal e primeira
con este noso Deus debería ser a de agradecemento. É o que tentamos facer
nestas reunións comunitarias dos nosos domingos ó celebrarmos conxuntamente a
eucaristía, que etimoloxicamente quere dicir acción de grazas, agradecemento.
Ser
agradecidos é sinal de madureza na vida. Ós nenos ou nenas non se lles pode
pedir tal cousa porque eles están felizmente convencidos de que todo o que
reciben dos demais é algo que simplemente se lles debe. Tanto os queren os seus
pais, os seus familiares e amigos. Pero pouco a pouco irán dándose conta do
grandiosa e misteriosa que é a vida, de que eles existen porque houbo alguén
que quixo que vivisen, que medrasen, que fosen felices. Nenos fomos todos
nalgún momento da nosa vida. E como adultos en idade que somos agora e que
tentamos selo igualmente tamén na fe, amosemos esta madureza nosa
agradecéndolle a Deus ternos dado vida, tanto a que chamamos física ou biolóxica
coma a que os teólogos chaman sobrenatural, a vida da graza, a vida da nosa
relación filial con Deus e da nosa irmandade con todos.
Ó
gafo curado, o único que expresa o seu agradecemento, dille Xesús: “Vaite.
Salvoute a túa fe”. Pois ben, para que Xesús faga honor ó significado que este
seu nome ten de “Salvador”, tennos que dar antes esa fe sobre a que Xesús nos
di que ela nos salva. Non pensemos que a fe do gafo, loada por Xesús como causa
da súa salvación, é unha fe que tirou o mesmo gafo desde o interior de si
mesmo, desde as súas propias capacidades naturais. Non. Toda fe é un don de
Deus. Igual cá curación da lepra que o gafo acaba de experimentar. Isto quere
dicir, polo tanto, que o que Xesús chama “a túa
fe” é sempre e ante todo a graza da fe que Deus
mesmo pon por medio de Xesús nos nosos corazóns.
Por
iso é bo volvermos hoxe formular conxuntamente a mesma súplica do anterior
domingo. Pois só se acadamos o que nela pedimos, poderemos comportarnos
agradecidamente con Deus. É a mesma petición que os apóstolos lle facían a Xesús:
“Señor, auméntanos a fe”.
ORACIÓN
DOS FIEIS
Dirixímoslle
a Xesús, fillo benquerido de Deus Pai, a nosa oración comunitaria, tal e como o
fixeron os apóstolos, dicindo: SEÑOR, AUMÉNTANOS A FE.
TODOS:
SEÑOR, AUMÉNTANOS A FE.
- Dános,
Señor Xesús, unha fe sinxela, fonda e agradecida.
TODOS: SEÑOR, AUMÉNTANOS A FE.
-
Apréndenos, Señor Xesús, a practicar nas nosa vidas una fe humilde, decidida e
servizal.
TODOS: SEÑOR, AUMÉNTANOS A FE.
- Fai,
Señor Xesús, que saibamos valorar e agradecer os grandes beneficios naturais e
sobrenaturais recibidos nas nosas vidas.
TODOS: SEÑOR, AUMÉNTANOS A FE.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario