Ficha e Lectio: Domingo 29 ORD C

FICHA:




LECTIO:

DOMINGO XXIX TEMPO ORDINARIO 
(Ano C: 16 de outubro de 2016)

            Máis dunha volta se alude no evanxeo de Lucas á importancia da oración e ás escenas correspondentes nas que se nos presenta a Xesús retirándose ó monte a orar, para falar co seu Pai-Deus e pai noso tamén. Xesús era o “benquerido”, o infinitamente querido polo Pai e en ningún outro sitio –se podemos falar así- se atoparía el máis a gusto ca con el, conversando co seu Pai Deus. Por outra parte, a vida interior de Xesús tiña que ser necesariamente algo así coma un intenso fervedoiro de vida e paixón intensa ante a tarefa de redención e salvación ou liberación da humanidade que o Pai lle encomendara. Algo que nos resulta totalmente imposíbel de imaxinar. Nese sentido a súa forza ou a súa fonte reconfortante era o Pai Deus.
            En relación co texto do evanxeo de hoxe, nos escritos do especialista bíblico e compañeiro xesuíta José Luis Sicre atopei ideas e datos que me resultan ben axeitados para o comentario de hoxe. A eles vou referirme a continuación. Dinos el que os cristiáns ós que Lucas dirixiu o seu evanxeo non tiñan moito costume de rezar, posibelmente porque a meirande parte deles se converteran recentemente do paganismo, “igual ca moitos cristiáns actuais que só se lembran de Santa Bárbara canda hai tronada”. E a iso se debería a frecuencia coa que Lucas se refire no seu evanxeo a moi diversos tipos de oración realizada por diversos personaxes bíblicos relevantes e de maneira especial, exemplar e eminente polo propio Xesús.
           Polo que parece, a comunidade á que Lucas se dirixía vivía angustiada , nunha “crise moi grave, que se podería ver en conexión co que a parábola de hoxe pon en boca de Xesús ó falarnos el dos “seus elixidos, que claman día e noite”.
            Para unha certa comprensión da situación anímica daqueles cristiáns, que podería asemellarse á de determinados grupos cristiáns ameazados e perseguidos tamén hoxe en día (nas zonas de guerra en África, por exemplo), cumpriría ter en conta que Lucas escribiu o seu evanxeo entre os anos 80 e 90 do século I e que foi precisamente no ano 81 cando subiu ó trono o emperador Domiciano. Este emperador romano perseguiu duramente os cristiáns tras promulgar a súa lei de que “ningún cristián, unha vez traído ante un tribunal, quedase exento de castigo se non renunciaba á súa relixión”.
            Pois ben, a parábola de Lucas acáelle moi ben a un contexto coma este de persecución dos cristiáns, que en consecuencia claman xustiza “día e noite”. Trátese neste sentido dunha parábola, como se nos di no comezo do texto de Lucas, “verbo da necesidade de orar sempre, sen cansar”.
          O contraste entre a fachendosa e prepotente figura do xuíz desprezador tanto de Deus como das persoas humanas e a outra humilde mais teimuda figura da viúva que lle reclama xustiza é moi instrutivo para un cristián consciente da súa fe nun Deus todopoderoso, que ademais é Pai, un verdadeiro pai agarimoso. O modo de se relacionar a viúva pobre, día tras día e durante moito tempo, co xuíz ou mandatario inxusto, reclamándolle xustiza, viña ser algo semellante (podemos pensar) ó que hoxe en día ocorre nos chamados “escraches”, cos que se pretende dar público testemuño dos prexuízos ocasionados polo presunto causante dos mesmos e na súa propia presenza.
            Se o xuíz ou responsábel inxusto vai acceder ás demandas que se lle formulan por puro cansazo e fastío, no caso da oración que lle diriximos a Deus Pai trátase de algo moi distinto. El é Pai que nos quere, como quere a Xesús, fillo benquerido del, mais tamén quen permitiu que Xesús pasase por moitas e duras angustias vitais para lle facer finalmente, pese a todo, “xustiza a tempo”, como se nos di no texto de Lucas.
            Por todo isto, a oración ten que ser durante toda a nosa vida non só lene brisa que nos refrixera nun momento concreto e pasaxeiro, senón unha verdadeira “necesidade” persoal e comunitaria, coma a do aire que precisamos respirar, pois énos imprescindíbel para mantérmonos vivos. Unha necesidade, unha actitude continua e constante nosa, ben conscientes de que de Deus endexamais podemos prescindir e de que el, pese a todo, non nos deixará abandonados.
            A oración procede da nosa fe en Deus e dános ó tempo confianza nel, empuxándonos a practicar e loitar pola xustiza, ó revés de como se comportaba o xuíz inxusto. Porque a oración ha ir sempre acompañada, como no caso de Xesús, pola loita a prol da xustiza, por estarmos sempre ó lado dos pobres e necesitados e non dos poderosos, dos “xuíces inxustos” que só se preocupan dos seus e intereses.
            Ben o formula dalgunha maneira o coñecido refrán de “a Deus rogando e co mazo dando”. Polo tanto, orar e actuar. Ou, como di o lema de San Bieito, “ora et labora”, “ora e traballa”. Unión orante con Deus e exercicio concreto de evanxelización, anuncio da “boa nova” de Xesús. Así o facía Xesús e así deberiamos facelo tamén nós. Traballar nós e contar tamén co traballo de Deus por medio de nós. En formulación tamén de Santo Ignacio de Loyola, “facer as cousas como se todo dependese de nós  e confiarlle a Deus o resultado coma se todo dependese del”. Son algo así como as dúas alas coas que as aves do ceo poden voar seguras. Se teimamos en voar cunha soa das alas, non faremos máis ca dar voltas sobre nós mesmos para darnos de súpeto unha boa zoupada contra o chan.
Na Lectura do Antigo Testamento vimos como os israelitas tiñan éxito na batalla contra os amalecitas cando Xosué loitaba coa espada e, ó tempo, o xa velliño Moisés erguía as mans, en sinal de oración, cara ó ceo pedindo a vitoria. O traballo bélico e a oración residían aquí, como vedes, en persoas distintas. A oración resultaba ser tamén neste caso eficaz, aínda que o mencionado experto bíblico Sicre non deixa de sinalar con razón, algo ironicamente, que “a idea de usar a oración para matar amalecitas non parece a máis evanxélica”. Algo semellante ó que facía Moisés, aínda que por outra parte moi distinto, é o que se indica no que os xesuítas chamamos o “Catálogo” anual, un libro onde figuran nomes e actividades dos que vivimos nas diversas casas. Nel aparecen tamén compañeiros maiores ou enfermos que non poden xa exercer ningunha actividade exterior, directamente evanxelizadora. Con todo, ó lado do seu nome figura esta pequena frase: “Ora pola Igrexa e pola Compañía”. É dicir: ora ou reza por cantos na Igrexa ou na Compañía están aínda en situación de poderen exercer algún tipo de actividade exterior, anunciando dunha ou doutra forma a “boa nova” de Xesús. Son orantes “puros”, mais moi meritorios.

ORACIÓN DOS FIEIS

Invoquemos ó Señor dicíndolle: APRÉNDENOS A ORAR!. 
Todos: APRÉNDENOS A ORAR!

- Dános, Señor, espírito de comunidade e solidariedade con todos, para podermos orar conxuntamente dicindo “Noso Pai!”. 
Todos: APRÉNDENOS A ORAR!
- Concédenos, Señor, fe e esperanza no teu Reino para crer, esperar e orar sempre, a pesar dos contratempos das nosas vidas. 
Todos: APRÉNDENOS A ORAR!
- Crea en nós, Señor, un corazón misericordioso, perdoando de verdade a cantos nos teñan ofendido e escoitándonos así ti tamén a nós. 
Todos: APRÉNDENOS A ORAR!

Pedímoscho, Señor, en unión co Pai teu e Pai noso e o Espírito Santo que nos mandaches. AMÉN.
                           
                                                       Manuel Cabada Castro


VER MÁIS:


Comentarios

Publicacións populares