29 de xullo - Lecturas da festividade de Santa Marta
IMAXE TOMADA DE:
Se nos amamos uns ós outros, Deus permanece en nós
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA 1ª CARTA DE SAN XOÁN
7Meus amigos, amémonos uns ós
outros, porque o amor vén de Deus; e todo aquel que ama naceu de Deus e coñece
a Deus. 8O que non ama, aínda non coñece a Deus, porque Deus é amor.
9O amor de Deus fíxose ver entre
nós en que Deus mandou ó mundo o seu Fillo Unixénito, para que nos dese a súa
vida. 10Hai amor dentro de nós, non porque nós teñamos amado a Deus, senón
porque El nos amou a nós e mandou o seu Fillo para que expiase os nosos
pecados.
11Meus amigos, se Deus nos amou
tanto, tamén nós nos temos que amar uns ós outros. 12A Deus non o deu visto
nunca ninguén; pero, se nós nos amamos uns ós outros, Deus está en comuñón
connosco e o seu amor faise realidade cumprida en nós.
13Coñecemos que estamos en
comuñón con El e El connosco, en que nos deu parte no seu Espírito. 14Nós
mesmos o contemplamos e por iso testemuñamos que o Pai mandou o seu Fillo coma
salvador do mundo. 15Se un profesa que Xesús é o Fillo de Deus, Deus está en
comuñón con el e el con Deus. 16Pero nós xa o coñecemos e temos posta a nosa fe
neste amor: o amor que Deus mantén vivo entre nós. Deus é amor e quen permanece
no amor, permanece en Deus e Deus permanece nel.
R/ (cf 2): Eu bendigo ó Señor en todo instante
2Eu bendigo ó Señor en todo
instante,
teño sempre na boca a súa loanza;
3gloríome no Señor,
e os humildes alégranse, ó
escoitalo.
4Exaltade comigo ó Señor,
loemos xuntos o seu nome.
5Eu busco ó Señor, e El responde,
líbrame de todos os temores.
6Ollade para El e refulxide,
non poñades caras murchas.
7O Señor escoita ó pobre que o
chama
e líbrao de todos os apuros.
8O anxo do Señor acampa en torno
ós seus fieis
e dálles seguridade.
9Gustade e vede que bo é o Señor:
feliz quen a El se acolle.
10Temede ó Señor os seus devotos,
pois nada lles falta ós que o
temen.
11Empobrecen os ricos, pasan
fame,
pero ós que buscan ó Señor ningún
ben lles faltará.
ALELUIA Xn 8, 12 ... n. 741, 8
Eu son
a luz do mundo: quen me segue,
non andará ás escuras, senón que terá a luz da
vida.
EVANXEO Xn 11, 19-27
Eu creo que ti e-lo Cristo Fillo de Deus
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Moitos dos xudeus foran onda Marta e María para lles daren o pésame polo irmán.
20Cando oíu Marta que Xesús estaba chegando, saíulle ó encontro. María, en cambio, quedou na casa. 21Díxolle entón Marta a Xesús:
-Señor, se ti estiveses aquí, meu irmán non morrería; 22pero eu sei que, aínda agora, Deus che concederá calquera cousa que lle pidas.
23Xesús díxolle:
-Teu irmán resucitará.
24Marta respondeulle:
-Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro.
25Díxolle Xesús:
-Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, anque morra, vivirá; 26e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais ¿Cres ti isto?
27Ela respondeu:
-Si, Señor: eu creo que ti e-lo Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ó mundo.
Ou: Lc 10, 38-42
Marta, Marta, moi preocupada andas por demasiadas cousas
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Xesús entrou en certa aldea, e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa.
39Esta tiña unha irmá chamada María, que sentada ós pés do Señor, escoitaba as súas palabras. 40Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa; e achegándose a el, díxolle:
-Señor, ¿non che importa que a miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote
unha man.
41Pero o Señor respondeulle:
-Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas, 42pero soamente unha é a necesaria. María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar.
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario