FICHA E LECTIO: Domingo 13 de Ordinario B
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
DOMINGO XIII T. O.
(Ano B: 1 xullo 2018)
Comezan algúns xa hoxe, co inicio deste
mes de xullo, as vacacións de verán, viaxando cara ós seus lugares de descanso.
Outros ficarán en casa, porque hai que aforrar algo nestes tempos de
restricións ou porque teñen familiares na casa ós que hai que atender por
enfermidades ou por outros problemas e necesidades. Precisamente hoxe o evanxeo
vólvenos recordar os problemas e as preocupacións da xente normal e corrente,
ameazada unha e outra vez pola enfermidade ou pola morte dos seus seres
queridos.
Pois ben, a carón deles está sempre
Xesús, que por algo é Salvador e Redentor. E a carón de todos eles deberiamos
estar tamén os que pola nosa parte queremos ser humildosos seguidores de Xesús.
Hoxe son dúas mulleres, tradicionalmente
marxinadas ou discriminadas naqueles tempos as que van recibir a misericordia
de Xesús. E, por certo, alégranos saber que hoxe en día semella que son as
propias mulleres as que comezan por si mesmas a espertaren deste mal soño
secular. Pois ben, en relación con estas dúas mulleres, dunha sabemos que era a
filla de Xairo, un xudeu devoto e xefe da sinagoga. Por algunha enfermidade
acababa ela de morrer sendo aínda unha rapaza noviña con só doce anos. Da outra
muller, que andaba de médicos dende xa había tempo, non sabemos máis ca que
estaba doente e polo tanto nada sabemos sobre a súa posición social ou sobre a
súa idade.
Hai que facer algún esforzo para se
situar dalgunha maneira na cultura relixiosa e social xudía daquel tempo para
sabermos avaliar na súa xusta medida o que supuña a relación de Xesús coas
persoas necesitadas. A filla de Xairo morrera xa, por máis que seu pai, cando
se dirixe a Xesús pedíndolle a súa curación, aínda non o sabía. E hai que ter
en conta que daquela ós defuntos non se debía un achegar nin moito menos
tocalos, porque como cousa impura convertían en impuro tamén ós que facían iso.
En canto á outra muller enferma, a súa mesma enfermidade convertíaa tamén en
impura, ademais de facer impuros cantos a tocasen ou cantos ela tocase. De
maneira que a pobre estaría nunha situación persoal e social lamentábel.
Pois ben, en ámbolos dous casos
Xesús achégase á defunta e á enferma impuras, sen se preocupar ren por
quebrantar con iso preceptos ou normas sociais e relixiosas. A nena defunta
cóllea directa e persoalmente pola man, pronunciando a frase que os evanxeos
nos conservaron no seu son orixinal: “Talitha, qumi”, rapaza, érguete. A outra
muller enferma non a toca directamente, mais déixase tocar por ela nunhas
circunstancias nas que a xente o aperta a el por tódolos lados, tal como o
constatan os seus discípulos ó el lles preguntar quen o tocara: “Ti ben ves a
xente preméndote e aínda preguntas por quen te tocou?”...
Xesús era unha persoa do seu tempo e
estaba en consecuencia moi ó tanto, desde cativo, dos inevitábeis
condicionamentos culturais, que se convertían en algo normal e natural para
cantos participaban da mesma cultura. Mais el tiña ó tempo unha experiencia moi
fonda e forte de como son as cousas, do que é e como é a realidade, e tamén da
nosa dignidade humana en canto derivada da nosa filiación divina pola nosa
irmandade con Xesús.
Na súa íntima e especialísima
relación co seu Pai Deus, vivida durante o día e dialogada con El en longas
horas da noite, Xesús sabía, pois, cales eran as cousas importantes e cales
non. En tal sentido, se os costumes sociais chocaban con esa fondas
experiencias e saberes, peor para tales costumes.
Xesús sabía e vivía a experiencia de
ser Fillo de Deus e de ser ó tempo “fillo do home” nunha inconcibíbel e
misteriosa unidade. Este Xesús, don único do Pai Deus á humanidade toda, era
polo tanto tamén un de nós, ser humano coma nós, irmán noso. Mais el viña a
transmitirnos que todos nós, coma el, somos fillos dun mesmo Pai. Somos todos
polo tanto irmáns del e así nos sentía e percibía. Para el as prescricións ou
prohibicións sociais ou rituais non tiñan, en consecuencia, valor ningún no
caso de se opoñeren a esta experiencia fundamental súa de se sentir irmán de
todos.
A práctica vital de Xesús foi
sementar arreo vida e esperanza, devolvese a vida ou non, curase ou non
fisicamente a unha persoa concreta. Pois Xesús non curou nin resucitou de feito
cantos no seu tempo enfermaban ou morrían. El non viña destruír as leis dunha
natureza creada dese modo por Deus mesmo. Tampouco Deus Pai liberou o seu Fillo
Xesús das dores e da morte na cruz. Sen contabilizar as diversas curacións
realizadas por Xesús das que nos falan os evanxeos, no que se refire ós relatos
de resurreccións realizadas por El, é dicir, da volta á vida normal dun defunto
ou dunha defunta, non nos contan en realidade os evanxelistas máis ca tres
casos: o da filla da viúva de Naín (do que nos fala só Lucas), o de Lázaro (que
só nos é presentado por Xoán) e, finalmente, o relato de hoxe da filla de
Xairo, descrito por Marcos, Mateo e Lucas, pero non por Xoán.
Por iso, o que sobre todo Xesús nos
ofrece, antes e hoxe, é unha vida e unha esperanza, que se basean na fe nel en
canto Fillo de Deus e irmán noso. Pois el mesmo identifícase coa Vida mesma e
co Amor sen límites. Xesús diranos nalgún momento que o seu Pai Deus non é “un
deus de mortos, senón de vivos, porque para el todos viven”. Xesús coñece perfectamente, por así dicilo,
esta face oculta da lúa. Aínda que a xente faga riso del, sabe el perfectamente
que os que chamamos mortos non o son de verdade. A tódolos defuntos pásalles en
certo modo o mesmo que Xesús afirma sobre a nena morta: “A meniña non morreu,
está a durmir”.
Esta mensaxe de vida que nos trae
Xesús debería ter unha proxección comunitaria e social na vida concreta nosa,
neste noso tempo presente. Paulo dánolo a entender hoxe na súa carta ós
Corintios. A vida, non só a do alén senón tamén a do aquén, ten que ser para
todos e non só para os que dispoñen de riquezas e de poder. Deberiamos escoitar
así, nesta clave presente e actual que afecta a tantas persoas, o que Paulo
escribe nesa carta: “Coñecedes ben a xenerosidade do noso Señor Xesús Cristo:
sendo rico, fíxose pobre por vós, para nos enriquecer coa súa pobreza. Non se
trata de que pasedes apuros por aliviardes a outros, senón de que haxa
equilibrio [...] Así haberá igualdade”.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS:
Pidámoslle a Deus Pai, que sabe das
nosas enfermidades e das nosas carencias, que se faga presente nas nosas vidas coa
súa misericordia que dá paz e esperanza, dicindo: ESCÓITANOS, PAI..
- Pedímosche, Pai,
polos pobos e países que sofren pobreza, para que poidan atopar mans xenerosas que os axuden na súa
situación.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Pregámosche,
Pai, por tódolos enfermos, polos que sofren longa enfermidade, encerrados nas súas casas e ancorados
na desesperanza.
TODOS: ESCÓITANOS,
PAI.
- Concédenos,
Pai, sermos uns para outros man amiga que ergue o ánimo e comunica a paz e a esperanza que Deus nos regala.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo, Noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario