Domingo 13 de Ordinario B





PRIMEIRA Sab 1, 13-15; 2, 23-24
Por envexa do demo entrou a morte na terra
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA

13Non fixo Deus a morte
nin se aleda co exterminio dos vivos;
14creouno todo, de certo, para que subsista
e as criaturas do mundo son saudables;
non hai nelas veleno mortal
nin ten o Hades imperio sobre a terra,
15porque a Xustiza é inmortal.

23Pois Deus creou ó home para a incorrupción
e fíxoo imaxe do seu propio ser,
24mais pola envexa do demo entrou a morte no mundo,
e os seus secuaces téñena de probar.



SALMO RESPONSORIAL Sal 29, 2 e 4. 5-6. 11 e 12a e 13b
R/ (2a): Eu lóuvote, Señor, que me liberas

2Eu lóuvote, Señor, que me liberas
e non deixas que o inimigo faga riso de min.
4sácasme do abismo
e mantesme na vida,
lonxe dos que baixan ó sepulcro.

 5Cantádelle ó Señor os seus amados,
louvade o seu santo nome.
6O seu asaño dura só un intre;
o seu favor, toda a vida.
Se hai pranto á tardiña,
ó abrente xa hai ledicia.

11Escoita, Señor; ten compaixón de min,
se ti, Señor, a miña axuda.
12Ti podes troca-lo loito en danza.
Señor, meu Deus,
por sempre te hei louvar.


SEGUNDA 2 Cor 8, 7. 9. 13-15
Que a vosa abundancia supla a indixencia dos irmáns pobres
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

Irmáns e irmás:
7Xa que abundades en todo -en fe, en palabras, en ciencia, en interese por todo e en amor a nós-, que abundedes tamén nesta gracia. 9Ben sabéde-lo xeneroso que é o noso Señor Xesús Cristo: sendo rico, fíxose pobre por vós, para que vós vos fixesedes ricos coa súa pobreza.

13Non se trata de que vós pasedes apretos por aliviardes a outros, senón de que exista igualdade. 14Neste momento a vosa abundancia pode remedia-la carencia deles, para que a abundancia deles poida vir en auxilio da vosa carencia. Así haberá igualdade, 15de acordo co que está escrito: A quen recollía moito, non lle sobraba; e a quen recollía pouco, non lle faltaba.


ALELUIA Cf 2 Tim 1, 10:
O noso Salvador Xesús Cristo destruiu a morte,
e deu a luz vida por medio do Evanxeo


EVANXEO Mc 5, 21-43 (longa)
Nena, a ti che falo: érguete.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

21Pasando de novo Xesús nunha barca para a banda de enfronte, xuntouse moita xente arredor del, que estaba na beira do mar. 22Nisto chegou un dos xefes da sinagoga, chamado Xairo, que, ó velo, botouse ós seus pés 23suplicándolle:

-A miña filla está a piques de morrer; ven impor sobre ela as túas mans, para que sande, e viva.

24E foise con el, seguido de moito xentío, que o estrullaba.

25Había unha muller, que padecía hemorraxias desde doce anos atrás, 26e levaba sufrido moito cos médicos, que lle acababan cos bens; total para nada, porque a cada paso ía a peor. 27Como oíra falar do que facía Xesús, achegouse entre a xente por detrás e tocoulle o seu vestido, 28dicindo para si: "Anque non sexa máis que tocarlle o seu vestido, ficarei sa". 29E secándoselle a fonte da hemorraxia, sentiu no seu corpo que estaba curada do mal.

30Axiña Xesús, decatándose da forza que saíra del, volveuse e preguntou:
-¿Quen me tocou na roupa?

31Os discípulos respondéronlle:
-Ti ben ve-la xente preméndote; ¿e aínda preguntas por quen te tocou?

32Pero el seguía mirando arredor, para ver quen fora. 33Daquela, a muller, amedoñada e tremendo, sabendo o que lle sucedera, veu caer ante el contándolle toda a verdade. 34El díxolle:
-Filla, a túa fe sandoute, vaite en paz, curada para sempre da túa doenza.

35Aínda estaba el falando, cando chegaron da casa do xefe da sinagoga a dicirlle:
-A túa filla acaba de morrer. ¿Para que andar xa molestando ó Mestre?

36Pero Xesús, ó escoita-lo que estaban a falar, díxolle ó xefe da sinagoga:
-Non temas, abonda que teñas fe.

37E non permitiu que ninguén o acompañase, fóra de Pedro, Santiago e Xoán, o irmán de Santiago.

38O chegaren á casa do xefe da sinagoga, vendo o gran barullo que facían con choros e lamentos, 39entrou e díxolles:
-¿A que vén tanto barullo e tanto chorar? A meniña non morreu, está a durmir.

40E todos facían riso del. Pero botándoos a todos fóra e levando con el os pais da meniña e mailos seus acompañantes, entrou onde estaba a nena. 41Colleuna pola man e díxolle:
-Talitha, qumi (que quere dicir: "rapaza, érguete").

42A rapaciña ergueuse de contado, e botouse a andar, que xa tiña doce años. E aquela xente quedou coa boca aberta. 43El insistiulles en que non llo contasen a ninguén, e mandou que lle desen de comer.


Ou: 21-24. 35b-43 (máis breve):

21Pasando de novo Xesús nunha barca para a banda de enfronte, xuntouse moita xente arredor del, que estaba na beira do mar. 22Nisto chegou un dos xefes da sinagoga, chamado Xairo, que, ó velo, botouse ós seus pés 23suplicándolle:
-A miña filla está a piques de morrer; ven impor sobre ela as túas mans, para que sande, e viva.

24E foise con el, seguido de moito xentío, que o estrullaba.

Viñeron da casa e dixéronlle:
-A túa filla acaba de morrer. ¿Para que andar xa molestando ó Mestre?

36Pero Xesús, ó escoita-lo que estaban a falar, díxolle ó xefe da sinagoga:
-Non temas, abonda que teñas fe.

37E non permitiu que ninguén o acompañase, fóra de Pedro, Santiago e Xoán, o irmán de Santiago.

38O chegaren á casa do xefe da sinagoga, vendo o gran barullo que facían con choros e lamentos, 39entrou e díxolles:
-¿A que vén tanto barullo e tanto chorar? A meniña non morreu, está a durmir.

40E todos facían riso del. Pero botándoos a todos fóra e levando con el os pais da meniña e mailos seus acompañantes, entrou onde estaba a nena. 41Colleuna pola man e díxolle:
-Talitha, qumi (que quere dicir: "rapaza, érguete").

42A rapaciña ergueuse de contado, e botouse a andar, que xa tiña doce años. E aquela xente quedou coa boca aberta. 43El insistiulles en que non llo contasen a ninguén, e mandou que lle desen de comer.




Comentarios

Publicacións populares