FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO 3 DE PASCUA A
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
Deus faise encontradizo no camiñar
(23
abril 2023)
A extraordinaria nova da resurrección de Xesús é
loxicamente algo sobre o que a liturxia, as lecturas e as diversas aclamacións volven
unha e outra vez. Os textos fálannos de que foron moitos os xeitos de se facer
presente o Xesús resucitado.
En todas estas experiencias, cargadas de alegría e de
esperanza, dáse algo que vén sendo o común denominador de todas. Son
experiencias fondas e transformadoras que conmoven os que particularmente as
experimentan, pero que teñen, alén diso, carácter comunitario e universal. Quero
dicir que teñen unha finalidade non só individual, senón xeral. Realízanse en
función do pequeno grupo cristián de entón e de cantos viriamos despois, concretamente
nós e cantos viñeren ó mundo despois de nós.
A resurrección de Xesús é así algo que afecta toda a
humanidade, porque en Xesús resucitado Deus Pai decidiu dar vida para sempre a
toda a humanidade. Os cristiáns estamos así chamados a encher o mundo desta
esperanza.
Iso é o que fan os apóstolos e discípulos ó teren
persoalmente a experiencia do resucitado. E, antes xa deles, as mulleres que
foran moi cedo ó sepulcro do Señor. Volven axiña pra lles anunciaren ós apóstolos
a resurrección. Algo similar realizan os diversos apóstolos e discípulos
comunicándose mutuamente as experiencias, do Señor resucitado que van
sucesivamente ocorrendo. Ó longo dos tempos e dos séculos recibimos tamén nós, a
través do anuncio do evanxeo, esta grande e boa nova.
Por iso todos nós temos que anunciala, coa nosa palabra e
con nosos feitos, no noso tempo e aquí onde vivimos, a cantos hoxe en día non
saben dela ou non son capaces de crer nela quizais incluso por ser esta nova da
resurrección algo tan incríbel, tan marabilloso.
Ós discípulos de Emaús, que facían camiño de volta, abatidos
e desconsolados, cara á súa aldea de procedencia para volveren alí á súa acostumada
vida anterior, ocórrelles algo semellante. Despois de teren experimentado o Xesús
resucitado, non o pensan dúas veces. No canto de se deitar e descansar
tranquilamente da camiñada realizada, tal como llo acababan de aconsellar eles
mesmos ó seu misterioso acompañante (pois era xa de noite ou entre lusco e fusco),
o que eles fan é -en palabras de Lucas- “levantarse axiña e volver a Xerusalén”.
Para que? Pois para llelo comunicaren o máis cedo posíbel ós demais apóstolos e
discípulos. As experiencias de Xesús non se poden gardar ou agachar no propio
interior. Cómpre comunicalas para que todos poidan participar da felicidade que
se deriva de novas tan incríbeis.
Tal como se continúa a dicir no texto de Lucas, “eles
contaron, ós once apóstolos, o que lles pasara polo camiño e como o recoñeceran
no partir o pan”. O que a ámbolos dous lles pasara polo camiño en conversa con
Xesús: “Non ardía o noso corazón cando nos falaba polo camiño interpretándonos
as Escrituras?”.
O Xesús pascual, como ben nolo representa o cirio acendido
liturxicamente na noite pascual, é coma lume que se quere comunicar acendendo
outros lumes. Nos discípulos de Emaús prendera ben este lume. E eles comunícano
axiña ós seus compañeiros e coñecidos, para que así tamén eles dispoñan de luz
e calor. Para que eles teñan tamén orientación, plenitude e felicidade no seu
camiñar.
Na Congregación Xeral XXV dos xesuítas no ano 2008 dicíasenos
que teriamos que ser “lumes que acenden outros lumes”. Isto é valido para
calquera cristián. Todos deberiamos recibir con agradecemento o lume que nos
vén do Resucitado e intentar que acenda outros lumes que se multipliquen en cantos
entren en contacto connosco. Pois unha candea non perde nada do seu lume cando outra
se acende con ela.
Non podemos pasar por alto que foi precisamente nesa especie
de pequena eucaristía familiar que Xesús celebrou na casa dos discípulos de Emaús
onde o lume, o “ardor”, que eles levaban xa no corazón, se converteu de súpeto
en luz que os iluminou e lles fixo coñecer a identidade dese inesperado
acompañante que alí estaba sentado á mesa con eles. “Mentres estaban na mesa –dísenos
no texto de Lucas-, colleu o pan, bendiciuno, partiuno e déullelo. Entón abríronselles
os ollos e recoñecérono”.
Son estas case as mesmas palabras que pronuncia o sacerdote
no intre da consagración eucarística. Por iso ás eucaristías non deberiamos vir
movidos por calquera tipo de obriga legal, senón pola necesidade que temos
todos de cargar as pilas contactando co Señor crucificado e resucitado que se
debería facer presente de maneira especial nestas nosas reunións eucarísticas comunitarias.
Con elas ben recargadas seremos quen de nos converter en luz e calor para
cantos conviven ou de calquera xeito se relacionan connosco. E estaremos ó
tempo en condicións de sermos testemuñas, coma o foron os apóstolos, da gran nova:
a de Cristo Resucitado.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/3-pascua-a-lucas-2413-35-4/
Comentarios
Publicar un comentario