FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO 2 DE PASCUA A

 FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3




LECTIO:

Encontro coa bondade

(16 abril 2023)

            O episodio relacionado con Tomé do texto do evanxeo cóntao só Xoán. Pero é que, ademais, este mesmo nos di que houbo “moitos outros signos” que fixo Xesús entre os seus discípulos, despois de resucitado, que el mesmo non nos conta. De modo que eses moitos signos, que para un xornalista do noso tempo serían dun interese excepcional, ó relator deses textos non lle parece doer moito non contalos un por un.

            Xoán e os demais apóstolos e discípulos de Xesús saben que o importante e decisivo é o encontro co seu Mestre, co de antes e co de despois da resurrección. E para encontrármonos con el e adherírmonos a el abonda cun par de experiencias fondas e íntimas con el. Non son eles xornalistas, senón transmisores de fondas e inesquecíbeis experiencias deles con Xesús.

            Por iso Xoán, pensando seguramente nas persoas que non participaron ou non participarían inmediata e directamente nesas experiencias, preséntanos a escena de Tomé. Tomé lémbrame un pouco a parábola maxistral sobre o fillo pródigo (ou, se queredes, do “Pai misericordioso”). Nesa parábola fálasenos sobre a bondade a toda proba de Deus. Cando volve o seu fillo despois de moito esperalo, seu pai apértao con agarimo sen lle rifar nin lle botar en cara a súa mala conduta. Agora é Xesús quen se comporta, no mesmo senso, amorosamente condescendente co seu apóstolo. Acepta sen reparos as condicións que Tomé puxera sobre a mesa para nel cre: ver directamente as furas dos cravos nas súas mans e comprobar amodo e directamente que el era verdadeiramente a mesma persoa coa que convivira e non unha pantasma.

            Os encontros con Deus están sempre cheos de paz, de alegría, de perdón xeneroso e de xestos moi humanos. É esta atmosfera a que Xoán crea no seu relato da aparición de Xesús no medio dos seus apóstolos cando eles estaban cheos de medo e de precaucións trala morte ignominiosa do seu Mestre.

            O primeiro saúdo de Xesús quere xa romper con medos, posibles acusacións mutuas ou desencontros no seo do grupo dos apóstolos. “Paz convosco”. Tamén no seu encontro posterior oito días despois, xa con Tomé entre eles, repetirá o Mestre o mesmo saúdo: “Paz convosco”.  El aporta sempre paz, consolo e moitos azos para vivir, pois El mesmo é a Vida. Dálles, ademais, o mellor que el lles pode dar: o Espírito Santo. “Recibide o Espírito Santo”. É dicir –poderiamos dicir-, o mesmo galano có seu Mestre alén da súa concreta experiencia humana, histórica e corporal.

            Así se foi formando a Igrexa ata nós, aínda que fose a través de moitas deficiencias. Por iso nos chaman tanto a atención certos xestos, actitudes ou palabras do bispo de Roma, Francisco,. Por que? Pois porque quizais nos queren facer máis directamente presente o modo como se comportaba Xesús coas xentes do seu tempo.

            Que lle ocorreu a Tomé para pasar tan rapidamente dunha actitude de autodefensa fronte ós seus compañeiros á outra na que se derruba ante o seu Mestre e que lle permite a Tomé realizar con el as probas que considere máis pertinentes?

            A resposta a tal pregunta é importante porque nos afecta tamén a nós, que loitamos moitas veces entre a nosa crenza a as ameazas ou dúbidas que á nosa propia crenza se lle presentan.

            Coido que canto máis pensemos e aceptemos a grandeza de Deus a tódolos niveis, tanto máis doado nos será crer nel. Porque as cousas de Deus son sempre grandiosas. El é sempre o absolutamente infinito en todo. Por iso o grande misterio das cousas feitas por el: a materia, a vida, o noso interior e mil outras realidades que nos admiran. Misterioso é o nacer, o vivir, o morrer e, por suposto, o resucitar.

            Tomé fixo, pois, a experiencia do Xesús resucitado e con esa experiencia fixo tamén a experiencia de que el, Tomé, vai poder tamén resucitar. Isto enche o seu espírito de alegría, de confianza e de fonda paz. Tódalas probas que el tiña pensado realizar co Xesús supostamente resucitado caen por terra como xoguetes de rapaces pequenos ante a grandeza que se lle presenta directamente diante del: a dun Xesús poderoso e bondadoso. Poderoso, porque é xa señor da morte, vencida por el, e entrañabelmente bondadoso porque ten a condescendencia de se ocupar de Tomé e dos seus problemas coma se non existise no mundo ningún outro do que él se houbese de ocupar. Por iso, Tomé non podía dicir máis có que dixo: “¡Meu Señor e meu Deus!!”.

            Só quero aínda engadir que a bondade e o amor fan milagres. Entre eles o milagre de resucitar. Verdadeiramente o amor non morre. E se Deus, o Deus Pai de Xesús  e noso tamén, é Amor (tal como se nos di na primeira carta de Xoán), temos entón aí a clave de por que Xesús resucitou e de por que tamén nós resucitaremos con el. Xa o dicía o famoso pensador francés Gabriel Marcel:  “amar unha persoa é dicirlle ‘ti, ti  non morrerás endexamais’”.

 

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:








Comentarios

Publicacións populares