FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO DE RESURRECCIÓN A
Domingos pra resucitar
(9 abril 2023)
Nestes días pasados viviamos os padecementos e a morte de
Xesús. Mais sabiamos que tras este aparente fracaso absoluto da súa vida, deste
afundirse o sol no horizonte e na noite, ía acontecer un novo rexurdimento. Xoán
cóntanos que a Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, “cando aínda era escuro”.
Cousa que podemos entender simbolicamente. Ela e todos nós camiñamos ou
corremos cara á Luz do Resucitado, porque a escuridade non nos vai. Somos inquedas
bolboretas voando cara á luz na noite escura.
Non hai cousa que máis queiramos cá luz e a vida. E isto
sempre e para sempre. Deus púxonos esta querenza no corazón e coa resurrección
do seu fillo e irmán noso esta nosa fonda querenza atopa o que busca. A luz e a
vida aquí e no alén da morte están así en boas mans. Porque Xesús resucitou,
converténdose en “Señor” de todo.
Este é o significado da Resurrección. Xesús e con el estamos
todos destinados, máis alá das nosas particulares mortes biográficas, a sermos
inmortais. Morreremos, si, pero para non volvermos experimentar xa nunca máis
angustias mortais. A nosa morte coincidirá co comezo dun novo e definitivo vivir
para sempre. Por iso os primeiros cristiáns loaban a Deus, ó celebraren a Resurrección,
dicindo e cantando “aleluia”. E “aleluia” quere dicir: “loado sexa Deus”.
“Loado sexa Deus” pola súa grandeza, polos seus grandes
plans sobre nós. Porque os pequenos ou grandes padecementos da nosa vida son en
definitiva moi pouco en comparanza co grandioso destino que nos espera.
Por iso dicía Pedro en relación coa resurrección de Xesús
que a alegría debería rebordar en nós: “Loado sexa Deus –así nos di el-, que
pola súa gran compaixón resucitou Xesús Cristo da morte e nos fixo renacer a
unha vida nova que se nos dá en esperanza [...] Por iso brincades de alegría,
aínda que agora, se fai falta, teñades que sufrir, por un pouco tempo, diferentes
probas”.
A alegría debería ser, pois, estábel sentimento na
vivencia desta nosa fe, que ten os seus alicerces no acontecemento pascual da
Resurrección do Señor. O domingo de Resurrección é así o modelo do que copian
tódolos domingos do ano litúrxico. Pois “domingo” quere dicir o día do “Señor”(en
latín “Señor” dise “Dominus”), é dicir, o día de quen “domina” sobre todo. Coa
súa resurrección converteuse así o Crucificado en “Señor” de toda a creación e
dos tempos todos: pasado, presente e vindeiro.
Nel ten firme alicerce a nosa confianza, pois El é noso
irmán. Como repite a liturxia pascual: “Este é o día que fixo o Señor.
Alegrémonos e relouquemos nel”. Agora
ben, se os discípulos creron porque “viron”, a nosa crenza no Resucitado terá
que basearse na nosa “fe”, non na nosa “visión”. Mais trátase dunha fe que, pola
súa parte, está baseada no testemuño dos apóstolos e da igrexa que nace con eles.
Pola nosa parte, podemos dicir tamén que, como compensación de non termos
vivido aquela forte experiencia dos seus discípulos, podemos en cambio sentir a
ledicia das palabras que dalgunha maneira están dirixidas a todos nós: “Benia
os que creron sen veren!”.
Cómpre, ademais, ter presente que a alegría que sentiron
os discípulos pola resurrección de Xesús non era unha alegría intimista, que
cadaquén en certo modo gardaría para si, para o seu propio consolo. Era, polo
contrario, unha alegría compartida, que ía máis alá dos propios intereses e
preocupacións. Da mesma maneira que Xesús non se pechara endexamais en si
mesmo, senón que vivira sempre para os demais, facéndonos partícipes da súa
resurrección, os seus discípulos non podían proceder doutra maneira. En
consecuencia, estaban abertos ós problemas e ás necesidades dos demais. Porque
a todos viña dirixida a grandiosa mensaxe: a de sermos todos, con el en primeiro
lugar, fillos dun mesmo Pai e destinados, alén dos límites da nosa existencia
particular, a unha resurrección para sempre.
Todo isto ten aplicación non só a nós, os que formalmente
nos chamamos cristiáns, senón á humanidade toda, porque no Resucitado quixo e
decidiu Deus Pai dar vida para sempre, alén da morte, a todos. Estamos así
convocados a encher o mundo enteiro da esperanza de vida que nos vén do Crucificado
e Resucitado.
Isto é o que fan os apóstolos e discípulos e, antes ca
eles, as mulleres, que foran moi cedo visitar o sepulcro do Señor. Volveran
axiña para lles anunciar ós apóstolos a resurrección do Señor. Algo similar realizan
os diversos apóstolos e discípulos comunicándose mutuamente as experiencias do Resucitado.
A través dos tempos e dos séculos recibimos tamén nós por
medio do anuncio do evanxeo esta grande e boa nova. Por iso temos que anunciala
coa nosa palabra e con nosos feitos, no noso tempo e aquí onde vivimos, a
cantos non saben dela ou non son capaces de crer nela quizais incluso por ser
tal nova algo tan incríbel e marabilloso.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario