DOMINGO DE PASCUA DE RESURRECCIÓN - CICLO A

PRIMEIRA LECTURA Feit 10, 34a. 37-43

Lectura do libro dos Feitos dos Apóstolos

Temos comido e bebido con el despois de que resucitou de entre os mortos


Naqueles días, tomou Pedro a palabra e dixo:

- Vós sabéde-lo que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a tódolos que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el.

E nós somos testemuñas de todo o que fixo no país dos xudeus e mais en Xerusalén. Matárono, colgándoo dun madeiro. A este resucitouno Deus ó terceiro día e concedeulle que se deixase ver, non de todo o pobo, senón das testemuñas escollidas de antemán por Deus: nós, que comemos e bebemos con el, despois de que resucitou de entre os mortos. E mandounos que predicasemos ó pobo e atestemos que el é quen foi constituído por Deus xuíz de vivos e de mortos. El é de quen tódolos profetas dan este testemuño: tódolos que crean nel recibirán polo seu nome o perdón dos pecados.




SALMO RESPONSORIAL

Sal 117, 1-2. 16ab-17. 22-23 R/. (24):

Éste é o día no que o Señor actuou: alegrémonos nel e relouquemos.

Ou: Aleluia.


 Loade o Señor porque é bo,

porque é para sempre a súa misericordia.

Que o diga a casa de Israel:

é para sempre a súa misericordia.


A destra do Señor é excelsa,

a destra do Señor fixo proezas.

Non hei morrer, vou vivir,

e pregoa-los feitos do Señor.


 A pedra que os canteiros desbotaron,

esa mesma, converteuse en esquinal.

Foi o Señor quen o fixo,

unha marabilla á nosa vista.


 



SEGUNDA LECTURA Col 3, 1-4

Lectura da carta do apóstolo San Paulo ós Colosenses

Buscade as cousas alá enriba, onde está Cristo


Irmáns:

Se resucitastes con Cristo, buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus; arelade o de arriba e non o da terra. Vós morrestes e a vosa vida está agachada con Cristo en Deus. Cando se manifeste Cristo, que é a vosa vida, daquela tamén vós vos manifestades con El cheos de gloria.


 

EVANXEO Xn 20, 1-9

Lectura do Santo Evanxeo segundo Xoán

É necesario que resucite de entre os mortos


No día primeiro da semana María a Madalena foi ó sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada. Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro e onda o outro discípulo, a quen amaba Xesús, díxolles: - Colleron do sepulcro o Señor, e non sabemos onde o puxeron.

Pedro e mailo outro discípulo saíron correndo cara ó sepulcro. Corrían os dous á par. Pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro, e chegou primeiro ó sepulcro.

Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou. Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no sepulcro. Viu os lenzos pousados alí. Pero o sudario que envolvera a súa cabeza, non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar. Entón entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro, ó sepulcro; viu e creu.


Palabra do Señor

Comentarios

Publicacións populares