FICHA E LECTIO: Domingo 26 de Ordinario C
DEBUXOS ADAPTADOS DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com
LECTIO:
Infrahumano
era Epulón
(29 setembro 2019)
As
parábolas dos textos dos evanxeos adoitan ser moi clariñas e o seu sentido
enténdese normalmente moi ben. O que pasa é que ás veces non as tomamos
suficientemente en serio. Hoxe temos diante unha parábola máis de Lucas,
impresionante como todas as súas. Ademais, tamén esta parábola é exclusiva del.
Quero dicir, outros textos dos evanxeos non a refiren. Como xa outras veces
comentei, en Lucas hai unha preocupación moi notábel por presentarnos a estima
que ten Xesús dos pobres, da súa dignidade, da súa función na Igrexa e do seu
destino.
Por
iso, a Igrexa de Xesús ten que ser unha Igrexa dos pobres, onde eles se sintan
a gusto como en casa propia. Como isto con frecuencia non funciona así, por iso
o papa Francisco anda dicíndonos, un día si e outro tamén, que temos que irnos
acostumando a ver e a practicar esa estreita relación entre a nosa fe cristiá e
a xente pobre e necesitada. A Igrexa ten que aprender de novo a irse
desprendendo de xeitos de proceder que teñen máis parecido cos comportamentos de
xente rica e podente ca cos modos de ser e de vivir de xente sinxela,
traballadora, sufrinte e necesitada.
Por
que? Simplemente porque Xesús se comportou tamén así. El fíxose pobre cos
pobres, sufrinte cos sufrintes, necesitado cos necesitados. Os que polo menos
en intención nos consideramos seguidores seus teremos que seguilo tamén nese
comportamento seu. Do contrario, non poderemos ollarnos a nós mesmos como
verdadeiramente cristiáns, por moito que o creamos ou proclamemos.
A
min sempre me chamou a atención na parábola de hoxe a naturalidade, para dicilo
dalgunha maneira, con que nela se conta, sen máis preámbulos, que o pobre
Lázaro morreu e foi recibido no ceo e que o ricachón tamén morreu e que non foi
acollido entre os xustos. Non se di nada directamente sobre a relixiosidade ou
moralidade nin do rico nin do pobre. Polo que se ve, todo semella indicar que
en Lucas van estreitamente unidas, por un lado, pobreza e salvación e, polo
outro, riqueza e condena. Isto está naturalmente en relación co que -como
lembraredes- Lucas poñía en boca de Xesús no anterior domingo: “Non podedes
servir a Deus e mailo diñeiro”.
Na
mensaxe hai algo fundamental. Xesús vén dicirnos que todos (sexamos da
ideoloxía, da cultura, do país ou da relixión que sexa) temos un mesmo Pai,
aquel que invocamos dicindo “Noso Pai que estás no ceo”. Que en consecuencia
todos somos e debemos comportarnos entre nós como irmáns.
Agora
ben, que é ou que significa o feito de que en tantas partes do mundo haxa uns
que fan esmorga case a diario, sentados ou deitados sobre feixes de billetes, e
outros teñan que rebuscar no lixo para poderen atopar algo pra comer?
Iso
significa simplemente que non existe verdadeira irmandade. Pois ben, ese non é
o plan de Deus nin o seu proxecto. Xesús denuncia ese estado de cousas con toda
claridade. Para el Lázaro ten a mesma dignidade de fillo de Deus có rico. Mais
ese rico, co seu comportamento, abdicou da súa dignidade de fillo de Deus e de
irmán dos demais para se facer escravo dos cartos, xa que -tal e como el vivía
e se comportaba- o seu señor non era Deus senón o diñeiro. Deus, en cambio,
maniféstase no seu fillo Xesús como Pai de todos, creando liberdade e
fraternidade. O rico, ó se facer escravo do diñeiro e se converter en adicto a
un consumismo desenfreado, perdeu toda dignidade. Lucas nin sequera lle pon
nome, como si llo pon a Lázaro. É unha persoa, pois, sen dignidade e sen nome,
por máis que a tradición posterior lle inventase un nome, o de Epulón (do
“epulor” latino, que ten que ver coas enchentes ás que tódolos días se
dedicaba).
O
texto de Lucas vénnos dicir, non que o diñeiro en principio sexa cousa mala. O
que é malo é facérmonos escravos del, permitindo que nos poña unha venda nos
ollos para non ver os necesitados que temos ó noso lado. A actitude inmoral,
non cristiá, do rico non está propiamente en que o rico sexa rico. Pode ter
adquirido esas riquezas co seu esforzo, co seu traballo ou coas súas lexítimas
habilidades. O malo do seu comportamento consiste en que non se deixa conmover
pola pobreza e miseria do seu irmán necesitado que está á súa beira. Non o olla
coma irmán seu, senón coma un infrahumano ó que só se lle permite que poida
atrapar debaixo da mesa algunha frangulla de pan ou os desperdicios dunha boa
tallada de carne.
Cando
consideramos os demais como infrahumanos e deixamos polo tanto de velos como
iguais a nós, convertémonos entón en seres inmorais e deixamos en calquera caso
de sermos cristiáns se é que nalgún momento anterior o eramos. E ben sabemos
que o malo do mundo de hoxe son precisamente as tremendas desigualdades que
existen entre uns e outros en relación coas posibilidades de seguir vivindo cun
mínimo de dignidade.
En
resumidas contas, o noso destino, a nosa pertenza ou non ó que no Novo
Testamento se describe como “reino de Deus”, xógase ou decídese nisto: en se
exercemos ou non a misericordia e a bondade de irmáns coas persoas que estean ó
noso lado, ó noso alcance. Ó longo da nosa vida, atoparémonos seguramente con
moitos “Lázaros” que nos interpelarán dunha ou doutra forma, se é que non
levamos os ollos pechados ou afastamos a vista.
Polo
tanto, se con algo verdadeiramente valioso temos que ir enchendo as mochilas ou
os macutos no noso peregrinar pola vida ha ser precisamente con actos de
bondade e misericordia cos irmáns nosos máis necesitados. Porque en última
instancia son eses actos os que verdadeiramente salvan. Non os outros moitos
posíbeis actos de correcto cumprimento de boas normas rituais ou exteriores,
mais que se realizan á marxe do que verdadeiramente importa, que é o seguinte:
o exercicio efectivo da nosa común fraternidade con calquera dos nosos irmáns
ou irmás do mundo enteiro, fillas e fillos igual ca nós dun mesmo Pai Deus.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario