Carta dos bispos de Galicia animando aos pais para solicitar Ensino Relixioso na Escola


O pasado 14 de maio, con motivo da Xornada de sensibilización sobre o Ensino Relixioso, os bispos de Galicia redactaron unha carta para as nais e pais de familia .
Este é o texto íntegro da carta dos nosos bispos:

Queridos Pais/Nais
 Un ano máis dirixímonos a vós e a toda a comunidade cristiá con motivo da Xornada Diocesana sobre o Ensino Relixioso na Escola. En datas próximas teredes que decidir sobre a petición do Ensino Relixioso Católica para os vosos fillos nos centros educativos. Con este motivo os Bispos da Igrexa en Galicia queremos lembrarvos algúns aspectos fundamentais respecto a a presenza da relixión no sistema educativo.
1.- É un dereito exclusivo de vós, pais e nais. Na educación dos vosos fillos sodes vós os que tedes ese dereito. Así o recoñecen a Constitución Española (art. 27,3), os Acordos Internacionais entre a Igrexa e o Estado español (art. 1,1), e todas as Leis educativas que se implantaron en toda Europa.
Vós habedes de orientar a educación dos vosos fillos. É un dereito fundamental voso.
2.- A materia de relixión na escola non é unha concesión benévola dun Goberno. Todo goberno e as institucións educativas, sociais e sindicais deben respectar o dereito dos pais a que os seus fillos sexan educados segundo as súas conviccións relixiosas e morais.
Este dereito debe ser recoñecido e aceptado, e hase de garantir o seu cumprimento.
3.- Sen dúbida están a xurdir voces contra a presenza da relixión no sistema educativo. Algúns están interesados en non darlle cabida no ámbito educativo. Certamente hai que subliñar que o ensino relixioso contribúe á formación integral da persoa.
Ante determinadas formulacións habedes de favorecer a auténtica educación dos vosos fillos.
4.- A finalidade da educación relixiosa escolar pretende axudar aos vosos fillos a: desenvolver unha formación integral, proporcionar criterios e valores cristiáns que configuren a súa personalidade descubrindo o sentido da vida, favorecer a relación entre fe e cultura nunha visión cristiá da vida, capacitar para o diálogo respectuoso e construtivo con outras tradicións relixiosas, ofrecer en diálogo coas demais materias a resposta cristiá ás grandes preguntas da vida e dar a coñecer a Xesucristo e á súa Iglesia.
Consideramos que a formación relixiosa na Escola é unha achega necesaria para a mellor educación dos vosos fillos. Certamente é sempre unha opción libre.
Tratade de que crezan cunha cultura impregnada da formación relixiosa católica!
5.- Facemos unha chamada á vosa responsabilidade educativa. Procurade solicitar, para os vosos fillos, o ensino da Relixión Católica nos centros educativos. É unha consecuencia do compromiso cristián que asumistes ao bautizar aos vosos fillos.
Solicitade libre e responsablemente o ensino relixioso para os vosos fillos!
6.- É necesario que, desde as nosas comunidades deamos un impulso á educación cristiá. O gran esforzo ha de orientarse a que a familia, a parroquia e a escola traballen en colaboración para unha mellor educación.
Co noso agradecemento e apoio aos sacerdotes, aos pais e profesores que entregades xenerosamente o mellor de vós na educación dos vosos fillos e alumnos, bendicímosvos con afecto no Señor e encomendámosvos nas nosas oracións.

+ Julián. Arcebispo de Santiago.
+ Luís. Bispo de Tui-Vigo.
+ Alfonso. Bispo de Lugo.
+ José Leonardo. Bispo de Ourense.
+ Luís Anxo cmf. Bispo de Mondoñedo-Ferrol.
+ Jesús. Bispo Auxiliar de Santiago

Comentarios

Publicacións populares