DOMINGO 23 DO TEMPO ORDINARIO C
PRIMEIRA Sab 9, 13-19 (gr 13-18b)
Quen se decatará do que quere o Señor?PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA
13Que home de feito poderá coñece-lo plan de Deus
ou quen se decatará do que quere o Señor?
14Abofé, os pensamentos dos mortais son covardes
e inseguros os nosos proxectos.
15Porque o corpo corruptible pesa na alma
e a tenda terrestre oprime a mente cavilosa.
16Se con dificultade imaxinámo-lo que hai sobre a terra
e con traballo atopámo-lo que está a man,
quen pescudará o que hai no ceo?
17¿Quen coñecerá o teu consello se ti non lle dás sabedoría
mandando o teu espírito santo desde o alto?
18Soamente deste xeito se endereitaron os vieiros dos terrestres,
aprenden os homes o que é do teu gusto
e son salvados pola Sabedoría.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 89 3-4. 5-6. 12-13. 14 e 17
R/ (1): O Señor foi o noso agarimo ó longo das xeracións
3Ti podes volver en po os mortais,
con dicirlles:- "Fóra, homes".
4Mil anos ante ti
son coma o onte que pasou
e coma unha vixilia da noite.
5Ti falos pasar, e son coma sono mañanceiro,
coma herba que agroma:
6de mañá florece e verdea
e á tarde ségana e seca.
12Ensínanos a conta-los nosos días,
para que aprendamos a ser asisados.
13Volve, Señor. ¿Por canto aínda?
Apiádate dos teus servos.
14Dános axiña a fartura da túa misericordia,
para que a nosa vida teña felicidade e ledicia.
17Que a bondade do Señor, noso Deus, sexa connosco
e que el asegure as accións das nosas mans.
SEGUNDA Film 9-17
Recíbeo non xa coma un servo, senón coma un benquerido irmán
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO
APÓSTOLO A FILEMÓN
Benquerido irmán:
9Sen máis título que ser eu Paulo, un vello que agora está preso por Cristo Xesús:
10pídoche por Onésimo, o meu fillo, que enxendrei estando na cadea. 12Velaí cho mando.
Velaí che vai unha parte de min. ¡Recíbeo!
13Pensei en me quedar con el, para que me axudase no teu lugar, mentres estou preso polo
Evanxeo. 14Pero non quixen facer nada sen contar co teu consentimento, para que non
fagas este ben á forza, senón porque che sae de dentro. 15Igual por iso marchou de onda ti
algún tempo: a fin de que agora o recuperes para sempre, 16non xa coma escravo, senón
coma algo máis ca escravo: coma un irmán benquerido. Para min é moi querido; ¡moito
máis o vai ser para ti, coma home e coma cristián! 17Así que se me consideras un amigo,
acólleo coma a min.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Sal 118, 135:
Fai brillar ante o teu servo a túa presencia
e ensíname os teus mandatos
EVANXEO Lc 14, 25-33
Quen non renuncia a todo canto posúe, non pode ser discípulo meu
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
25Nunha ocasión que seguía a Xesús moita xente, volveuse a eles e díxolles:
26-Se alguén me quere seguir e non está disposto a romper con seu pai e con súa nai, coa
muller e mais cos fillos, cos irmáns e coas irmás, e incluso coa súa propia vida, non pode
ser discípulo meu. 27O que non carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo
meu.
28Pois ¿quen de vós, querendo construír unha torre, non se para a pensar no presuposto, a
ver se a pode rematar? 29Non vaia ser que bote os alicerces e non a dea rematado e a xente
que o vexa faga riso del, dicindo: 30"Este empezou a construír e non deu rematado".
31Ou ¿que rei, que sae á guerra contra outro, non se senta primeiro a cavilar se lle
chegarán dez mil homes para loitar contra vinte mil? 32E, se ve que non, cando aínda o ten
lonxe, mándalle unha embaixada, pedindo condicións de paz.
33Pois así, como non renunciedes a todo o que tedes, non hai de vós quen poida ser
discípulo meu.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario