Ficha e Lectio - Domingo 3 de Ordinario C
FICHAS ANTERIORES:
FICHAS ADAPTADAS DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
LECTIO:
Liberando
a xente
( 27. I. 2019)
Os
textos a comentar hoxe son, aínda que como case sempre, algo especiais e
sorprendentes. Sobre a segunda Lectura, da primeira carta de Paulo ós
Corintios, non vou dicir ren. Os comentarios de Paulo sobre o corpo místico de
Cristo, no que este é cabeza ou corazón e sobre que os demais somos membros moi
diversos que formamos con el unha unidade son tan doados de entender que non
precisan aclaracións. Xa comentamos ademais abondo en domingos pasados a
necesidade de que respectemos e queiramos conxuntamente sempre a unidade e
maila diferenza, do mesmo modo que Deus é un e diferente. Por iso vou facer só
algúns moi curtos comentarios sobre a primeira Lectura e o Evanxeo, por
presentaren escenas que teñen unha certa semellanza co que adoitamos facer os
que presidimos a eucaristía os domingos. Refírome ás homilías.
Na
primeira Lectura ofrécesenos algo así como unha “homilía” do sacerdote Esdras,
subido sobre unha tarima de madeira á vista de todo o pobo. Algo emocionante.
“Todo o pobo –dísenos alí- estaba atento á lectura do libro da lei”. Homes,
mulleres e mais (que fermoso!) “todos aqueles que eran capaces de pensar”. E
este pobo oínte non estaba alí esperando, paciente e cortesmente, a que Esdras
rematase por fin o seu discurso. Todo o contrario. Participaba, coa súa
atención e cos choros e laios da súa emoción, no que alí se explicaba sobre o
libro da lei. “Todo o pobo choraba”, dísenos alí. Tanto que os que dirixían a
asemblea tiveron que convidalos e case forzalos a que deixasen de chorar,
porque –tal como eles argumentaban- “o gozo do Señor é a vosa forza”. De modo
que xa no Antigo Testamento os encargados nesta ocasión de se dirixiren ó pobo
anuncian dalgún modo un pequeno “evanxeo”, unha pequena boa nova. A nova de que
o seu Deus quere ser tamén un Deus ó que lle gusta que o pobo viva. E que viva
ben, con plenitude e alegría: “alegrándose no Señor”.
Este
tipo de homilía veterotestamentaria da Primeira Lectura vén sendo algo así como
preparación ou contexto da incomparabelmente máis emocionante homilía que vai
facer Xesús en Nazaret, segundo se nos conta no Evanxeo. Xesús “criárase” alí.
A xente coñéceo ben. É un máis dos veciños do pobo. Oficialmente, non ten
categoría ningunha, nin civil nin relixiosa. Non é sacerdote, nin escriba nin
cousa semellante. Mais iso si: a xente, dinos Lucas, falaba moi ben del.
Seguramente porque estaba verdadeiramente comprometido cos problemas e as
necesidades dos veciños e compañeiros. Sabían tamén que mantiña unha relación
especial de confianza con Deus, ó que trataba e do que falaba con fondo agarimo
como pai seu e pai de todos. Xesús tiña o costume de ir os sábados cos demais á
sinagoga. Algo así como imos nós os domingos á igrexa. Mais esta vez, na
sinagoga, síntese el impulsado, “coa forza do Espírito Santo” (dinos Lucas) a se
dirixir ós demais veciños e coñecidos para lles comunicar algo moi importante
sobre as súas fondas e agarimosas experiencias de Deus. Un Deus que se lle
manifesta e o sente como Pai-Nai del e tamén de todos. Xesús non vai falar coa
autoridade que lle podería conferir ser un letrado ou mestre da lei, pois el
non tiña ningunha autoridade deste tipo. El falará unicamente desde a súa
misteriosa e íntima experiencia persoal.
Sempre
me emociona tamén a min (como ós que escoitaban ó sacerdote Esdras) esta escena
de Xesús dirixíndose, pausada e sosegadamente, ó seus oíntes na sinagoga. Dado
o preciso e concreto relato dos feitos, a Lucas -que non chegou a coñecer
persoalmente a Xesús- seguramente llo debeu de comunicar alguén que presenciara
directamente ou polo menos oíra atentamente falar do alí acontecido. A escena lémbrame
a min un pouco, e quizais tamén a vós, esas películas de “suspense”, que nos
fan conter a respiración. Lucas di explicitamente que a xente toda da sinagoga
tiña os ollos “fixos nel”.
Xesús
é moi estimado pola xente polo seu sorprendente modo de se comportar. Mais o
que alí, nesa especie de curta homilía, vai el dicir superará todo o previsíbel
tanto desde un punto de vista relixioso como político ou civil. El, unha persoa
pobre e sinxela coma os demais, vaise manifestar ante eles como a presenza
viva, concreta e histórica, dun Deus que non é nin quere ser castigador nin
opresor, senón liberador. E iso de maneira moi concreta e social ou civil,
porque Lucas non ten na súa visión da mensaxe de Xesús ningún recendo
espiritualista ou descarnado. Pois ben, o texto que Xesús alí lles le pertence
ó profeta Isaías. Lembrémolo de novo, porque non ten desperdicio: “O Espírito
do Señor está sobre min porque El foi quen me unxiu para lles proclamar a Boa
Nova ós pobres. Mandoume para lles anunciar a liberación ós secuestrados e a
vista ós cegos, para lles dar liberdade ós asoballados e proclamar o ano de
graza do Señor”.
O
comentario ou homilía que constrúe Xesús sobre este texto sagrado non pode ser
nin máis curto nin máis plástico: “Hoxe cúmprese diante vosa esta pasaxe da
Escritura”. É dicir, alí está en persoa diante dos seus abraiados veciños e oíntes,
na persoa ben concreta e presente de Xesús, a realización e o cumprimento do
texto de Isaías. Un texto absolutamente alegre (“Boa Nova”), liberador e
perdoador para cantos se senten ameazados ou asoballados por calquera tipo de
discriminación ou inxustiza. Sabemos polo que nos conta Lucas a continuación
(aínda que non está recollido no texto do evanxeo de hoxe) que a xente non
acabou de comprender, estrañada, esta mensaxe fondamente liberadora de Xesús,
acostumada como estaba á imaxe dun Deus xusticeiro e castigador, que impuña
mandatos e preceptos. Ademais, non casaba moi ben tampouco esta imaxe que tiñan
dun Deus grandioso e omnipotente coa feble e humilde presenza dun Xesús, a quen
todos coñecían como bo veciño e compañeiro, mais sometido, igual ca eles, á
pobreza e á discriminación social e política. Lucas vén indicar de feito todo
isto cando nos di que a xente non facía máis que comentar tralo que acababan de
escoitar na sinagoga: “¿Pero non é este o fillo de Xosé?”.
E
remato xa. Teremos que loitar, toda a nosa curta ou longa vida, contra as
falsas concepcións que nos agachan a verdadeira face de Deus. A face dun Deus
que en Xesús se nos manifestou como un máis de entre nós, como compañeiro e
irmán. Unha auténtica revolución na concepción de Deus que nos custa aceptar,
como lles custou tamén ós contemporáneos de Xesús.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
https://www.gruposdejesus.com/3-tempo-ordinario-c-lc-11-4-414-21/
RECURSOS CATEQUESE DE GALICIA:
Comentarios
Publicar un comentario