DOMINGO 10 DE ORDINARIO - CICLO C

DOMINGO X  DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO C


Primeira Lectura     1 Re 17, 17-24
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Velaí que o teu fillo vive

            Naqueles días, adoeceu o fillo da muller, dona da casa. A doenza foi tan grave, que o neno deixou de alentar. A muller díxolle a Elías:
             ‑ "Que temos que ver un con outro, home de Deus? Viñeches á miña casa para lembrarme os meus pecados e para matarme o fillo?"
            Respondeulle Elías:
            ‑ "Dáme aquí o teu fillo".
            E coa mesma, colleullo do colo, su­biuno ao cuarto onde el durmía e deitouno na cama. E rezoulle ao Señor, dicindo:
             ‑ "Señor, meu Deus, tamén vas visitar coa desgraza a esta viúva coa que vivo, facen­do que morra seu fillo?"
            Logo tendeuse riba do neno por tres veces, chamando ao Señor:
             ‑ "Señor, meu Deus, fai que o alento de vida deste neno entre nel outra vez".
            O Señor escoitou a oración de Elías, e o neno comezou a alentar e reviviu. Elías colleu o neno, baixouno do seu cuarto e deullo á nai, dicindo:
            ‑ "Aí tes o teu fillo vi­vo".
            A muller díxolle a Elías:
            ‑ "Agora acabo de ver que ti es un home de Deus, e que a palabra do Señor está de verdade na túa boca".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 29, 2 e 4. 5-6. 11 e 12a e13b
R/.  (2a):  Eu lóote, Señor, porque me libraches.

Eu lóote, Señor, porque me libraches
e non deixaches rirse de min os inimigos.
Sacaches do abismo a miña vida,
fixéchesme revivir,
lonxe dos que baixan ao sepulcro.

Cantádelle ao Señor os seus amados,
loade o seu santo nome.
O seu furor dura só un intre;
o seu favor, toda a vida.
Se hai pranto á tardiña,
ó abrente xa hai ledicia.

Escoita, Señor; ten compaixón de min,
Señor, ven socorrerme.
Trocaches o meu lamento en danza,
Señor, meu Deus, hei loarte por sempre.



Segunda Lectura     Gal 1, 11-19
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Reveloume o seu Fillo, para que volo predicase aos xentís

            Fágovos saber, irmáns, que o Evanxeo que eu prediquei non é cousa de homes, xa que nin o recibín nin o aprendín de home ningún, senón que mo revelou Xesús Cristo.
            Si: vós tedes oído falar das miñas andanzas de cando estaba no xudaísmo; do furor con que dera en perseguir a Igrexa de Deus; e de como adiantaba eu no xudaísmo máis ca moitos da miña raza e do meu tempo, como fanático seguidor das tradicións dos meus devanceiros.
            Mais cando a Aquel, que xa desde o seo da miña nai me puxera á parte e chamou por min pola súa graza, lle prougo revelarme o seu Fillo, para que o predicase aos non xudeus, eu ‑ de contadiño, sen lle pedir consellos á carne nin ao sangue, sen tan sequera subir a Xerusalén onda os que me precederan como apóstolos ‑, retireime a Arabia, e volvín de novo a Damasco.
            De alí a tres anos subín a Xerusalén para ir coñecer a Pedro e cabo del fiquei uns quince días. E non vin a ningún outro apóstolo, fóra de Santiago, o parente do Señor.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



ALELUIA     Lc 7, 16
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Un gran profeta xurdiu entre nós;
Deus visitou o seu pobo.
Aleluia.



Evanxeo     Lc 7, 11-17
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Rapaz, falo contigo: érguete!

            Naquel tempo, Xesús foi a unha vila chamada Naín, acompañado dos seus discípulos e outra moita xente. Cando estaba chegando á entrada da vila, sacaban a enterrar un morto, fillo único da súa nai, que era viúva; ía acompañada por moita xente da vila. ao vela, o Señor compadeceuse e díxolle:
            ‑ Non chores.
            E achegándose, tocou o cadaleito ‑ os que o levaban pararon ‑, e el mandou:
            ‑ Rapaz, falo contigo: érguete!
            O morto incorporouse e empezou a falar; e Xesús entregoullo á súa nai. Todos quedaron impresionados e loaban a Deus, dicindo:
            ‑ Un gran profeta xurdiu entre nós; Deus visitou o seu pobo.
            E por toda a Xudea e a súa comarca correron estes comentarios.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


UNHA INVITACIÓN PARA NON DEIXARSE LEVAR DA DESESPERANZA: ÉRGUETE!

Pórtico
            Xesús, no evanxeo que imos proclamar na celebración desta mañá, invita a erguerse. Esta é unha expresión coa que se quere manifestar que a realidade avanza, non para, e nós non podemos desengancharnos, por difícil que sexa a situación, deste proceso. A súa chamada quere ser un pulo de esperanza e acollida. Non é unha orde, un mandato que alguén con poder impón a quen está sometido; ao contrario, é unha invitación chea de agarimo que abre a vida a novas posibilidades, que chama a deixar atrás canto impide mirar ao futuro, construír esperanza ou avanzar buscando cambiar e iniciar novos proxectos, xerando ilusións e entusiasmo.
Tamén a nós, neste momento de tantas dificultades e problemas para moitas das familias da nosa sociedade, se dirixe hoxe esta invitación de Xesús, Non impón, non manda, non esixe..., simplemente invita, e na súa invitación téndenos a man: érguete! Que respondamos con prontitude, porque desde El, outra vida, outra familia, outra Igrexa e outra sociedade serán posibles. Poñámonos en camiño, non esperemos máis!.

PERDÓN

ð  Porque nos custa coller a man que nos tendes para que saiamos da desesperanza e da desilusión, SEÑOR, GRAZAS POR CONFIAR EN NÓS.
ð  Porque lle prestamos máis atención ás voces que nos falan de vinganza, violencia e egoísmo, que á túa, que nos chama sempre á paz e á solidariedade, CRISTO, GRAZAS POR CONFIAR EN NÓS.
ð  Porque nos sobran palabras e nos faltan feitos que convertan a nosa vida en exemplo evanxélico de servizo e acollida cara aos que nos necesitan, SEÑOR, GRAZAS POR CONFIAR EN NÓS.

REMUÍÑO
  • Nunha sociedade lastrada polo materialismo que todo o anega, resulta difícil entender e interiorizar a linguaxe da fe. Nenos, mozos e maiores, coidando que xa o saben todo, ao falar do relixioso adoptan unha actitude de desprezo, cando non de superioridade. Non vende, non está de moda, non dá beneficios, non produce ganancias, non... Estamos tan convencidos de que isto ten que ser así, que non contemplamos xa outras perspectivas, visións e formas de darlle sentido á nosa existencia. Consecuencia: cando se veñen abaixo as agarradoiras do materialismo, é dicir, a utilidade, o pragmatismo, a rendibilidade ou o éxito, non queda máis que o baleiro, e como consecuencia a nada, o nihilismo máis absoluto, o que nos trae actitudes como o derrotismo e a desesperanza, un deixarse ir ata que todo acabe, porque non hai nada máis. Este xeito de pensar e vivir invadiu tamén a moitos dos cristiáns. Algúns, como nada podía xa alentalos e o seu vivir a fe era puro ritualismo sociolóxico, optaron polo abandono silencioso da Igrexa, pola chamada apostasía silenciosa, sen facer moito barullo e sen chamar a atención…simplemente fóronse. Outros, inda que non se foron, móvense nunha fe pura e simplemente de costumes: o enterro, a festa, a Franqueira... pero sen nada que os motive e os achegue a unha experiencia persoal de Deus que se identifica coa persoa de Xesús. Poderiamos preguntarnos, os que seguimos vindo ás celebracións, os que seguimos pensando que Deus, o Deus de Xesús, sigue ocupando un lugar amplo na nosa vida, que parte de culpa temos por non ter sido capaces de ser testemuñas, de transmitir a alegría de crer, o gozo dunha palabra que nos pide comprometernos en cambiar o mundo, por facer dos corazóns, non estatuas de pedra, senón latexo quente que se aleda e se une ás causas nas que a defensa das persoas, e dentro destas as máis pobres e excluídas, son o motor, o obxectivo e a razón de ser do actuar de cada día. Como fixo e nos ten invitado a facer Xesús.

  • O seu érguete é un érguete dirixido a cada un de nós para que non caiamos nesta desidia que non só produce baleiro, senón que nos vai quitando horizontes, perspectivas e esperanzas. Outro mundo será posible, se posible é tamén o cambio na nosa actitude, no noso xeito de vivir, na nosa maneira de acoller, coñecer e movernos desde o seguimento da súa persoa. Non cremos en algo abstracto e difuso, senón nunha persoa: Xesús de Nazaré, Fillo de Deus e home que deu un profundo e agarimoso testemuño de amor; e que no final da súa estadía entre nós díxolle a aqueles que o seguían: non quededes mirando para o ceo. Ide e anunciade.

  • Dínolo a nós tamén: a min, a vós; aos que hoxe estamos aquí, tamén a cantos a través de nós recibirán esta mensaxe. Poñámonos a andar, rompamos co baleiro, deixemos atrás a nostalxia doutros tempos. A fe non é vivir do pasado, senón actuar, aquí e agora, cos métodos, maneiras e modos de hoxe. Ergámonos e vaiamos, deixemos de mirar para outro lado!

ORACIÓN DA COMUNIDADE

            Chamados a non quedar instalados na nosa propia comodidade, diriximos agora como comunidade, a nosa oración a Deus Pai, dicindo xuntos:
SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS LEVAR DA TÚA MAN
*        Que a Igrexa, Señor, non canse nunca de tender a súa man, non aos poderosos, senón aos pobres e necesitados; OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS LEVAR DA TÚA MAN
*        Que as nosas comunidades se esforcen por camiñar aprendendo a mirar para os lados, e saiban tender a man a quen se atopa só, enfermo ou necesitado de que o escoiten; OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS LEVAR DA TÚA MAN
*        Que cada un de nós, non se deixe invadir nunca polo desánimo, o derrotismo ou a indiferenza, namentres  ao noso redor os poderosos teñen as mans libres para enganarnos e manipularnos como se foramos cousas e non persoas; OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS LEVAR DA TÚA MAN
Grazas, Señor, por esta oración comunitaria na que nos invitas a non afastarnos de Ti. P.X.N.S. Amén.

REFLEXIÓN
«PAI, PERDÓALLES PORQUE NON SABEN O QUE FAN»
Sabendo ou non sabendo o que facemos,
sabemos que nos amas,
porque xa temos visto as túas maneiras
nos ollos e na boca do teu Fillo Xesús.
Xa non es máis para nós o Deus terrible.
Sabemos que es Amor!
Sabemos que non sabes castigar...
Ti es un Deus vencido na tenrura.
Ti esperas sempre, Pai, e acolles e restauras a vida
ata dos asasinos do teu Fillo,
que somos todos nós.

Perdóalles! Perdóanos!
Atende este pedido do teu Fillo na cruz,
proba maior do teu amor de Pai.

E acóllenos, oh Pai, oh Nai, oh berce, oh casa
de cantos retornamos buscando a túa aperta!


(Pedro Casaldáliga)

CANTOS
 Entrada: 
Amigos nas penas e na festa
Lecturas: 
Téndeme a túa man
 Ofertorio: 
Canta o sol
 Comuñón: 
Queda ti, Señor, connosco.

POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares