Corpus Christi - ciclo B


DOMINGO DO CORPO DE CRISTO  CICLO B


Primeira Lectura     Ex 24, 3-8
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Este é o sangue da alianza que o Señor fai convosco

     Naqueles días, Moisés veu e expúxolle ao pobo todas as pala­bras e os mandatos do Señor; e o pobo a unha respondeu:
     ‑ Faremos todo o que dixo o Señor.
     Moisés puxo por escrito todas as palabras do Señor.
     Ao día seguinte, Moisés ergueuse cedo, construíu un altar na aba da montaña e chantou doce estelas, polas doce tribos de Israel. Despois mandou a algúns mozos israelitas que ofrecesen holocaustos e sacrificios de comuñón ao Señor. Moisés colleu a metade do sangue e botouna en recipientes, e a outra metade verteuna no altar. Despois colleu o libro da alianza e leullo en voz alta ao pobo. Este respondeu:
     ‑ Faremos todo o que dixo o Señor e obedeceremos.
     Entón colleu Moisés o sangue e asperxeu o pobo con el, dicin­do:
     ‑ Este é o sangue da alianza que o Señor fai convosco, conforme ás palabras lidas.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 115, 12-13. 15 e 16bc. 17-18
R/.  (13):  Alzarei a copa da salvación, invocando o nome do Señor.
Ou:  Aleluia.

Con que lle pagarei ao Señor
todo o ben que me fixo?
Alzarei a copa da salvación,
invocando o nome do Señor.

É preciosa aos ollos do Señor
a morte dos seus amigos.
Señor, eu son o teu servo,
servo teu e fillo da túa serva:
ti rompiches as miñas cadeas!

Ofrecereiche un sacrificio de loanza,
invocando o nome do Señor.
Cumprirei os meus votos ao Señor,
á vista de todo o seu pobo.


Segunda Lectura    Heb 9, 11-15
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
O sangue de Cristo limpará a nosa conciencia

            Irmáns:
            Ó presentarse Cristo como Sumo Sacerdote dos auténticos bens, entrando a través dunha tenda - santuario maior e máis perfecta, non de feitío humano, isto é, non deste mundo, e ofrendando o seu propio sangue, non o sangue de carneiros ou de becerros, entrou dunha vez para sempre no santuario e, deste xeito, conseguiu unha redención definitiva.
            Porque se o sangue de carneiros e de touros e a aspersión da cinsa dunha xovenca consagra os impuros, dándolles unha pureza corporal, moito máis o sangue de Cristo (que movido polo Espírito que animou toda a súa vida, se ofreceu a si mesmo a Deus, como vítima sen mancha) limpará a vosa conciencia das obras de morte, para así servirmos o Deus vivo.
            Por iso é mediador dunha nova alianza, pois morreu para redimir dos pecados cometidos baixo a primeira alianza, a fin de que os chamados á herdanza eterna, poidan recibir o cumprimento desta promesa.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SECUENCIA, ad Libitum, Lauda, Sion, Salvatorem

Loemos o Salvador,
o noso guía e pastor,
cun cantar afervoado.

Loémolo xenerosos,
pois don tan marabilloso
nunca o daremos loado.

A razón de tal loanza,
o pan vivo no que alcanza
o pobo gozosa vida.

Ós doce en leda irmandade
fora entregado en verdade
na cea de despedida.

Ampla e sonora cantiga:
que fale a alma e bendiga
con indicible ledicia.

Hoxe é a recordación
da primeira institución
desta mesa sen malicia.

Na mesa do novo Rei,
nova Pascua, nova lei,
o tempo vello termina.

O novo vence ao que é vello,
a verdade ao seu espello,
e a luz a noite ilumina.

Cristo mándanos facer
na súa memoria e querer
o que na Cea el fixera.

Seguindo no seu camiño
consagramos pan e viño
cal hostia de amor sincera.

Dogma para o pobo cristián:
en carne tórnase o pan
e o viño faise sangue.

A fe confirme animosa
o que a razón pretensiosa
non entende nin abrangue.

Baixo unha humilde aparencia
de signos, late a presenza
de cousas marabillosas.

Mantenza a carne, e bebida
o sangue, Cristo todo vida
en cada parte gozosa.

Quen o come, toma enteiro
o seu corpo sobranceiro
non diviso nin rompido.

Come un e comen mil,
tanto este coma aquil,
e non se dá consumido.

Os bos e os malos o comen,
con dispar sorte o consomen:
lance de vida ou de morte.

Morte ao malo, vida ao bo,
única mesa de unión
pero moi distinta sorte.

Partido xa o sacramento,
non dubides, olla atento
que tanto encerra o fragmento
coma todo o corpo enteiro.

Non hai no fondo fisura,
só o signo se fractura,
nin o amor nin a feitura
reve do que é verdadeiro.

O pan dos anxos foi feito
de camiñantes proveito;
pan para os fillos é feito,
que non para darlle aos cans.

En símbolos persignado:
con Isaac inmolado,
año pascual ofrendado,
para os devanceiros maná.

Bo pastor, pan sobranceiro,
pan para o pobo esmoleiro,
mantennos e sé o guieiro
que nos conduza certeiro
ata as fontelas da vida.

Ti, Señor de canto hai,
que termas de nós, mortais,
fainos os teus comensais
coas multitudes triunfais
na mesa en ti compartida. Amén.



Ou, máis breve:  
Ecce panis

O pan dos anxos foi feito
de camiñantes proveito;
pan para os fillos é feito,
que non para darlle aos cans.

En símbolos persignado:
con Isaac inmolado,
año pascual ofrendado,
para os devanceiros maná.

Bo pastor, pan sobranceiro,
pan para o pobo esmoleiro,
mantennos e sé o guieiro
que nos conduza certeiro
ata as fontelas da vida.

Ti, Señor de canto hai,
que termas de nós, mortais,
fainos os teus comensais
coas multitudes triunfais
na mesa en ti compartida. Amén.


ALELUIA    Xn 6, 51
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Eu son o pan vivo, que descendín do ceo, di o Señor;
quen coma deste pan, vivirá eternamente.
Aleluia.


Evanxeo    Mc 14, 12-16. 22-26
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Isto é o meu corpo. Isto é o meu sangue

            No primeiro día da festa dos Ácimos, cando se sacrificaba o año pascual, preguntáronlle a Xesús os seus discípulos:
            ‑ Onde queres que vaiamos preparar, para comeres a Cea Pascual?
            El mandou a dous discípulos, dicíndolles:
            ‑ Ide á cidade, e havos saír ao paso un home cunha sella de auga; seguídeo, e onde entre, dicídelle ao dono da casa: "O Mestre di: Onde está a miña sala, na que vou comer a Pascua cos meus discípulos?". El havos mostrar no sobrado unha gran sala, xa disposta e arranxada. Preparade alí para nós.
            Marcharon os discípulos e chegaron á cidade. Atoparon todo como llelo el dixera e prepararon a Pascua.
            Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, rezou a bendi­ción, partiuno e déullelo, dicindo:
            ‑ Tomade, isto é o meu corpo.
            Despois colleu un cáliz, deu grazas, pasóullelo, e todos beberon del. E díxolles:
            ‑ Isto é o meu sangue da Alianza, que se vai verter por moitos. Dígovolo de verdade: Xa non vou beber do produto da viña ata o día aquel en que o hei beber novo no Reino de Deus.
            Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das Oliveiras.

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo    


VIVE CON SINXELEZA E A ECONOMÍA DA GRATUIDADE FARANOS FELICES (CAMPAÑA DE CÁRITAS) Corpus 2012 B

 

PÓRTICO


            Compartir a mesa é o gran símbolo da convivencia, da reconciliación, da inclusión; e desde o Antigo Testamento, os banquetes son a mellor metáfora do que Deus lle prepara ao seu pobo. O banquete da comida fraterna é a imaxe que elixe Xesús para falarnos do reino de Deus. Por iso, hoxe, domingo do Corpus, é un bo día para preguntarnos como e con quen compartimos o banquete da nosa vida, a quen sentamos á mesa do noso tempo, da nosa amizade, dos nosos bens, do noso interese e a quen excluímos e por que; para medrar con ese talante de incorporar, agregar, atraer, xuntar.... proxectando     estratexias que non exclúan a ninguén.
E neste contexto de non exclusión, celebramos o día da caridade, que nos lembra que o presente é, se cadra máis ca nunca, tempo de caridade, tempo para vivir unha economía da gratuidade e ao servizo dunha sociedade máis xusta que saiba redistribuír os bens e os servizos para todas as persoas; poñendo en valor outros modelos de comercio e consumo que non priman o enriquecemento por enriba do benestar.
            Que esta invitación que o Señor nos fai a confiar nos irmáns e nas irmás, compartindo a vida e os bens para facer posible o milagre da multiplicación, non caia en saco roto e que a lóxica do don se converta no motor das nosas vidas.

O PERDÓN

  • Porque recibimos unha abundancia de graza; pero somos egoístas e mesquiños,          
  • SEÑOR, QUE NON EXCLUAMOS A NINGUÉN.
  • Porque non sabemos valorar e agradecer os dons cos que nos agasallas,                      
  • CRISTO, QUE NON EXCLUAMOS A NINGUÉN
  • Porque nos afacemos a unha vida mediocre, que nos leva á indiferenza cara tantas inxustizas, SEÑOR, QUE NON EXCLUAMOS A NINGUÉN.

REMUÍÑO

            Corpus Christi é unha festa de alianza co Señor; unha festa na que facemos memoria do seu compromiso de amor e de entrega xenerosa; unha festa na que lembramos que o culto e a celebración cristiá van da man da xustiza. Xesús dáse como alimento e comida nunha nova alianza, ao xeito do que nós podemos comprender, para, facéndonos partícipes da súa vida, darnos vida dabondo. Por iso, se non practicamos a súa vontade de vida e de xustiza, baleiramos de contido a nosa participación na eucaristía. Máis alá de xustificacións e aparencias, a situación de inxustiza e marxinación do pobre aparece coma un claro afastamento dos compromisos desta nova alianza. Cada celebración debe lembrarnos as estruturas de pecado que existen no noso mundo, porque facer alianza con Cristo supón empezar a construír esta sociedade desde as necesidades das persoas oprimidas e excluídas. Non facelo é renunciar a celebrar o día do amor fraterno, da caridade, da comunidade e da comuñón. Corpus Christi é celebrar unha festa aberta á comuñón, á entrega e á vida, enfrontándonos a estruturas inxustas e opresoras, non de xeito pasivo ou con resignación, senón en actitude de servizo e con ánimo de festa, sostidos pola forza do Resucitado e do Espírito co que El e o Pai nos agasallan.         Por iso o presente é tempo de CRER firmemente naquilo que tantas veces escoitamos e lemos no evanxeo: “Pedide e darásevos”:
  • Pedímoslles aos nosos gobernantes que loiten con todos os seus medios para acabar coa pobreza e a exclusión; que non recorten os gastos sociais, senón que os incrementen para paliar os efectos desta crise nas persoas máis vulnerables; que melloren as súas políticas de emprego; que cumpran o seu compromiso de contribuír co 0.7% da nosa riqueza anual aos países empobrecidos e que cumpran os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio que se marcaron para o ano 2015.
  • Pedímoslle aos cidadáns, a nós mesmos, que teñamos a convición certa de que si podemos facer algo para mellorar a vida de miles de persoas no mundo, porque co noso xeito de vivir, de comportarnos, de actuar con ética e compromiso persoal, podemos influír para ben no noso ámbito. Creámolo ou non, cada un/unha de nós ten un anaquiño de mundo no que pode facer algo para mellorar a sociedade.
            Por iso a lectura do evanxeo de Marcos que vimos de proclamar, interróganos a cada un e cada unha de nós. A Última Cea e a institución da Eucaristía prenden un facho de amizade e de solidariedade que non deixa de medrar e que ten o seu alicerce no servizo, establecéndose o principio de que só hai unha cousa que paga a pena: o amor vivido desde a gratuidade e desde a comuñón, o amor que evita o illamento e a exclusión. Porque, como podemos gozar da vida se ninguén te senta á mesa da creación?, como se pode saborear o banquete da creación mentres hai algún Lázaro á nosa porta ou tirado no chan?. A Eucaristía que compartimos e repartimos apórtanos solucións clave:
  • é de xustiza compartir o pan en vez de acaparalo
  • é caridade partir o pan en vez de conservalo
  • debemos sementar trigo en vez de minas antipersoais
  • debemos amasar a fariña con tenrura e con esperanza e non cun frío interese
  • temos que rachar cadeas e cocer pan no forno do amor e non co lume da avaricia
  • estamos chamados a protexer a quen sementa o pan coa suor da súa fronte
  • urxe comer o pan na mesa da solidariedade e da fraternidade
  • temos que comer menos pan se alguén pasa fame
  • hai que buscar medios xustos e solidarios de repartir os pans
  • se xa non temos pan, que cada un e cada unha de nós nos fagamos pan, coma Deus

            E porque a Eucaristía é festa, forza, urxencia e compromiso, xa non podemos virar a cara para outro lado ou agochar a cabeza para evitar ver a realidade. Por iso non podemos esquecer que hoxe é o día no que Cáritas quere por diante de nós o rostro, tantos rostros de Cristo que van quedando á beira da nosa sociedade, e piden que nós sexamos para eles agarimo dese Deus que, a través nosa, sae ao seu encontro. Non lle fallemos a El e non lles fallemos aos irmáns e ás irmás.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

            Neste día de Corpus, día da caridade, no que celebramos o sinal do amor máis grande, pedímoslle ao Pai da misericordia dicindo:
                        GRAZAS POR CONVIDARNOS A UNHA MESA QUE NON EXCLÚE

            Pola Igrexa, para que medre en caridade e se manifeste sempre como servidora das persoas, defendendo os seus dereitos e a súa dignidade, OREMOS.
                        GRAZAS POR CONVIDARNOS A UNHA MESA QUE NON EXCLÚE

            Polos que moven os fíos do poder político e financeiro, para que escoiten a voz dos que non teñen voz nin poder, OREMOS.
                        GRAZAS POR CONVIDARNOS A UNHA MESA QUE NON EXCLÚE

            Por todas as persoas que son vítimas da crise, da inxustiza, da violencia, da desesperanza ou do desamor, para que nunca lles pechemos a nosa porta, senón que as sentemos á mesa do amor, sempre incluínte, OREMOS.
                        GRAZAS SEÑOR POR CONVIDARNOS A UNHA MESA QUE NON EXCLÚE

            Por todas as persoas que traballan en Cáritas ou en calquera ONG, para que se renoven, seguindo as esixencias do evanxeo e os sinais dos tempos, OREMOS.
                        GRAZAS POR CONVIDARNOS A UNHA MESA QUE NON EXCLÚE

            Por todas as persoas que ofrecen o seu tempo, o seu traballo, a súa vida dun xeito gratuíto en favor das persoas máis pobres, OREMOS.
                        GRAZAS POR CONVIDARNOS A UNHA MESA QUE NON EXCLÚE

            Por cada un e cada unha de nós, para que entendamos que sentar á mesa do Señor significa poñer en común os nosos dons e os nosos corazóns, estando dispostos a lavar pés, a abrir mans e brazos, a partir e a facerse pan, para que ninguén quede excluído da mesa de Deus, OREMOS.
                        GRAZAS POR CONVIDARNOS Á UNHA MESA QUE NON EXCLÚE

            Que vivamos a caridade na verdade, sendo consecuentes co que rezamos e celebramos e concédenos o don da gratuidade. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Comulgar é optar pola forza misteriosa de Cristo Resucitado.
Comulgar é contar coa forza liberadora do Espírito.
Comulgar é crer que o pan partido é fermento
de renovación das persoas, da Igrexa e da sociedade.

Comulgar é crear lazos de comuñón nun mundo roto e enfrontado.
Comulgar é aprender a colaborar, respectando
a dignidade e os dereitos de cada persoa,
respectando os carismas e as capacidades de todas as persoas.

Comulgar é aprender a compartir.
Comulgar é aprender a servir.
Comulgar é optar pola gratuidade.

Comulgar é vivir no amor;
pero o amor entregado coma o de Cristo,
que se parte e que se deixa comer porque,
como nos di no evanxeo,
“Quen me come, vivirá por min” (Xn 6, 57).


POWER POINTS

Corpus ciclo B     Corpo de Cristo- Bene Pagola




       


Comentarios

Publicacións populares