Domingo 13 de Ordinario - ciclo B
13º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO B
Primeira Lectura Sab 1,
13-15; 2, 23-24
Por envexa do demo entrou a morte na terra
Non fixo Deus a morte
nin se aleda co exterminio dos vivos;
creouno todo, de certo, para que subsista
e as criaturas do mundo son saudables;
non hai nelas veleno mortal
nin ten o Hades imperio sobre a terra,
porque a Xustiza é inmortal.
Pois Deus creou o home
para a incorrupción
e fíxoo imaxe do seu propio ser,
mais pola envexa do demo entrou a morte no mundo,
e os seus secuaces téñena de probar.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 29, 2 e
4. 5-6. 11 e 12a e 13b
R/. (2a): Eu lóote, Señor, porque me libraches.
Eu lóote, Señor, porque me libraches
e non deixaches rirse de min os inimigos.
sacaches do abismo a miña vida,
fixéchesme revivir,
lonxe dos que baixan ao sepulcro.
Cantádelle ao Señor os seus
amados,
loade o seu santo nome.
O seu furor dura só un intre;
o seu favor, toda a vida.
Se hai pranto á tardiña,
ó abrente xa hai ledicia.
Escoita, Señor; ten compaixón de min,
Señor, ven socorrerme.
Trocaches o meu lamento en danza,
Señor, meu Deus, hei loarte por sempre.
Segunda Lectura 2 Cor 8, 7.
9. 13-15
Que a vosa abundancia supla a indixencia dos irmáns pobres
Irmáns:
Xa que abundades en
todo ‑en fe, en palabras, en ciencia, en interese polas cousas e en amor a nós ‑,
abundade tamén nesta graza. Coñecedes ben a xenerosidade do noso Señor Xesús
Cristo: sendo rico, fíxose pobre por vós, para
vos enriquecer coa súa pobreza.
Non se trata de que
pasedes apuros por aliviardes a outros, senón de que haxa equilibrio. Neste
momento a vosa abundancia pode remediar a carencia deles, para que a abundancia
deles poida vir en auxilio da vosa carencia.
Así haberá igualdade,
de acordo co que está escrito: A quen recollía moito, non lle sobraba; e a quen
recollía pouco, non lle faltaba.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Cf. 2 Tim 1, 10
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
O noso Salvador Xesús Cristo destruíu a morte,
e iluminou a vida por medio do Evanxeo.
Aleluia.
Evanxeo Mc 5, 21-43 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Nena, a ti che falo: érguete.
Naquel tempo, pasando
de novo Xesús nunha barca para a banda de enfronte, xuntouse moita xente
arredor del, que estaba na beira do mar. Nisto chegou un dos xefes da sinagoga,
chamado Xairo, que, ao velo, botouse aos
seus pés suplicándolle:
‑ A miña filla está a
piques de morrer; ven impor sobre ela as túas mans, para que sande, e viva.
E foise con el,
seguido de moito xentío que o estrullaba.
Había unha muller que
padecía hemorraxias desde doce anos atrás, e levaba sufrido moito cos médicos,
que lle acababan cos bens; total para nada, porque a cada paso ía a peor. Como
oíra falar do que facía Xesús, achegouse entre a xente por detrás e tocoulle o
seu vestido, dicindo para si:
- "Aínda que non
sexa máis que tocarlle o seu vestido, ficarei sa".
E secándolle a fonte
da hemorraxia, sentiu no seu corpo que estaba curada do mal.
Axiña Xesús,
decatándose da forza que saíra del, volveuse e preguntou:
‑ Quen me tocou na
roupa?
Os discípulos
respondéronlle:
‑ Ti ben ves a xente
preméndote; e aínda preguntas por quen te tocou?
Pero el seguía mirando
arredor, para ver quen fora. Daquela, a muller, amedrentada e tremendo, sabendo
o que lle sucedera, veu caer ante el contándolle toda a verdade. El díxolle:
‑ Filla, a túa fe
sandoute, vaite en paz, curada para sempre da túa doenza.
Aínda estaba el
falando, cando chegaron da casa do xefe da sinagoga a dicirlle:
‑ A túa filla acaba de
morrer. Para que andar xa molestando ao Mestre?
Pero Xesús, ao escoitar o que estaban a falar, díxolle ao xefe da sinagoga:
‑ Non temas, abonda
que teñas fe.
E non permitiu que
ninguén o acompañase, fóra de Pedro, Santiago e Xoán, o irmán de Santiago.
Ó chegaren á casa do
xefe da sinagoga, vendo o gran barullo que facían con choros e lamentos, entrou
e díxolles:
‑ A que vén tanto
barullo e tanto chorar? A meniña non morreu, está a durmir.
E todos facían riso
del. Pero botándoos a todos fóra e levando con el os pais da meniña e mailos
seus acompañantes, entrou onde estaba a nena. Colleuna pola man e díxolle:
‑ Talitha, qumi (que
quere dicir: "rapaza, érguete").
A rapaciña ergueuse de
contado, e botouse a andar, que xa tiña doce años. E aquela xente quedou coa
boca aberta.
El insistiulles en que
non llo contasen a ninguén, e mandou que lle desen de comer.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
_____________________________________________
Ou:
21-24. 35b-43 (máis breve):
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Naquel tempo, pasando
de novo Xesús nunha barca para a banda de enfronte, xuntouse moita xente
arredor del, que estaba na beira do mar. Nisto chegou un dos xefes da sinagoga,
chamado Xairo, que, ao velo, botouse aos
seus pés suplicándolle:
‑ A miña filla está a
piques de morrer; ven impor sobre ela as túas mans, para que sande, e viva.
E foise con el,
seguido de moito xentío que o estrullaba.
Aínda ía de camiño, cando chegaron da casa do xefe da sinagoga a
dicirlle:
‑ A túa filla acaba de
morrer. Para que andar xa molestando ao Mestre?
Pero Xesús, ao escoitar
o que estaban a falar, díxolle ao xefe da sinagoga:
‑ Non temas, abonda
que teñas fe.
E non permitiu que
ninguén o acompañase, fóra de Pedro, Santiago e Xoán, o irmán de Santiago.
Ao chegaren á casa do
xefe da sinagoga, vendo o gran barullo que facían con choros e lamentos, entrou
e díxolles:
‑ A que vén tanto
barullo e tanto chorar? A meniña non morreu, está a durmir.
E todos facían riso
del. Pero botándoos a todos fóra e levando con el os pais da meniña e mailos
seus acompañantes, entrou onde estaba a nena. Colleuna pola man e díxolle:
‑ Talitha, qumi (que
quere dicir: "rapaza, érguete").
A rapaciña ergueuse de
contado, e botouse a andar, que xa tiña doce años. E aquela xente quedou coa
boca aberta.
El insistiulles en que
non llo contasen a ninguén, e mandou que lle desen de comer.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
SABER QUE SOMOS A SÚA IMAXE,
ESÍXENOS E COMPROMÉTENOS A RECOÑECELA PARA DENUNCIAR A QUEN A ASOBALLA
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
Son moitas as veces nas que
temos escoitado que a Palabra de Deus é atemporal, é dicir, que non ten data de
caducidade, senón que sempre é actual. Pois ben, iso que ás veces non temos
demasiado claro, hoxe maniféstasenos nas lecturas que imos proclamar dun xeito
transparente. Si, porque nos tempos de crise coma os que estamos a vivir, nos
que cada día son máis as persoas abocadas ao paro, nos que os comedores sociais
cada vez están máis ateigados de xente que non ten nada para comer, nos que en
demasiados fogares hai que facer verdadeiros milagres para chegar a fin de mes
e noutros non se chega nin tan sequera facendo milagres, a lectura de Paulo que
imos escoitar cobra plena actualidade e quere ser toda unha chamada para que os
que nos consideramos seguidores de Xesús aprendamos a estar neste noso mundo no
que os ricos cada vez son máis ricos e os pobres cada vez son máis pobres: “non se trata de que vós pasedes apuros por
aliviardes a outros, senón de que exista igualdade”.
Tamén á igualdade, neste
caso de xénero, é á que se nos chama no evanxeo. Xesús adoptou diante das
mulleres unha actitude tan sorprendente que desconcertou mesmo aos seus
discípulos, pois se algo se desprende tamén cunha claridade meridiana da súa
actuación é que para El homes e mulleres teñen a mesma dignidade e son
acollidos por igual na súa comunidade de seguidores.
Que o Señor que nos convoca
nesta mañá de domingo mova os nosos corazóns para traballar a prol da
igualdade.
O PERDÓN
Por
ter baleirado a fe de contido e de sentido, reducíndoa a prácticas ritualistas
e sen influencia na miña vida, SEÑOR,
QUE A FE CURE O NOSO EGOÍSMO.
Por
ter actuado buscando o meu propio interese, inda que sabía que ese xeito de
actuar era inxusto, CRISTO, QUE A FE
CURE O NOSO EGOÍSMO.
Porque
seguimos sen escoitar, valorar e respectar a voz de tantas e tantas mulleres
abocadas ao silencio, á obediencia é a submisión, SEÑOR, QUE A FE CURE O NOSO EGOÍSMO.
REMUÍÑO
*
Non fixo Deus a morte nin se
aleda co exterminio dos vivos:
Aquí, nesta frase da primeira lectura está unha das afirmacións fundamentais da
fe cristiá, e á que moi poucas veces lle prestamos a atención que require.
Estamos moi habituados a reducir a fe a funerais, enterros, misas polos
defuntos... todo o que di relación á morte. E poucas veces somos capaces de
facer o esforzo por pararnos nos textos da Palabra de Deus e tentar de
entendelos, buscar como os podemos poñer en relación co que facemos cada día,
coa nosa maneira de facer e percibir as cousas. Así, temos esquecido que o Deus
cristián é un Deus de vida e para os vivos; un Deus de esperanza, de
solidariedade, de xustiza.... de igualdade. E estas non son afirmacións ao
vento e baleiras de contido, senón fundamentos da fe que profesamos e queremos
ou dicimos que queremos vivir cada día, persoal e comunitariamente. Diante da
inxustiza, o empobrecemento, a exclusión, o desbarate, a manipulación e todos
os contravalores e da debilidade de pensamento que ateiga neste momento a
visión da sociedade e a vida de moitas persoas, a confesión de que cremos en
Deus Pai supón tamén a confesión nun Deus que busca e alenta sempre a xustiza,
o trato igualitario de uns para cos outros, a superación de calquera tipo de
discriminación, imposición ou medo. Por iso dicimos que é un Deus de vivos e
para a vida, un Deus que pon en nós a semente da graza para que non nos
deixemos ir sen criterio, sen horizonte e sen principios á hora de tomar
decisións sobre quen somos, que queremos e con quen estamos chamados a
construír espazos de verdadeira, fraterna e solidaria humanidade. Cómo se vai
aledar cando os que mandan impoñen os seus criterios aos máis pobres, aos
indefensos, á vez que van deixando nas rúas vidas rotas e abocadas á máis
absoluta desesperación? Como non vai
rebelarse contra comportamentos e actitudes de prepotencia, superioridade e
humillación cara aos máis débiles? Como vai dar por bo o engano, ao abuso ou o
aproveitamento da necesidade dos que están a pasar por verdadeiras situacións
de explotación? A fe que nós cremos e rezamos non tería nin sentido nin valería
para nada se non nos levase logo a aplicala na nosa vida, a canto facemos, ás
decisións que tomamos, á maneira que temos de tratar uns cos outros. Por iso
nin a morte pode ser a que peche todo o que somos e temos feito, nin a vida se
ha identificar co que fan os que teñen poder, cartos ou capacidade de someter
aos demais. Deus ábrenos un camiño, El mesmo se rebela contra a inxustiza e
contra canto deu de costas ao seu proxecto para nós. Un proxecto no que
caridade e xustiza van xuntas, non poden separarse. Unha sen a outra acabarían
converténdose en puro paternalismo ou en violencia permanente duns, as vítimas,
con outros, os verdugos, o que nos levaría á total destrución. Porque Deus non
se aleda, tampouco busca o exterminio de ninguén, só camiñando xuntas a xustiza
e o amor, respondemos á invitación de traballar pola dignidade humana.
*
Por
iso Paulo nos lembra que sen igualdade non pode haber presenza de Deus. Pero a
igualdade non é unha palabra, por moi ben que soe, senón unha actitude, un
compromiso, unha tarefa na que imos traballando e esforzándonos día da día, na
casa, no traballo, na parroquia... alí onde nos atopemos. Desde a perspectiva
de fraternidade universal que nos dá a fe, sentímonos plenamente identificados
co que Paulo lle di aos corintios: só se descubrimos a igualdade de todas as
persoas coma unha esixencia da nosa fe, podemos entender o mandado do amor que
nos deixou Xesús, poderemos entender por que a igrexa, todos os bautizados
temos que preocuparnos das persoas máis necesitadas, das de aquí e tamén das de
máis lonxe. Non é unha moda ou un pretender aparecer nos medios de
comunicación, senón unha esixencia que está na raíz da fe en Xesús e da mensaxe
que nos invitou a vivir desde o testemuño. Se o noso dicir creo se reduce a
palabras, sen ser capaces de acompañalo coa vida. Que fe podemos ter? A
igualdade é unha actitude que debe ir sempre acompañada da solidariedade e do
amor. Sen elas, todo se converte baleiro.
*
E
esta igualdade da que a Palabra nos fala abrangue todas as facetas nas que os
seres humanos estamos mergullados: igualdade de oportunidades, igualdade de
dignidade, igualdade de trato, igualdade de dereitos.... e igualdade de xénero.
Si, porque se ben na nosa sociedade camiñamos paseniñamente cara á igualdade de
xéneros e oportunidades entre homes e mulleres, na nosa Igrexa todo vai moito
máis lento. Así, en liñas xerais, os varóns sospeitan de todo “movemento
feminino” e reaccionan rapidamente contra calquera formulación que poida poñer
en perigo a súa situación de privilexio sobre a muller. Nunha Igrexa dirixida
por varóns, non somos quen de descubrir todo o pecado que se encerra no dominio
que os homes exercen, de moitos xeitos, sobre as mulleres. Os seguidores de
Xesús temos que concienciarnos de que isto non é algo natural, de que Xesús non
o quixo así, senón que é un comportamento viciado polo egoísmo e a imposición
inxusta do poder machista. Que hoxe escoitemos con lucidez, sinxeleza e
sinceridade a interpelación daquel de quen, segundo nos di o relato evanxélico
“saíu forza” para curar á muller e que nos chama a vivir a igualdade.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
A oración comunitaria é unión fonda
e forte na confianza e gratuidade de Deus. Porque sabemos que El escoita e
acompaña canto poñemos ao seu carón, dicimos:
QUE
OS NOSOS FEITOS FAGAN CRIBLE A NOSA FE
ð Para que na Igrexa saibamos
expresar, compartir, vivir e celebrar a
fe desde o concreto da nosa vida, deixándonos alimentar polos valores que a
través dela Xesús pon ao noso dispor, OREMOS.
QUE
OS NOSOS FEITOS FAGAN CRIBLE A NOSA FE
ð Porque necesitamos facer da
relación entre os veciños comunicación de solidariedade, confianza, respecto,
axuda e igualdade, ao estilo do actuar de Xesús, OREMOS.
QUE
OS NOSOS FEITOS FAGAN CRIBLE A NOSA FE
ð Para que nos esforcemos por
non vivir unha fe que escapa ás nubes e esquece a realidade do que está a pasar
ao noso redor, para intentar vivir tendendo a man a quen a necesite: enfermos, maiores, parados,
desalentados, entristecidos e asoballados., tal e como fixo e nos ensina Xesús,
OREMOS.
QUE
OS NOSOS FEITOS FAGAN CRIBLE A NOSA FE
Señor,
na túa compaña temos compartido este momento de oración comunitaria. Que
sintamos a forza da túa presenza para vivir unha fe comprometida e ao servizo
da xustiza e a dignidade das persoas. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
“Onde se atropelan a
dignidade e os dereitos da persoa humana; onde os egoísmos persoais ou de grupo
prevalecen sobre o ben común; onde se corre o risco de habituarse ao odio
fratricida e á explotación do home polo home; onde as loitas dividen grupos e
etnias e laceran a convivencia; onde o terrorismo sigue golpeando; onde falta o
necesario para vivir; onde se mira con desconfianza un futuro que se está
facendo cada vez máis incerto, incluso nas nacións do benestar: que en todos
estes casos brille a Luz do Deus encarnado e anime a todas as persoas a poñer
da súa propia parte, con espírito de auténtica solidariedade, pois se cadaquén
pensa só nos seus propios intereses, o mundo encamiñase á ruína". (Bieito XVI)
ENTRADA:
Andarei
LECTURAS: Benaventurados
OFERTORIO:
Sede o sal
COMUÑÓN:
O pouco que Deus nos dá
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario