Domingo da Santísima Trinidade - ciclo B
DOMINGO SANTÍSIMA TRINDADE CICLO B
Primeira Lectura Dt 4, 32-34. 39-40
LECTURA DO LIBRO DO
DEUTERONOMIO
O Señor é Deus no alto dos ceos e no
profundo da terra, e non hai outro máis ca El
Faloulle Moisés
ao pobo e díxolle:
- Pregúntalles
aos tempos antigos, que houbo antes de ti desde o día en que Deus creou a
humanidade sobre a terra, e desde un cabo do ceo ata o outro cabo do ceo: Houbo
algo tan grande coma isto ou oíuse algo semellante? Escoitou algún pobo a voz
de Deus falándolle desde o medio do lume, tal coma ti a escoitaches, e
seguiches vivindo? Ou intentou algún deus vir coller para si unha nación do
medio doutros pobos, con castigos, con sinais e prodixios, con guerra, con man
forte e brazo estendido, con terrores grandes, de maneira semellante a todo o
que o Señor, o voso Deus, fixo no voso favor en Exipto aos teus propios ollos?
Recoñéceo hoxe e
dálle voltas no teu corazón: o Señor é Deus, arriba no ceo e abaixo na terra, e
que non hai outro.
Garda os seus
mandatos e leis que eu mando hoxe: serache bo para ti e para os teus fillos
despois de ti, e alongarás os teus días sobre a terra que o Señor, o teu Deus,
che vai dar para sempre".
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 32, 4-5. 6 e 9. 18-19. 20 e 22
R/.
(12b): Feliz o pobo a quen
Deus escolleu como herdade.
A palabra do Señor é recta
e todas as súas obras son leais:
el ama o dereito e a xustiza,
a súa misericordia enche a terra.
A palabra do Señor fixo os ceos,
o alento da súa boca os astros todos,
pois El falou, e todo existiu,
El mandouno, e todo xurdiu.
Os ollos do Señor están postos nos que o temen,
nos que esperan na súa misericordia,
para librar as súas vidas da morte,
para os manter no tempo da miseria.
Nós agardamos o Señor:
El é o noso socorro, o noso escudo.
Veña a nós, Señor, a túa misericordia,
como de ti o esperamos.
Segunda Lectura Rm 8, 14-17
LECTURA DA CARTA DO
APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS Recibistes o Espírito de fillos de
adopción, no que clamamos: Abba, Pai
Irmáns:
Cantos se deixan
guiar polo Espírito de Deus, eses son fillos de Deus. Pois non recibistes un
espírito de escravitude, para volverdes ao temor. Non.
Vós recibistes un
espírito de fillos adoptivos, grazas ao que podemos gritar: "Abbá":
Pai!
Este mesmo Espírito,
xuntamente co noso, dá testemuño de que somos fillos de Deus. E, se fillos,
tamén herdeiros: herdeiros de Deus e coherdeiros con Cristo; se padecemos con
el, é para sermos tamén glorificados con
el.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Ap 1, 8
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Gloria ao Pai e ao Fillo e ao Espírito Santo,
ó Deus que é, e que era, e que virá.
Aleluia.
Evanxeo Mt 28, 16-20
LECTURA DO SANTO
EVANXEO SEGUNDO MATEU
Bautizándoos no nome do Pai e do
Fillo e do Espírito Santo
Naquel tempo, os
once discípulos foron a Galilea, ao monte onde Xesús os citara. Vendo a Xesús,
prostráronse perante el, aínda que algúns dubidaban.
Entón acercouse
Xesús e díxolles:
‑ Déuseme todo
poder no ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a todos os
pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo,
ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre
convosco ata a fin do mundo.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
HERDEIR@S DUNHA GRAN FACENDA: A TERRA
CASA DE TODOS E CHAMADA A DAR FROITOS DE DIÁLOGO E COMUNICACIÓN
Pórtico
Como ben nos di a primeira lectura, temos que aprender a
preguntarlle ao tempo por Deus. Ao tempo difícil, convulso, cargado de
pesimismo e cheo de nubes baixas a punto de abrirse e soltar a auga sobre nós;
ao tempo que nos invitas a construír entre todos, porque nos necesitamos e
ninguén debe quedar á marxe; ao tempo no que as cousas non saen como
pensabamos; ao tempo que tantas veces perdemos por non dar entendido que é
tarefa nosa, libre e responsable, aproveitalo para que dea froito; ao tempo no
que o froito está chamado a medrar e a estenderse, facendo da nosa casa,
barrio, parroquia, traballo... momento de colaboración, entendemento, diálogo e
escoita, como Ti nos aprendiches nesa relación fonda e sempre agarimosa de Pai
que no seu Fillo nos deixa gozar da forza e presenza do Espírito. Neste domingo
da Santísima Trindade, domingo de comuñón e relación, que aprendamos a
descubrirte en canto nos leve a unir mans para facer proxectos que engloben e
non exclúan.
O
Perdón
*
Porque non
entendemos a comuñón como un poñer as nosas mans ao servizo de quen está
necesitado de amor; SEÑOR, QUE A TÚA HERDANZA DEA FROITO EN NÓS.
*
Porque nos
sobran actitudes individualistas, e nos faltan feitos de traballo comunitario; CRISTO, QUE A TÚA HERDANZA DEA FROITO EN
NÓS.
*
Porque nos tira
máis mirar ao pasado, que poñer alicerces de fermento de presente que nos fagan
crecer cara un futuro esperanzado e vivo;
SEÑOR, QUE A TÚA HERDANZA DEA FROITO EN NÓS.
Remuíño
·
Mirando atrás, a
ese tempo que pasou, ímonos dando conta de tantas cousas que pensabamos
secundarias, sen importancia, sen valor, sen... e que agora botamos en falta!
Sempre, en todo momento, doado ou difícil, Deus estivo aí: calado e á espera,
unhas veces alentando, animando e acompañando outras moitas. Pero sempre
defendendo a nosa liberdade para escoller, elixir, decidir... porque somos nós,
e ninguén máis, quen decide, quen quere ou non quere participar da realización
dunha vida máis digna e feliz, quen está disposto a ser protagonista da súa
vida e a non deixarlle ese protagonismo a outros. Se nós queremos, ninguén nos
rouba o que queremos ser. Pero como nos custa en todo este camiño escoitar a
voz de Deus! É verdade que escoitamos voces, pero non acabamos de identificar
entre todas elas a voz de Deus, o que nos leva a dicir que está ausente, que
nos esqueceu, que non nos quere, que xa non lle preocupamos. Cando a cousa non
está en que El non queira, senón na nosa capacidade para distinguilo e
escoitalo. Si, porque se non distinguimos a súa voz das demais, acabamos
confundíndoo a El co que outros din ou pensan, e mesmo podemos atribuírlle o
que outros queren que pensemos del. Se somos libres, temos que esforzarnos non
en buscar respostas feitas, senón en descubrir, sen ataduras e con liberdade,
que é o que quere Deus de min desde a vida que estou a vivir, desde o que me
pasa, desde o camiño que eu elixín para deixarme acompañar por El. Deste xeito
non é que El marque o que temos que facer ou dicir, senón o que nos acompaña
para alentarnos e non deixarnos solos no noso camiñar cotián. Porque Deus o que
busca e quere non é amargarnos a vida, senón axudarnos a que sexa o máis feliz
posible.
·
Neste ser
compañeiro na busca dunha vida realizada, chea de ilusións, esperanzas e
perspectivas, vai poñendo ao noso redor a forza do Espírito para que non nos
sintamos abandonados e desamparados á hora de tomar decisións. Unha presenza que
vén en forma de palabras de alguén que nos quere, de mans dos que nos axudan,
de sorriso dos que nos animan, de ánimo daqueles aos que lles importamos e non
lle somos indiferentes. A presenza do Espírito non é algo abstracto ou
inmaterial, senón que se visualiza nas persoas que conforman a nosa contorna.
Aí, nelas e con elas, vaise facendo presente o Espírito que alenta, anima,
enche, acompaña, agarima... con todos os seus dons a nosa vida. É entón un
espírito non de escravitude, senón de liberdade; unha liberdade que nos vai
facendo maduros para escoller, responsables para vivir e libres para actuar. Que
mellor herdanza que esta nos podería ter deixado Deus!
·
No envío aos
apóstolos, está o envío a cada un/ha de nós. Un envío que non é nin en
solitario nin ao chou, senón en comunidade e guiados pola lóxica do amor, a
comunicación, o diálogo, a unión e a colaboración solidaria e compartida. É
verdade que non ten sido así moitas veces; e non o ten sido porque os que tiñan
a misión de presidir as comunidades moitas veces esqueceron que o servizo era
forza e guieiro do seu ministerio; pero tampouco os membros desas comunidades,
nós, temos feito moito para que as cousas foran doutro xeito buscando tempo
para formarnos, colaborar, asumir responsabilidades e romper así un
cristianismo de vivencia acomodada a unhas prácticas, uns ritos ou unhas
tradicións. A fe non é costume, senón vida esforzada por converter os valores
nos que viviu Xesús nos valores que alenten a nosa vida. Neste camiño non
estamos nunca deixados da súa man, ao
contrario: o Pai, o Fillo e o Espírito Santo son presenza ilusionada para
cantos queiramos recoñecelos e deixarnos guiar pola súa compaña.
ORACIÓN
DA COMUNIDADE
Diante do Deus que se nos vai facendo presente como amor que se
desprega no Pai que dá vida, no Fillo que a desenvolve e no Espírito que a
acompaña, dicimos xuntos:
ABRÍNDONOS Á
COMUÑÓN, CONSTRUÍMOS O REINO
Para que na
Igrexa aprendamos a vivir desde o amor que comunica e mostra a un Deus que non
se pecha nos templos, senón que se abre, no testemuño do Fillo que se encarna,
e do Espírito que nos alenta na denuncia de canto escraviza, engana e explota
ás persoas, OREMOS.
ABRÍNDONOS Á
COMUÑÓN, CONSTRUÍMOS O REINO
Para que, como
ocorre no Deus Trinitario, tamén nas nosas parroquias saibamos comunicarnos
buscando pontes que nos achegan e posibilitan o diálogo, a axuda e o
entendemento entre nós, OREMOS.
ABRÍNDONOS Á
COMUÑÓN, CONSTRUÍMOS O REINO
Para que todos
nós aprendamos do Deus amor a ser presenza sandadora para as persoas que
necesiten que as escoiten, as visiten, as acompañen e as animen en momentos
duros e difíciles como son os que estamos a vivir, OREMOS.
ABRÍNDONOS Á
COMUÑÓN, CONSTRUÍMOS O REINO
Señor, que o amor trinitario que hoxe nos mostras, sexa o amor
da comuñón e o diálogo que anime as nosas relacións de uns cos outros. P.X.N.S.
Amén.
Para
a reflexión
Que a graza de Deus descanse sobre ti.
Que a
graza do amor descanse sobre ti.
Que a
graza da casa descanse sobre ti.
Que a
graza e a dignidade da túa fe descansen sobre ti.
Que a
garda do Deus da vida te acompañe.
Que a
garda do Cristo do amor te acompañe.
Que a
garda do Espírito Santo te acompañe.
Que goces
do agarimo de Deus.
Que Deus
te sosteña.
Que Deus
te rodee.
Os tres
sobre a túa cabeza,
Os tres
sobre o teu corazón,
Os tres
sobre o teu corpo.
Que pases
cada noite e cada día
na aperta
dos tres.
Tódolos
días da túa vida
e para
sempre. Amén.
(Cáritas, Coresma e Pascua 2012)
CANTOS
ö ENTRADA: Amigos nas penas
ö
LECTURAS:
Canta o sol
Canta o sol
ö
OFERTORIO:
Todo o mundo unha familia
Todo o mundo unha familia
ö
COMUÑÓN:
Queda ti, Señor, connosco
Queda ti, Señor, connosco
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario