Domingo 24 de xuño - Festividade de S.Xoán Bautista


Día 24 de xuño: Nacemento de San Xoán Bautista
Solemnidade


Primeira Lectura  Is 49, 1-6
LECTURA DO PROFETA ISAÍAS
Convértote en luz das nacións

            Escoitádeme, pobos da costa, facédeme caso nacións afastadas.
            O Señor chamoume desde o seo, desde as entrañas da miña nai repetiu o meu nome.
            Puxo na miña boca coma unha espada afiada, escondeume na sombra da súa man, converteume en frecha escolleita, gardoume na súa alxaba, e díxome: "Ti es o meu servo, Israel, de ti virame a sona".
            Pero eu dicía: "Cansei en balde, consumín a miña forza para nada, pero a miña sentencia está onda o Señor, e a miña recompensa onda o meu Deus.
            Serei glorificado coa presenza do Señor, e o meu Deus será a miña forza.
            "Pois agora -fala o Señor que desde o seo da nai me formou para ser o seu servo, para facer volver onda El a Xacob e para que Israel se xunte con El-, é moi fácil para ti ser o meu servo, restablecendo as tribos de Xacob e facendo volver os protexidos de Israel, pois convértote en luz das nacións, e serás a miña salvación ata o confín da terra".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus    

                       
SALMO RESPONSORIAL  138, 1-3. 13-14ab. 14c-15
R/.  (14a): Douche grazas, Señor, por me faceres coma un prodixio.

Señor, ti escudríñasme e coñécesme,
ti sabes cando sento e me levanto,
penetras nos meus pensamentos desde lonxe.
Escrútasme se camiño e se estou quedo,
as miñas sendas sonche todas familiares.

Ti formaches as miñas entrañas
tecíchesme no seo da miña nai.
Douche grazas por me faceres coma un prodixio;
as túas obras son marabillosas.

Ti coñecías xa o meu espírito,
e nada do meu ser che estaba oculto,
cando no segredo era formado,
tecido no fondo da terra.

Segunda Lectura  Feit 13, 22-26
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Predicaba Xoán antes da vinda do Señor

            Naqueles días, díxolles Paulo:
            O Señor deulles por rei a David, de quen testemuñou dicindo: "Atopei a David, fillo de Iexé, home conforme o meu corazón, que fará en todo a miña vontade".
            A súa descendencia é da que Deus, segundo a promesa, mandou un Salvador para Israel: Xesús.
            Antes da súa chegada, Xoán tiña proclamado a todo o pobo de Israel un bautismo de conversión, e cando estaba rematando o seu camiño, dicía: "non son eu quen vós pensades; pero mirade, vén despois de min un de quen non son digno nin de desatarlle o calzado dos pés".
            Irmáns, descendentes de Abrahán e os que seguides o noso Deus: é a nós a quen se nos manda esta mensaxe de salvación.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus    


ALELUIA  Cf Lc 1, 76
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
E ti, meu meniño, vas ser chamado profeta do Altísimo,      
porque irás por diante do Señor preparando os seus camiños.
Aleluia.

Evanxeo  Lc 1, 57-66. 80
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Xoán é o seu nome

            Cando se lle cumpriron os meses a Sabela, deu a luz un fillo. E oíron dicir os seus veciños e parentes con canta miseri­cordia o Señor a favorecera, e compartían a súa alegría.
            Ós oito días, foron circuncidar o meniño e queríanlle poñer de nome Zacarías, coma seu pai. Pero interveu a nai, dicindo:
            ‑ Non, chamarase Xoán!
            Eles replicáronlle:
            ‑ Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así!
            Entón, por sinais, preguntáronlle ao pai do meniño como quería que se chamase. El pediu unha taboíña na que escribir, e puxo:
            ‑ "Xoán é o seu nome".
            Todos ficaron sorprendidos. E no intre, a el ceibáronselle os labios e a lingua, e empezou a falar bendicindo a Deus. Os veciños quedaron todos abraiados, e por toda a montaña de Xudea difundiuse a noticia destes feitos. E cantos oíron, gardábanos no corazón e dicían:
            ‑ Que virá a ser este neno?
            Porque a man de Deus estaba con el.
            O meniño medraba e facíase forte de espírito; e viviu no deserto ata o día no que se manifestou a Israel.

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           



E TI, DE QUE LADO ESTÁS?...
DOS CHAMADOS A VIVIR EN SANTIDADE E EN XUSTIZA
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com

PÓRTICO

Os textos que imos proclamar hoxe queren ser unha chamada a vivir en “santidade e en xustiza”. Si, porque vivir en santidade é vivir con toda a dignidade de persoa que ten como prototipo a Xesús, e vivir en xustiza implica que todo ser humano poida chegar a ser o que ten que ser, o que Deus quere que sexa. Xustiza é poder medrar física, intelectual, social, cultural e moralmente. Xustiza é ter unha vivenda e un medio digno de sustento. Xustiza é vivir con dignidade de fillo de Deus e intentar darlle esa dignidade a todas as persoas, sobre todo ás que máis o precisan.
Que a festa que hoxe celebramos, o nacemento de Xoán Bautista, o máis grande entre os profetas, nos axude a desenvolver esta tarefa profética á que todos nós estamos chamados.

O PERDÓN

*        Porque moitas veces negámonos a responder con sinxeleza e ledicia á túa chamada e só buscamos recoñecemento, loanzas efémeras, prestixio ou poder, SEÑOR, QUE ANDEMOS NA XUSTIZA.
*        Por non estarmos dispostos a denunciar tantas inxustizas, explotacións e manipulacións que hai ao noso redor, e preferimos seguir no noso silencio cómplice e covarde, CRISTO, QUE ANDEMOS NA XUSTIZA.
*        Por non ter descuberto que seguirte e amarte supón achegarnos e escoitar a quen está triste, desesperanzado ou se sente débil, SEÑOR, QUE ANDEMOS NA XUSTIZA.

REMUÍÑO

Toda a historia da salvación vainos manifestando a xustiza de Deus:
En tempos de Moisés, Deus, o Deus dos pobres, fixo opción polo pobo oprimido, non polo pobo opresor, porque non quere a tiranía dos exipcios, nin a escravitude dos hebreos. El quere para todos a mesma dignidade e a mesma igualdade.
En tempos dos profetas, Deus, o Deus dos profetas, fixo opción polo pobo desterrado, non polo pobo conquistador. El non quere a prepotencia nin a dependencia, senón que quere para todos a liberdade.
En tempos de Xoán Bautista, Deus, o Deus das promesas, fixo opción polo pobo sometido, non polo pobo dominador, porque non quere a violencia nin a submisión, senón o respecto e a solidariedade.
En tempos de Bieito XVI, Deus, o Deus de Xesucristo, fai opción polos pobos empobrecidos e espoliados, polos masacrados e excluídos, polos débiles e pacíficos, e non polos pobos conquistadores, inxustos e insolidarios, porque nunca poderá bendicir as súas ambicións, as súas riquezas tinxidas de sangue, pois El quere a xustiza e a paz.

Hoxe a festa de Xoán Bautista, aquel de quen Xesús dixo: “non naceu de muller ninguén máis grande que Xoán Bautista”, a súa mensaxe é dunha sinxeleza, dunha actualidade e dunha radicalidade esmagante. A voz de Xoán era e é unha invitación á xustiza, a compartir, a terminar con todo tipo de abusos e prácticas que, favorecendo a uns, afunden na pobreza e na miseria a outros. E aínda seguimos dicindo que non necesitamos conversión? Hai que moverse!

A pregunta xorde en nós de xeito espontáneo: que podo facer eu diante de problemas mundiais que desbordan totalmente as miñas posibilidades?, como podo colaborar a que tamén entre os pobos da terra se cumpra a invitación do Bautista? Primeiro temos que tomar conciencia de que detrás desa política insolidaria e competitiva que rexe o mundo, hai un xeito de vida, de satisfacer as necesidades e de desenvolver os nosos intereses, que estamos alimentando entre todos. As preguntas que hoxe nos podemos facer ao redor da mensaxe plenamente actual do Bautista poderían ser estas:

- queremos seguir satisfacendo as nosas necesidades e desenvolvendo o noso benestar nun proceso que non ten fin, sen preguntarnos nunca á custa de quen o facemos?
- estamos dispostos a establecer relacións económicas desde a ética e non desde o binomio países ricos - países pobres?
- estamos dispostos a ceder algo do noso para que outros teñan o seu?
- estamos dispostos a vivir dun xeito máis austero, non para ter máis e para aforrar, senón para que poida avanzarse cara unha orde internacional máis solidaria?
- estamos dispostos a soster cos nosos cartos e coa nosas participación activa aquelas institucións e iniciativas que cooperan hoxe de modos diferentes en favor dos máis empobrecidos da terra?

Logo, que facemos? Xesús danos o seu Espírito, que é a forza que permite o cambio. Xesús invítanos a vivir dun xeito novo, a por a nosa vida en xogo. O Reino de Deus está presente entre nós cando partimos e compartimos o pan, cando sentamos á nosa mesa a todos en pé de igualdade, cando vivimos a fraternidade real, cando acollemos e perdoamos, cando traballamos por establecer a xustiza, cando a nosa norma é o amor. Xoán Bautista, a quen hoxe celebramos, foi para o seu tempo unha chuvia de xustiza, unha chamada á esperanza e á radicalidade, a cambiar o noso xeito de vivir para adecualo máis ao evanxeo. E nós, a que esperamos? Sirvamos o Señor con santidade e xustiza.


ORACIÓN DA COMUNIDADE

Moitas veces non só non temos sido testemuñas de luz, senón que os nosos comportamentos teñen favorecido que aparecera a tebra na nosa vida e na de moitos dos nosos irmáns. Pero como sabes querer, sabes tamén darnos novas oportunidades, por iso neste momento no que nos xuntamos para orar dicímosche:
QUE TE SIRVAMOS CON SANTIDADE E XUSTIZA
  • Por unha Igrexa que saiba ser Boa Nova para os pobres, liberación para quen se sente oprimido e anuncio de esperanza para quen  non te coñece, Oremos.
QUE TE SIRVAMOS CON SANTIDADE E XUSTIZA
·         Por unhas parroquias sen medo a traballar e unir esforzos en canto supoña e esixa defender dereitos e conseguir melloras, Oremos.
QUE TE SIRVAMOS CON SANTIDADE E XUSTIZA
·         Por uns seguidores de Xesús, nós, coherentes na súa vida, traballadores sempre a prol da xustiza, constantes na súa oración, alegres no seu vivir e agradecidos no seu compartir con quen menos ten, Oremos.
QUE TE SIRVAMOS CON SANTIDADE E XUSTIZA
Señor, axúdanos a sermos diante do mundo testemuñas sen medo da túa mensaxe. Por Xesucristo, noso Señor.

PARA A REFLEXIÓN

Queremos ser mensaxeiros da túa palabra.
Danos valor para levala por todos os recunchos da nosa sociedade.
Queremos ser sementadores da túa esperanza.
Danos coraxe para non baixar os brazos e para empezar cada día coma se fose o primeiro da labranza.
Queremos ser anunciadores da Boa Nova.
Danos alegría para contaxiar a outras persoas a gratuidade do teu amor.
Queremos ser unha man tendida.
Danos compaixón para sentir co teu Espírito e actuar co teu compromiso.
Queremos ser construtores de comunidade.
Danos comprensión para escoitar, para fortalecer relacións, para xuntar as persoas.
Queremos ser romeiros dos teus camiños,
estar sempre en movemento,
sen instalarnos,
sedentos de busca e de encontro.
Amósanos o abrente,
mantén vivos os nosos ideais,
axúdanos a seguir adiante.
Queremos ser os teus profetas,
queremos mostrar coa nosa vida
que Ti estás no medio de nós.
Danos fe para facer santo o teu nome,
facendo presente neste mundo o Deus connosco,
coa nosa vida, testemuño e exemplo
de irmáns e irmás.

(M. Murúa)



CANTOS


  • ENTRADA: Amigos nas penas
  • LECTURAS: Con tódalas criaturas
  • OFERTORIO: Na nosa terra
  • COMUÑÓN: Pan do ceo

POWER POINTS
24 XUÑO - S.XOÁN BAUTISTA



Comentarios

Publicacións populares