Se o gran de trigo morre enterrado, dará froito abondoso - Xn 12, 20-33
Domingo 5 Coresma -ciclo B
GRAN DE TRIGO QUE MORRE
Señor Xesús,
Deus e Señor, amigo e mestre,
véxote turbado ante o camiño da vida,
aínda que firme na decisión de obedecer ao Pai
servindo ata o final á xente.
Graciñas, Xesús,
graciñas pola túa turbación e pola túa obediencia polo teu amor sen límite e pola túa fidelidade.
Grazas por te faceres para nós
gran de trigo que morre na terra;
así non quedaches só,
e arredor teu estamos todos nós,
aprendendo do teu camiño,
gozando dos teus froitos,
vivindo da túa vida.
Grazas por nos amares a todos nós máis que á túa mesma vida;
Así gañácheste a ti mesmo
e gañáchesnos a todos
para unha vida completa e verdadeira.
Xesús,
quero servirte e seguirte,
quero estar onde ti esteas,
quero, coma ti, ser honrado polo Pai,
na hora do amor e da obediencia,
na hora da proba e da fidelidade .
Xesús, consciente da miña gran fraxilidade, dígoche de todo corazón:
Conta comigo!
Comentarios
Publicar un comentario