Lecturas Día de S.Xosé - 19 de marzo

Día 19 de marzo
SAN XOSÉ, ESPOSO DA BENAVENTURADA VIRXE MARIA
Solemnidade

PRIMEIRA 2 Sam 7, 4-5a. 12-14a. 16
Daralle o Señor Deus a sede de David seu pai
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DE SAMUEL

Veulle a Natán esta palabra do Señor:
5Vai e dille ó meu servo David que isto di o Señor:
12Cando se cumpran os teus días e vaias durmir con teus pais, eu establecerei despois de ti un teu descendente, un nado das túas entrañas, e farei firme o seu reino. 13El edificarame unha casa e eu afincarei para sempre o seu reino.14Eu serei para el un pai e el será para min un fillo.
16A túa familia e o teu reino permanecerán na miña presencia para sempre, o teu trono manterase firme eternamente.


SAL. RESP. Sal 88, 2-3. 4-5. 27 e 29
R/ (37): A súa posteridade será eterna
2Quero cantar por sempre o amor do Señor,
pregoar polas xeracións a súa fidelidade:
3"Penso que o teu amor está fundado co mundo,
a túa fidelidade asentada cos ceos".
4Co meu elixido firmo unha alianza,
ó meu servo David fágolle un xuramento:
5"Afincarei a túa liñaxe para sempre,
construireiche un trono duradeiro".
27El dirame: "Ti es meu pai,
meu Deus, rocha da miña salvación".
29Gardareille o meu amor eternamente
e a miña alianza con el será leal.


SEGUNDA Rm 4, 13. 16-18. 22
Creu na esperanza contra toda esperanza
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE S.PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

Irmáns e irmás:
13A promesa a Abraham ou á súa liñaxe, de que el herdaría o mundo, non se lle fixo pola Lei, senón pola xustificación da fe.
16Por iso a promesa depende da fe, para que sexa por gracia, e así se manteña firme para toda a liñaxe: non só para o que nace na Lei, senón tamén para o que nace pola fe de Abraham, 17conforme está escrito -''púxente como pai de moitas nacións''-, el é pai de todos nós ante o Deus en quen el creu, o que fai vivi-los mortos e que chama á existencia mesmo ás cousas que non existen.
18Contra toda esperanza el creu na esperanza e así chegou a ser pai de moitas nacións, como se lle dixera: "así será a túa liñaxe".
22Por iso valeulle a xustificación.


ALELUIA E VERSIÑO ANTES DO EVANXEO Sal 83, 5
(R/: Aleluia). V/: Ditosos os que habitan na túa
casa, Señor; louvarante por sempre eternamente
(R/: Aleluia)


EVANXEO Mt 1, 16. 18-21. 24a
Xosé fixo como lle mandou o anxo do Señor
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

16Xacob enxendrou a Xosé, esposo de María, da que naceu Xesús, chamado Cristo.
18O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; e antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo.
19Xosé, o seu prometido, home xusto, non a querendo aldraxar, decidiu repudiala secretamente. 20Tal era a súa resolución, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños, dicíndolle:
-Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida; que o que nela se concebiu é obra do Espírito Santo. 21Dará a luz un fillo, e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará ó seu pobo de tódolos seus pecados.
24Acordou Xosé do seu soño, e fixo tal como lle mandara o anxo do Señor.                                

OU:
EVANXEO Lc 2, 41-51
Mira que teu pai e máis eu buscabámoste cheos de dor
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

41Polas festas da Pascua os pais de Xesús ían tódolos anos a Xerusalén.
42E así, cando o neno tivo doce anos, subiron á festa, conforme a tradición. 43Pasados aqueles días, cando eles voltaban, o neno Xesús quedou en Xerusalén, sen que os seus pais se decatasen. 44Coidando que iría na comitiva, fixeron unha xornada de camiño; entón buscárono entre os parentes e coñecidos. 45Pero como non deron con el, volveron a Xerusalén para buscalo.
46E resulta que, ó cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando con eles.
47Tódolos que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións. 48O velo, ficaron moi impresionados, e a súa nai preguntoulle:
-¡Meu fillo! ¿Como te portaches así connosco? Mira que o teu pai e mais eu andamos cheos de angustia en busca túa.
49El respondeu:
-¿E logo por que me buscades? ¿Seica non sabiades que eu teño que estar na casa de meu Pai?
50Pero eles non entenderon a resposta. 51Baixou con eles a Nazaret, e vivía baixo a súa autoridade.

Comentarios

Publicacións populares