Misas ciclo B - Domingo de Ramos


DOMINGO DE RAMOS  -  CICLO B
NA PAIXÓN DO SEÑOR


PROCESIÓN DAS PALMAS

Mc 11, 1-10
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

            Cando se achegaban a Xerusalén, cerca de Betfagué e de Betania, ao pé do Monte das Oliveiras, mandou Xesús a dous discípulos dicíndolles:

            ‑ Ide á aldea que tendes aí por fronte, e ao que entredes, ides atopar atado un burro que ninguén montou aínda; soltádeo e traédeo. Se alguén vos pregunta por que o facedes, dicídelle: "Precísao o Señor, pero de seguida o mandará de volta".

            Foron aló, atoparon o burro atado a un portal e desatárono. Algúns dos que andaban por alí, preguntáronlles:
            ‑ Que facedes aí desatando o burriño?
            Eles contestáronlle tal como Xesús lles mandara. E leváronlle o burro a Xesús, que montou nel así que o cubriron cos seus mantos. Moitos estendían tamén os seus mantos no camiño, para que lle servisen de alfombras; e outros, ramallos cortados nas chousas. E tanto os que ían diante coma os de detrás, exclamaban:
            ‑ Hosanna! Bendito o que vén no nome do Señor!  Bendito o reino do noso pai David que chega! Hosanna no ceo!

             Palabra do Señor          R/. Loámoste, Cristo


AD LIBITUM  Xn 12, 12-16
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

            Naquel tempo, a xente que viñera á festa, oíndo que Xesús viña a Xerusalén, apañou ramas das palmeiras e saíulle ao encontro exclamando:
            Hosanna!:
Bendito o que vén no nome do Señor,
o Rei de Israel!.
            Xesús atopou un burriño, e montou nel, conforme está escrito:
Non temas, filla de Sión,
mira que vén o teu rei,
montado nun burriño.
            Ó comezo os seus discípulos non comprenderon estas cousas; pero cando Xesús foi glorificado, entón lembráronse de que estaban escritas del e que así llas fixeron.

                                   Palabra do Señor                 R/. Grazas a Deus


SANTA MISA

Primeira Lectura     Is 50, 4-7
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS 
Non apartei a miña cara das increpacións, pero sei que non quedarei confundido (Terceiro Canto do Servo do Señor)

            O Señor Deus concedeume lingua de discípulo,
para saber instruír o cansado cunha palabra que o anime na mañá.
            El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo.
O Señor abriu o meu oído,
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
            Ofrecín o lombo aos que me azoutaban, e a miña cara aos que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
            Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.

            Palabra do Señor                     R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 21, 8-9. 17-18a. 19-20. 23-24
R/. (2a): Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?

Todos os que me ven fan burla de min,
torcendo os labios, movendo a cabeza:
"Confiou no Señor, que El o libre,
que El o salve, se é que o ama".
Rodéanme mandas de cans,
cércame un fato de malvados,
tradearon as miñas mans e os meus pés,
e podo contar os meus ósos.

Reparten os meus vestidos
e botan ás sortes o meu manto.
Pero ti, Señor, non esteas lonxe;
ti es a miña forza, ven axiña axudarme.

Eu falareilles de ti aos meus irmáns,
loareite no medio da asemblea.
Servidores do Señor, loádeo,
liñaxe de Xacob, glorificádeo,
liñaxe de Israel, temédeo.


Segunda Lectura     Flp 2, 6-11
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Humillouse a si mesmo, por iso Deus exaltouno

            Irmáns:
            Cristo Xesús, con ser de condición divina,
non se agarrou con cobiza ao seu ser igual a Deus;
senón que se espiu do seu rango,
e asumiu a condición de escravo,
feito en todo semellante aos homes.
            Presentándose coma un home calquera,
abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
            Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome,
para que ao nome de Xesús se dobre todo xeonllo
no ceo, na terra e mais no abismo,
e toda lingua proclame que Xesús Cristo é o Señor
para gloria de Deus Pai.

                        Palabra do Señor                        R/. Grazas a Deus

VERSÍCULO   
 Flp 2, 8-9

Cristo abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome.







PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO MARCOS

Andaban buscando como coller a Xesús a traizón, para matalo
           
            C. Faltaban dous días para a Pascua e os Ácimos. Os sumos sacerdotes e mais os letrados andaban buscando como coller a Xesús a traizón, para matalo. Pero dicían:         
S. "Durante as festas non é ben, porque se pode armar un rebumbio cando hai aquí tanta xente".
            C. Estando Xesús en Betania, na casa do Simón o Gafo, recostado na mesa, chegou unha muller cun frasco de alabastro cheo de perfume de nardo puro, moi caro; rompeu o frasco, e unxiulle a cabeza. Algúns dos convidados comentaban indignados:
            S. ‑ Pero a que vén este estrago de perfume? Podíase vender en trescentos denarios, e repartírllelos aos pobres.
            C. E alporizábanse contra ela. Pero Xesús dixo:
            + ‑ Deixádea, por que a molestades? Ben está o que fixo comigo. Os pobres téndelos sempre entre vós, e podédelos axudar cando queirades; pero a min non me ides ter sempre. Ela fixo o que puido. Adiantouse a unxir o meu corpo para o enterro.
Asegúrovos que onde queira que se anuncie a Boa Nova, polo mundo enteiro, falarase, para honra dela, do que acaba de facer.

Prometéronlle cartos a Xudas Iscariote

            C. Xudas Iscariote, un dos Doce, foi onda os sumos sacerdotes para lles entregar a Xesús. Eles alegráronse moito do que lles propoñía, e prometéronlle cartos. E andaba buscando o momento axeitado para entregalo.

Onde está a miña sala, na que vou comer a Pascua cos meus discípulos?

            C. No primeiro día da festa dos Ácimos, cando se sacrificaba o año pascual, preguntáronlle a Xesús os seus discípulos:
            S. ‑ Onde queres que vaiamos preparar, para comeres a Cea Pascual?
            C. El mandou a dous discípulos, dicíndolles:
            + ‑ Ide á cidade, e havos saír ao paso un home cunha sella de auga; seguídeo, e onde entre, dicídelle ao dono da casa: "O Mestre di: Onde está a miña sala, na que vou comer a Pascua cos meus discípulos?". El havos mostrar no sobrado unha gran sala, xa disposta e arranxada. Preparade alí para nós.
            C. Marcharon os discípulos e chegaron a cidade. Atoparon todo como llelo el dixera e prepararon a Pascua.

Un de vós me vai entregar, un dos que está comendo comigo

            C. A tardiña foi el cos Doce. Estando na mesa comendo, díxolles Xesús:
            + - Asegúrovos que un de vós me vai entregar, un dos que está comendo comigo.
            C. Elles, poñéndose tristes, empezaron a preguntarlle un por un:
            S. - Non serei eu?
            C. Pero el dixo:
            + - Un dos Doce, que está mollando no mesmo prato ca min. O Fillo do Home vaise, como está escrito; pero ai daquel que traizoa ao Fillo do Home! Máis lle valería non nacer.

Isto é o meu corpo. Isto é o meu sangue da Alianza

            C. Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, rezou a bendi­ción, partiuno e déullelo, dicindo:
            + ‑ Tomade, isto é o meu corpo.
            C. Despois colleu un cáliz, deu grazas, pasóullelo, e todos beberon del. E díxolles:
            + ‑ Isto é o meu sangue da Alianza, que se vai verter por moitos. Dígovolo de verdade: Xa non vou beber do produto da viña ata o día aquel en que o hei beber novo no Reino de Deus.

Antes de que o galo cante dúas veces, ti hasme negar tres

            C. Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das Oliveiras.
            Díxolles Xesús:
            + ‑ Todos ides tropezar na vosa fe, como está escrito: Ferirei ao pastor e espallaranse as ovellas. Pero cando resucite, irei diante de vós a Galilea.
            C. Replicoulle Pedro:
            S. – Aínda que tropecen todos, eu non caerei.
            C. Xesús respondeulle:
            + ‑ Ten por seguro que esta mesma noite, antes de que o galo cante dúas veces, ti hasme negar tres.
            C. Pedro insistiu aínda:
            S. – Aínda que teña que morrer contigo, endexamais te negarei.
            C. E o mesmo dicían os outros.

Empezou a sentir arrepío e angustia

            C. Chegaron a un eido chamado Xetsemaní, e díxolles Xesús aos seus discípulos:
            + ‑ Sentade aquí, mentres eu vou orar.
            C. E levou consigo a Pedro, a Santiago e a Xoán, e empezou a sentir arrepío e angustia. E díxolles:
            + ‑ A miña alma está en agonía ata a morte; quedade aquí e vixiade.
            C. E así que avanzou un pouco, botouse no chan e pregaba para que, se fose posible, pasase del aquela hora, e dicía:
            + ‑ Abba, Pai! Ti pódelo todo. Arreda de min este cáliz; pero non se faga o que eu quero, senón o que queres ti.
            C. Ao volver onda eles, atopounos durmidos, e díxolle a Pedro:
            + ‑ Simón, dormes? Non puideches vixiar tan sequera unha hora? Vixiade e pregade, para que non entredes en tentación. O espírito está certamente disposto, pero a carne é débil.
            C. E arredouse de novo, e pregaba repetindo as mesmas pa­labras.
            Volveu outra vez, e atopounos durmidos, pois caíanlles os ollos de sono e non sabían que lle dicir. E volveu por terceira vez, e díxolles:
            + ‑ Conque durmides e descansades? Abonda xa, chegou a hora; velaquí que o Fillo do Home vai ser entregado nas mans dos peca­dores. Veña!, erguédevos e vaiámonos, que xa está aquí o que me vai entregar.



Prendédeo, e levádeo con tino

            C. Estando aínda a falar, presentouse Xudas, un dos Doce, acompañado dun grupo de xente con espadas e paus, mandada polos sumos sacerdotes, letrados e anciáns. O traidor déralles un contrasinal:
            S. ‑ Aquel a quen eu bique, ese é; prendédeo, e levádeo con tino.
            C. E así que chegou, acercouse e díxolle:
            S. ‑ Mestre!
            C. E bicouno. Eles botáronselle enriba e prendérono. Pero un dos presentes, desenvaiñando a espada, feriu a un criado do Sumo Sacerdote, rabenándolle unha orella.
            Xesús reprendeunos dicindo:
            + ‑ Víndesme prender con paus e espadas, coma se fose un bandido. Estiven a diario no templo entre vós, e non me prendestes. Pero que se cumpran as Escrituras.
            C. E todos fuxiron abandonándoo. Só o seguiu un mozo envolto nunha saba. Detivérono. Pero el, desenleouse da saba e fuxiu espido.

Es ti o Mesías, o Fillo de Deus bendito?

            C. Conduciron a Xesús á casa do Sumo Sacerdote. E xuntáronse todos os pontífices, anciáns e letrados. Pedro seguiuno de lonxe ata o pazo do Sumo Sacerdote, e sentou alí para quentarse cos criados, á beira do lume.
            Mentres, os sumos sacerdotes e mais o Sanedrín teimaban por encontrar un testemuño contra Xesús, para o poderen condenar á morte, pero non o atopaban. Moitos testemuñaban en falso contra el, pero os seus testemuños non resultaban conformes. Entón erguéronse algúns, e daban falso testemuño contra el, dicindo:
            S. ‑ Nós oímoslle dicir: "Eu destruirei este templo feito por homes, e en tres días construirei outro non feito por homes".
            C. Pero nin así chegaban a se poñeren de acordo no testemuño.
            Adiantouse entón o sumo sacerdote ata o medio, e interrogou a Xesús:
            S. ‑ Non respondes nada? Que é o que estes testemuñan contra ti?
            C. Pero el calaba, e non respondeu palabra. De novo lle volveu preguntar o sumo sacerdote:
            S. ‑ Es ti o Mesías, o Fillo de Deus bendito?
            C. Xesús contestoulle:
            + ‑ Eu son, e habedes ver o Fillo do Home estar sentado á dereita do Todopoderoso e vir entre as nubes do ceo.
            C. Daquela o sumo sacerdote, rachando os seus vestidos, excla­mou:
            S. ‑ Que necesidade temos xa de testemuñas? Oístes a blasfe­mia. Que vos parece?
            C. E todos sentenciaron que el merecía a morte.
            E empezaron algúns a cuspir nel, a taparlle a cara e darlle labazadas e dicirlle:
            S. ‑ Profetiza!
            C. E os criados tamén mallaban nel.

Non coñezo a ese home de quen falades

            C. Estando Pedro embaixo, no patio, chegou unha das criadas do Sumo Sacerdote.
Ó que viu a Pedro quentándose, quedou mirando para el e díxolle:
            S. ‑ Ti tamén andabas con Xesús de Nazaret.
            C. El negouno, dicindo:
            S. ‑ Non sei nada, nin comprendo de que me falas.

            C. E saíndo para fóra, cantou o galo. A criada volveuno ver outra vez, e empezoulles a dicir aos presentes:
            S. ‑ Este évos un deles.
            C. E de novo el volveu negalo. Pero de alí a pouco tamén os presentes empezaron a dicirlle:
            S. ‑ Si, ti es un deles, que es galileo.
            C. El, entón, empezou a maldicir e xurar, dicindo:
            S. ‑ Eu non coñezo a ese home de quen falades.
            C. E, de contado, por segunda vez, cantou o galo. A Pedro acordáronselle as palabras de Xesús: "Antes de que o galo cante dúas veces, ti hasme negar tres"; e saíndo para fóra, rompeu a chorar.

Queredes que eu vos solte o rei dos Xudeus?

            C. De mañanciña, os sumos sacerdotes cos anciáns e mais os letrados, isto é, todo o Sanedrín, despois dunha reunión do Consello, amarraron a Xesús e fórono entregar a Pilato.
            Pilato preguntoulle:
            S. ‑ Es ti o rei dos xudeus?
            C. Respondeulle:
            + ‑ Ti o dis.
            C. E os sumos sacerdotes acusábano de moitas cousas. Entón Pilato volveu preguntarlle:
            S. ‑ Non respondes nada? Xa ves de cantas cousas te acusan.
            C. Pero Xesús non respondeu máis nada, de modo que Pilato quedou moi estrañado.
            Pola festa de Pascua, tiña o costume de soltarlles o preso que eles lle pedisen. Estaba daquela na cadea un tal Barrabás, xunto cos sediciosos que nunha revolta mataran a un home. Cando subiu o xentío, empezou a reclamar o que era costume conce­derlles. Pilato respondeulles:
            S. ‑ Queredes que eu vos solte o rei dos Xudeus?
            C. Pois el ben sabía que os sumos sacerdotes llo entregaran por envexa. Pero os sumos sacerdotes encirraron á xente para que pedisen que lles soltase a Barrabás.
            Pilato respondeulles:
            S. ‑ E que hei facer con ese que chamades rei dos xudeus?
            C. Eles volveron berrar:
            S. ‑ Crucifícao!
            C. Pilato replicoulles:
            S. ‑ E logo, que mal fixo el?
            C. Pero eles berraban aínda máis forte:
            S. ‑ Crucifícao!
            C. Pilato, para compracer o pobo, soltoulles a Barrabás, men­tres que a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.

Cinguírono cunha coroa que teceran con espiños

            C. Os soldados levaron a Xesús para dentro do pazo, é dicir, do pretorio, e chamaron a toda a compañía. Vestírono de púrpura, cinguírono cunha coroa que teceran con espiños, e empezáronlle a facer saúdos:
            S. ‑ Salve, rei dos xudeus!
            C. E dábanlle golpes na cabeza cunha canivela, cuspían nel e, axeonllándose, rendíanlle homenaxe. E despois de o escarneceren, quitáronlle a púrpura e puxéronlle a súa roupa. E levárono fóra, para o crucificaren.

Levaron a Xesús ao Gólgota e crucificárono

            C. Pasaba por alí Simón de Cirene, que volvía da leira ‑o pai de Alexandro e de Rufo‑ e obrigárono a cargar coa cruz. Levárono a un lugar chamado Gólgota, ou sexa, lugar da Caveira.
            Alí dábanlle viño con mirra pero non o quixo. Crucificárono e repartiron a roupa, botando sortes  para saber o que lle tocaba a cada un.
            Era a media mañá cando o crucificaron. Un letreiro anunciaba a causa da súa condena: "O rei dos xudeus".
            Con el crucificaron tamén a dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.

Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo!

            C. Os que pasaban por alí burlábanse del, abaneando as cabezas, e dicindo:
            S.‑ Vaites, vaites, o que destrúe o Templo e o reconstrúe en tres días! Anda, baixa agora da cruz, e sálvate!
            C. Do mesmo xeito, os sumos sacerdotes, burlándose entre eles cos letrados, dicían:
            S.‑ Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! O Mesías, o rei de Israel! Que baixe da cruz agora, para que vexamos e creamos!
            C. Tamén os que estaban crucificados con el o aldraxaban.

Xesús, dando un grito resoante, expirou

            C. Chegado o mediodía, a escuridade cubriu toda aquela terra ata as tres da tarde. E ás tres da tarde, Xesús exclamou con voz resoante:
            + ‑ Eloí, Eloí, lamá sabactaní?
            C. Que quere dicir:
            + ‑ "Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?"
            C. Algúns dos que estaban alí oíron e comentaban:
            S. ‑ Oíde! Está chamando por Elías.
            C. Un foi correndo e enchoupou de vinagre unha esponxa, espe­touna nunha cana e deulle de beber, dicindo:
            S.‑ Deixade, a ver se vén Elías baixalo.
            C. Pero Xesús, dando un grito resoante, expirou.

(Todos se axeonllan, e faise unha pausa)

            C. O veo do templo rachou en dous de arriba abaixo.
            O centurión, que estaba enfronte de Xesús, e que o viu expirar daquel xeito, dixo:
            S. - Verdadeiramente este home era Fillo de Deus!
            C. Había tamén mulleres que miraban desde lonxe. Entre elas estaban María Madalena e María, a nai de Santiago o menor e de Xosé, e mais Salomé, que o seguiran e o serviran cando el estaba en Galilea, e moitas outras, que subiran con el a Xerusalén.

Xosé fixo rodar unha lousa contra a entrada do sepulcro

            C. E cando estaba xa a caer a tarde, como era o día da Prepara­ción, ou sexa, a véspera do Sábado, veu Xosé de Arimatea, un venerable membro do Consello, que tamén esperaba o Reino de Deus, e con moito valor presentouse ante Pilato pediu o corpo de Xesús. Pilato estrañouse de que xa estivese morto; conque mandou vir o centurión para preguntarlle se xa morrera, e, informado polo centurión, entregoulle o corpo a Xosé. Este comprou unha saba e, despois de o descolgar, en­volveuno na saba e acomodouno nun sepulcro escavado na rocha; logo fixo rodar unha lousa contra a entrada do sepulcro.
            María Madalena e mais María de Xosé enxergaban para ver onde o poñía.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus
___________________________________________________

Ou máis breve:  15, 1-39
PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MARCOS

Queredes que eu vos solte o rei dos Xudeus?

            C. De mañanciña, os sumos sacerdotes cos anciáns e mais os letrados, isto é, todo o Sanedrín, despois dunha reunión do Consello, amarraron a Xesús e fórono entregar a Pilato.
            Pilato preguntoulle:
            S. ‑ Es ti o rei dos xudeus?
            Respondeulle:
            + ‑ Ti o dis.
            C. E os sumos sacerdotes acusábano de moitas cousas. Entón Pilato volveu preguntarlle:
            S. ‑ Non respondes nada? Xa ves de cantas cousas te acusan.
            C. Pero Xesús non respondeu máis nada, de modo que Pilato quedou moi estrañado.
            Pola festa de Pascua, tiña o costume de soltarlles o preso que eles lle pedisen. Estaba daquela na cadea un tal Barrabás, xunto cos sediciosos que nunha revolta mataran a un home. Cando subiu o xentío, empezou a reclamar o que era costume conce­derlles. Pilato respondeulles:
            S. ‑ Queredes que eu vos solte o rei dos Xudeus?
            C. Pois el ben sabía que os sumos sacerdotes llo entregaran por envexa. Pero os sumos sacerdotes encirraron á xente para que pedisen que lles soltase a Barrabás.
            Pilato respondeulles:
            S. ‑ E que hei facer con ese que chamades rei dos xudeus?
            C. Eles volveron berrar:
            S. ‑ Crucifícao!
            C. Pilato replicoulles:
            S. ‑ E logo, que mal fixo el?
            C. Pero eles berraban aínda máis forte:
            S. ‑ Crucifícao!
            C. Pilato, para compracer o pobo, soltoulles a Barrabás, men­tres que a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.

Cinguírono cunha coroa que teceran con espiños

            C. Os soldados levaron a Xesús para dentro do pazo, é dicir, do pretorio, e chamaron a toda a compañía. Vestírono de púrpura, cinguírono cunha coroa que teceran con espiños, e empezáronlle a facer saúdos:
            S. ‑ Salve, rei dos xudeus!
            C. E dábanlle golpes na cabeza cunha canivela, cuspían nel e, axeonllándose, rendíanlle homenaxe. E despois de o escarneceren, quitáronlle a púrpura e puxéronlle a súa roupa. E levárono fóra, para o crucificaren.


Levaron a Xesús ao Gólgota e crucificárono

            C. Pasaba por alí Simón de Cirene, que volvía da leira ‑o pai de Alexandro e de Rufo‑ e obrigárono a cargar coa cruz. Levárono a un lugar chamado Gólgota, ou sexa, lugar da Caveira. Alí dábanlle viño con mirra pero non o quixo. Crucificárono e repartiron a roupa, botando sortes  para saber o que lle tocaba a cada un.
            Era a media mañá cando o crucificaron. Un letreiro anunciaba a causa da súa condena: "O rei dos xudeus". Con el crucificaron tamén a dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.

Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo!

            C. Os que pasaban por alí, burlábanse del, abaneando as cabezas, e dicindo:
            S. ‑Vaites, vaites, o que destrúe o Templo e o reconstrúe en tres días! Anda, baixa agora da cruz, e sálvate!
            C. Do mesmo xeito, os sumos sacerdotes, burlándose entre eles cos letrados, dicían:
            S. ‑ Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! O Mesías, o rei de Israel! Que baixe da cruz agora, para que vexamos e creamos!
            C. Tamén os que estaban crucificados con el o aldraxaban.

Xesús, dando un grito resoante, expirou

            C. Chegado o mediodía, a escuridade cubriu toda aquela terra ata as tres da tarde. E ás tres da tarde, Xesús exclamou con voz resoante:
            + ‑ Eloí, Eloí, lamá sabactaní?
            C. Que quere dicir:
            + ‑ "Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?"
            C. Algúns dos que estaban alí oíron e comentaban:
            S. ‑ Oíde! Está chamando por Elías.
            C. Un foi correndo e enchoupou de vinagre unha esponxa, espe­touna nunha cana e deulle de beber, dicindo:
            S. ‑ Deixade, a ver se vén Elías baixalo.
            C. Pero Xesús, dando un grito resoante, expirou.

(Todos se axeonllan, e faise unha pausa)

            C. O veo do templo rachou en dous de arriba abaixo.
            O centurión, que estaba enfronte de Xesús, e que o viu expirar daquel xeito, dixo:
            S. - Verdadeiramente este home era Fillo de Deus!

                                   Palabra do Señor                  R/. Grazas a Deus

                                

Que os ramos da acollida, rompan as cadeas da insolidariedade

(Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos).


CANTO:            
QUE LEDICIA A MIÑA

SAÚDO:
Quen preside: A paz, o ben e máis a xustiza de quen pasou polo mundo facendo o ben, estean con todas/os vós.

PÓRTICO
            Abrimos o portelo que nos invita a entrar no gran misterio da fe cristiá: a Semana Santa. Son sete días coma os outros, si, pero non son nin o mesmo nin os mesmos. O portelo polo que imos tentar pasar non é un portelo calquera. Dános acceso á esperanza, á renovación e ao cambio; un cambio que pide unha cor distinta para as paredes da nosa vida. Unhas cores que deixaron xa hai moito tempo de ser grises e tristeiras, inda que nos sigamos empeñando no contrario, para ser as cores luminosas e ledas do Arco da Vella. Ese Arco da Vella no que Deus nos vai abrindo os brazos para acollernos, agarimarnos e facernos sitio. Que este Domingo de Ramos sexa verdadeiro portelo que nos leve a entrar nunha semana que ten a súa santidade non no calendario nin no cambio das lúas, senón no descubrimento de que Deus segue connosco, acompañándonos, gozando e sufrindo, pero sen deixarnos da man. Que ramos e palmas nos axuden a descubrir que unha fe que non esperanza e se renova, non é máis que rito empobrecido e baleiro.
               
PROCLAMACION DA PALABRA (Is. 50, 4-7)

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

O Señor Deus concedeume lingua de discípulo para saber instruír ao cansado cunha palabra que o anime cada mañá.
El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo.
O Señor Iavé abriu o meu oído, e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
Ofrecín o lombo aos que me azoutaban, e a miña cara aos que me arrincaban a barba. Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
Pero o Señor axudarame, por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante, pois sei que non me avergonzarei.
PALABRA DO SEÑOR

CANTO: A TÚA PALABRA


BENDICIÓN DOS RAMOS
             En cada unha das nosas parroquias, tamén nós, Señor, queremos acollerte con alegría e espírito de festa. Os ramos e palmas que hoxe traemos ofrecémoschos como mostra da nosa disposición a ser portadores de renovación, cambio e luz no medio do noso mundo; un mundo que está falto delas e no que ti nos invitas a estar dando testemuño de que é posible ser diferente e cambiar as cousas.

Sabedores de que non imos estar nunca solos, facemos presente a túa bendición + de Pai que invita, do Fillo que testemuña e do Espírito que acompaña, para que estes ramos e palmas sexan sempre imaxe de que camiñas no medio de nós. Por Xesucristo o noso Señor.Amén.

CANTO PROCESIONAL: CAMIÑANDO POLA VIDA

-----------DENTRO DO TEMPLO-----------

O PERDÓN
v      Porque os nosos ramos non son sempre para acoller, senón que con eles tamén creamos                                         violencia, SEÑOR, QUE OS RAMOS DA ACOLLIDA ROMPAN AS NOSAS ESCRAVITUDES.
v      Porque son moitas as veces nas que nos falta decisión e nos sobra medo para dicir a verdade, CRISTO, QUE OS RAMOS DA ACOLLIDA ROMPAN AS NOSAS ESCRAVITUDES.
v      Porque somos de memoria fráxil e rapidamente esquecemos ás persoas, para acabar buscando o noso propio interese, SEÑOR, QUE OS RAMOS DA ACOLLIDA ROMPAN AS NOSAS ESCRAVITUDES.

GLORIA
ORACIÓN COLECTA
PROCLAMACION DA PAIXÓN S.MARCOS

REMUÍÑO
 ð      Domingo de Ramos, domingo de festa, domingo de pequenos e grandes. Dicían os nosos avós que hoxe era o día da estrea, do novo, do querer sentírmonos como que estabamos a comezar algo distinto e grande. E é verdade. Si, comezamos algo distinto e grande porque nos volvemos poñer en camiño, e queremos coller novos folgos para que o cansazo que nos produce a situación nada doada que estamos a vivir non nos faga caer na angustia e na desesperación de quen o ten perdido todo e para quen non hai horizonte cara ao que mirar. Máis alá de ser festa de nenos que xogan coas seus ramos e palmas, a celebración de hoxe é unha invitación a non esquecer que a fe non é só culto aos mortos ou lembranza dun pasado nostálxico e ritualista, senón empuxe e forza para non deixar que os de sempre, os que mandan, os que deciden, os que quitan e poñen sen consultarnos, levan razón e poden facer de nós e con nós o que queiran. Non, se algo temos aprendido de Xesús –por iso é tan importante a formación e o coñecemento do Evanxeo– é a non deixarnos someter, a non calar diante da inxustiza, a rebelarnos fronte dos que queren xogar a deuses e facer de nós simples pezas dun quebracabezas que moven ao seu antollo. Por iso necesitamos o Domingo de Ramos que abra o portelo dunha Semana Santa que sabendo que na mesa do Xoves Santo está o Pan da fraternidade, pero tamén o alimento para a loita, non se deixa vencer polo fracaso da morte, o abandono e a desesperanza do Venres Santo e o enterramento de quen pensabamos que ía ser distinto, pero ao final non foi capaz de vencer. E non se deixa porque o Sábado de Gloria móstranos que non foi fracaso, que non quedamos nin no venres de dor nin no nicho da escuridade e a tebra, senón que fomos capaces de vencer a morte, de que chegou a esperanza, de que algo novo está a pasar, de que os de sempre esta vez non van vencer, de que se queremos e estamos unidos, como fixo Xesús, a resurrección é posible e a pascua volverá chegar á vida de tantas persoas que se sentiron enganadas e maltratadas, cuxa dignidade os que mandan querían pero non puideron quitárllela. E o que hoxe comezamos a celebrar é o signo máis claro de que é posible. Poñámonos en camiño convencidos!

CREDO

ORACIÓN DA COMUNIDADE
 Sentindo a necesidade de expresar a nosa gratitude porque segues invitándonos a non deixarnos levar do pesimismo diante da difícil situación que estamos a vivir, dicimos:
QUE OS NOSOS RAMOS SEXAN SIGNO DE ACOLLIDA
*       Dános folgos, Señor, para que sexamos unha Igrexa que non se deixa levar das rutinas que apagan a frescura da nosa fe, Oremos.
QUE OS NOSOS RAMOS SEXAN SIGNO DE ACOLLIDA
*       Dános folgos, Señor, para que as nosas comunidades sexan verdadeiros berces onde se acolla, aloumiñe e agarime a quen sente a dor da soidade, Oremos.
QUE OS NOSOS RAMOS SEXAN SIGNO DE ACOLLIDA
*       Dános folgos para que o pan da fraternidade, da xustiza, do compartir, do amor e da entrega rache as cadeas da crise, OREMOS.
QUE OS NOSOS RAMOS SEXAN SIGNO DE ACOLLIDA
*       Dános folgos, para que este Domingo de Ramos sexa verdadeiro día do Señor nas nosas vidas e no noso esforzo por facer da fe raíz, horizonte e sentido no camiño que cada día temos que percorrer, OREMOS.
QUE OS NOSOS RAMOS SEXAN SIGNO DE ACOLLIDA
Que os folgos que recibimos de ti nos fagan superar a tentación de vivir a fe como un costume aprendido dos nosos maiores, para convertela en compromiso esperanzado por facer do lugar onde esteamos verdadeiro espazo de humanidade. P.X.N.S.Amén.

Canto do ofertorio: GRAZAS, SEÑOR, NA MAÑÁ
Canto da paz: QUE VEÑA A PAZ
Canto da comuñón: NON VOU SO

Para a reflexión

A SEMANA SANTA ESTÁ ÁS PORTAS”

Comezou o tempo de graza,
vivamos a Semana Santa santamente.
Fagamos silencio, poñámonos en actitude de escoita.
Carguemos as imaxes e os pasos, si, pero da vida.
Pasos vivos;
que haxa menos estacións, sen explotación, sen engano,
sen utilización das persoas.
Suprimamos os azoutes, as espiñas,
o simple rito e as celebracións baleiras.
Que os días da paixón e sufrimento sexan breves
e moito máis longos os días da pascua,
o tempo da nosa esperanza.

(Sobre un texto do libro de Cáritas, Coresma Pascua 2012)


CANTOS
 FÓRA DO TEMPLO
*       CANTO DE ENTRADA: QUE LEDICIA A MIÑA
*       CANTO: A TÚA PALABRA
*       BENDICIÓN DOS RAMOS
*       CANTO PROCESIONAL: CAMIÑANDO POLA VIDA

DENTRO DO TEMPLO 
*       OFERTORIO: GRAZAS, SEÑOR, NA MAÑÁ
*       PAZ: QUE VEÑA A PAZ
*       COMUÑÓN: NON VOU SO

POWER POINTS


Comentarios

Publicacións populares