Misas ciclo B - 3º Domingo de Coresma
3º DOMINGO DE CORESMA - CICLO B
Primeira Lectura Ex 20, 1-17
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
A lei foi dada por medio de Moisés (Xn 1, 17)
Naqueles días, o Señor pronunciou estas palabras:
‑ "Eu son o Señor, teu Deus, que te saquei da terra de Exipto, da condición de escravitude.
Non terás xunto comigo outros deuses.
Non farás para ti imaxes nin figura ningunha do que hai enriba no ceo, nin abaixo na terra, nin nas augas de debaixo da terra.
Non te prostrarás diante delas nin as adorarás, pois eu, o Señor, teu Deus, son un Deus celoso.
No caso dos que me aborrecen, eu castigo os pecados dos pais nos fillos, nos netos e nos bisnetos.
Pero no caso dos que me aman e gardan os meus preceptos, eu mostro misericordia por todas as xeracións.
Non pronunciarás en van o nome do Señor, teu Deus, pois o Señor non deixa sen castigo ao que pronuncia en van o seu nome.
Pensa no día do sábado, para o faceres día santo.
Traballarás seis días na semana, e neles farás a túa tarefa.
Pero o día sétimo é sábado, dedicado ao Señor, teu Deus. Nel non farás traballo ningún, nin ti, nin o teu fillo, nin a túa filla, nin o teu servo, nin a túa serva, nin o teu gando, nin o forasteiro que habite nas túas cidades.
Porque o Señor fixo en seis días o ceo, a terra, o mar e todo o que hai neles, e no sétimo día descansou.
Por iso mesmo bendiciu o Señor o día do sábado e declarouno día santo.
Honra a teu pai e a túa nai, para que a túa vida sexa longa na terra que o Señor, teu Deus, che dá.
Non matarás.
Non cometerás adulterio.
Non roubarás.
Non darás un testemuño falso contra o teu próximo.
Non cobizarás a casa do teu próximo: nin a súa muller, nin o seu escravo, nin a súa escrava, nin o seu boi, nin o seu asno, nin nada de canto é seu".
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
________________________________________________________
Ou mais breve: 20, 1-3. 7-8. 12-17
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Naqueles días, o Señor pronunciou estas palabras:
‑ "Eu son o Señor, o teu Deus, que te saquei da terra de Exipto, da condición de escravitude.
Non terás xunto comigo outros deuses.
Non pronunciarás en van o nome do Señor, teu Deus, pois o Señor non deixa sen castigo o que pronuncia en van o seu nome.
Pensa no día do sábado, para o faceres día santo.
Honra a teu pai e a túa nai, para que a túa vida sexa longa na terra que o Señor, teu Deus, che dá.
Non matarás.
Non cometerás adulterio.
Non roubarás.
Non darás un testemuño falso contra o teu próximo.
Non cobizarás a casa do teu próximo: nin a súa muller, nin o seu escravo, nin a súa escrava, nin o seu boi, nin o seu asno, nin nada de canto é seu".
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 18, 8. 9. 10. 11
R/. (Xn 6, 68c): Señor, ti tes palabras de vida eterna.
A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio ao inxenuo;
Os mandatos do Señor son rectos:
aledan o corazón;
o precepto do Señor é limpo:
ilumina os ollos;
A vontade do Señor é pura:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.
Son máis cobizables có ouro
máis có metal precioso;
son máis doces có mel,
máis có zume da antera.
Segunda Lectura 1 Cor 1, 22-25
LECTURA DA 1ªCARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS CORINTIOS
Predicamos a Cristo crucificado, escándalo para os homes, pero sabedoría para os chamados por Deus
Irmáns:
Os xudeus piden signos e os gregos buscan a sabedoría; pero nós predicamos un Cristo crucificado: e isto para os xudeus é un escándalo e para os pagáns unha loucura.
Pero para os chamados, tanto xudeus coma gregos, el é Cristo, marabilla do poder e da sabedoría de Deus.
Porque a loucura de Deus é máis sabia ca toda a sabedoría dos homes e a debilidade de Deus é máis forte ca toda a fortaleza dos homes.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
VERSÍCULO Xn 3, 16
De tal xeito amou Deus o mundo,
que lle deu o seu Fillo Unixénito;
quen cre nel, ten vida eterna.
Evanxeo Xn 2, 13-25
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Destruíde este templo e en tres días heino restablecer
Estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e mailos cambiadores, sentados; vai el e, facendo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos cambiadores; e aos que vendían as pombas, díxolles:
‑ Arredádeme de aquí estas cousas, non fagades da casa do meu Pai unha casa de negocio.
Lembráronse os seus discípulos de que estaba escrito: "O celo da túa casa devórame".
Pero replicáronlle os xudeus:
‑ Que sinal nos mostras, para faceres estes feitos?
Respondeulles Xesús:
‑ Derrubade este templo e erguereino en tres días.
Retrucáronlle os xudeus:
‑ Corenta e seis anos levou edificar este templo e halo erguer ti en tres días?
Pero el dicíao referíndose ao templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, lembraron os seus discípulos o que dixera e creron na Escritura e no dito de Xesús.
Estando Xesús en Xerusalén pola festa da Pascua, moitos creron nel, vendo os signos que facía. Pero, pola súa parte, Xesús non se fiaba deles, porque os coñecía a todos.
Non precisaba de que ninguén lle dese informacións de ninguén, que ben coñecía el o que había no home.
Palabra do Señor
ESCÁNDALO PARA OS OPULENTOS E ESPERANZA DOS EMPOBRECIDOS: O PAN DA SOLIDARIEDADE RACHA AS CADEAS DA CRISE
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com
SIGNO DE CORESMA: A frase que escollemos para colocar este terceiro domingo arredor do signo principal é NON FAGADES DO CULTO UN NEGOCIO.
PÓRTICO
Temos unha fe que moitas veces atopa coa tentación de usar a Deus para conseguir os obxectivos da vida de cadaquén. Así elementos coma a saúde, o traballo, o amor, a seguridade... aparecen na nosa oración; e, a cambio deles, ofrecemos sacrificios, promesas, cartos ou misas.
Porén, Xesús volve lembrarnos que o sentido da vida e da relixión ten máis que ver cunha actitude de agradecemento e confianza cara aquel que nos amou primeiro que co intercambio de favores entre Deus e cada un de nós.
Que a celebración que agora comezamos nos axude a vivir co corazón aberto para comprender que con cartos podemos mercar unha cama cómoda, pero non un sono tranquilo; con cartos podemos comprar novas relacións, pero non unha verdadeira amizade; con cartos podemos comprar pracer, pero non felicidade. E, con cartos nunca podemos comprar a Deus... nin tampouco a nosa salvación. É importante que nunca o esquezamos.
O PERDÓN
● Por non acabar de entender que botarlle a culpa aos demais do que pasa non exclúe a nosa responsabilidade polo que temos feito, SEÑOR, TI TES PALABRAS DE VIDA.
● Porque o noso falar non ten cancelas, e o noso actuar deixa moito que desexar, CRISTO, TI TES PALABRAS DE VIDA.
● Polas veces nas que nos esforzamos máis por destruír que por ser construtivos alí onde estamos: familia, traballo, barrio, parroquia e amigos, SEÑOR, TI TES PALABRAS DE VIDA.
REMUÍÑO
● En tempos nada doados, Israel cae na conta da necesidade de deixar atrás o laio e a nostalxia do que fora antes para comezar a tomar decisións, desde o presente, que encarasen o seu futuro. O desenvolvemento da realidade do pobo nas súas múltiples facetas descobre logo a necesidade de organizarse para poder acadar calquera obxectivo, sexa este doado ou difícil. E o primeiro que necesitan é poñer á fronte do proxecto de renovación a alguén que puidera tirar cara a adiante; alguén con capacidade de facer as cousas non buscando o seu propio interese senón o de todos, o do pobo; alguén que non buscase enganar, senón encarar o traballo mirando sempre cara a adiante; alguén que non quixera ser nin escravo de ninguén nin señor da escravitude. Moisés vai ser o que desenvolva este cometido. A el corresponderalle o labor de ir reordenando as canles logo de tanto tempo esquecidas por mor da escravitude á que estiveran sometidos. Volver sentirse pobo en camiño, chamado, guiado e querido por Deus, é o primeiro paso para saír daquela situación. Tamén nós hoxe necesitamos reorganizar a nosa vida, retomar camiños abandonados, recompoñer valores e principios que foramos esquecendo, e cuxo abandono nos foi levando á situación na que agora estamos. Non esperamos coma Israel un populista que se poña á fronte; non o necesitamos. Para nós Xesús deixou un camiño aberto do que nos fomos afastando e ao que xa é hora que volvamos para deixar de ser escravos de tantos señores que non nos trouxeron máis que empobrecemento, falsas ilusións e moita desilusión e desesperanza. Deste xeito poñerémonos a construír un presente que, sabendo mirar ao futuro, non esquece as súas raíces.
● A raíces que como diciamos no Salmo, están impregnadas de palabras de vida. Non das palabras que hoxe nos saturan e abouxan, senón das palabras que nos alentan e non deixan que nos veñamos abaixo; as palabras que nos dan azos para continuar na tarefa; as palabras que nos abren a superar a tentación de caer na desesperación en momentos de dificultade; as palabras que nos abren á amizade compartida desde a confianza, o respecto e o recoñecemento dos demais; as palabras que nos falan de dignidade e de persoas por riba dos resultados, os balances ou a rendibilidade económica. Si, as palabras de vida que nos ofrece Deus queren ser alento, esperanza e esforzo continuado para mirar sempre cara a adiante, conscientes das dificultades e problemas que temos e seguiremos tendo, pero aos que lle facemos fronte persoal e comunitariamente. Todos somos importantes, ninguén imprescindible, por iso tódalas mans son poucas para seguir dando pasos que eviten quedar na metade do camiño, solos e desencantados, por sentírmonos enganados por aqueles nos que tiñamos confiando. As palabras que desde a fe proclamamos nas nosas celebracións non queren ser fermosas estampas literarias, senón azos para non deixar que a vida se pare e deixe as beiras dos camiños cheas de persoas ás que ninguén tende a man porque os ve como inimigos e nunca coma irmáns.
● Por iso han ser palabras que se convertan en accións e non caian en baleiro. Palabras que para moitos serán escándalo porque non compoñen, senón que din a verdade, moitas veces dura, diante do que está a pasar e nos está a pasar. E a pesares do que os ben pensantes poidan considerar escándalo, nós consideramos que son sabedoría, porque expresan o respecto ao outro, que non nos resulta indiferente nin estraño. Nin somos lobos, nin inimigos, nin vingadores de uns para cos outros, senón irmáns dispostas a curar as feridas que circunstancias, decisións equivocadas ou ansias de poder van creando. Son, entón, as palabras que nós volvemos comportamentos e disposición para non renunciar a ser xustos, solidarios e comprensivos con quen é diferente; rigorosos e sen medo con quen pretende enganar e abusar da boa fe de quen non sabe nin coñece. En fin, son as palabras que, sen pretender imitar, pero si actualizar no aquí e agora que vivimos, levaron a Xesús, e han levarnos tamén hoxe a nós, a non permitir que o templo da vida se converta en lugar onde se engana, escraviza, abusa ou calumnia a quen non pensa coma nós, ten unha situación económica máis precaria ou se lle quere facer de menos por parte dos que mandan e toman decisións. Porque a casa de Deus –a sociedade na que vivimos e da que formamos parte- non é un negocio, non podemos permitir que os que teñen o poder a convertan nunha empresa onde só valen os resultados e se esquece ás persoas.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, Ti lémbrasnos que a fidelidade verdadeira é a de corazón limpo e sinxelo e non a do cumprimento baleiro, por iso che dicimos:
QUE O NOSO CULTO SEXA DE CORAZÓN
● Pola Igrexa, que somos todos e todas nós e que moitas veces non ten sido nai e mestra, caendo nun materialismo disfrazado de falsa espiritualidade; para que neste tempo de coresma se esforce en transformar o seu corazón á misericordia e ao cambio de actitudes mercantilistas, OREMOS.
QUE O NOSO CULTO SEXA DE CORAZÓN
● Polas nosas comunidades, para que sexan templos de dignidade e respecto para todas as persoas, descubrindo e transmitindo que gratuidade, agradecemento e agarimo son as actitudes básicas que temos que ter cara a Deus, OREMOS.
QUE O NOSO CULTO SEXA DE CORAZÓN
● Por cada un e cada unha de nós, para que entendamos que o culto a Deus sen defensa da dignidade de todas as persoas non é culto a Deus, senón converter a casa de Deus en mercado, OREMOS.
QUE O NOSO CULTO SEXA DE CORAZÓN
Grazas, Señor por andar sempre canda nós, sacándonos das escravitudes que pexan a nosa vida e convidándonos a vivir na gratuidade. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Olla ao teu redor e repara nisto:
non existe autoridade sen señorío,
sen rendas nin criados,
sen carreiras e sen cartos.
Non existe autoridade sen poder.
Somos tan pouca cousa que,
para facernos valer,
botamos man do que temos e non do que somos.
Pero Xesús non foi así.
El non foi un gran señor,
non estudou carreira algunha,
non tiña criados aos que mandar,
nin rendas que cobrar,
nin foi gobernador nin alcalde,
nin médico... nin tan sequera cura.
Pero tiña autoridade.
Tiña a autoridade da súa palabra, cálida e forte,
do seu obrar limpo e consecuente,
do seu ensinar libre e creador.
Falaba con autoridade.
Falaba e actuaba sen medos nin covardía.
Sen pedir opinión aos poderosos
sobre cal debía ser a súa palabra e cal o seu silencio.
Non negociaba cos grandes o límite das súas actuacións,
non lle escatimaba aos pequenos a súa presenza e a súa forza.
Admirámoste, Xesús de Nazaré,
por esa autoridade.
Benditos todos e todas nós,
chamados a ter parte na túa autoridade que nos fai libres,
chamados e vivir na gratuidade,
chamados a denunciar o comercio que se fai no nome da fe.
(M. Regal)
CANTOS
● ENTRADA: Seguirei os teus pasos
● LECTURAS: Lemos o Salmo
● OFERTORIO: Benaventurados
● COMUÑÓN: Non vou so
No colo de miña nai
No colo de miña nai
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario