LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 7 de Pascua: A Ascensión (5/05/11)
A ASCENSIÓN DO SEÑOR - A
Primeira Lectura Feit 1, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Elevouse á vista deles
O primeiro libro fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o comezo, ata o día que foi levado ao ceo, logo de ter dado instrucións polo Espírito Santo aos apóstolos que escollera.
Ós mesmos que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles durante corenta días e faláballes das cousas referentes ao Reino de Deus.
E comendo con eles, encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen a promesa do Pai que me escoitastes a min: porque Xoán bautizou con auga, mais a vós bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días.
Os que estaban reunidos preguntábanlle:
‑ Señor, é agora cando vas restablecer o Reino de Israel?
El respondeulles:
‑ Non vos acae a vós coñecer o tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder. Pero recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra.
En dicindo isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. E estando eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos brancos, que dixeron:
‑ Galileos, que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ao ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 46, 2-3. 6-7. 8-9
R/. (6): Deus sobe entre aclamacións, o Señor, ao son de trompetas.
Ou: Aleluia.
Aplaudide, pobos todos,
aclamade a Deus con cancións.
O Señor é excelso e terrible,
o gran rei de toda a terra.
Deus sobe entre aclamacións,
o Señor, ao son de trompetas.
Cantádelle a Deus, cantádelle,
cantádelle ao noso rei, cantádelle.
Deus é o rei de toda a terra:
cantádelle con xeito.
Deus reina sobre as nacións,
sentado no seu trono sagrado.
Segunda Lectura Ef 1, 17-23
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Sentouno á súa dereita no ceo
Irmáns:
O Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai da gloria, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para o coñecerdes ben; que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendades cal é a esperanza da súa chamada, cal a riqueza da gloria da súa herdanza nos crentes, e cal o extraordinario portento do seu poder verbo de nós, os crentes, en consonancia co vigor da súa potencia e da súa forza, que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro.
Someteullo todo baixo os seus pés e púxollo por riba de todo como cabeza á Igrexa, que é o seu corpo, a plenitude daquel que o enche todo en todas as cousas.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Mt 28, 19a. 20b
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Ide e ensinade a todas as xentes, di o Señor:
eu estou convosco todos os días ata a fin do mundo.
Aleluia.
Evanxeo
CICLO A Mt 28, 16-20
LECTURA DO FINAL DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Déuseme todo poder no ceo e mais na terra
Naquel tempo, os once discípulos foron a Galilea, ao monte onde Xesús os citara. Vendo a Xesús, prostráronse perante el, aínda que algúns dubidaban.
Entón acercouse Xesús e díxolles:
‑ Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a todos os pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo, ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
ORACIÓN DO COMPROMISO
Queremos, Señor,
ser as túas testemuñas,
luz no medio do mundo,
sal que sazone aterra.
Ser as túas testemuñas
para levar aos homes o teu amor,
a túa esperanza verdadeira,
o teu gozo de ser amor no medio das persoas.
Fainos testemuñas dun amor
que endexamais pasa de moda,
dunha luz nun mundo as escuras,
dunha paz nunha terra en guerra.
Sabemos, Señor,
e por iso pedimos a túa axuda,
que ser testemuñas
é ter os teus sentimentos,
é tomarse en serio o teu evanxeo,
é sementar os camiños do teu amor.
Graciñas, Señor,
por tantas testemuñas como temos coñecido
e que nos fan continuar na tarefa,
inda no medio das dificultades,
sabendo recoller o facho
e levándoo polas rúas do noso mundo. Amén
A confianza na presenza de quen está sen importarlle ser visto. Grazas, Señor!
Pórtico
Como lle pasou aos discípulos, tamén a nós o Señor nos ten ido dando oportunidades para poder velo levantarse: na solidariedade que move o corazón de tantas persoas hoxe en día, no traballo de quen é capaz de poñer o seu tempo para que alguén poida sentirse acompañado, na renuncia á comodidade e a unha boa conta corrente por parte de quen non dubida en poñerse á fronte de iniciativas que van facendo a vida moito máis humana ás persoas. Si, as presenzas a través das que o Señor se vai erguendo diante de nós son e seguirán a ser múltiples, o que ocorre é que nós non estamos sempre en disposición de levantar os ollos e descubrilas.
Que a festa de hoxe nos axude a tomar conciencia que non son as paredes do templo, senón o latexo do corazón de tantas persoas ao noso redor, as que nos levan a poder ver que o Señor se ergue cada día a través das mans abertas de quen, porque confía nel, sabe tendelas a quen as necesita.
Perdón
● Polas veces en que somos incapaces de axudar aos demais, porque temos outros intereses que tiran máis de nós, SEÑOR, QUE ABRAMOS OS OLLOS A TÚA PRESENZA.
● Porque moitas veces escrutamos o ceo esperando que nos solucione os problemas, mentres nós somos incapaces de mover un dedo para solucionalos, CRISTO, QUE ABRAMOS OS OLLOS A TÚA PRESENZA.
● Polo noso costume de botarlle a culpa do que lle ocorre á Igrexa aos demais, sen facer autocrítica sobre a nosa falta de ilusión e testemuño, SEÑOR, QUE ABRAMOS OS OLLOS A TÚA PRESENZA.
REMUÍÑO
● Quedaron pasmados mirando ao ceo: Quizás esta afirmación podémola poñer en primeira persoa do plural, porque parece que hoxe máis ca nunca os cristiáns estamos pasmados mirando ao ceo e somos incapaces de mirar á realidade. Así, diante de cuestións que moitas veces escapan ás nosas respostas, defendémonos dentro dos templos, esperando outras épocas e facendo da nosa fe algo individualista e ritualista. É moito mais cómoda esta actitude que non nos cuestiona, que non interfire na nosa vida e que non desestabiliza o noso xeito de actuar na familia, no traballo, na Igrexa, no pobo. De aí que se nos acuse de estar á marxe da realidade, de buscar só uns intereses de institución e un posto prominente na sociedade que hoxe non ten sentido pero que nós resistimos a abandonar. É cousa só da xerarquía, dos que mandan na Igrexa?. Pois non, xa que nós non valoramos o crecemento da fe, a súa implicación na realidade e coas xentes que nos rodean. Danos o mesmo. Con tal de cumprir cos domingos e festas de gardar xa chega, non sexa que a formación, os grupos parroquiais, e as chamadas a non ser indiferentes e monicreques nas mans doutros que atúan por nós, nos cuestione todo. O mesmo lle pasaba aos apóstolos, pero eles sentíronse empurrados pola forza do Espírito e puxéronse en camiño. Foron a Xerusalén e alí comezaron a dar testemuño. E nós, que necesitamos para darnos conta de que a fe sen a vida está morta?. De que a indiferenza fainos cómplices da realidade que temos e que tanto criticamos?
● Tarefa que nos enche de ledicia: Os cristiáns, unha vez que descubrimos no cotiá, no discorrer dos nosos días que estamos chamados a unha tarefa, que a realidade nos urxe a descubrila cunha actitude sempre aberta, cuestionante e transformadora, estamos chamados a: evanxelizar coa nosa vida, a levar a mensaxe de Xesús mais aló de nós mesmos. Unha mensaxe liberadora, non excluínte, solidaria, transformadora, alegre e sobre todo non sentíndonos solos, porque convén non esquecer que é a comunidade, a Igrexa a que nos envía, a que nos acolle, a que nos mostra a Xesús presente e animando sempre. Non estamos solos, non temos un Deus ausente, senón que queda no medio de nós, especialmente nas persoas, e que tan esquecido temos cos nosos comportamentos. Tamén se nos chama a celebrar a nosa fe encarnada, facendo das nosas celebracións unha chamada á vida, a presentarlle ao Señor, dende a nosa limitación, ás persoas todas, especialmente as menos favorecidas, as excluídas, as malogradas, as débiles, as que ninguén quere. Por último, a nosa vida ten que transformar a realidade, ao igual que fixeron os primeiros cristiáns,. dende o convencemento, dende a ledicia, dende o respecto, dende o traballo ben feito, dende a responsabilidade que temos coma cristiáns cara ás persoas e ao mundo.
Que non fagamos oídos xordos a esta chamada do Señor, prometeu estar connosco deica a fin do mundo.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Acheguémonos co corazón e coa palabra a compartir este momento de oración comunitaria e digamos xunt@s:
QUE A TÚA PRESENZA ENCHOUPE A NOSA VIDA
● Que saibamos mostrarnos Igrexa desde o diálogo, o traballo compartido e a aposta pola defensa da dignidade humana, presente en tódalas persoas, crentes ou non, e deixemos atrás poder e dominio, OREMOS.
QUE A TÚA PRESENZA ENCHOUPE A NOSA VIDA
● Que construamos comunidades vivas, adultas, maduras e con criterio, vencendo a tentación de ser simple correa de transmisión dos que mandan e toman decisións, OREMOS.
QUE A TÚA PRESENZA ENCHOUPE A NOSA VIDA
● Que cada un/ha de nós, nos esforcemos por testemuñar, con alegría e gozo, a fe compartida, estando sempre dispost@s a aprender dos irmáns, a deixarnos corrixir cando o necesitemos, recoñecendo que nin o sabemos todo nin a única verdade é a nosa, OREMOS.
QUE A TÚA PRESENZA ENCHOUPE A NOSA VIDA
Señor, que nós traballemos cada día por sentirte presente ao noso lado, descubrindo que ti es para nós alento, luz e xustiza. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Non nos deixas orfos, Señor,
nunca nos deixas orfos.
Cando amamos e seguimos os teus mandados,
o teu Espírito de amor fainos compaña
e é para nós forza e alento, sopro gratuíto de vida
e descanso no traballo
para continuar en amor e fidelidade.
Cando facemos mal as cousas,
o teu Espírito de verdade move o noso interior
e é para nós luz na escuridade,
auga limpa que nos limpa,
menciña nas feridas
e garantía do teu amor e da túa fidelidade.
Á hora de testemuñar a fe
e dar razón do noso xeito de vivir,
o teu Espírito de vida acompáñanos sempre
e pon as palabras precisas ao noso alcance.
E se o medo á liberdade e a pobreza dos nosos proxectos
secan o noso corazón,
o teu Espírito, manancial de auga viva,
régao para convertelo en oasis fecundo.
Vivimos o presente con serenidade
e miramos cara ao futuro con esperanza,
porque Ti non te esqueces de nós,
aínda que nós nos esquezamos de Ti.
Aínda que pasemos dificultades,
aínda que fracasemos nos nosos intentos,
aínda que nos visite a desgraza,
aínda que nos rompamos en cachiños,
aínda que a morte nos recolla antes de tempo,
fiámonos de Ti,
confiamos na túa promesa.
Non nos deixas orfos, Señor,
nunca nos deixas orfos.
CANTOS
● ENTRADA: Ti es camiño e verdade
● GLORIA
● LECTURAS: A túa Palabra
● OFETORIO: Xurdirá
● COMUÑÓN: Ide e pregoade
Comentarios
Publicar un comentario