Domingo 28º do Tpo. Ordinario - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Convidados a vivir-Domingo XXVIII ordinario
11 outubro 2026
Xesús é moi claro no que nos conta. Era un home do pobo e
entendíase ben coa xente corrente, referíndose a cousas concretas e a
experiencias comúns. El non falaba coa linguaxe dos chamados “entendidos”, aos
que ás veces non se lles “entende” a pesar de seren considerados como tales.
Así son non poucos dos que se dedican a pensar, a falar ou a escribir. Eu
pertenzo ó gremio dos últimos e se cadra por iso podo ter o perigo de non me
facer entender de cando en vez tal e como eu desexaría. Mais, en fin, cada quen
leva ao lombo o fardelo da propia historia.Dito isto, quen non recibiu algunha
vez un convite para unha voda ou desexou, polo menos, que o convidasen? Mais se
non ten experiencia do que ocorre nunha festa ou nun xantar de voda, convidaríao
a ler o que escribía o noso escritor Curros Enríquez no seu engaiolante poema
dos seu libro Aires da miña terra, que leva como título “Unha voda en
Einibó”.
As tradicións teñen entre nós moita forza por aquilo que
dicía xa o P. Sarmiento, no século XVIII: “os galegos son tenaces en manter os
seus costumes”. En tempos pasadosduraban as nosas vodas tantos días e eran tan
abondosas en xantares, bebidas e demais, que os responsábeis políticos e
eclesiásticos (bispos ou autoridades civís, vidos maioritariamente de fóra de
Galicia) tiveron que poñer couto, sobre todo desde o século XVI, a tales
excesos. Porque, tal e como -polo menos- argumentaban os responsábeis
eclesiásticos ou civís, aquel dispendio podía mesmo chegar á ruína dos que
convidaban á voda.Aínda así, as vodas galegas tradicionais adoitan manter
aquela abundancia de material comestíbel, que tanto lles chama ou chamaba a atención
aos que veñen ou viñan de fóra do país. Un bo día tiven que asistir nun dos
mellores hoteis (se non o mellor) de Madrid (vivín alí algo máis de corenta
anos) a unha voda de xente de moi alto rango social e político. Sendo algo que
ocorría lonxe da nosa terra, non foi nada estraño que alí houbese, si, moita
etiqueta e finura de relacións, mais pouco exceso ou abundancia daquilo que a
nós tradicionalmente tanto nos vai.
En realidade, o que pretenden cantos convidan a unha voda é
manter e fortalecer os vencellos de amizade e relacións que unen noivos e
familiares cos demais. Iso realízase creando comensalía, amizade e alegría por
medio dun xantar.Sabemos que Xesús, no comezo da súa vida pública, asistiu como
convidado, el e maila súa nai, a un xantar de vodas (as coñecidas como vodas de
Caná de Galilea). Era unha maneira de anunciar, dende o principio e de maneira
plástica, por onde ían ir os tiros (para dicilo dalgunha maneira). En
realidade, o que Xesús vén anunciarnos como mensaxe fundamental seu e do
Pai-Deus é que todos -xentes de tódolos tempos e lugares do mundo- formamos
unha mesma comunidade de orixe e de destino, unha mesma rede de relacións
fraternais. Somos todos fillos de Deus, irmáns polo tanto entre nós e chamados
a sentarnos á mesma mesa con el e írmonos así asemellando a el ó participarmos
da súa mesma divindade.Por iso non se acaba de entender moi ben por que somos
tan reticentes a aceptarmos un tal convite.
Na parábola de Xesús dísenos que os convidados á voda do
fillo do rei ou simplemente non querían ir ou formulaban escusas, como a de que
estaban moi leados, tiñan moito que facer ou que estaban moi metidos en
negociosetc. En fin, era un problema de axenda. Pois ben, fronte ás estudadas
escusas dos convidados, o evanxeo de Xesús preséntase como unha invitación a
respondermos con xenerosidade e agradecemento ao convite de Deus a sermos
felices. Para iso pon el desde o principio nos nosos corazóns unha indefinida
querenza ou tendencia a sermos felices (quen non quere ser feliz?). Ofrécenos
xenerosamente estarmos na súa compaña, participando da súa felicidade e do seu
poder. Sen que para iso teñamos que escoller na lista de voda o galano que
cumpriría facerlle. Mais Deus, o rei pai do fillo que se casa, non precisa
nada. El só quere regalarse a si mesmo a
todos e cada un de nós en toda a súa grandeza e en todo o seu amor.
Á
vista de todo isto, o lóxico sería aceptarmos sen máis este inimaxinábel
convite de Deus e dedicarnos en consecuenciaa vivirmos esta experiencia dun
Deus que quere estar connosco para sempre.Unha experiencia á que está chamada a
humanidade toda, tódalas persoas de boa vontade, sen distinción de culturas,
linguas, razas ou relixións.Porque en realidade a voda da que aquí se fala é en
certo modo a voda de Xesús mesmo coa humanidade toda. O Fillo de Deus, ao se
encarnar converténdose nun de nós, casa, é dicir, emparenta en certo modo con
toda a humanidade e co mundo enteiro,
sobre todo cos máis pobres, necesitados e discriminados.Este
emparentamento está decidido por Deus Pai e decidido queda para sempre. El non
vai deixar que o que realizou vaia ser como unha voda fracasada ou como unha
simple voda de conveniencia, formal ou a distancia. Deus levará a cabo os seus
designios e as cousas vanlle saír ben.
Algo disto semella xa anunciársenos na parábola cando alí se nos comenta que, a pesar dos egoísmos e particularismos das escusas duns ou doutros, a sala de voda se encherá: “Saíron -dísenos alí- aos camiños os criados e xuntaron tódolos que atoparon, bos e malos, enchéndose de convidados a sala da voda”.A celebración eucarística vén sendo así coma un anticipo desa voda da que se nos fala o evanxeo.-
Manuel Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos
novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos
(2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).
VER TAMÉN:
FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3 / FICHA 4



Comentarios
Publicar un comentario