DOMINGO XXI DO TPO. ORDINARIO C

  Oracional Galego en Spotify + Enlace orixinal Oracional iVoox



LECTIO:

DOMINGO XXI T. O.

24 agosto 2025

            No xudaísmo do tempo de Xesús había un marcado interese e preocupación polo número de persoas que se salvarían. Nese contexto hai que situar a pregunta que alguén lle fai a Xesús, tal como nolo conta Lucas: “Señor, e logo son poucos os que se salvan?”. Mais, á parte deste contexto relixioso, sabemos que a salvación -entendida a moi diversos niveis- si que nos interesa. E moito. Queremos salvarnos de calquera perigo, queremos salvarnos de atopármonos enfermos ou de morrer. En fin, queremos salvarnos de que nos pase algunha cousa mala. E, se a pesar de todo finamos, queremos tamén salvarnos, é dicir, queremos que no máis alá non nos pase nada malo. En fin, a nosa salvación, dunha ou outra forma, impórtanos. Levamos todos dentro esa semente de querermos vivir sempre. Sementóunolao Deus eterno e inmortal no máis íntimo dos nosos corazóns. Un desexo que en realidade non deixa de existir en nós día tras día. Por moitos anos de vida que recoñezamos xa ter.

            En relación máis ou menos con isto dicía o filósofo Ortega y Gasset que a vida humana vén sendo algo así coma un naufraxio do que aspiramos a salvarnos agarrándonos a unha táboa de salvación. Loitamos, xa que logo, toda a nosa curta ou longa vida por agarrármonos a algo que nos “salve”. Dinos el que esa táboa da salvación é o que el chama a “cultura”, pois todos nós accedemos a este mundo sen mecanismos automáticos para sobrevivir. Mais oque aquí nos interesa é a referencia que el fai ó noso desexo de “salvarnos”, pois vén sendo algo moi característico da vida humana. Todos queremos, pois, agarrarnos a algo que nos salve e loitamos por iso toda a nosa vida para non afundirnos nun ameazador mar que nos engula.

            Volvendo ao texto de Lucas, sabemos que nas respostas que lles dá Xesús aos que coas súas preguntas queren  levalo ao seu propio terreo ou comprometelo e enredalo, o que el fai é ir ao fondo das cuestións e, en tal sentido, situar o problema alí onde debería estar. A el interésalle -naturalmente en función da mensaxe quenos quere dar- non o pretendido número dos que se salvan ou curiosidades semellantes- senón a estratexia de salvación que deberiamos utilizarse é que queremos verdadeiramente “salvarnos” e acceder así ao seu Reino, un reino de xustiza, de amor e de paz. Agora ben, neste tema, como en tantos outros, Lucas é moi claro. O que importa, segundo o que el nos quere transmitir sobre a mensaxe de Xesús, non é o andar a dicir por aí que somos cristiáns dende sempre, que sabemos moito de relixión e de teoloxía, que rezamos moito, que temos marabillosos desexos de facer cousas grandes, que temos curas amigos ou que sempre lles damos o noso voto aos que chamamos partidos sensatos, politicamente correctos etc. Quizais se podería traducir algo así o que Lucas comenta referíndose aos que se lles veta a entrada no Reino de Deus e que protestan contra iso dicindo: “¡Se nós comemos e bebemos contigo [é dicir, con Xesús] e ti ensinaches polas nosas rúas!” etc.

            Lucas dinos, porén, que non hai máis ca unha maneira de nos “salvar”, é dicir, de acadar esa “salvación” que todos dun xeito ou outro buscamos. E cal éesa estraña maneira? Só esta: “practicar a xustiza”. Os que non “practican a xustiza” son para Deus uns “descoñecidos”.Non se trata de que o Deus que todo o sabe descoñeza tales persoas. O descoñecemento bíblico non é un descoñecemento teórico ou intelectual, senón unha falta de relación ou de sintonía vital e práctica. Porque “practicar a inxustiza” é comportarse mal, de maneira prepotente e inxusta, contra os demais. Esa ofensa respecto dos demais -que non por iso deixan en realidade de seren irmáns do ofensor- é de feito unha ofensa contra quen se fixo irmán noso en Xesús. Se non nos relacionamos fraternalmente coas persoas, convertémonos de feito nuns descoñecidos para Deus, pois dese xeito rompemos coa relación que deberiamos ter con El. Poderemos así comprender a resposta que, segundo Lucas, lles dará o Deus de Xesús aos que protestan por non teren acadado entrar no Reino de Deus: “Non sei quen sodes. Arredade de min os que practicades a inxustiza!”.

            De modo que, vistas as cousas así, ben se pode dicir que falar de “salvación” non consiste en falar da salvación propia, persoal ou particular. Salvarsenon se pode realizar nunca só. Un só se salva cos demais, é dicir, xunto con cantos axudei, promovín, consolei,visitei, amei, respectei, estimei etc. Trátase así verdadeiramente dunha “loita”, como nos di Lucas,“para entrarmos pola porta estreita”. Sermos cristiáns non consiste, pois, en sabermos moito sobre os fundamentos e sobre a agachado cerne do cristianismosenón en levarmos á práctica no noso mundo esa explosiva mensaxe de fraternidade que se opón ás inxustizas e desigualdades. E nisto podemos ollar como verdadeiros irmáns nosos cantos, sen se consideraren quizais a si mesmos cristiáns, loitan igual ca nós (ou quizais mellor) na mesma tarefa de instaurar a xustiza no mundo. Por iso, cando se di e proclama sen máis precisións que “fóra da igrexa non hai salvación” temos que ter en conta que a salvación, polo menos desde os textos do Concilio Vaticano II, é algo que pode tamén ocorrer fóra dos límites formais da que chamamos igrexa cristiá ou católica. Deus é sempre meirande cós límites nos que quizais o pretendemos clausurar.


Manuel Cabada Castro







Comentarios

Publicacións populares