SOLEMNIDADE DA ASUNCIÓN DE MARÍA
Oracional Galego en Spotify + Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
ASUNCIÓN DE MARÍA.
Alixeirando peso pra mellor subir
15 agosto 25
Adoito soster (sexamos ou non diso suficientemente
conscientes) que todos queremos vivir plenamente e sempre. Iso lévanos a
querermos ser os meirandes, os máis intelixentes, os máis ricos, os máis
poderosos, os máis xenerosos etc. Recoñezámolo ou non, algo diso agáchase
sempre no noso interior, no noso corazón. En principio tampouco ten que ser
considerado iso como algo “malo”. Pois en realidade con esa tendencia cara ao
máis alto non facemos senón manifestar a nosa semellanza con Deus e a nosa
procedencia de quen o é todo, de quen ten todo o poder e mais tódalas perfeccións
que podemos maxinar, en grao absolutamente infinito ademais.
Sen eses desexos nosos a humanidade deixaría de ser o que é.
Se non tivésemos desexos de vivirmos sempre e, polo tanto, se deixásemos de
querer progresar e mellorar as cousas, deixariamos en definitiva de sermos
humanos. Mais sabemos tamén que para iso, para ese progreso e para esas
melloras na realidade humana, fai falla
termos en conta os demais: as persoas que conviven connosco e que precisan da
nosa axuda, como tamén nós precisamos continuamente a axuda deles. Eles queren
tamén ser persoas de valía, queren progresar e ascender, aspiran tamén a vivir
sempre etc. Por iso ou colaboramos todos mutuamente respectando esa nosa común
tendencia ou, se nos enfrontamos cos outros, iremos conxuntamente á ruína. É
evidente que este tipo de consideracións teñen, por moi abstractas que parezan,
unha moi concreta relevancia política e social.
Pois ben, a festividade da Asunción de María, que celebramos
sempre en tempos de verán, pode axudarnos en relación co que acabo de dicir. Só
un par de reflexións.
Normalmente tendemos a imaxinar Xesús e maila súa nai como
realidades “celestiais”, pouco relacionadas coa nosa propia vida. Algo así como
tendemos a considerar o papa como algo case celestial, resultándonos estraño
que se comporte ou intente comportarse como unha persoa sinxela e normal. De
aquí proveñen, no que se refire a María, tantas fermosas e celestiais imaxes
que temos dela. Isto pode levarnos a pasar por alto que ela, na súa vida real,
tivo que ser moi distinta daquela muller “celestial” creada ou imaxinada por
pintores ou escultores. Ela sería efectivamente unha muller máis do pobo, polo
tanto pobre, traballadora, identificada coas persoas coas que convivía e
participando da súa común cultura e relixión. Iso si, bondadosa, amante de
familiares e veciños, entregada e servizal con cantos solicitasen calquera tipo
de axuda. Seguramente podería dicir sobre si mesma o que o seu fillo dicía de
si mesmo: “Non vin ser servido, senón servir”. Sabemos ademais, polos relatos
evanxélicos, que María se consideraba a si mesma como “escrava” de Deus e, xa
que logo, escrava tamén dos fillos de Deus, dos demais. Sobre si mesmadicía ela
que Deus “reparara na humillación da súa escrava”. E como tal “escraviña”, alá
se irá, por exemplo, a toda présa (así nolo conta Lucas)acompañar a súa curmá
Isabel, que estaba á espera do nacemento do seu propio fillo Xoán o Bautista.
Deste xeito, María espallaba a graza de Deus, é dicir, a
presenza bondadosa e misericordiosa de Deus, por onde queira que estivese.
Dísenos no texto de Lucas que Isabel quedou así “chea de Espírito Santo” grazas
a María, que pola súa parte se sentía tamén fondamente alegre nesa visita
familiar: “alégraseme o espírito –proclama alí María- en Deus, o meu Salvador”.
Unha ledicia contaxiosa, porque lles vai afectar tanto a Isabel coma ao seu
fillopróximo a nacer. Isabel sentirase por iso igualmente “alegre” ao se sentir
chea tamén do “Espírito Santo”. Igual ca
o neno, que pola súa parte “brinca de alegría nas súas entrañas”.
Amor, espírito de servizo e alegría andan sempre xuntos.
Mais todo iso de maneira moi concreta e achegada á terra. A “humildade” de
María hai que vela así no seu sentido etimolóxico orixinal de proximidade á
“terra”. Xustamente por estar María moi achegada á terra, ou sexa, por ela ser
moi “humilde”, polo que hoxe celebramos a súa “Asunción” ao máis alto dos ceos.
Ela segue polo camiño que antes dela andou o seu Fillo Xesús e que concluíu coa
súa Ascensión aos ceos. Terra e ceo están así e para sempre, trala Ascensión do
Señor e a Asunción de María, estreitamente unidos. Podemos dicir que se un non
se apoia ben na terra non poderá tampouco ascender ao ceo. Ou dito coas
palabras de Xesús: “Todo o que se humilla será enxalzado, e todo o que se
enxalza será humillado” (Lc, 18, 14).
A nai de Xesús meditaría moito na grandeza de Deus e sentiríase
xa que logo moi achegada á terra. Coméntao ela mesma no comezo daquel fermoso
himno seu, o “Magnificat”, no que enxalza o poder e as marabillas de Deus:
“Proclama a miña alma a grandeza do
Señor”. Mais hai tamén neste himno unha clara referencia á insensatez e ilusión
dos chamados “poderosos”, que se cren máis importantes e dignos de atención e
respecto cós demais. Para ela, en troques, Deus é o único que pode ser
proclamado poderoso e grande. Fóra del ninguén. Canta esperanza e ilusión poden
suscitar aínda hoxe en moitas persoas e países estas palabras de María no seu
grandioso himno!: “Manifestou [o Señor] o poder do seu brazo, dispersou os
soberbios de corazón; derrubou os poderosos dos seus tronos e elevou os
humildes; os famentos encheunos de bens e os ricos despediunos baleiros”.
Está moi claro que o Deus de Xesús e de María non está cos
que se consideran a si mesmos “poderosos”, senón cos que se abaixan e dispoñen
a servir os demais. Só estes quere Deus enxalzar e encher dos seus bens e da
súa ledicia.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario