DOMINGO 4 DE PASCUA - CICLO C
Oracional Galego en Spotify + Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
DOMINGO IV DE PASCUA-C
11 maio 2025
Respecto
do misterio e da vida de Xesús, teremos que ter sempre presente que el vivía
internamente fortalecido pola inesgotábel riqueza e fonte de vida que era e
seguirá sempre a ser Deus, Pai seu e noso tamén. El falabamoito co seu Pai moi
querido. Como de día non podía facelo moito polas multitudes que desexaban
escoitalo, facíao de noite. (Cantos de vós fixestes algo semellante durante a
afamada apagada de hai varios días?). Porque
Deus é desde sempre esa marabillosa realidade persoal, plena e infinita, que en
si mesma é poder e vida, enchendo de variadísima vida a realidade toda que
temos diante e da que formamos parte, aínda que a descoñezamos na súa íntima
fondura e inmensidade. A persoa de Xesús sería para nós totalmente
incomprensíbel se deixamos de lado ese Deus Pai que o converte no seu Fillo
predilecto. E se Deus Pai o quere tanto é porque o encheu tamén a el da súa
mesma plenitude de vida, poder e amor.
Debido
a todo isto, podía el dicir sobre si mesmo: “Eu son a Vida”. E se el se define
a si mesmo como “Vida” ¿como vai poder darnos a nós outra cousa máis ca vida? É
case incríbel como se puido desfigurar tantas veces a súa mensaxe coma se fose
unha mensaxe de febleza ou debilidade, de indixencia e de morte. Xesús non ten
nada que ver coa morte, pois El é a Vida mesma.
No
curto texto de hoxe do evanxeo de Xoán preséntasenos a Xesús como bo pastor que
coñece as súas ovellas, é dicir, o pobo que o segue como rabaño feliz de se
sentir ben acompañado e dirixido por el. “Eu –así soan as palabras que Xoán pon
en boca de Xesús- doulles vida eterna”. Son expresións de moita relevancia e
fondura. Teñen que ver cun desexo básico de calquera de nós. Hai alguén que non
queira vivir e vivir sempre, vivir eternamente? Se lamentabelmente nas noticias
que lemos ou escoitamos, máis dunha vez sentimos que nos bate forte o corazón ó
lermos ou oírmos que alguén se quitou a vida por algún tipo de problema que o
afectaba moi duramente, podemos estar ben seguros de que estes irmáns nosos non
fixeron tal cousa porque non quixesen vivir. Todo o contrario, pois o impulso
de vida déunolo Deus mesmo e a iso non somos nós quen de renunciar en
circunstancias normais. O que pasa é que os graves problemas que poden ocorrer
na vida poden chegar a facer crer ou
convencer a un de que a propia vida non ten xa sentido nin futuro. E sen
ningunha esperanza de vida nin de futuro é imposíbel querer seguir vivindo.
Aínda que pareza contraditorio, abandonan a vida precisamente porque a queren
con todo o seu ser, mais perciben erroneamente que as portas para accederen a
ela se lles pechan irremediabelmente.
De
todo isto temos que deducir que, se como cristiáns cremos que Deus nos deu a
todos vida e en Xesús, e por medio del, nola deu tamén como “vida eterna”,
entón teremos que loitar de tódalas formas posíbeis -cada un da forma que o
Espírito lle inspire- para que esta vida que recibimos non sexa só a miña,
senón a de todos e cada un. Porque a mensaxe de Xesús non está só dirixida a
unha ou dúas ovellas -utilizando a linguaxe das parábolas de Xesús- senón a
todo o rabaño, é dicir, a todo o pobo de Deus, a todas e a todos. Por iso nada
do que ocorre fóra de min me debería ser indiferente. Todo debería interesarme
e afectarme. Tanto máis canto que a vida dos demais é algo que ten que ver
tamén coa miña, pois a vida é un agasallo de Deus para todos. E ninguén pode
considerar como algo exclusivo seu a vida que Deus concedeu a todos.
Volvendo
ó que nos di Xoán no curto texto do evanxeo. Tan grande e tan divina é a vida
que Xesús recibiu do seu Pai (e lembremos que os pais son precisamente os que
dan a vida) que o mesmo Xoán pon unha vez máis aquí en boca de Xesús estas
outras palabras: “Meu Pai e mais eu somos un”. Palabras que aluden ó misterio
da persoa de Xesús, tan intima e profundamente unida ó misterio de seu Pai
Deus. Mais isto significa tamén que ó traballarmos pola dignificación e pola
vida de todos -e de maneira especial a prol daqueles que se senten ameazados na
súa vida e na súa dignidade- estamos ó tempo traballando pola divinización do
mundo. Esa é, en definitiva, a meta, o fin da presenza de Xesús entre nós. Nel a humanidade e o mundo formamos, alomenos en proxecto,
unha misteriosa e inconcibíbel unidade. Estamos así chamados todos en Xesús e
por medio del (un Deus humanizado) a sermos moi humanos. Mais ese é tamén o
único camiño para sermos moi divinos, á imaxe do Xesús que era “un” co Pai.
Por
iso nos fala Xoán tamén, na segunda Lectura, da plenitude da nova vida que se
nos abrirá trala nosa morte particular. Daquela non teremos xa “máis fame nin
sede”, porque a nosa vida estará entón unida a aquel Deus que é fonte de vida e
plenitude.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario