DOMINGO 6 DE PASCUA - CICLO C
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
DOMINGO VI PASCUA
25 maio 25
A
Igrexa pasou por non poucas dificultades internas (non só persecucións) no seu
nacemento e desenvolvemento. A mensaxe cristiá era tan nova e liberadora que
aínda agora -moitos séculos despois- non nos resulta doado comprender ben a súa
mensaxe e sobre todo levala de maneira consecuente á práctica.A primeira Lectura
é unha boa mostra das dificultades e resistencias que existían. Non era doado
liberarse de costumes e prácticas, ritos, prescricións e outras normas herdadas
do Antigo Testamento para se entregar con alegría e agradecemento á “boa nova”,
á “alegre nova”. “Nova” no seu dobre sentido, de noticia ata agora descoñecida
e tamén no de non ter que ver con cousas “vellas”. Na “boa nova” o que prima é
practicar a fraternidade, o amor e a liberdade que se derivan da mensaxe de
Xesús de sermos irmáns del e fillos dun mesmo Pai Deus. A nosa salvación é así
un don gratuíto de Deus, que non se acada co simple practicar ritos baleiros.
Dadas -como digo- as resistencias e inercias antigas, a Igrexa precisou chegar
inicialmente a compromisos concretos (entre os cristiáns de orixe pagá e os de
orixe xudía), aínda que sen renunciar ó contido fundamental da mensaxe de
Xesús. É o que dá a entender aquela decisión que se adoptou e da que se nos di,
non sen nela se reflectir un novo aire ou estilo de proximidade ou amizade
entre Deus e a humanidade, o seguinte: “Decidimos, o Espírito Santo e mais nós,
non vos impoñer máis cargas cás precisas”. E enuméranse a continuación unhas
cargas concretas, mínimas en todo caso. Este feito en si mesmo non deixa de ser
curioso: acostumados como estaban os cristiáns de orixe xudía a aturar cargas e
ritos relixiosos, case semella que os seus lombos non se sentían a gusto sen soportar
algo da antiga carga.
En
calquera caso, as Lecturas déixannos claro que o específico do cristianismo vai
por camiños novos. As palabras que Xoán nos pon no evanxeo en boca de Xesús
pertencen ó discurso (se o podemos chamar así) de despedida de Xesús. Respírase
nel un aire de familia, de intimidade, de confianza, de paz, que constitúen o
que podemos chamar a verdadeira atmosfera cristiá. Aquí non hai nada de
imposicións alleas, de ameazas, de medos ou cousas semellantes. Ó revés. Deus
faise en Xesús un máis entre nós. Alí, nesta primeira igrexa nacente dos
apóstolos e discípulos de Xesús, están con eles o Pai, o Fillo, o Espírito
Santo. Todo é unha fonda relación de mutua amizade. Todo é horizontalidade e
proximidade. “Non vos angustiedes, nin teñades medo”. Porque a “paz” é o don
que Xesús nos dá: “Déixovos a paz. Douvos a miña paz”. Esa mesma paz á que o
que preside a eucaristía se refire inmediatamente antes de dármonos mutuamente
a paz. Cando na celebración da eucaristía realizamos este xesto de dármonos a
paz, non nos damos mutuamente a “nosa” paz particular, senón a de Xesús, a que
El nos deu, a que nos está a dar sempre para ofrecérmola pola nosa parte ós
demais.Deste xeito os cristiáns podemos gozar da felicidade de termos sempre a
Deus en casa. Se nos temos achegado ó interior desta igrexa é precisamente para
renovármonos e fortalecérmonos mutuamente nesta fe nun Deus que se fixo amigo e
familiar onde queira que nos atopemos.
Resulta
sorprendente este case incríbel termos a Deus en casa, tal como nolo pon Xoán
en boca de Xesús neste seu memorábel discurso: “Se alguén me ama, gardará a
miña palabra, e meu Pai amarao, e viremos onda el, e faremos vida con el”. É
dicir, Deus Pai e o seu Fillo Xesús fan vida connosco se o amamos. De maneira
que o templo ou os templos de Deus somosnós mesmos: edificios feitos de ósos e
membros humanos; non de pedra, cemento ou ladrillo. Para dicilo dalgunha
maneira, Deus, o Deus trinitario (Pai, Fillo e Espírito) ten o seu domicilio, a
súa residencia, no interior de calquera persoa -home, muller, neno ou nena
etc.- que o queren ou aman en calquera lugar do mundo. Dunha maneira moito máis
fonda e real que cando nós dicimos que vivimos en tal ou cal edificio ou andar
da Coruña. Cómpre que de cando en vez pensemos nestas cousas, pois son moi
consoladoras.
O
que aquí comento atopa un complemento esclarecedor no texto da Apocalipse da
Segunda Lectura. Fálase alí da Xerusalén celestial como dunha gran cidade. Mais
o quea Xoán lle chama a atención é o seguinte: “Nela non vin santuario ningún,
porque o seu santuario é o Señor Deus, que todo o sostén, e mailo Año”. Algún
comentarista da Apocalipse dinos con algo de graza que a nós non nos estrañaría
que se nos dixese que nesa cidade non hai “bancos ou supermercados”, mais dísenos
que ¡”non hai templos”!
En
fin. Temosque tomar boa nota de que nin na terra nin no ceo hai templo ou
santuario algún no que habite o Deus anunciado por Xesús (o aquí chamado Año da
Apocalipse) a non ser nós mesmos e toda persoa de boa vontade, ascendidos á
dignidade de irmáns de Xesús e fillos adoptivos de Deus. A grandeza de Deus
desborda calquera templo no que o queiramos apreixar. De modo que neste Deus
estamos todos e cada un dos que o amamos, ou -se preferides-Deus está “facendo
vida” en cantos o queremos. Xa o gran pai da IgrexaSanto Agostiño dicía que
Deus era “máis íntimo a nós que a nosa propia intimidade”. Deus está, pois, en
todo, e todo está en Deus.
Manuel Cabada
Castro
https://www.gruposdejesus.com/6-pascua-c-xoan-1423-29-3/
Comentarios
Publicar un comentario