SANTÍSIMA TRINDADE - CICLO B
LECTIO:
UNIDOS E DIFERENTES
(Santísima Trindade:
26 maio 2024)
Teriamos que converter esta
festividade da Santísima Trindade en algo
fondamente íntimo, vivo e sobre todo cordial e comunitario. Desde que nos
iniciaron na fe cristiá sabemos teórica ou abstractamente de Deus como un e
trino, un en esencia e trino en persoas. Pero todo semella quedar nun mundo de
ideas distantes da nosa vida. En realidade, o feito de
que teñamos unha festa especial dedicada á
concienciármonos da Santísima Trindade, da súa grandeza e das súas marabillas,
parece xa sinalar o interese da Igrexa en convertela en algo vivo e operativo.
Temos que partir do
presuposto de que Deus, o Deus infinito ou, mellor, superinfinito, é absolutamente incomprensíbel para nós. E seguirao sendo aínda que el se
nos teña revelado como Pai, Fillo e Espírito Santo. Esta unidade e diferenza en
Deus segue e seguirá a ser un misterio, por moi grande, fermosa, consoladora
que poida ser esta revelación.
Aínda así, aínda que Deus sexa sempre en si mesmo misterioso, o certo é que
algo grande se nos ten que revelar na Trindade de Deus cando Deus nola quixo
manifestar. E Deus maniféstasenos así non con palabras abstractas, senón coa
súa mesma actuación ante nós.
Deus preséntasenos no Antigo Testamento sobre todo como un Deus único, un
Deus Pai. Mais no novo Testamento, coa manifestación de Deus no mundo en Xesús,
aprendemos a ver como é a paternidade de Deus. Xesús maniféstanos o seu Pai
como Pai especialísimo del, como Pai que o quere infinitamente. Xesús é o seu
“Fillo ben querido”.
Mais como Xesús é tamén na súa humanidade coma nós, resulta que ao revelársenos Deus
como Pai de Xesús, maniféstasenos ao mesmo tempo que el, Xesús (o fillo de Deus)
é o noso irmán maior e que, polo tanto, tamén nós somos fillos de Deus, pois
Deus Pai porfillounos a nós en Xesús. É o que se nos di na carta de Paulo aos Romanos:
“Vós non recibistes un espírito de escravitude... Recibistes un espírito de
fillos adoptivos, grazas o cal podemos gritar: ‘Abbá’: Pai!... Somos fillos de
Deus. E, se fillos, tamén herdeiros e coherdeiros con Cristo”.
Ata aquí, como vedes, revélasenos que Deus é polo menos “dúas” persoas, o Pai e
mailo Fillo. Aínda que naturalmente isto das “persoas” divinas non hai que
entendelo en simple continuidade co que nós somos como “persoas” humanas,
finitas e limitadas. En calquera caso, coa paulatina revelación da Trindade váisenos
dicindo tamén que todos estamos chamados a ingresar misteriosamente nesta
Trindade divina.
Agora ben, a revelación definitiva da Trindade de Deus ocorre coa vinda do Espírito Santo onda
nós. É isto xustamente o que temos celebrado no anterior domingo. Coa vinda do Espírito Santo péchase,
para dicilo dalgunha maneira, o “círculo” da revelación de Deus. Agora resulta
que Deus xa non son dúas persoas, senón “tres”. Deus é así coma un “trío” que
toca tan misteriosamente ben que non desafina en tan infinita e misteriosa
harmonía. Naturalmente, isto é só un modo de falar.
É aínda hai algo máis. Como o Espírito Santo non se vai xa de onda nós e alí onde está
o Espírito Santo están tamén o Pai e mailo Fillo, resulta que estamos así todos
unidos á Trindade divina. Esta Trindade segue a
traballar arreo no medio de nós para nos facer
como ela, uns e diferentes, variados e unidos, autónomos e amorosos. É dicir,
trinos e un. O fin do mundo e da humanidade, ou sexa, o proxecto grandioso de
Deus é o de chegarmos todos a participar desa Trindade unha e divina.
Un meritorio político, empresario e escritor pontevedrés chamado Valentín Paz Andrade, ao
que se lle dedicou hai algúns anos o día das Letras Galegas, escribiu un libro
titulado Galiza como tarefa. Pois ben, se nós como galegos deberiamos
traballar a prol desta nosa terra, en canto bos cristiáns deberiamos ter como
consigna algo así como “A Trindade como tarefa”. É dicir, traballar a prol dun
mundo onde exista liberdade e amor, diferenza e unidade, individualidade e
comuñón, á semellanza desta Trindade divina que hoxe estamos a celebrar.
Os grandes santos e teólogos dicían e din que sobre Deus, e de maneira especial sobre o misterio
da Santísima Trindade, non podemos senón tatexar. Todos somos nisto tartamudos
ou tatexos, porque o modo de ser de Deus nos supera totalmente. Pero a verdade
é que tamén as cousas máis fondas e naturais do mundo e da nosa vida nos son
misteriosas: a nosa vida, a nosa morte, o amor, a liberdade e tantas outras
cousas. Por que? Porque, á fin e ao cabo, todo e todos estamos mergullados no
misterio de Deus, do Deus misterioso un e trino que o fixo todo e que está en
todo. Dese Deus que se reflicte tamén moi misteriosamente na mesma vida
familiar, que é sempre, en maior ou menor medida, trina e unha. Unidade e diferenza,
trindade e unidade.
Deámoslle grazas a Deus porque nos quixo facer partícipes deste mar infindo
da súa divindade unha e trina.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/santisima-trindade-b-mateu-2816-20-2/
Comentarios
Publicar un comentario